Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Xoves, 03 de setembro de 1998 Páx. 9.954

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 21 de agosto de 1998 pola que se recoñece de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego a Fundaçom Artábria.

Visto o expediente de recoñecemento de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundaçom Artábria, con domicilio na rúa Madalena nº 31. Ferrol.

Supostos de feito.

Primeiro.-Mauricio Castro López, na súa calidade de presidente do padroado da fundación, en escrito do 21 de maio de 1998 formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo.-A fundación constitúese en escritura pública outorgada en Narón o día 6 de maio de 1998, ante o notario do Ilustre Colexio da Coruña Luis C. Landeiro Aller, co número mil once do seu protocolo por Mauricio Castro López, Gonçalo Grandal Crespo, J. Francisco Paz López, Mónica Padín Díaz, Alexandre Pérez Fernández, Carmen Fernández García, María del Pilar Patiño Peña, Guadalupe María Lourdes Ces Rioboo, María del Pilar Ces Rioboo, J. Enrique Núñez Barreiro, Federico Armenteros Ávila, Jesús Roberto Fernández Albela e Paula Fojo Lamas, que interveñen no seu propio nome.

Terceiro.-A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevou ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundaçom Artábria, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Cuarto.-Á vista da proposta da comisión de secretarios xerais pola orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública, do 23 de xuño de 1998 (Diario Oficial de Galicia do 8 de xullo) clasificouse como de interese cultural a Fundaçom Artábria, tendo en conta o disposto no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego.

Quinto.-Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é, entre outros, a promoción e defensa da lingua galega, co ollar posto na súa plena normalización, comezando polas relacións dentro da propia fundación e en tódalas actividades por ela desenvolvidas.

Sexto.-Na escritura pública pola que se constitúe a fundación constan, entre outros, os seguintes puntos: acreditación da personalidade dos fundadores, dotación inicial da fundación, estatutos nos que consta a denominación da fundación como Fundaçom Artábria, capacidade xurídica, enderezo e obxecto.

O padroado da fundación estará constituído por Mauricio Castro López como presidente, Gonçalo Grandal Crespo como vicepresidente, Mónica Padín Díaz como secretaria, J. Francisco Paz López como tesoureiro e Alexandre Pérez Fernández, Carmen Fernández García, María del Pilar Patiño Peña, Guadalupe María Lourdes Ces Rioboo, J. Enrique Núñez Barreiro, Federico Armenteros Ávila, Jesús Roberto Fernández Albela, Paula Fojo Lamas e Pilar Ces Rioboo como vocais.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27. 26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.- Conforme o artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, así como o artigo 1 do Decreto 12/1990, é competencia desta consellería a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundaçom Artábria, dado o seu obxecto, coincidente coas competencias desenvolvidas pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, asumindo as funcións que en canto a protectorado corresponden á Xunta de Galicia.

Terceiro.-Ó abeiro do disposto no artigo 7.5º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, á realización da finalidade fundacional débense destinar, cando menos, o oitenta por cento das rendas que obteña a fundación e dos outros ingresos que non formen parte da súa dotación.

Cuarto.-A Lei 11/1991, do 8 de novembro, dá nova redacción ó artigo 21. 2º da Lei 7/1983, establecendo a obriga de, por unha banda, formular e presenta-lo orzamento de ingresos e gastos ó protectorado con anterioridade ó inicio do excercicio económico e, por outra, a de efectuar un inventario-balance, pechado na data da finalización do exercicio, unha memoria das actividades realizadas ó longo do ano e de xestión económica do patrimonio, así como a liquidación do orzamento de ingresos e gastos do ano anterior, que deberán presentarse ó protectorado no prazo de seis meses desde a data do peche do exercicio.

Este conxunto de obrigas débense entender asumidas pola fundación, aínda que non se recollan expresamente nos seus estatutos.

Quinto.-Á vista do exposto pódense entender substancialmente cumpridos os requisitos legais e regu

lamentarios para a declaración de interese galego e a súa inscrición no Rexistro de Fundacións, Sección de Fundacións da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo segundo se desprende dos artigos 5, 6, 7, 8, 11.1º e 18 da Lei 7/1983, en relación cos artigos 2, 3, 4, 5 e 33 do Decreto 248/1992. Por todo isto

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñecer e declarar de interese galego a Fundaçom Artábria.

Segundo.-Ordena-la súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección de Fundacións da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Terceiro.-Aproba-los seus estatutos e a formación do seu órgano de goberno.

Cuarto.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial á obriga de da-la publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a rende-las contas anualmente ó protectorado e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presenta-lo proxecto de orzamento antes do último mes do exercicio económico anterior a aquel para o que se formula, debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 21 de agosto de 1998.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo

8028