Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 159 Martes, 18 de agosto de 1998 Páx. 9.508

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 8 de xullo de 1998, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Servicios Pesqueros Pujales, S.L.

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Servicios Pesqueros Pujales, S.L., que tivo entrada nesta delegación provincial o día 28-5-1998, subscrito en representación da parte económica por Carlos Pujales e, da parte social, polo delegado de persoal, o día 16-4-1998, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro do rexistro de convenios colectivos de traballo existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 8 de xullo de 1998.

Mª Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Convenio para a empresa Servicios Pesqueros

Pujales, S.L.

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

O presente convenio seralle de aplicación á empresa Servicios Pesqueros Pujales, S.L., dedicada á distribución e aluguer de envases para o peixe.

Artigo 2º.-Vixencia.

A duración do presente convenio será dun ano; iniciará a súa vixencia e en toda a súa totalidade o primeiro de xaneiro de 1998.

Artigo 3º.-Prórroga e denuncia do convenio.

O presente convenio será prorrogado tacitamente na data do seu vencemento, por sucesivos períodos dunha anualidade, a non ser que se denuncie para a súa revisión cun mínimo de tres meses antes do seu vencemento ou do algunha das súas prórrogas.

A denuncia deberá comunicárselle á outra parte por escrito e, de se-lo caso, ó organismo competente da Administración.

Artigo 4º.-Gratificacións extraordinarias.

Estableceranse dúas pagas extraordinarias ó ano, que se farán efectivas o 15 de xullo e o 22 de decembro.

As dúas pagas aboaranse cunha mensualidade do salario base.

Artigo 5º.-Plus de transporte.

Establécese un plus de transporte de 7.618 pesetas mensuais.

Artigo 6º.-Festivos e nocturnidade.

Por ser esta unha empresa dun sector moi peculiar, no salario base que se pacta no presente convenio inclúese o labor de servir caixas ós barcos en domingos e festivos, labor este que se efectuará por quendas rotativas, tal e como se vén efectuando ata a data, e o servicio nocturno ós barcos. O salario dos traballadores será opactado neste convenio, sexa cal for a súa xornada, sempre que non se superen as 40 horas semanais marcadas pola lei.

Artigo 7º.-Xubilación.

A xubilación será obrigatoria para tódolos traballadores ós 65 anos, agás pacto entre a empresa e o traballador, sempre que teña dereito a percibir unha pensión. De non ser así, poderá continuar na empresa ata que se xere o dereito á prestación.

Este artigo negociarase no caso de que por disposición de rango superior se reducise a idade de xubilación.

Os traballadores, por pacto da empresa, poderán acollerse á xubilación especial ós 64 anos, segundo o disposto no real decreto.

Artigo 8º.-Gratificación de antigüidade.

Consistirá na percepción do 5% do salario base por cada quinquenio e a dita antigüidade empezará a contar e partir do 1 de xaneiro de 1992 ou no momento de ingresar na empresa, para tódolos traballadores que entren a partir do 1 de xaneiro de 1992.

Artigo 9º.-Seguro de invalidez ou morte.

A empresa contratará un seugro colectivo de invalidez ou morte en accidente de traballo para tódolos traballadores, cunha contía de 1.000.000 de ptas.

Artigo 10º.-Xornada laboral.

A xornada laboral será de 40 horas semanais, salvo que por norma de rango superior se cambiara a dita xornada.

Artigo 11º.-Vacacións.

Os traballadores desfrutarán dun período de trinta días naturais de vacacións.

Artigo 12º.-Licencias retribuídas.

O traballador, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo con dereito a remuneración, por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

a) Dezasete días naturais en caso de matrimonio.

b) Tres días nos casos de nacemento de fillo ou enfermidade grave ou falecemento de parentes ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando, con tal motivo, o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de catro días.

Artigo 13º.-Garantías sindicais.

A empresa respectará o dereito dos traballadores a se sindicaren libremente.

Os traballadores afiliados a un sindicato ou asociación legalmente constituídos poderán distribuír información e recadar cotas fóra das horas de traballo, sen perturba-la actividade normal da empresa.

As horas retribuídas dos membros do comité de empresa de máis de trinta traballadores poderán acumularse para seren desfrutadas por un ou varios de entre os interesados, notificándolle á dirección da empresa con oito días de antelación o comezo do mes de que se trate, e sempre que non supoña alteración grave do réxime laboral desta.

Táboas salariais para 1998:

Salario base: 76.172 ptas. mensuais.

Plus de transporte: 7.618 ptas. mensuais.

Salario anual: 1.157.824 ptas. mensuais.

6876