Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Xoves, 03 de setembro de 1998 Páx. 9.952

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 19 de agosto de 1998 pola que se recoñece de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego a Fundación A Nosa Terra.

Visto o expediente de recoñecemento de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación A Nosa Terra, con domicilio na r/ Príncipe nº 22 baixo. Vigo. Pontevedra.

Supostos de feito.

Primeiro.-Cesáreo Sánchez Iglesias, como representante da fundación, en escrito do 1 de xullo de 1997, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo.-A fundación constitúese en escritura pública outorgada en Vigo, o día 24 de febreiro de 1997, ante o notario do Ilustre Colexio da Coruña José Pedro Riol López co número setecentos cincuenta e nove do seu protocolo por Cesáreo Sánchez Iglesias, Xosé Fernández Puga, Xan Carballa Alonso, Modesto Solla Sanz, Anselmo López Carreira que interveñen no seu propio nome e ademais concorren en representación de Xosé Ramón Freixeiro Mato, Manoel Porta, Lois Diéguez, César Portela Fernández Jardón, María do Carmo García Negro, Anxo Manuel Quintana González, Manuel María Fernánez Teixeiro, Roberto Vila Mea e Marcial Gondar Portasany; esta escritura foi emendada por outra posterior de data seis de marzo de mil novecentos noventa e oito ante o mesmo notario e co número setecentos sesenta e cinco do seu protocolo.

Terceiro.-A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación A Nosa Terra, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Cuarto.-Á vista da proposta da comisión de secretarios xerais pola orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública, do 2 de xuño de 1998

(Diario Oficial de Galicia do 12 de xuño) clasificouse como de interese cultural a Fundación A Nosa Terra, tendo en conta o disposto no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego.

Quinto.-Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é a investigación e divulgación da realidade cultural e social de Galicia.

Sexto.-Na escritura pública pola que se constitúe a fundación, constan, entre outros, os seguintes puntos: acreditación da personalidade dos fundadores, dotación inicial da fundación, estatutos nos que consta a denominación da fundación como Fundación A Nosa Terra, capacidade xurídica, enderezo e obxecto.

O padroado da fundación estará constituído por quince membros como máximo designados na acta fundacional.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27. 26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-Conforme o artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, así como o artigo 1 do Decreto 12/1990, é competencia desta consellería a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación A Nosa Terra, dado o seu obxecto, coincidente coas competencias desenvolvidas pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, asumindo as funcións que en canto a protectorado lle corresponden á Xunta de Galicia.

Terceiro.-Ó abeiro do disposto no artigo 7.5º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, á realización da finalidade fundacional débense destinar, cando menos, o oitenta por cento das rendas que obteña a fundación e dos outros ingresos que non formen parte da dotación dela.

Cuarto.-A Lei 11/1991, do 8 de novembro, dá nova redacción ó artigo 21. 2º da Lei 7/1983, establecendo a obriga de, por unha banda, formular e presenta-lo orzamento de ingresos e gastos ó protectorado con anterioridade ó inicio do exercicio económico e, por outra, a de efectuar un inventario-balance, pechado na data da finalización do exercicio, unha memoria das actividades realizadas ó longo do ano e de xestión económica do patrimonio, así como a liquidación do orzamento de ingresos e gastos do ano anterior, que deberán presentarse ó protectorado no prazo de seis meses desde a data do peche do exercicio.

Este conxunto de obrigas débense entender asumidas pola fundación, aínda que non se recollan expresamente nos seus estatutos.

Quinto.-Á vista do exposto pódense entender substancialmente cumpridos os requisitos legais e regulamentarios para a declaración de interese galego e a súa inscrición no Rexistro de Fundacións, Sección de Fundacións da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo segundo se desprende dos artigos 5, 6, 7, 8, 11.1º e 18 da Lei 7/1983, en relación cos artigos 2, 3, 4, 5 e 33 do Decreto 248/1992. Por todo isto

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñecer e declarar de interese galego a Fundación A Nosa Terra.

Segundo.-Ordena-la súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección de Fundacións da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Terceiro.-Aproba-los seus estatutos e a formación do seu órgano de goberno.

Cuarto.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial á obriga de da-la publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a rende-las contas anualmente ó protectorado e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presenta-lo proxecto de orzamento antes do último mes do exercicio económico anterior a aquel para o que se formula, debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 19 de agosto de 1998.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo

7999