Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Mércores, 12 de agosto de 1998 Páx. 9.328

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 29 de xuño de 1998, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector de limpeza de edificios e locais.

Visto o expediente do convenio colectivo para o sector de limpeza de edificios e locais, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 24-6-1998, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Empresarios de Limpiezas de Edificios y Locales de Pontevedra, e da parte social, polas centrais sindicais CC.OO., UGT e CIG en data 23-6-1998. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro o depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado

á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 29 de xuño de 1998.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo do sector de limpeza dos edificios e locais

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio colectivo afecta a todo o persoal e empresas que se rexen pola ordenanza laboral para as empresas dedicadas á limpeza de edificios e locais do 15 de febreiro de 1975, comprendendo o seu ámbito de aplicación ás da provincia de Pontevedra, así como os novos centros de traballo que no ámbito desta provincia que se creen ou se sitúen.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Atópanse incluídos no ámbito de aplicación deste convenio tódolos traballadores dependentes destas empresas quedando excluídas aquelas persoas que, de acordo coa ordenanza laboral vixente, poidan saír do seu ámbito.

Artigo 3º.-Duración e vixencia.

O presente convenio terá unha duración dun ano, contado desde o 1 de xaneiro de 1998 ata o 31 de decembro de 1998. Entrará en vigor ós dez días do seu asinamento, se ben os seus efectos enonómicos pactados retrotraeranse ó 1 de xaneiro de 1998.

Entenderase prorrogado tacitamente por períodos anuais sempre que por calquera das partes non sexa denunciado cando menos con tres meses de antelación ó seu vencemento ou ó de calquera das prórrogas. No caso de non chegar a unha negociación despois de realizada a denuncia, o texto do convenio quedará prorrogado, non así os conceptos salariais, que aumentarán de acordo coa subida do IPC real.

Artigo 4º.-Condicións máis beneficiosas.

Tódalas condicións económicas e de calquera índole contidas no presente convenio, teñen carácter de mínimas, polo que os pactos, cláusulas ou situacións implantadas polas empresas e que impliquen condicións máis beneficiosas para os traballadores

con respecto ó presente convenio, subsistirán para aqueles que as veñen desfrutando, pero sen que poida interpretarse que sobre as chamadas condicións máis beneficiosas, teña que computarse o melloramento económico que supón o presente convenio.

Artigo 5º.-Salarios.

As retribucions correspondentes ás distintas categorías do persoal afectado por este convenio fíxanse na táboa salarial anexa para o ano 1998, que supón un incremento do 3% sobre as táboas vixentes o 31 de decembro de 1997.

O aboamento dos salarios deberá efectuarse nos días 30 o 31 do mes en que se devenguen e, como máximo, o día 3 do mes seguinte.

Artigo 6º.-Antigüidade.

Os traballadores comprendidos no ámbito de aplicación deste convenio, desfrutarán, como complemento persoal de antigüidade, dun aumento periódico por cada tres anos de servicio prestado na mesma empresa, na contía do cinco por cento para cada trienio, sobre o salario base.

Artigo 7º.-Pagas extraordinarias.

O persoal afectado por este convenio percibirá as gratificacións extraordinarias correspondentes a xullo e Nadal, na contía, cada unha delas, dunha mensualidade do salario base do convenio máis antigüidade, se é o caso. As ditas pagas extraordinarias de xullo e Nadal serán percibidas na súa integridade, independentemente de que o traballador estivera en situación de IT durante o período de devengo de cada unha delas, e serán aboadas entre os días 10 e 20 dos respectivos meses.

Igualmente, percibirán entre os días 10 e 20 do mes de marzo, unha paga de beneficios, na contía dunha mensualidade do salario base do convenio, máis a antigüidade, se é o caso. A dita paga terá que referirse ó ano natural anterior aboándose rateada segundo os días traballados. Non obstante o anterior, percibirase na súa integridade, independentemente de que o traballador estivera en situación de IT durante o período de devengo da dita paga.

O persoal que desfrute de vacacións durante o mes de xullo terá dereito a un anticipo do 90 % do importe da paga extraordinaria de xullo sinalada no parágrafo primeiro.

Artigo 8º.-Plus de transporte.

Os traballadores que teñan que utilizar vehículos para o traslado entre varios centros de traballo terán dereito ó aboamento dun plus de transporte na cantidade que desembolsase en medios normais de locomoción.

Independentemente disto, os traballadores afectados por este convenio percibirán en concepto de plus de transporte a cantidade de 9.779 ptas. (nove mil setecentas setenta e nove) mensuais.

Por cada día de ausencia ó traballo descontarase a cantidade de 445 ptas. e non se considerará como ausencia, para estes efectos, o descanso semanal a que ten dereito o traballador.

O plus de transporte aboarase rateado segundo o tempo traballado.

Artigo 9º.-Plus de asistencia.

Establécese a cantidade de 6.959 ptas./mes (seis mil novecentas cincuenta e nove ptas./mes). Por cada día de ausencia ó traballo descontarase a cantidade de 316 ptas. non considerándose como ausencia, para estes efectos, o descanso semanal a que teña dereito o traballador.

Este plus de asistencia aborase rateado segundo o tempo de traballo.

Artigo 10º.-Plus de toxicidade, perigosidade e nocturnidade.

O plus fixado na letra a) do artigo 53 da vixente ordenanza, sobre labores tóxicos ou perigosos, queda establecido na contía do 30% do salario base de cada categoría.

O plus de nocturnidade previsto na letra b) do mesmo corpo legal, percibirase na contía do 35% sobre o salario base de cada categoría. Os traballadores de nova contratación percibirano igualmente.

Os traballadores que teñan dereito a percibi-lo plus de nocturnidade percibirano na contía establecida no texto do convenio e sobre o salario base mensual de trinta días, e será aboado rateado segundo o tempo traballado.

O plus de perigosidade pagaráselles ós traballadores que habitualmente presten servicios sobre escada ou cos pés sobre escada situados a unha altura superior a 1 m. 80 cm. Este plus aboarase por tempo efectivo de traballo.

Artigo 11º.-Xornada laboral.

A xornada laboral ordinaria será de 39 horas e 15 minutos semanais de traballo efectivo.

Nos supostos de xornada continuada establecerase un período de descanso obrigatorio de 20 minutos, que se computará como tempo efectivo de traballo, sen prexuízo das condicións máis favorables existentes nas empresas. É dicir, as que teñan máis dos vinte minutos agora establecidos.

Os traballadores disporán de tres días de descanso ó ano; o desfrute deles levarase a cabo os días de Sábado Santo, 24 e 31 de decembro, agás a aqueles traballadores para os cales eses días non sexan laborables, neste caso desfrutaranos nas datas que acorden empresario e traballador.

Cando se amplíe a xornada nun centro de traballo, terán preferencia para o incremento da xornada laboral, traballadores que presten servicios no dito centro e non teñan xornada completa. Caberán excepcións

cando existan razóns organizativas ou productivas xustificadas.

O incremento salarial que supoña o aumento de xornada non afectará o importe do plus de antigüidade que o traballador viñese percibindo.

Artigo 12º.-Traballo en domingos e festivos.

O traballador que teña unha xornada laboral que se desenvolva en domingo ou días festivos terá opción a:

a) Ó aboamento segundo a normativa vixente.

b) A acumula-lo descanso ós días de vacacións regulamentarias.

c) Desfrutar, en compensación, dun día de descanso semanal.

Por outra parte, o traballador que preste servicio como mínimo dous domingos nun mes, terá dereito a un día adicional de descanso sen prexuízo doutros dereitos que lle puideran corresponder.

Os festivos terán a mesma consideración cós domingos para efectos do descanso adicional regulado anteriormente.

Así mesmo, se un traballador presta servicios tres domingos ó mes durante dous meses consecutivos, terá dereito a un día máis de descanso.

Artigo 13º.-Horas extraordinarias.

Haberá que aterse ó disposto no Estatuto dos traballadores e demais disposicións que o desenvolvan.

Artigo 14º.-Licencias.

Logo da solicitude dos traballadores afectados, considerarase licencia retribuída polo tempo e nos casos seguintes:

a) Matrimonio do traballador, 15 días naturais.

b) Matrimonio de pais, pais políticos, fillos ou parentes que convivan co traballador, 1 día natural.

c) Parto da esposa, 5 días laborables.

d) Falecemento ou enfermidade grave.

-Do cónxuxe, 5 días naturais.

-Pais, pais políticos e fillos, 3 días naturais.

-Irmáns e parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, 2 días naturais.

Se entre o traballador e os parentes anteriormente detallados houbera convivencia, a licencia será de 5 días naturais. O mesmo ocorrería se o falecemento ou enfermidade grave dos parentes anteriores se producira fóra da praza.

e) Falecemento dun tío, un día natural. Se houbera convivencia entre o traballador e o falecido, a licencia será de dous días naturais.

f) Traslado de domicilio, dous días laborables.

g) Os traballadores que cursen con regularidade estudios para a obtención dun título oficial académico ou profesional, terán dereito a un permiso retri

buído de ata seis días ó ano para concorrer a exames, logo da comunicación do traballador á dirección da empresa con quince días de antelación e xustificación correspondente.

As referencias que as letras c) e d) do presente artigo fan á esposa e cónxuxe respectivamente, entenderanse feitas, así mesmo, ó compañeiro/a en situación estable e logo da certificación de convivencia que acredite a dita situación.

As traballadoras, por lactación dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. A muller por propia vontade, poderá substituír este dereito por unha reducción da xornada normal nunha hora coa mesma finalidade.

Igualmente o traballador, solicitándoo coa debida antelación, terá dereito a dispoñer de ata cinco días de licencia e unha vez ó ano, non retribuídos pola empresa.

Artigo 15º.-Excedencias.

Todo traballador fixo, cunha antigüidade alomenos de dous anos na empresa, terá dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia voluntaria por un prazo non inferior a seis meses e non maior de cinco anos.

O traballador excedente, cando a súa categoría se atope entre os pertencentes ós grupos de persoal subalterno e obreiro, terá dereito á reserva do seu posto de traballo durante un período máximo de dous anos. A reincorporación á empresa terá que ser solicitada cun aviso previo de tres meses.

Excepcionalmente, cando a solicitude de excedencia sexa por un tempo máximo de dous anos, o traballador terá dereito a reintegrarse na empresa durante o prazo dos seis primeiros meses da dita excedencia, dispoñendo o empresario dese mesmo prazo dos seis meses para proceder á súa reincorporación. En todo caso, o traballador deberá poñer en coñecemento do empresario a súa intención de volver á empresa cunha antelación mínima dun mes. Pasados os seis primeiros meses do exercicio da excedencia sen que o traballador fixera uso do seu dereito, xa non poderá volver á empresa ata esgota-lo período total de excedencia solicitada.

Artigo 16º.-Cambio de postos de traballo por embarazo.

As mulleres embarazadas terán dereito a que se lles cambie o posto de traballo a outro máis acorde co seu estado, non estando obrigadas en ningún caso a desempeña-las súas funcións en lugares radioactivos, infecciosos ou perigosos para o seu embarazo.

Esta situación dará lugar a unha suspensión do contrato de traballo cunha duración máxima de 16 semanas, cos efectos e nas condicións previstas no artigo 48.4º do Estatuto dos traballadores, segundo a nova redacción da Lei 3/1989, do 3 de marzo.

Artigo 17º.-Control médico obrigatorio.

Todo o persoal comprendido no presente convenio terá dereito a unha revisión médica por conta da empresa cada seis meses.

Artigo 18º.-Asistencia a consultorios médicos.

Tódolos traballadores terán dereito a tres horas retribuídas pola empresa cada vez que teñan que asistir á consulta do médico de cabeceira. Cando o médico de cabeceira que lle correspondera ó traballador tivera o seu consultorio en localidade distinta daquela en que prestan os seus servicios os traballadores, estes disporán do tempo necesario.

O traballador que teña que acudir a un consultorio médico está obrigado a avisar anticipadamente é empresa, debendo xustificar, por outra parte, que foi atendido polo médico de cabeceira.

Para a asistencia á consulta do especialista, os traballadores terán dereito a todo o tempo necesario logo da presentación do volante do médico de cabeceira. Ademais terán dereito a un día de asistencia ó especialista fóra da localidade.

Así mesmo, terán dereito a 3 horas retribuídas para asistir ó consultorio médico con fillos menores de 12 anos ou fillos minusválidos calquera que sexa a súa idade, cun máximo de tres veces ó mes, sempre que a súa xornada laboral sexa coincidente co horario de consulta médica e co horario de traballo do seu cónxuxe ou compañeiro/a. Os procesos de rehabilitación non terán a consideración de consulta médica para efectos do dereito regulado anteriormente.

Artigo 19º.-Roupas de traballo.

Tódolos traballadores serán porvistos de roupa de traballo adecuada para traballar en lugares radiactivos ou infecciosos. Concederáselle a todo o persoal a adecuada e regulamentaria roupa de traballo, fundas para o persoal masculino e batas para o feminino cada seis meses, zapatillas cada tres meses ou ben zocos cada seis meses e luvas cada dez días.

Os cristaleiros serán provistos de roupas de auga.

Con carácter exclusivo para centros hospitalarios e clínicas, as batas poderán substituírse, de mutuo acordo e para todo o persoal do centro de traballo, por chaqueta curta e pantalón.

Artigo 20º.-Incapacidade temporal.

No caso de IT derivada de accidente laboral, tanto o acaecido no centro de traballo como o accidente in itinere, a empresa estará obrigada a completa-la prestación económica da Seguridade Social ata o importe íntegro do seu salario base de convenio, máis a antigüidade e máis o plus de asistencia, desde o primeiro día da baixa.

Por outra parte, nos supostos de IT, calquera que fose a causa que motive a hospitalización do traballador, as empresas completarán durante a hospitalización a prestación económica da Seguridade

Social ata o importe íntegro do seu salario convenio máis a antigüidade e plus de asistencia, se é o caso.

Se o traballador sufrira intervención cirúrxica, a obriga das empresas de complementa-la prestación da Seguridade Social estenderíase ó período de convalecencia e cunha duración máxima de noventa días naturais.

Artigo 21º.-Xubilación.

Os traballadores que cumpran a idade de 64 anos e demais requisitos esixidos poderán acollerse á modalidade de xubilación determinada no Real decreto lei 14/1981, do 20 de agosto e Real decreto 1194/1985. Para tal efecto as empresas obríganse a contratar simultaneamente no lugar do xubilado a outro traballador que sexa titular do dereito a calquera das prestacións económicas de desemprego ou mozo demandante de primeiro emprego, tal e como dispoñen as normas citadas.

Establécese un premio por xubilación anticipada coas seguintes escalas:

De mutuo acordo entre ámbalas partes:

Ós 60 anos: 6 mensualidades de salario real.

Ós 61 anos: 4 mensualidades de salario real.

Ós 62 anos: 2 mensualidades de salario real.

Opción do traballador/a:

Ós 63 e 64 anos: 2 mensualidades de salario real.

Co fin de contribuír á realización dunha política de promoción de emprego, a xubilación, para o persoal fixo de empresa, terá carácter de forzosa ó cumpri-la idade de 65 anos, establecéndose un premio dunha mensualidade de salario real.

Aqueles traballadores que, ó chegaren a esta idade, non teñan cumprido o período mínimo de cotización á Seguridade Social para cursar dereito á referida prestación, poderán continuar prestando servicios ata cumpri-lo citado período de cotización, momento no que se causará baixa de maneira inmediata.

A empresa cubrirá o posto de traballo segundo necesidades do servicio, non tendo que ser coincidente a xornada efectiva de traballo do que se xubila coa do traballador entrante.

Artigo 22º.-Traslado a centros de traballo.

Co fin de evitar posibles actuacións unilaterais por parte das empresas, cando un traballador leve dous meses ininterrompidos prestando os seus servicios nun centro de traballo da mesma empresa, quedará fixo no centro, agás que por parte da dirección do centro en que presta os seus servicios, existan queixas razoadas e xustificadas con respecto ó cumprimento do traballo do productor, ou por necesidade evidente da empresa de ocupalo noutro centro de traballo por enfermidade, vacacións e demais licencias do persoal do seu cadro de persoal. O dito traslado non poderá ser superior a trinta días dentro do mesmo ano. O posto de traballo do trasladado non poderá ser ocupado. No momento de proceder

ó traslado, a empresa estará obrigada a comunicarllo ós representantes legais dos traballadores co fin de busca-la solución menos gravosa para o persoal. O empresario estará obrigado, por outra parte, a respecta-la quenda que teña establecida o traballador, sempre que este realizase xornada completa a un único centro de traballo e existira outro centro de traballo coa mesma quenda.

Artigo 23º.-Adscrición ó persoal.

Primeiro.-Ó remate da concesión dunha contrata de limpeza, os traballadores da empresa contratista saínte, pasarán a estar adscritos á nova titular da contrata, quen se subrogará en tódolos dereitos e obrigas, sempre que se dea algún dos seguintes supostos.

a) Traballadores en activo que presten os seus servicios no dito centro cunha antigüidade mínima dos seis últimos meses, sexa cal for a modalidade do seu contrato de traballo.

b) Traballadores que no momento do cambio de titularidade da contrata se atopen enfermos, accidentados, en excedencia, en servicio militar ou situación análoga, sempre e cando prestaran os seus servicios no centro obxecto de subrogación con anterioridade á suspensión do seu contrato de traballo e que reúnan a antigüidade mínima establecida no punto a).

c) Traballadores que con contrato de interinidade substitúan a algún dos traballadores mencionados no apartado anterior.

d) Traballadores de novo ingreso que por esixencias do cliente se incorporaran ó centro como consecuencia de ampliación de contrato, dentro dos seis últimos meses.

e) O persoal incorporado pola anterior titular a este centro de traballo dentro dos seis meses, seguirá pertencendo á dita empresa e non e producirá a subrogación citada, agás que se acredite a súa nova incorporación ó centro e á empresa.

Segundo.-Tódolos supostos anteriormente recollidos, deberán ser acreditados fidedigna e documentalmente pola empresa saínte á entrante no prazo de tres días hábiles, mediante os documentos que se detallan ó final deste artigo.

O indicado prazo contarase desde o momento en que a empresa entrante lle comunique fidedignamente á saínte e á Asociación Provincial de Empresarios de Limpiezas de Edificios y Locales de Pontevedra, se-la nova adxudicataria do servicio. De non cumprir este requisto a empresa entrante, automaticametne e sen máis formalidades, subrogarase en todo o persoal que presta os seus servicios no centro de traballo.

En calquera caso, o contrato de traballo entre a empresa saínte e os traballadores só se extingue no momento en que se produza o dereito á subrogación del á nova adxudicataria.

Terceiro.-Non operará a subrogación no caso dun contratista que realice a primeira limpeza e que non subscribira contrato de mantemento.

Cuarto.-Se a subrogación dunha nova titular da contrata implicase que un traballador realizase a súa xornada en dous centros distintos, afectando a un só deles o cambio de titularidade da contrata, os titulares delas xestionarán o pluriemprego legal do traballador, así como o desfrute conxunto do período vacacional, aboando a empresa saínte a liquidación por partes proporcionais das pagas correspondentes. Esta liquidación non implicará a liquidación final se continúa traballando para a empresa.

Quinto.-A aplicación deste artigo será de obrigado cumprimento ás partes que vincula, empresa cesante, nova adxudicataria e traballador.

Non desaparece o carácter vinculante deste artigo no caso de que a empresa adxudicataria do servicio suspendese este por un período inferior a dous meses; o dito persoal con tódolos seus dereitos, adscribirase á nova empresa.

Documentos que lle debe facilita-la empresa saínte á empresa entrante:

-Certificado do organismo competente de estar ó día no pagamento da Seguridade Social.

-Fotocopia das catro últimas nóminas mensuais dos traballadores afectados.

-Fotocopia dos TC1 e TC2 de cotizacións á Seguridade Social, dos catro últimos meses.

-Relación de persoal na que se especifique nome e apelidos, domicilio, número de afiliación á Seguridade Social, antigüidade, xornada, horario, modalidade da súa contratación e data de desfrute das súas vacacións.

-Copia de documentos debidamente dilixenciados por cada traballador afectado no que se faga constar que este recibiu da empresa saínte a súa liquidación de partes proporcionais dos seus haberes ata o momento da subrogación, non quedando pendente ningunha cantidade. Este documento deberá estar en poder da nova adxudicataria na data de inicio do servicio como nova titular.

Artigo 24º.-Absorción.

As melloras económicas contidas no seu conxunto no presente convenio compensarán ou absorberán aquelas melloras que se produciran voluntariamente e que veñan así cualificadas na nómina polas empresas desde o asinamento do último convenio.

Artigo 25º.-Altas na Seguridade Social.

A empresa estará obrigada a entregar ás traballadoras fotocopia da alta desta na Seguridade Social para o que disporá do prazo de dúas semanas desde a súa incorporación ó traballo.

Igualmente, a empresa estará obrigada a colocar fotocopia dos boletíns de cotización nun taboleiro de anuncios nas oficinas desta.

Igualmente, a empresa está obrigada a facilitarlle ó comité de empresa ou delegación de persoal, fotocopia dos boletíns de cotización.

Artigo 26º.-Vacacións.

O persoal afectado polo presente convenio desfrutará de 30 días ininterrompidos de vacacións anuais retribuídas, que se desfrutarán entre os meses de xuño e setembro, ambos inclusive. O inicio das vacacións terá lugar en día laborable, debendo entenderse como tal o que non sexa sábado, domingo, festivo ou día de descanso.

En cada empresa elaboraranse as quendas correspondentes. Para a elección de quenda por parte dos traballadores, seguirase en cada empresa unha orde rotativa de preferencia, de tal maneira que quen tivo preferencia de elección de quenda no ano anterior, é o último á hora de elixir quenda no ano seguinte.

O aboamento delas farase en función do salario base do convenio, antigüidade, plus de asistencia, plus de transporte e plus de nocturnidade. Os pluses de asistencia e transportes aboaranse rateados segundo o tempo traballado durante o ano.

Os traballadores que non poidan desfruta-las vacacións por achárense xa con anterioridade ó período vacacional en situación de IT, terán dereito ó desfrute delas sempre que causen alta antes de finaliza-lo ano natural en curso.

O empresario saínte dunha contrata adxudicada a outra empresa, estará obrigado a liquida-la parte proporcional que lles corresponda ós traballadores en concepto de vacacións.

Artigo 27º.-Vestiarios.

As empresas estarán obrigadas a solicitarlles ós seus clientes que se facilite un cuarto axeitado ás necesidades do persoal.

Artigo 28º.-Seguro de accidentes de traballo.

As empresas afectadas por este convenio colectivo subscribirán pólizas de seguro colectivo de accidentes de traballo en favor de tódolos traballadores que teñan máis de media xornada e daqueles que, calquera que sexa a súa xornada, realicen tarefas dun certo risco ou se dediquen de forma habitual á limpeza de cristais a alturas superiores a 1,80 m.

O resto dos traballadores tamén estarán incluídos na mencionada póliza, se ben neste caso, os capitais asegurados que se indican, se reducirán á metade.

O dito seguro cubrirá con carácter xeral, as seguintes garantías mínimas:

Morte ou invalidez total: 1.500.000 pesetas.

Invalidez absoluta ou grande invalidez: 2.000.000 de ptas.

As ditas continxencias deberán derivarse, en calquera caso, de accidente laboral incluído o accidente in itinere, e as indemnizacións fixadas serán totalmente independentes daquelas que lles correspondan ós traballadores en virtude da lexislación vixente.

Artigo 29º.-Axudas de custo.

Os traballadores que por razóns de prestación de servicio sexan desprazados a lugares de traballo situados fóra do municipio da súa residencia e que non teñan a condición de traslado do artigo 40 do Estatuto dos traballadores, terán dereito a unha indemnización polos gastos orixinados que recibirá o nome de axudas de custo, devengando media axuda de custo cando o traballador deba realizar unha comdia; axuda de custo completa, cando deba realizar dúas comidas e axuda de custo completa con pernoctación cando deba efectuar dúas comidas e pasa-la noite fóra do domicilio do traballador.

A contía da axudas de custo será a seguinte:

Media axuda de custo: 1.899 ptas./día.

Axuda de custo completa: 3.375 ptas./día.

Axuda de custo con pernoctación: 5.626 ptas./día.

Artigo 30º.-Acción sindical e garantía de cargos sindicais.

En todo o relacionado con este tema haberá que aterse ó disposto nos artigos 61 e seguintes do Estatuto dos traballadores, determinándose que cando un representante legal deba saír da empresa para exercer funcións de representación, deberá comunicarllo á ela o día anterior, agás situacións excepcionais que se terán que xustificar posteriormente. Como xustificante será válido o comprobante dos organismos oficiais ou o da central sindical correspondente.

Os delegados sindicais terán 20 horas mensuais retribuídas para realiza-lo seu cometido de representación nas empresas con máis de 25 traballadores.

Poderanse formar seccións sindicais, en tódolas empresas de máis de 50 traballadores, como se estipula na Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical.

Será obrigatorio colocar un taboleiro de anuncios para a información sindical, nas empresas que teñan centros de traballo con máis de 6 traballadores, que se axustará ó disposto no Estatuto dos traballadores.

De acordo co establecido no artigo 68 e) do Estatuto dos traballadores, en cada empresa poderase establece-la acumulación do crédito horario dos representantes legais dos traballadores (delegados de persoal ou membros do comité de empresa) nun ou varios dos seus membros dunha mesma organi

zación sindical, sen supera-lo máximo total de cincuenta horas.

Tanto o cedente como o cesionario do crédito horario deberán comunicarlle por escrito á dirección da empresa a cesión e acumulación de horas, cunha antelación de 5 días, na que figurará o seguinte:

- Nome do cedente e do cesionario.

- Número de horas cedidas e período polo que se efectúa a cesión, que haberá de ser por meses completos, ata un máximo dun ano.

Artigo 31º.-Asembleas.

Os traballadores dunha mesma empresa terán dereito a reunirse en asemblea, unha vez ó mes por un tempo máximo de dúas horas durante a xornada debendo comunicarlle á empresa a súa celebración cunha antelación de 48 horas, agás situacións excepcionais de conflicto ou folga, na que abondará avisar con 24 horas de antelación.

Artigo 32º.-Liquidacións.

As liquidacións carecerán de efectos liberatorios, se logo da petición escrita do interesado, non estivera visado polo comité de empresa, delegado de persoal ou, no seu defecto, polo sindicato ó que estea afiliado o traballador.

Artigo 33º.- Medidas de fomento de emprego e da contratación temporal.

Co fin de fomenta-la contratación e debido ós límites a esta impostos a causa das últimas modificacións lexislativas, as partes acordan que a duración máxima do contrato eventual por circunstancias de producción será de 12 meses nun período de 15. Poderán acollerse a esta disposición os contratos que estean en vigor na data de publicación do presente convenio a aínda non esgotaran a súa duración máxima.

Nos casos en que os traballadores asinen baixas voluntarias, non terán validez se non van xunto coa sinatura dun delegado de persoal ou membro do comité de empresa.

Artigo 34º.-Lexislación subsidiaria.

En todo aquilo que non quede determinado especificamente no presente convenio, haberá que aterse ó disposto pola ordenanza de traballo para as empresas dedicadas á limpeza de edificios e locais, aprobada con data do 15 de febreiro de 1975, e no que nela non estea previsto ou regulado, sexan de aplicación as normas establecidas nas lexislación laboral xeral.

No suposto de derrogación da ordenanza laboral de limpeza de edificios e locais, os aspectos non regulados neste convenio provincial e que se recollan na ordenanza laboral derrogada, pasarán a formar parte provisionalmente do convenio provincial mentres non se negocie un convenio colectivo de ámbito superior que a substitúa.

Artigo 35º.-Comisión paritaria.

Créase unha comisión paritaria do convenio, formada por representantes de ambas partes e que ten

como finalidade vixia-lo cumprimento do convenio e da normativa laboral, en xeral.

Artigo 36º.-Partes asinantes.

As partes asinantes do presente convenio son, en representación dos traballadores, as centrais sindicais CC.OO., UGT e Confederación Intersindical Galega (CIG).

En representación dos empresarios, a Asociación Provincial de Empresarios de Limpiezas y Locales de Pontevedra.

Para a interpretación e cumprimento das cláusulas deste convenio e, en xeral, para atender cantas cuestión se deriven da súa aplicación, establécese unha comisión paritaria que estará integrada por catro representantes empresariais e catro dos traballadores, todos eles de entre os integrantes da comisión do convenio.

Independientemente da interpretación e seguimento do convenio, a dita comisión reunirase polo menos unha vez cada tres meses, durante a vixencia do presente convenio, co obxecto de analizar e estudia-la problemática do sector no seu sentido máis amplo.

Disposición adicional

As diferencias ou atrasos salariais producidos como consecuencia da aplicación retroactiva dos efectos económicos desde o primeiro de xaneiro de 1998, serán aboadas polas empresas no prazo máximo de 45 días naturais contados desde a data da resolución do delegado provincial de Traballo, acordando a súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos e a súa publicación no BOP.

TÁBOAS SALARIOS 1998

Limpeza de edificios e locais

Categorías

Grupo I. Persoal directivo e técnico.

Subgrupo I, persoal directivo

Director218.412

Director comercial198.321

Director administrativo198.321

Xefe de persoal198.321

Xefe de compras198.321

Xefe de servicios198.321

Subgrupo II. Persoal titulado

Titulado grao superior157.259

Titulado grao medio139.702

Titulado laboral ou profesional118.811

Grupo II. Persoal administrativo

Xefe administrativo de 1ª148.520

Xefe administrativo 2ª138.911

Caixeiro125.806

Oficial de 1ª118.813

Oficial de 2ª105.714

Auxiliar92.603

Telefonista91.681

Cobrador91.681

Aspirante53.467

Grupo III. Mandos intermedios

Encargado xeral138.936

Supervisor ou encargado de zona125.807

Supervisor ou encargado do sector115.332.

Encargado de grupo ou edificio99.775

Responsable de equipo95.770

Grupo IV. Persoal subalterno

Ordenanza91.682

Almaceneiro91.682

Listeiro91.682

Vixilantes91.682

Mozo dos recados49.664

Grupo V. Persoal obreiro

Especialistas101.086

Peón especialista92.635.

Limpador ou limpadora91.662

Conductor-limpador108.887

Grupo VI. Persoal oficios varios

Oficial 101.079

Axudante92.635

Peón91.662

Aprendiz de 16 e 18 anos56.455

7262