Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Venres, 19 de xuño de 1998 Páx. 6.896

V. ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA

TRIBUNAL SUPERIOR DE XUSTIZA DE GALICIA

EDICTO (4/1998).

Eu, María Asunción Barrio Calle, secretaria da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Certifico que no número 4/1998 do que logo se fará mención, dictouse dictada por esta sala a seguinte resolución:

Autos número: 4/1998.

Jesús Souto Prieto

Presidente

Antonio J. Outeiriño Fuente

José Manuel Mariño Cotelo

A Coruña, 20 de abril de 1998.

A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, composta polos maxistrados citados á marxe e, no nome de El-Rei dictou a seguinte sentencia:

Vistos os presentes autos sobre impugnación do convenio colectivo seguidos ante este sala do social co número 4/1998, entre as partes, como demandante, a Federación do Comercio, Hostelería e Turismo de CC.OO., representada polo letrado Enrique Lillo Pérez, e como demandados, a FETESE-UGT de Galicia, representada polo letrado Pedro Blanco Lobeiras, a Asociación Empresarial Abiga, representada polo letrado José Freire Amador, e o Ministerio Fiscal, sendo maxistrado ponente Antonio Jesús Outeiriño Fuente.

Antecedentes de feito:

Primeiro.-Con data do 3 de marzo de 1998 tivo entrada nesta sala do social a demanda presentada pola parte actora, na que despois de expoñe-los feitos e fundamentos de dereito que estimou pertinentes, terminou suplicando que se dictara sentencia de conformidade co pedido nela.

Segundo.-Admitida a trámite a dita demanda, sinalouse para o acto de xuízo o día 16 de abril pasado, no cal as partes demandadas se opuxeron á pretensión interposta e, trala práctica da proba proposta e admitida, formularon as súas conclusións definitivas quedando os autos conclusos para a sentencia.

Feitos que se declaran probados:

Primeiro.-Con data do 20 de xaneiro de 1998 publicouse no Boletín Oficial do Estado o convenio colectivo de empresas organizadoras do xogo do bingo, que foi subscrito con data do 1 de outubro de 1997, dunha parte, pola Confederación Española do Xogo (CEX) en representación das empresas do sec

tor, e doutra, polas centrales sindicales USO, CC.OO. e UGT en representación do colectivo laboral afectado. Por resolución da Dirección Xeral de Traballo do 23 de decembro de 1997, dispúxose a inscrición no rexistro e publicación do dito convenio, coa vixencia pactada que se estableceu, para tódolos efectos, a partir do 1 de xaneiro de 1997, cunha duración de dous anos que finalizará o 31 de decembro de 1998, e con prórroga de ano en ano por tácita reconducción ata que entre en vigor un novo convenio.

Segundo.-Con data do 21 de xaneiro de 1998 publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG), o convenio colectivo de ámbito interprovincial para as empresas organizadoras do xogo do bingo no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, que foi subscrito con data do 31 de outubro de 1997, dunha parte, pola Asociación Empresarial Abiga, e doutra, pola central sindical UGT. Por resolución da Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da Xunta de Galicia, do 2 de decembro de 1997, dispúxose o rexistro e publicación do referido convenio, con vixencia a partir do 1 de xaneiro de 1998 e finalización dela o 31 de decembro de 1998, prevíndose que, en todo caso, a súa denuncia non significará ningunha modificación do seu texto articulado, que continuará vixente ata a súa substitución por outro novo nos termos que as partes establezan.

Terceiro.-Trala celebración do xuízo, e en trámite de conclusións, á parte actora solicitou que se declare a nulidade dos artigos 9, 10, 11, 12 e 38 do convenio galego, condenando ás demandadas a estaren e pasaren por tal declaración de nulidade, por contravi-lo disposto no convenio colectivo estatal. Os textos de ambos colectivos constan incorporados ás actuacións.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-A demanda interposta pola Federación do Comercio, Hostelería e Turismo de CC.OO. concrétase a petición de nulidade dos artigos 9, 10, 11, 12 e 38 do convenio colectivo de ambito interprovincial para as empresas organizadoras do xogo do bingo no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, con exclusión da pretensión complementaria inicialmente formulada, dado que no acto de xuízo a sala lle puxo de manifesto á parte actora a existencia dunha acumulación indebida de pretensións, prohibida polo artigo 27 LPL, ó tratarse da impugnación dun convenio colectivo, solicitado e requirindo da dita parte demandante a elección da acción que pretendía manter (artículo 28 da LPL), recaendo esta na petición de nulidade dos aludidos preceptos, á que, polo tanto, se circunscribirá a resolución do presente conflicto.

Segundo.-Sentado o anterior, procede entrar no exame das excepcións invocadas pola defensa a demandada FETESE-UGT de Galicia, sendo a primeira delas a de falta de litisconsorcio pasivo necesario alegada sobre a base de non traerse ó proceso

a central sindical USO, que anque non foi asinante do convenio impugnado, si o é do estatal e, polo tanto, tiña un interese directo na resolución do presente preito.

A alegada excepción non pode prosperar, pois de conformidade co artigo 163.2º da LPL, a lexitimación pasiva no proceso de impugnación de convenios colectivos correspondente a tódalas representacións integrantes da comisión negociadora do convenio impugnado, excepto aquelas, debe entenderse, que disconformes co convenio negociado se negasen a participar no seu asinamento, as cales poden, se é o caso, ostenta-la a condición de demandantes. No presente caso, sendo o convenio galego o impugnado, a lexitimación pasiva correspóndelle a FETESE-UGT de Galicia e a Asociación Empresarial Abiga como integrantes non só da comisión negociadora, senón pola súa condición de asinantes do convenio, a diferencia do sindicato CC.OO. que, se ben formou parte da dita comisión negociadora non suscribiu o pacto colectivo que agora se impugna e si, en cambio, o convenio estatal. Non existe, pois, necesidade de demanda-la central sindical USO que non formou parte da comisión negociadora do convenio galego,

estando correctamente constituída a relación xurídico-procesual.

Terceiro.-Idéntica sorte desestimatoria correrá a segunda das excepcións invocadas pola representación da demanda FETESE-UGT de Galicia, consistente na falta de lexitimación activa do sindicato actor, por non consta-lo acordo de impuganción do convenio e por non acredita-la representatividade que di desempeñar no sector. A razón do rexeitamento de tal excepción fúndase, por unha banda, no disposto nos artigos 24 e 28 da CE e, de maneira concreta, no artigo 163.1º a) da LPL, cando establece que se a impugnación se fundamenta na ilegalidade do convenio, a lexitimación activa correspóndelles ós órganos de representación legal ou sindical dos traballadores, sindicatos e asociacións empresariais interesadas. Sendo así que no presente caso, non existe dúbida a propósito de que o sindicato demandante, como asinante do convenio estatal e non do autonómico, e en canto portador de intereses xerais dos traballadores, ten interese na declaración de nulidade que insta de determinados preceptos do

convenio autonómico, ó estimar que contravén o pacto estatal.

Por outra banda, a representatividade no sector da parte demandante despréndese das propias actas de constitución das respectivas comisións negociadoras de ambos convenios, nas que se lle atribúe a CC.OO., na negociación do convenio estatal, unha representatividade do 40% (ó igual que UGT), e no autonómico do 33,33%, o que supón o recoñecemento extraxudicial, por tódalas demais partes negociadoras, da súa condición de sindicato máis representativo a nivel tanto estatal como da Comunidade Autónoma de Galicia (artigos 6 e 7 da LO 11/19985, do 2 de agosto, sobre liberdade sindical).

Cuarto.-Fracasa igualmente a terceira das excepcións presentadas polo sindicato demandado, relativa ó defectuoso esgotamento da vía previa por non acudir a parte demandante ó procedemento de mediación que regula o acordo sobre solución extraxudicial de conflictos laborais, ó que se remite o artigo 73 do convenio estatal, así como por prescindir do mecanismo da comisión paritaria prevista no dito convenio estatal.

A razón da desestimación da excepción estriba, á parte do disposto no artigo 64.1º da LPL para os procesos de impugnación de convenios colectivos, no que o convenio autonómico impugnado para nada recolle a adhesión das partes ó acordo sobre solución extraxudicial de conflictos laborais e as funcións das comisións paritarias de ambos convenios, o estatal e autonómico, son as previstas nos seus respectivos artigos 72 e 36, entre as que non se encontra ningunha relacionada co suposto de impugnación de convenios colectivos.

Quinto.-O rexeitamento das excepcións impón examinar a continuación a cuestión relativa á vixencia do convenio impugnado e, en concreto, se a dita vixencia pode cualificarse de anterior ou posterior ó convenio estatal.Ó respecto, a sala estima que o convenio autonómico entrou en vigor con posterioridade ó estatal, pois a vixencia pactada deste último estableceuse, a tódolos efectos, a partir do 1 de xaneiro de 1997 (artículo 5 do pacto colectivo), cunha duración de dous anos que finalizará o 31 de decembro de 1998, e con prórroga de ano en ano por tácita reconducción ata que entre en vigor un novo convenio.

Pola contra, a vixencia pactada do convenio autonómico produciuse, segundo o seu artigo 6, a partir do 1 de xaneiro de 1998, coa finalización dela o 31 de decembro de 1998, prevéndose que, en todo caso, a súa denuncia non significará ningunha modificación do seu texto articulado que continuará vixente ata a súa substitución por outro novo nos termos que as partes establezan.

De conformidade, polo tanto, co disposto no artigo 90.4º do E.T., que establece que o convenio entrará en vigor na data que acorden as partes, resulta que o convenio estatal, con carácter de norma propia dun convenio-marco, ó pactarse ó amparo do artigo 83.2º do E.T., xa entrara en vigor con anterioridade ó 1 de xaneiro de 1998, data prevista para a vixencia do convenio autonómico que agora se impugna, pois os componentes da comisión negociadora de Galicia cando subscribiron os acordos do 31 de outubro de 1997, conviñeron na vixencia para o dito ano do texto do convenio autonómico anterior publicado no DOG do 26-9-1996, cunha actualización salarial para 1997, e, a vez, aprobaron o texto do novo convenio autonómico de empresas organizadoras do xogo do bingo que debería rexer a partir do 1 de xaneiro de 1998.

Por outro lado, se ben o inicio das negociacións dun e doutro convenio se produciu o mesmo día (11 de abril de 1997), o asinamento das partes tivo lugar, no estatal, o día 1 de outubro de 1997, e no autonómico impugnado, o 31 de outubro do mesmo ano, sendo tamén anterior a publicación no BOE do convenio colectivo estatal, que tivo lugar o 20 de xaneiro de 1998, mentres que a do autonómico, no DOG, produciuse un día despois, esto é, o 21 de xaneiro de 1998. Consecuentemente, esa publicación anterior permitiu o coñecemento do contido do convenio estatal, de tal modo que se se produciu algunha colisión temporal de normas, o que no presente caso non se formulou, iso sería co convenio autonómico de 26-9-1996, pero non co posterior que agora se impugna, e que ten unha vixencia temporal que se produciu despois da do estatal.

Sexto.-As anteriores consideracións levan a entrar no fondo do asunto e examinar se os artigos 9, 10, 11, 12 e 38 do convenio galego, vixente para o ano 1998, son nulos por contravi-lo disposto no estatal.

Como xa se adiantou, o convenio colectivo estatal de empresas organizadoras do xogo do bingo pactouse ó amparo do artigo 83.2º do E.T., co obxecto de establecer para o ámbito da súa actuación, segundo expresa o artigo 1, unha estructura negocial racional e homoxénea, evitando os efectos da desarticulación e dispersión, acordando as partes que a estructura da negociación colectiva no sector do bingo quedase integrada preferentemente por esa unidade de negociación de ámbito estatal e de Comunidade Autónoma. O dito convenio ten, polo tanto, neste punto, o carácter dunha norma propia dun convenio-marco, cunha función que é establece-la estructura da negociación colectiva e as regras que van resolve-los conflictos de concorrencia entre convenios de distinto ámbito (STS 29-1-1997), establecendo para iso as seguintes:

1. Será unidade preferente de negociación a de ámbito estatal, polo que toda concorrencia conflictiva entre esta e a de ámbitos inferiores resolverase con suxeición ó contido material acordado no convenio estatal.

2. Dada a natureza do presente convenio e o nivel xerárquico que as partes lle outorgan, a regulación material recollida nel ten o carácter de dereito mínimo indispoñible e afectará ós convenios colectivos do dito ámbito.

3. Establécese un reparto material entre as unidades de negociación referenciadas, que permita garanti-los necesarios elementos de homoxeneidade económica e social para todo o ámbito do Estado, así como un racional proceso de distribución e selección de materias en virtude do carácter e condicións propias da unidade negociadora de que se trate.

Neste sentido, considéranse materias propias e exclusivas do ámbito estatal para o sector e, en consecuencia, reservadas a esta unidade de negociación as seguintes: contratación: modalidades contrac

tuais. Período de proba. Clasificación profesional. Estructura salarial. Formación profesional. Mobilidade xeográfica. Traslado de centro. Réxime disciplinario.

4. En virtude do necesario reparto competencial referenciado, as unidades de negociación de ámbito autonómico ou provincial poderán desenvolver e mellorar todas aquelas materias reguladas no presente convenio estatal e non incluídas na relación de materias reservadas a este ámbito. Así mesmo, poderase negociar e desenvolver calquera materia non regulada ou non incluída no presente convenio.

5. De conformidade co artigo 83.2º do E.T., as organizacións asinantes recoñecen o principio de complementariedade do convenio estatal respecto dos de comunidade autónoma e/ou provinciais.

Sétimo.-A aplicación destas regras de concurrencia determina que a demanda deba ser estimada no que se refire a pretensión de nulidade dos artigos 9, 10, 11, 12 e 38 do convenio autonómico, pois tales preceptos, que se refiren ás modalidades de contratación, categorías profesionais, período de proba e réxime disciplinario, regulan materias propias, exclusivas e reservadas á unidade de negociación do ámbito estatal do sector, e excluídas, polo tanto, das unidades de negociación de ámbito autonómico e/ou provincial.

Os aludidos preceptos, en consecuencia, reputaranse nulos, sen que poidan aceptarse as alegacións de oposición realizadas polas demandadas a propósito da obrigatoriedade de determinados cadros de persoal de traballadores fixos (artigos 8 e 9 do convenio autonómico e 9 e 10 do estatal), por tratase -ó seu xuízo- dunha cuestión susceptible de ser desenvolvida e mellorada nas unidades de negociación de ámbito autonómico, xa que esa esixencia mínima de determinados traballadores fixos no cadro de persoal (que vén imposta polo artigo 10 do convenio estatal) configúrase como un requisito establecido para a utilización das distintas modalidades de contratación e, por conseguinte, forma parte desta materia reservada á regulación de ámbito estatal, que é, ademais, unidade preferente de negociación, pois toda concorrencia conflictiva entre esta e a de ámbitos inferiores resolverase con suxeición ó contido material acordado no convenio estatal (regra 1 do artigo 1 do convenio estatal antes

citada). Por outra parte, a invocación realizada polas demandadas respecto á vixencia e obrigatoriedade do Regulamento do xogo do bingo de Galicia, aprobado polo Decreto 273/1986, do 31 de xullo, (ó que se remite o convenio autonómico) e a súa posible colisión co convenio estatal non é tal, pois o dito regulamento administrativo limítase a clasifica-las salas en función da súa capacidade para albergar xogadores (artigo 15), e a sinala-lo persoal contratado mínimo que debe haber nelas, pero sen mencionar para nada o tipo de contrato que poida ligalo coas correspondentes empresas de xogo.

Igualmente, fracasa a alegación realizada pola Asociación Empresarial Abiga a propósito de que a regulación que efectúa o artigo 11 do convenio galego se refire ás categorías profesionais, o que -ó seu xuízo-non constitúe materia innegociable no ámbito autonómico en virtude do disposto no artigo 84.2º do E.T. que só cita ós grupos profesionais, pois neste caso non se está en presencia do suposto previsto no dito artigo, que se refire á concorrencia descentralizadora da estructura da negociación colectiva, senón do establecido no artigo 83.2 do mesmo estatuto, no que un convenio-marco ou convenio colectivo de ámbito superior establece a estructura articulada da negociación colectiva, fixando os criterios para resolve-los conflictos de concorrencia, os mecanismos de complementariedade entre as distintas unidades e as materias non negociables en ámbitos inferiores, entre elas, a relativa á clasificación profesional, sen que, ademais, o dito convenio estatal fose obxecto de impugnación.

Finalmente, as materias relativas ó período de proba e réxime disciplinario (artigos 12 e 38 do convenio autonómico), están claramente reservadas á unidade de negociación do ámbito estatal e, polo tanto, os aludidos preceptos, en canto indebidamente as regulan, carecen de nulidade.

Oitavo.-Xuízo distinto merece a impugnación do artigo 10 do convenio autonómico que o sindicato demandante considera contrario ó pacto estatal, en concreto, ós seus artigos 1 e 11. A sala estima que a regulación das empresas de traballo temporal que realiza o convenio impugnado non constitúe materia reservada ó ámbito exclusivo da negociación estatal (artigo 1), en canto que non pertence ás modalidades de contratación propiamente ditas, pois non se trata de disciplina-las condicións que teñen que reuni-los distintos tipos de contratos laborais que poidan celebrarse entre as empresas organizadoras do xogo do bingo e os seus traballadores, senón que se refire á utilización dos servicios de empresas de traballo temporal, da que a súa articulación se produce a través dun contrato de natureza mercantil entre dúas empresas, neste caso, entre a organizadora do xogo e a de traballo temporal que verifica á posta a disposición do traballador e que continua sendo a súa empregadora.

Por outra parte, rechazada a condición de materia reservada ó ámbito negociador estatal, a regulación que fai o artigo 10 do convenio galego non pode entenderse contradictoria senón complementaria da estatal (artigo 11), en canto que recolle un aspecto que este non regula, en concreto, a limitación da contratación de traballadores a través de empresas de traballo temporal ata un máximo do 10% do cadro de perseoal de cada unha. Non cabe, por tanto, aprecia-la nulidade que se postula do precepto.

Decidimos que estimando en parte a demanda de impugnación de convenio colectivo interposta pola Federación de Comercio, Hostelería e Turismo de CC.OO., contra os demandados FETESE-UGT de

Galicia e a asociación empresarial Abiga, debemos declarar e declaramo-la nulidade dos artigos 9, 11, 12 e 38 do convenio colectivo de ámbito interprovincial para as empresas organizadoras do xogo do bingo no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, publicado no Diario Oficial de Galicia do 21 de xaneiro de 1998. En consecuencia, condenamo-las ditas demandadas a estaren e pasaren por tal declaración de nulidade, absolvéndoas libremente do resto do pedido.

Comuníqueselle a presente sentencia a autoridade laboral e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 164 da Lei de procedemento laboral.

Notifíqueselles esta resolución ás partes e a Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, ós que se fará saber que contra esta só cabe recurso de casación que se preparará por comparecencia ou por escrito das partes ou do seu avogado ou representante ante esta sala do social, dentro dos dez días seguintes á notificación desta sentencia, de acordo co disposto nos artículos 203 e seguintes da Lei de procedemento laboral. E, unha vez firme, expídase certificación para a súa constancia no rolo que se arquivará neste tribunal, incorporándose o orixinal ó correspondente libro de sentencias.

Así, por esta nosa sentencia, pronunciámolo, mandámolo e asinámolo.

Seguen as sinaturas dos maxistrados designados no encabezamento da resolución, así como a dilixencia de publicación dela, referendada polo secretario que subscribe.

O anterior concorda ben e fielmente co orixinal ó que me remito, e para que así conste, para os efectos oportunos, expido e asino o presente edicto na Coruña o vinte de abril de mil novecentos noventa e oito.

Rubricado

5402