Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Martes, 30 de xuño de 1998 Páx. 7.342

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 18 de xuño de 1998 pola que se anuncia a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas a publicacións periódicas escritas integramente en galego normativizado.

O goberno galego, como consecuencia do progresivo incremento da presencia da lingua galega no ámbito da prensa escrita, ten que presta-lo seu máis decidido apoio a tódalas iniciativas que xurdan neste ámbito, co obxecto de continuar coa política marcada no Estatuto de autonomía e cumprir así o establecido no su artigo 5.3º, que expresa a necesidade de potencia-lo emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, motivo polo cal se promulgou o Decreto 103/1994, do 21 de abril, no que se establecen as axudas dirixidas a publicacións periódicas escritas integramente en galego normativizado, e que complementa o Decreto 417/1990, do 31 de xullo, polo que se regulan as axudas a empresas xornalísticas e de radiodifusión, así como a publicidade institucional.

Por todo iso, en uso das facultades que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Poderán solicita-las axudas que son obxecto da presente orde as empresas xornalísticas establecidas

en Galicia e inscritas no Rexistro Mercantil, que difundan as súas publicacións periódicas escritas integramente en idioma galego normativizado.

Artigo 2º

Para os efectos do disposto no artigo anterior e nos termos establecidos no artigo 3 do Decreto 103/1994, do 21 de abril, entenderanse como publicacións periódicas as que teñan un contido informativo ou de opinión, que se imprimen baixo un mesmo título en serie continua, con numeración correlativa e data de publicación, que aparezan con periodicidade fixa e con propósito de permanencia indefinida no tempo.

Artigo 3º

Poden optar a estas subvencións as empresas que editen publicacións que reúnan as seguintes condicións:

a) Que estean escritas integramente en galego normativizado.

b) Que teñan un mínimo de 24 páxinas en formato DIN A-3 ou de 32 páxinas en formato DIN A-4 (ou o equivalente noutros formatos).

c) Que se publiquen periodicamente.

d) Que inclúan o pé de imprenta con tódolos datos que estableza a lexislación vixente.

e) Que non se distribúan como suplementos ou de forma conxunta a outra publicación.

Artigo 4º

Quedan excluídas da concesión de axudas:

a) Os boletíns de información interior ou de institucións.

b) As publicacións de organizacións políticas, empresariais, profesionais, sindicais ou de entidades públicas.

c) As publicacións de difusión total ou maioritariamente gratuítas.

d) As publicacións que se distribúan como suplemento ou de forma conxunta con outra publicación.

e) As publicacións que, estando sometidas ó control da Oficina de Xustificación de Difusión (OXD), non presenten o certificado acreditativo da difusión expedido polo dito organismo.

f) As publicacións que, segundo informe da Dirección Xeral de Política Lingüística, non se publiquen en galego normativizado, segundo o establecido no Decreto 173/1982, do 17 de novembro, sobre normativización da lingua galega e na disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística.

g) As publicacións que non manteñan a súa actividade no momento da concesión da subvención ou non se comprometan a seguir publicando en galego ata o 31 de decembro de 1998, no caso de ser beneficiario da axuda.

Artigo 5º

A contía global das axudas non poderá excede-la cantidade de 8.000.000 de pesetas, e serán concedidas con cargo á partida orzamentaria 04.08.353.F 470.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1998.

O importe das axudas calcularase de acordo cos criterios seguintes:

-5 pesetas por exemplar difundido durante o ano anterior á solicitude, e 10.000 pesetas por número editado no mencionado período para as publicación que presenten o certificado acreditativo da difusión emitido pola Oficina de Xustificación da Difusión (OXD).

-10.000 pesetas por número editado durante o ano anterior á solicitude para as publicacións non sometidas ó control da OXD.

Os números dobres dunha publicación serán considerados un único número para efectos da subvención.

O importe da subvención non poderá superar, en calquera caso, o 50% do custo da edición acreditado na publicación.

Artigo 6º

A Secretaría Xeral para as Relacións cos Medios Informativos poderá propoñer excepcionalmente, e sen excede-la cantidade máxima prevista para as presentes axudas, o outorgamento dunha subvención adicional para as publicacións en consideración da súa difusión, a súa calidade ou o seu interese social e cultural. Tamén poderá outorgar unha parte das axudas por concepto de prestación de asesoría lingüística, a cal se avaliará en función das retribucións establecidas nos orzamentos xerais da comunidade para os funcionarios designados para cada caso.

Artigo 7º

As solicitudes, axustadas ó modelo oficial que se publica como anexo desta orde, dirixiranse ó secretario xeral para as Relacións cos Medios Informativos e deberán de ir acompañadas da seguinte documentación:

1. Memoria na que se fagan consta-los números publicados durante o ano 1997.

2. Testemuño auténtico da escritura de poder, cando o solicitante actúe en representación da persoa física ou xurídica titular do medio.

3. Certificación da inscrición no Rexistro Mercantil, no caso de que o titular sexa persoa xurídica.

4. Copia do documento nacional de identidade do solicitante ou representante.

5. Xustificación de estar ó día nos pagamentos das obrigacións tributarias e da Seguridade Social.

6. Certificación de non ter contraída ningunha débeda coa Comunidade Autónoma.

7. Declaración do número de exemplares difundidos da publicación de que se trate, durante o período que alude o número 1, acompañado da documentación que o acredite.

8. Declaración xurada do representante da empresa na que se responsabilice de que continuará realizando as publicacións en galego ata o 31 de decembro de 1998, no caso de ser beneficiario da axuda.

Artigo 8º

As solicitudes poderán presentarse no rexistro xeral da Consellería de Presidencia e Administración Pública, sito no edificio administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela, directamente ou a través dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As empresas que presenten solicitude de axuda para máis dunha publicación deberán achega-la documentación que se require no artigo 7º da presente orde por cada unha das publicacións.

O prazo de presentación das solicitudes será de 30 días naturais a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde.

Artigo 9º

As solicitudes que se presenten serán avaliadas por unha comisión composta polas seguintes persoas:

Presidente: o secretario xeral para as Relacións cos Medios Informativos.

Vicepresidente: o director xeral de Política Lingüística.

Vocais:

-O director do Gabinete de Comunicación.

-O xefe de Servicio da Secretaría Xeral para as Relacións cos Medios Informativos.

-Un funcionario da Dirección Xeral de Política Lingüística con categoría non inferior a xefe de servicio.

-Un funcionario da Dirección Xeral de Política Lingüística nomeado polo director xeral.

Secretario: un funcionario da Secretaría Xeral para as Relacións cos Medios Informativos, con categoría non inferior a xefe de negociado.

Artigo 10º

A valoración das solicitudes presentadas basearase nos seguintes criterios:

a) Emprego da lingua galega normativizada.

b) Tiraxe e difusión de exemplares, a súa periodicidade e os números editados da publicación obxecto de avaliación.

Artigo 11º

A comisión poderá solicitar tódolos informes que considere necesarios, elevando proposta ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública para

que adopte a resolución que proceda. A dita resolución pon fin á vía administrativa, e contra ela poderase interpoñer no prazo de dous meses desde a súa notificación, recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 12º

A resolución respecto da presente liña de subvencións realizarase dentro dos tres meses desde o remate do prazo de presentación das solicitudes. Rematado o dito prazo sen resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente (artigo 43.2º C), a sentido contrario da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 13º

Os beneficiarios das subvencións entregarán á Secretaría Xeral para as Relacións cos Medios Informativos e á Dirección Xeral de Política Lingüística dous exemplares de cada número das publicacións subvencionadas.

Artigo 14º

Con independencia da súa contía, e antes de proceder ó seu aboamento, os beneficiarios das sub

vencións terán que acreditar que se atopan ó día das súas obrigacións tributarias e sociais, e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración Pública da Comunidade Autónoma.

O pagamento farase efectivo na súa totalidade unha vez adoptada a resolución a que se refire o artigo 12º.

Disposición derradeira

Primeira.-Nos aspectos non contidos na presente orde, aplicarase o disposto nos decretos 103/1994, do 21 de abril, Decreto 417/1990, do 31 de xullo, a Lei 11/1992, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para 1998.

Segunda.-Facúltase o secretario xeral para as Relacións cos Medios Informativos para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 1998.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Consellería da Presidencia

e Administración Pública

5901