Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Luns, 24 de agosto de 1998 Páx. 9.624

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 14 de agosto de 1998 pola que se regula a asignación de dereitos para novas plantacións de viñedo en zonas de producción das denominacións de orixe: Rías Baixas, Ribeiro, Valdeorras, Monterrei e Ribeira Sacra.

O Regulamento (CEE) 822/1987, polo que se establece a organización común do mercado vitivinícola, no que a última modificación a constitúe o Regulamento (CEE) 1592/1996, establece para España a posibilidade de concede-las autorizacións de novas plantacións de viñedo nas campañas 1996/1997 e 1997/1998, nunha superficie total de 3.615 has, das que 240 has foron asignadas á Comunidade Autónoma de Galicia para as denominacións de orixe Rías Baixas, Ribeiro, Valdeorras, Monterrei e Ribeira Sacra, mediante a decisión da comisión do 9 de xaneiro de 1997.

No momento actual, a viticultura galega atópase inmersa nun profundo proceso de transformacións, que ten como principal obxectivo a obtención dunha materia prima sobre a que se poida establece-la base para a elaboración de viños de alta calidade, que poidan ser competitivos no mercado tanto nacional como internacional.

Este proceso require realizar dunha maneira decidida plantacións coas nosas variedades autóctonas ou recomendadas, situadas correctamente cada unha delas no seu lugar tecnicamente apropiado.

Por outra banda, a evolución recente nas distintas denominacións de orixe, das superficies de viñedo inscritas, das replantacións e plantacións substitutivas de viñedo e das perspectivas de comercialización dos viños fan aconsellable unha asignación previa das superficies de novas plantacións a cada denominación.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 20 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto establece-las normas para a solicitude e asignación dos dereitos para novas plantacións de viñedo ata un total de 240 has. nas zonas de producción das denominacións de orixe Rías Baixas, Ribeiro, Valdeorras, Monterrei e Ribeira Sacra.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán solicitar dereitos para novas plantacións as persoas físicas e xurídicas titulares de explota

cións vitícolas en Galicia e que desexen plantar vides nas zonas de producción incluídas nas denominacións de orixe recollidas no artigo 1º.

Artigo 3º.-Requisitos das novas plantacións.

As novas plantacións deberán reuni-las seguintes características:

a) Superficie mínima para plantar 0,20 ha.

b) As variedades a utilidade serán as recomendadas ou preferentes establecidas nos regulamentos de cada denominación de orixe.

Artigo 4º.-Exclusións.

Quedarán excluídas da asignación de dereitos para novas plantacións as persoas físicas ou xurídicas que transferiran os dereitos de replantación a outros productores.

Artigo 5º.-Asignación de dereitos.

1. A superficie de dereitos que se van asignar recollida no artigo 1º para novas plantacións distribuiranse entre as distintas denominacións de orixe da maneira seguinte:

Denominación de Orixe Rías Baixas: 133 has.

Denominación de Orixe Ribeiro: 33 has.

Denominación de Orixe Valdeorras: 25 has.

Denominación de Orixe Monterrei: 30 has.

Denominación de Orixe Ribeiras Sacra: 19 has.

Total: 240 has.

2. Cando a superficie solicitada en cada unha das denominacións de orixe supere a superficie citada no apartado 1 do presente artigo, a concesión de dereitos para novas plantacións realizarase dando prioridade ás solicitudes de acordo coa puntuación obtida ó aplica-lo seguinte baremo:

a) Os agricultores novos tal e como se definen no artigo 2.7º da Lei 19/1995: 2 puntos.

b) As persoas físicas que reúnan os requisitos necesarios para ser consideradas como agricultores profesionais e as persoas xurídicas, nas que polo menos o 50% dos socios que a integren ou os 2/3 dos socios que sexan responsables da xestión ou administración reúnan os requisitos necesarios para seren considerados como agricultores profesionais que soliciten dereitos de novas plantacións para obter unha superficie mínima de 2 has no caso de persoas físicas, e de 6 has no caso de persoas xurídicas, sumando ás súas superficies de viñedo existentes, os dereitos de replantación e os dereitos para novas plantacións que se asignen ó abeiro desta orde: 4 puntos.

c) Os viticultores que estean realizando ou realizaran melloras permanentes na súa explotación de viñedo, na data de entrada en vigor desta orde, no marco dos reais decretos 1887/1991 ou 204/1996, ou das ordes da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes polas que se establece a reestructuración do viñedo en Galicia a partir do 31-1-1991 ou das ordes da Consellería de Economía e Facenda do 18

de abril de 1991 polas que se establecen axudas financeiras a pequenas e medianas empresas e ó sector productivo agrario: 2 puntos.

d) As persoas físicas titulares de explotacións que reúnan os requisitos esixidos para seren considerados como agricultores profesionais: 2 puntos.

No caso de que o beneficiario sexa unha comunidade de bens, poderá obter esta puntuación cando tódolos seus integrantes sexan agricultores profesionais, ou ben cando polo menos sexa un dos seus membros e exista un pacto de indivisión da comunidade de bens por un período de tempo mínimo de seis anos a partir da data de entrada en vigor desta orde.

e) As cooperativas ou Sociedade Agrarias de Transformación (SAT) nas que polo menos o 50% dos socios ou polo menos dúas terceiras partes deles que sexan responsables da xestión ou administración cumpran os requisitos de agricultor profesional: 3 puntos.

f) Outras persoas xurídicas nas que polo menos o 50% dos socios ou polo menos dous tercios dos socios que sexan responsables da xestión ou administración cumpran os requisitos de agricultor profesional: 1 punto.

g) As persoas físicas ou xurídicas que asemade sexan titulares dunha adega para transformación da uva ou sexan socios dunha cooperativa ou SAT que dispoña dese tipo de instalacións: 2 puntos.

h) Os viticultores que soliciten tódolos dereitos de novas plantacións para realizar en predios colindantes con outros de viñedo da súa propiedade ou nunha única leira de cabida superior a 1,00 ha: 2 puntos.

i) Os solicitantes que pretendan a asignación do máximo de dereitos permitidos en parcelas, todas elas maiores de 0,5 ha: 1 punto.

No caso de tratárense de explotacións familiares ou asociativas prioritarias segundo a Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización das explotacións agrarias, incrementarase nun punto a baremación do apartado b), d), e) ou f), segundo se trate.

Esta condición deberá xustificarse mediante certificación do director do ILGG acreditativa da cualificación da explotación como prioritaria, ou copia da solicitude de dita cualificación de acordo co modelo incluído no anexo da orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria do 16 de xuño de 1998 (DOG nº 121, do 25-6-98) acompañada da documentacion indicada nel.

3. No caso de explotacións individuais e comunidades de bens das que os seus titulares sexan persoas físicas, a superficie máxima de dereitos para novas plantacións que poderá asignarse será de 2 has.

Para as explotacións que teñan como titular unha persoa xurídica, a superficie máxima de dereitos de novas plantacións que poderá asignarse por deno-

minación de orixe será de 2 has por socio, cun máximo de 6 has.

4. No caso de que varias solicitudes obteñan a mesma puntuación por aplicación do baremo establecido no apartado 2 deste artigo e non exista superficie de dereitos para novas plantacións dispoñibles para atende-los dereitos solicitados en cada denominación, a asignación de dereitos efectuarase dando prioridade ás de menor superficie de dereitos solicitados.

No caso de igualdade de puntuación e de superficie de dereitos solicitada asignaranse dando prioridade ós solicitantes de menor idade ou ás entidades con data de constitución máis recente.

5. A puntuación establecida no punto 2 alínea b) é incompatible con calquera das correspondentes ás alíneas d), e) ou f).

6. As superficies de dereitos que non sexan asignadas en cada denominación de orixe, serán distribuídas entre as solicitudes de dereitos de novas plantacións das restantes denominacións de orixe, dando prioridade ás solicitudes da forma establecida nos puntos 2, 4 e 5 coas limitacións indicadas no punto 3.

7. Para efectos da presente orde considerarase agricultor profesional o definido así no punto 5 do artigo 2 da Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización de explotacións agrarias.

Artigo 6º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes formuladas segundo o modelo do anexo I da presente orde dirixiranse ó director xeral de Producción Agropecuaria da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e presentaranse preferentemente nas oficinas de Extensión Agraria da consellería, así como nos demais lugares e forma previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación das solicitudes será de 30 días hábiles a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

3. Coa solicitude xuntarase a seguinte documentación.

A) En tódolos casos:

a) Fotocopia do DNI ou CIF do solicitante.

b) Documento acreditativo de que o solicitante é o propietario das parcelas para as que solicita dereitos de novas plantacións.

c) Documento acreditativo da titularidade do resto das parcelas rexistradas de viñedo.

B) No caso de persoas físicas que queiran acollerse ás puntuacións establecidas no artigo 5.2º, deberán xuntar, segundo o caso:

a) Informe da vida laboral acreditativo de estar dado de alta no Réxime Especial Agrario da Segu

ridade Social ou no Réxime Especial de Traballadores por Conta Propia ou Autónomos en función da súa actividade agraria.

b) Copia da declaración do IRPF correspondente ó exercicio de 1997. Alternativamente poderanse presentar copias de tres declaracións do IRPF dos últimos cinco anos, incluíndo a correspondente a 1997.

Os agricultores que se incorporaron á actividade agraria con posterioridade ó 1 de xaneiro de 1998 deberán presenta-lo documento descrito no apartado a) xunto coa declaración censual (documento 037) de estar dado de alta na delegación de Facenda correspondente, este documento en substitución do descrito no apartado b) anterior.

Así mesmo, cada un dos integrantes das comunidades de bens deberán xunta-la documentación descrita nos apartados a) e b) anteriores e, se é o caso, copia compulsada do pacto de indivisión da comunidade por seis anos.

c) Documento acreditativo da titularidade da adega autorizada no seu nome ou certificado dunha cooperativa ou SAT titular dunha adega autorizada acreditativo da pertenza a esta na calidade de socio.

d) Copia do plano do catastro de rústica ou do Rexistro Vitícola na que figuren as parcelas da súa propiedade para efectos do apartado h) do artigo 5.2º.

e) Certificación do director do ILGG da cualificación da explotacióm como prioritaria ou solicitude para a dita cualificación acompañada da documentación correspondente.

C) No caso de persoas xurídicas:

a) Copia do documento de constitución da entidade.

b) Certificación expedida polo órgano xestor da entidade na que conste a identificación da persoa autorizada no nome dela para solicita-los dereitos de novas plantacións. Ou ben copia da escritura de apoderamento a favor da persoa que no nome da sociedade solicita a asignación de dereitos para novas plantacións de viñedo.

Se a persoa xurídica desexa acollerse á puntuación establecida no artigo 5º.2, deberá xuntar ademais:

c) Certificación expedida polo órgano xestor da sociedade na que figura a relación nominal dos socios co NIF correspondente ou, se é o caso, dos socios responsables da xestión.

d) Copia da declaración do IRPF correspondente ó exercicio de 1997 ou tres declaracións dos últimos cinco anos, incluíndo a de 1997, e informe da vida laboral acreditativo de estar dados de alta no Réxime Especial Agrario da Seguridade Social ou no Réxime Especial de Traballadores por Conta Propia ou Autónomos, en función da súa actividade agraria, de cada un dous compoñentes da sociedade que cumpran

os requisitos necesarios para ser considerados agricultores profesionais.

e) Documento acreditativo da titularidade dunha adega autorizada ou certificado dunha cooperativa ou SAT titular dunha adega, acreditativo da pertenza a ela en calidade de socio.

f) Copia do plano do catastro de rústica ou do Rexistro Vitícola na que figuren as parcelas da súa propiedade para efectos do apartado h) do artigo 5º.2.

g) Certificación do director do ILGG da cualificación da explotación como prioritaria ou solicitude para a dita cualificación acompañada da documentación correspondente.

Artigo 7º.-Resolución.

O órgano competente para a resolución das solicitudes de dereitos de novas plantacións é o director xeral de Producción Agropecuaria.

A dita resolución non pon fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso ordinario ante o conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

Considéranse desestimadas as solicitudes non resoltas expresamente antes de 60 días contados a partir da finalización do prazo de solicitude.

Artigo 8º.-Realización das plantacións.

As plantacións correspondentes ós dereitos asignados deberán realizarse ó inscribirse no Rexistro de Plantacións de Viñedo e Dereitos de Replantación da Comunidade Autónoma de Galicia antes do 30 e agosto de 1999. No caso de que a plantación non se rexistre antes da data indicada anteriormente, o interesado perderá os dereitos asignados. Excepcionalmente, por causas debidamente motivadas, e por instancia do interesado, poderá concederse unha prórroga non superior a un ano.

Artigo 9º.-Inspeccións e controis.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria poderá realiza-los controis administrativos e inspeccións que considere oportunos co fin de comproba-la veracidade dos datos consignados na documentación presentada. O beneficiario estará obrigado a colaborar na dita inspección, proporcionando os datos requiridos e facilitando, se é o caso, o acceso á explotación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria para dictar cantas instruccións sexan necesarias para a aplicación e cumprimento da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 1998.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria

6880