Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Luns, 10 de agosto de 1998 Páx. 9.220

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 230/1998, do 30 de xullo, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Camariñas (A Coruña), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de beirarrúas e redes de saneamento e abastecemento de auga na marxe leste da estrada de Camelle.

O Concello de Camariñas (A Coruña), en sesión celebrada o día 8 de novembro de 1996, aprobou o proxecto de beirarrúas e redes de saneamento e abastecemento de auga na marxe leste da estrada de Camelle e na sesión celebrada o día 31 de marzo de 1998 acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu á información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque os terreos son indispensables para facer posible o cumprimento dos prazos establecidos na execución do plan provincial e, por outra banda, é urxente elimina-lo risco que supón a existencia na vía de acceso máis transitada da localidade dun oco de máis de dous metros de desnivel na actual beirarrúa incompleta, que pon en serio perigo a seguridade de persoas e vehículos aínda que se extremen as medidas de prevención de accidentes, xa que non se pode corta-la circulación pola estrada afectada.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa

reunión do día trinta de xullo de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Camariñas (A Coruña), para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de beirarrúas e redes de saneamento e abastecemento de auga na marxe leste da estrada de Camelle.

Santiago de Compostela, trinta de xullo de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

7455