Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Martes, 02 de xuño de 1998 Páx. 6.004

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DE VIGO

RESOLUCIÓN do 5 de maio de 1998 pola que se convocan probas selectivas para a provisión de dúas prazas de técnico especialista en informática (operador), vacantes no cadro de persoal laboral desta universidade.

Coa finalidade de atende-las necesidades de persoal de administración e servicios, este rectorado, en uso das atribucións conferidas polo artigo 18 en relación co artigo 3 e) da Lei 11/1983, do 25 de agosto (BOE do 1 de setembro), de reforma universitaria, así como nos estatutos desta universidade, resolve convocar probas selectivas para cubrir dúas prazas de técnico especialista en informática (operador), vacantes no seu cadro de persoal laboral, con suxeición ás seguintes:

BASES DA CONVOCATORIA

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir con persoal laboral fixo dúas prazas de técnico especialista en informática (operador), incluídas no grupo III do convenio colectivo para o persoal laboral das universidades públicas de Galicia (DOG do 18 de outubro de 1996), unha polo sistema de promoción interna e unha polo de acceso xeral libre.

1.2. De non cubrirse a praza reservada a promoción interna ofertarase para a súa provisión polo sistema de acceso xeral libre.

1.3. Os aspirantes só poderán participar nun dos dous sistemas de provisión.

1.4. Os aspirantes que ingresen polo sistema de promoción interna terán preferencia sobre o resto de aspirantes para cubriren os postos que se ofertan.

1.5. O proceso selectivo constará das seguintes fases: oposición e concurso, coas probas e puntuacións que se especifican no anexo I.

1.6. A adxudicación das prazas ós aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación total obtida, sumadas ámbalas dúas fases.

1.7. O programa que rexerá as probas da fase de oposición é o que se relaciona no anexo II.

2. Requisitos de admisión.

2.1. Para seren admitidos á realización das probas selectivas, os aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos, na data de remate do prazo de presentación de solicitudes e mantelos durante todo o proceso selectivo:

a) Ser nacional dalgún dos estados membros da Unión Europea.

b) Ter cumpridos dezaoito anos de idade e non ter alcanzada a idade de xubilación.

c) Estar en posesión do título de bacharelato superior, formación profesional de segundo grao ou equivalente.

d) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

e) Non ter sido separado ou estar suspendido do servicio de calquera Administración pública nin inhabilitado para o desempeño da función pública por sentencia firme. No caso de nacionais dun Estado estranxeiro, non estar sometido a sanción disciplinaria ou condena penal que impida no seu Estado o acceso á función pública.

2.2. Os aspirantes que concorran ás probas pola quenda de promoción interna deberán reunir, ademais, os seguintes requisitos:

a) Pertencer ó cadro de persoal laboral fixo de calquera das universidades públicas de Galicia.

b) Pertencer a categoría profesional distinta á das prazas convocadas na presente convocatoria.

3. Solicitudes.

3.1. As solicitudes para tomar parte nestas probas selectivas axustaranse ó modelo que figura como anexo IV desta convocatoria e deberán presentarse achegando fotocopia do DNI ou documento acreditativo de ser nacional dun Estado membro da Unión Europea. Ademais, acreditaranse os méritos alegados da seguinte forma:

3.1.1. Os servicios prestados en calquera das universidades públicas de Galicia acreditaranse mediante certificación da xerencia correspondente, referidos á data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

3.1.2. Os cursos alegados acreditaranse mediante a presentación dos títulos e diplomas correspondentes, copia compulsada ou certificación do órgano competente de estar en condicións de obtelos na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

3.1.3. A experiencia profesional acreditarase mediante certificación da correspondente unidade de persoal da entidade ou empresa onde prestara servicios.

3.2. As solicitudes dirixiranse ó rector da Universidade de Vigo no prazo de 20 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG).

3.3. A presentación de solicitudes farase no rexistro xeral da Universidade de Vigo ou segundo as restantes formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Os aspirantes non poderán presentar máis dunha solicitude nin solicita-la súa participación nas probas selectivas, simultaneamente, en máis dun sis

tema de acceso. A contravención dalgunha desta normas determinará a exclusión dos aspirantes.

3.4. Os dereitos de exame serán de 6.880 ptas. e ingresaranse na conta corrente nº 2080-0000-74-0040225994, Universidade de Vigo. «Outros ingresos». (Caixavigo, O.P. de Vigo). Na solicitude deberá figura-lo selo da entidade bancaria acreditativo do pagamento dos dereitos de exame; a súa falta determinará a exclusión do aspirante.

En ningún caso a mera presentación da solicitude e o pagamento na entidade bancaria suporá a substitución do trámite de presentación en tempo e forma da solicitude perante o órgano expresado na base 3.2.

3.5. Os aspirantes deberán observa-las seguintes instruccións para cubri-la súa solicitude:

a) No recadro nº 2 destinado a «sistema de provisión», os aspirantes que participen polo sistema de promoción interna sinalarán a letra «P». Os aspirantes que participen polo sistema xeral de acceso libre sinalarán a letra «L».

b) Os aspirantes con minusvalidez solicitarán no recadro nº 8, as adaptacións de tempos e medios que, para a realización das probas consideren necesarias.

3.6. Os erros de feito que puideran advertirse poderán emendarse en calquera momento, de oficio ou a pedimento do interesado.

3.7. Os aspirantes quedan vinculados ós datos que fixeran constar na súa solicitude, podendo unicamente demanda-la súa modificación mediante escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 3.2. para a presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo non se admitirá ningún pedimento desta natureza, agás causa excepcional sobrevida, xustificada e discrecionalmente apreciada polo tribunal.

4. Admisión de aspirantes.

4.1. Expirado o prazo de presentación de solicitudes, o rector da Universidade de Vigo publicará no taboleiro de anuncios do rectorado, no prazo dun mes, resolución pola que se aprobe a lista provisional de aspirantes admitidos e excluídos, con expresión das causas que motivaran a exclusión e o prazo de emenda dos posibles defectos, que será de 10 días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación da devandita resolución.

4.2. Os aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non emenden a exclusión ou aleguen a omisión, xustificando o seu dereito a seren incluídos na relación de admitidos, serán definitivamente excluídos da realización das probas.

Na resolución definitiva, publicada no rectorado, indicarase así mesmo o lugar, data e hora de celebración do primeiro exercicio. Contra esta resolución, trala comunicación a este rectorado, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo de acordo co previsto na Lei 30/1992.

4.3. En todo caso co obxecto de evitar erros e, no suposto de se produciren, para posibilita-la súa emenda en tempo e forma, os aspirantes comprobarán fidedignamente non só que non figuran na lista de excluídos, senón que os seus nomes constan correctamente na relación de admitidos.

4.4. Os dereitos de exame serán reintegrados de oficio ós aspirantes que sexan excluídos definitivamente da realización das probas selectivas e cubriran os datos bancarios necesarios para face-la devolución.

5. Tribunal.

5.1. O tribunal cualificador destas probas é o que figura no anexo III desta convocatoria e terá a categoría terceira das recollidas no Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 de xuño).

5.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir, notificándoo ó rector da universidade, cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 28 da Lei 30/1992 ou se tivesen participado en tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas dentro dos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

O presidente poderá solicitar dos membros do tribunal declaración expresa de non se encontrar incursos nas circunstancias previstas nos artigos 28 e 29 da Lei 30/1992.

Así mesmo os aspirantes poderán recusa-los membros do tribunal cando concorran as circunstancias citadas.

5.3. Logo da convocatoria do presidente, constituirase o tribunal coa asistencia do presidente e o secretario, ou de se-lo caso, daqueles que os substitúan, e a metade alomenos dos seus membros. Nesta sesión, o tribunal acordará tódalas decisións que correspondan para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.

5.4. Para os efectos de celebración de sesións, deliberacións e adopción de acordos, requirirase a asistencia dos membros do tribunal especificadas no apartado anterior.

5.5. O tribunal resolverá tódalas dúbidas que puidesen xurdir na aplicación destas normas, así como o que se deba facer nos casos non previstos.

O procedemento de actuación do tribunal axustarase ó disposto na Lei 30/1992.

5.6. O tribunal poderá dispoñe-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes ós exercicios que coide pertinentes, limitándose os ditos asesores a prestar colaboración nas súas especialidades técnicas. A designación de tales asesores faraa o rector da Universidade de Vigo, por proposta do tribunal, e seralles de aplicación o previsto na base 5.2.

5.7. O tribunal cualificador adoptará as medidas precisas naqueles casos nos que resulte necesario, de forma que os aspirantes con minusvalidez gocen

de similares condicións para realizaren os exercicios có resto dos aspirantes. Para as persoas con minusvalidez que o soliciten na forma prevista na base 3.5.b), estableceranse as adaptacións posibles en tempo e medios.

5.8. O presidente do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos que non deban ser lidos sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos aspirantes. O tribunal excluirá aqueles opositores que consignen nas follas de exame marcas ou signos que permitan coñece-la súa identidade.

5.9. Para efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede no Rectorado da Universidade de Vigo, rúa Areal nº 46, teléfono 81 36 36.

5.10. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superaron as probas selectivas un número superior de aspirantes ó das prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

5.11. O tribunal, de conformidade co previsto no artigo 22.2º do convenio colectivo, poderá preve-la constitución de listas de espera, segundo a orde de puntuación acadada nas probas, cos aspirantes que non as superaran coa finalidade de atender, mediante contratacións temporais, as vacantes e necesidades que poidan producirse ata a realización da seguinte convocatoria.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación dos aspirantes iniciarase alfabeticamente polo primeiro da letra «B», de conformidade coa resolución da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 24 de marzo de 1998 (DOG do 1 de abril).

6.2. En calquera momento os aspirantes poderán ser requiridos polo tribunal coa finalidade de acredita-la súa identidade.

6.3. Os aspirantes serán convocados para cada exercicio nun único chamamento sendo excluídos da oposición os que non comparezan, agás nos casos de forza maior, debidamente xustificados e libremente considerados polo tribunal.

6.4. A publicación dos sucesivos anuncios de celebración dos exercicios será efectuada polo tribunal nos lugares onde se celebrara o anterior, así como na sede do tribunal e por calquera outro medio que se xulgue conveniente para facilita-la súa máxima divulgación, con 48 horas de antelación, polo menos, á data sinalada para a súa iniciación.

6.5. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento de que algún dos aspirantes carece dos requisitos esixidos pola pre

sente convocatoria, logo da audiencia do interesado, deberá propoñe-la súa exclusión ó rector da Universidade de Vigo, comunicándolle tamén as inexactitudes e falsidades formuladas polo aspirante na solicitude para os efectos procedentes.

7. Lista de aprobados.

7.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal fará pública nos lugares da súa celebración e no rectorado a relación de aspirantes que os superasen, con indicación da puntuación obtida e do documento nacional de identidade.

7.2. Rematada a fase de oposición, e para os aspirantes que a superaran, o tribunal fará pública a puntuación obtida na fase de concurso, que en ningún caso poderá sumarse para efectos de supera-los exercicios da oposición.

A cualificación final do proceso selectivo virá dada pola suma das puntuacións obtidas na fase de oposición e de concurso.

No caso de empate na puntuación final, dirimirase a prol do aspirante que obtivese maior puntuación na primeira parte da fase de oposición; de persisti-lo empate, acudirase á puntuación obtida na fase de concurso; en último caso, resolverase a prol do que obtivese a maior puntuación no segundo exercicio da primeira parte da fase de oposición.

O tribunal fará pública para cada sistema de acceso a lista de aspirantes que, segundo a orde de puntuación acadada por cada un deles, fosen seleccionados, que en ningún caso poderá conter un número de candidatos superior ó das prazas convocadas. Os opositores que non se atopen incluídos nas respectivas relacións terán a consideración de non apto para tódolos efectos, único extremo verbo do que o tribunal poderá certificar.

7.3. Rematado o proceso selectivo o presidente do tribunal presentará ó rector a relación definitiva de aspirantes aprobados, segundo o respectivo sistema de acceso e por orde de puntuación, xunto coa proposta de contratación a prol dos candidatos que superaran o devandito proceso, que se publicará no taboleiro de anuncios do rectorado.

7.4. Os aspirantes seleccionados deberán superar satisfactoriamente un período de proba de seis meses, de conformidade co previsto no artigo 14 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo (BOE do 29 de marzo) polo que se aproba o texto refundido la Lei do Estatuto dos traballadores.

8. Presentación de documentos.

8.1. No prazo de 20 días naturais a partir do seguinte a aquel no que se fagan públicas as relacións definitivas de aprobados, estes deberán presentar no rexistro xeral da Universidade de Vigo os seguintes documentos:

a) Fotocopia do título de bacharelato superior, formación profesional de segundo grao ou equivalente.

b) Os aspirantes que accedan polo sistema de acceso xeral libre, declaración xurada ou promesa de non ter sido separados mediante expediente disciplinario do servicio de ningunha Administración pública, nin estar inhabilitado para o exercicio da función pública.

c) Certificado médico oficial de non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

8.2. Os que tivesen a condición de persoal laboral fixo de calquera universidade pública galega estarán exentos de xustificar documentalmente as condicións e demais requisitos xa probados para acceder ó seu anterior posto, debendo presentar certificación da universidade correspondente para acreditar tal condición, de non tela presentado con anterioridade.

8.3. Os que dentro do prazo fixado, agás no caso de forza maior, non presentasen a documentación ou do exame dela se deducise que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderán ser contratados como persoal laboral fixo da Universidade de Vigo e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que tivesen incorrido por falsidade na solicitude inicial.

9. Norma derradeira.

A presente convocatoria e cantos actos administrativos se deriven dela e da actuación do tribunal poderán ser impugnados nos casos e na forma establecidos na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Ademais, a Universidade de Vigo poderá, de se-lo caso, proceder á revisión das resolucións do tribunal consonte o previsto na devandita lei.

Vigo, 5 de maio de 1998.

José Antonio Rodríguez Vázquez

Rector da Universidade de Vigo

ANEXO I

Exercicios e valoración

A) Fase de oposición.

Primeira parte:

A primeira parte do proceso selectivo desenvolverase en dous exercicios, obrigatorios e eliminatorios.

Primeiro exercicio: consistirá na realización por escrito dun cuestionario de preguntas tipo test, con catro respostas alternativas, das que só unha será correcta, baseado no contido da primeira parte do programa (que se relaciona no anexo II).

O tempo máximo de realización deste exercicio será de 180 minutos.

Cualificarase de 0 a 130 puntos. Para superalo será necesario obter 65 puntos.

Cada resposta errónea descontará sobre o valor da resposta acertada:

-Un 33% no primeiro 10% de respostas erróneas, sobre o total das preguntas formuladas.

-Un 50% no segundo 10% de respostas erróneas, sobre o total das preguntas formuladas.

-Un 67% nas restantes respostas erróneas, sobre o total das preguntas formuladas.

Segundo exercicio: consistirá na resolución dunha serie de supostos prácticos ou a realización de exercicios prácticos, baseados no contido da primeira parte do programa.

Cualificarase de 0 a 130 puntos, sendo necesario obter 65 puntos para superalo.

Segunda parte:

a) Quenda de promoción interna:

Exercicio único: consistirá na traducción dun texto do castelán para o galego. Terá carácter selectivo e non eliminatorio.

Cualificarase ata un máximo de 20 puntos. O tempo máximo de realización será de 30 minutos.

b) Acceso xeral libre:

Primeiro exercicio: consistirá en traducir do inglés para o castelán e auxiliados de diccionario, un texto facilitado polo tribunal. Este exercicio terá carácter selectivo e non eliminatorio.

Cualificarase ata un máximo de 20 puntos. O tempo máximo de realización será de 30 minutos.

Segundo exercicio: consistirá en traducir para o galego un texto en castelán facilitado polo tribunal. Terá carácter selectivo e non eliminatorio.

Cualificarase ata un máximo de 20 puntos. O tempo máximo de realización será de 30 minutos.

Terceiro exercicio: consistirá en responder por escrito a un cuestionario de preguntas tipo test, con catro respostas alternativas, das que só unha será correcta, baseado no contido da segunda parte do programa. Cada resposta errónea descontará de acordo coas regras establecidas para o primeiro exercicio da primeira parte. Terá carácter selectivo e non eliminatorio.

Cualificarase ata un máximo de 20 puntos. O tempo máximo de realización será de 30 minutos.

B) Fase de concurso.

Cualificarase ata un máximo de 80 puntos. A valoración da fase de concurso realizarase do seguinte xeito:

Quenda de promoción interna:

1) Antigüidade en postos de categoría distinta ós convocados, en calquera das universidades públicas

de Galicia, a razón de 1 punto por mes traballado, ata un máximo de 40 puntos.

2) Cursos de formación e perfeccionamento, impartidos por centros e organismos docentes ou investigadores públicos e que estean directamente relacionados cos temas incluídos na primeira parte do programa. Os certificados de asistencia valoraranse con 2 puntos e os de aptitude con 5 puntos, ata un máximo de 20 puntos.

3) Entrevista. Valorarase ata un máximo de 20 puntos.

Quenda de acceso xeral libre:

1) Experiencia en postos de traballo da mesma categoría ou equivalente. Valorarase a razón de 1 punto por mes traballado ata un máximo de 40 puntos.

2) Cursos de formación e perfeccionamento, impartidos por centros e organismos docentes ou investigadores públicos e que estean directamente relacionados cos temas incluídos na primeira parte do programa. Os certificados de asistencia valoraranse con 2 puntos e os de aptitude con 5 puntos, ata un máximo de 20 puntos.

3) Entrevista. Valorarase ata un máximo de 20 puntos.

ANEXO II

Programa

Primeira parte:

1. Operación en sistemas Solaris 2.x e Microsoft Windows NT 4.0.

1.1. Copias de seguridade: dispositivos de copia. Manipulación de dispositivos de copia. Formatos e tipos de copias de seguridade. Recuperación de datos. Políticas de copia.

l.2. Impresión: dispositivos de impresión. Manipulación de dispositivos de impresión. Impresión compartida, colas de impresión, privilexios e prioridades.

1.3. Mantemento do sistema: comandos básicos e operacións co sistema operativo. Automatización de tarefas básicas mediante scripts. Privilexios de usuario e grupos. Mantemento de contas de usuario. Monitorización do sistema.

2. Comunicacións básicas. TCP/IP e servicios asociados. Encamiñamento: routers, hubs, etc. A rede ETHERNET.

3. Microinformática: arquitectura do PC. Instalación e configuración de dispositivos hardware. Instalación e configuración de paquetes software. Sistemas operativos: Ms-Dos 6.22, Windows 3.11, Windows 95, Windows NT,Workstation 4.0 e Windows NT Server 4.0.

Ofimática: procesadores de texto, follas de cálculo, presentacións.

4. Bases de datos relacionais: concepto e características. A linguaxe SQL. Copias de seguridade en INFORMIX-Online e SQL-SERVER 6.5. Monitorización de INFORMIX-Online e SQL-SERVER 6.5. Confección de informes en INFORMIX-4GL 6.04 e INFORMIX-ISQL 6.04.

5. World Wide Web: HTML 4.0.

Segunda parte:

1. Réxime xurídico da Universidade de Vigo: Lei de reforma universitaria e estatutos da Universidade de Vigo. Estructura e órganos da Universidade de Vigo.

2. Réxime xurídico do persoal laboral ó servicio da Universidade de Vigo: III Convenio colectivo do persoal laboral das universidades públicas de Galicia.

ANEXO III

Tribunal

Titular:

Presidente: Andrés Ramón Trillo García, xerente da Universidade de Vigo.

Vocais:

José Tojo Suárez, catedrático da Universidade de Vigo.

José Francisco Rodríguez de la Concepción, analista informático.

Carlos Román Lago, en representación do comité de empresa.

Luis Pérez Gómez, en representación do comité de empresa.

Secretario: Fernando Cuadrado Rodríguez, xefe da Sección de Xestión de Persoal, Nóminas e Seguros Sociais.

Suplente:

Presidente: Arturo Casar Sarasola, analista informático.

Vocais:

Manuel Ramos Cabrer, profesor asociado da Universidade de Vigo.

Cándido López García, profesor titular da Universidade de Vigo.

Carlos Mollinedo Lois, en representación do comité de empresa.

Cándido Pérez Betanzos, en representación do comité de empresa.

Secretaria: Mª del Carmen Pérez Martínez, xefa do Negociado de Prazas PAS.

4459