Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Luns, 18 de maio de 1998 Páx. 5.370

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 5 de maio de 1998 pola que se convocan subvencións a empresas para a producción audiovisual en lingua galega.

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo establece subvencións para a producción audiovisual, co fin de potencia-la existencia en Galicia dunha auténtica industria da imaxe.

Con estas axudas á producción en lingua galega inténtase apoia-la realización de proxectos competitivos nos mercados nacionais e internacionais. Por todo isto,

DISPOÑO:

I. Bases xenéricas para a concesión das subvencións.

Artigo 1º

Convócanse subvencións, mediante réxime de concorrencia competitiva, para apoia-la realización de produccións audiovisuais en lingua galega.

As subvencións financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 10.04.353C.770 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998, nos que existe un crédito para este efecto por un importe de 70.000.000 de ptas.

Naquelas bases específicas nas que se indique expresamente, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo poderá comprometer outras fases de realización dos proxectos, ó amparo do disposto no artigo 58 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, ata un máximo de 30 millóns para o exercicio de 1999 e 20 millóns para o exercicio do 2000.

Artigo 2º

Poderán optar a estas subvencións as productoras legalmente constituídas como tales, con enderezo social en Galicia. Tódalas solicitudes deben cumpri-los requisitos establecidos nesta orde.

Quedan excluídos os solicitantes que anteriormente recibisen algunha outra subvención da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e non xustificasen o seu investimento, así como proxectos encargados por terceiras persoas e as produccións didácticas e publicitarias.

Artigo 3º

As solicitudes faranse mediante instancia dirixida ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, segundo os modelos que figuran como anexos desta orde, e presentarana no rexisto xeral de Cultura, Comunicación Social e Turismo ou nos rexistros das delegacións provinciais, sen prexuízo dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da

vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Acompañarase a seguinte documentación:

a) DNI do representante ou solicitante e acreditación suficiente da representación que exerza mediante poder notarial debidamente inscrito.

b) Documentación acreditativa da constitución legal da empresa, do seu domicilio social en Galicia e da súa inscrición no Rexistro Mercantil.

c) Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal.

d) Documentación acreditativa da inscrición no correspondente rexistro de empresas do Instituto de Cinematografía e Artes Audiovisuais.

e) Documento acreditativo de estar ó día no pagamento do imposto de actividades económicas.

A documentación que se achegará á solicitude ou que sexa requirida no seu momento para a tramitación dun expediente, presentarase en orixinal ou mediante fotocopia compulsada.

A esta documentación de carácter xeral engadiráselle a sinalada nas correspondentes bases específicas da presente orde.

Artigo 4º

As solicitudes deberán presentarse, segundo o modelo que figura nos anexos, no prazo de trinta días naturais contados a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo resultase ser sábado ou festivo, poderase presentar ó seguinte día hábil.

Artigo 5º

Correspóndelle ós servicios competentes da Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual a instrucción dos procedementos para a concesión das subvencións. Para a avaliación dos proxectos presentados constituirase unha comisión asesora nomeada polo conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que estará presidida polo director xeral de Comunicación Social e Audiovisual e composta polos seguintes vocais:

-Un vocal en representación da CRTVG.

-Dous vocais en representación do sector audiovisual.

-Un vocal en representación das universidades de Galicia.

-Un vocal en representación do Centro Galego de Artes da Imaxe.

-Un vocal da Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual.

-Actuará como secretario, con voz e sen voto, un funcionario da Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual.

Artigo 6º

A comisión avaliadora poderá requirir dos solicitantes canta documentación complementaria con

sidere precisa e atenderá para a súa valoración ós criterios que figuran no artigo 16º desta orde.

Os membros da comisión presentarán os seus informes previos dos proxectos, valorando cada criterio en catro niveis: moi favorable, favorable, pouco favorable e desfavorable, así como a cantidade de axuda que propoñen para cada proxecto.

A comisión elaborará un informe conxunto sobre os proxectos presentados á vista do cal, o director xeral de Comunicación Social e Audiovisual elevará a proposta de concesión de axudas, dentro das dispoñibilidades económicas, ó conselleiro de Cultura, Comunicación social e Turismo, que resolverá poñendo fin á vía administrativa.

Artigo 7º

Notificada a resolución de subvención, os beneficiarios deberán manifestar por escrito a súa aceptación. De non recibirse a aceptación no prazo de dez días naturais entenderase que o beneficiario renuncia á subvención concedida.

Artigo 8º

Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destina-los fondos percibidos para o obxecto concreto para o que foron concedidos. A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo poderá realiza-las oportunas comprobacións para o mellor coñecemento da efectiva realización do proxecto obxecto de axuda.

Artigo 9º

O pagamento das subvencións realizarase de acordo coas disposicións orzamentarias que lle sexan de aplicación.

Para proceder a calquera pagamento os beneficiarios deberán presentar certificacións acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o disposto no artigo 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Artigo 10º

O incumprimento por parte do beneficiario de calquera requisito desta orde facultará a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo para instruír expediente sancionador, conforme o previsto na vixente Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; se procede, anulará os beneficios concedidos e solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houbese, segundo o procedemento que establece o Regulamento xeral de recadación.

Artigo 11º

De non notificarse resolución favorable no prazo de tres meses a partir da finalización do prazo de presentación de solicitudes, entenderase desestima

da a petición correspondente; o solicitante poderá, a partir desta data, retira-la documentación presentada nos trinta días seguintes. Transcorrido este prazo, arquivarase sen máis trámite.

II. Bases específicas para a concesión das subvencións á producción audiovisual en lingua galega.

Artigo 12º

As subvencións á producción audiovisual en lingua galega destínanse á realización de proxectos cinematográficos, videográficos ou multimedia.

Poderán optar a estas subvencións as productoras audiovisuais e empresas de producción multimedia legalmente constituídas como tales, con enderezo social en Galicia. No caso de productoras cinematográficas, deberán estar inscritas no rexistro oficial do Instituto de Cinematografía e Artes Audiovisuais.

Artigo 13º

Para aqueles proxectos que a empresa solicitante considere que teñen carácter plurianual, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo poderá comprometer outras fases de realización do proxecto, en virtude do disposto no artigo 58 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Artigo 14º

Para efectos de clasificación dos proxectos, terán a consideración de curtametraxes as produccións cinematográficas de duración inferior a sesenta minutos; longametraxes, as produccións cinematográficas de duración igual ou superior a sesenta minutos; vídeo-creación, os proxectos que expresen unha clara vontade de experimentación formal; documentais, as produccións informativas dalgún aspecto da realidade sen empregar como principal instrumento a ficción; programas piloto de series de televisión, os que tendan a mostrar mediante un capítulo a viabilidade dun proxecto de serie televisiva; produccións multimedia, as que conxuguen o emprego de medios informáticos e audiovisuais tanto na súa elaboración como no seu consumo.

Artigo 15º

Ademais da documentación sinalada no artigo 3 da presente orde, achegarase a seguinte documentación, en calquera dos idiomas oficiais da Comunidade Autónoma.

Cinco exemplares:

1. Memoria explicativa (2 páx. máximo).

2. Sinopse do proxecto (2 páx. máximo).

3. Historial da empresa e relación de membros do equipo.

4. Plan de producción con orzamento total.

5. Plan de financiamento, con expresión das achegas doutras entidades, organismos ou institucións e documentalmente acreditado.

Un exemplar:

1. Calendario de investimentos para a execución do traballo, indicando a parte correspondente que se vai executar cada ano no caso de proxectos plurianuais.

2. Documentación compulsada de que o proxecto é obra orixinal e/ou de posuí-los dereitos suficientes do guión, obra literaria ou calquera outro medio que requira a obtención de dereitos ou opción de compra sobre eles.

3. Guión definitivo da producción.

4. Calquera outra documentación que o solicitante coide pertinente para a mellor defensa do proxecto.

Os modelos para a presentación da documentación estarán á disposición dos solicitantes nas delegacións da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Artigo 16º

A Comisión Asesora terá en conta para a elaboración do informe os seguintes criterios:

-Calidade do proxecto (grao de desenvolvemento, elaboración, axuste entre o proxecto e o orzamento, presentación a outras convocatorias de axuda).

-Utilización de recursos de Galicia (persoal artístico, técnico e servicios instalados en Galicia, así como a rodaxe na Comunidade Autónoma).

-Viabilidade do proxecto (grao de financiamento garantido, % de axuda solicitada, compromisos de distribución).

-Capacidade empresarial do solicitante ou grupo de empresas que respalda o proxecto (facturación, proxectos realizados, persoal).

-Calidade artística (orixinalidade e creatividade do proxecto).

Artigo 17º

A contía das subvencións quedará determinada da seguinte forma:

1. Proxectos de curtametaxe: ata o 60% do custo total.

2. Proxectos de longametraxe: ata o 40% do custo total.

3. Proxectos de vídeo-creación: ata o 60% do custo total.

4. Proxectos de documentais: ata o 60% do custo total.

5. Proxectos de programas piloto de series de televisión: ata o 50% do custo total.

6. Proxectos de producción multimedia: ata o 60% do custo total.

Artigo 18º

18º.1. As produccións subvencionadas terán que axustarse fielmente ó proxecto presentado. Calquera modificación no proxecto ou no equipo técnico e artístico deberá ser notificada á Consellería de Cultura, Ccomunicación Social e Turismo que decidirá o que proceda e adoptará as medidas que considere procedentes.

18º.2. As productoras subvencionadas deberán comunicarlle á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo a data de iniciación e finalización da rodaxe ou gravación da producción subvencionada, no caso de que estas varíen respecto das previsións do proxecto.

Artigo 19º

As productoras subvencionadas quedarán obrigadas a presentar un resumo dos investimentos realizados antes do 15 de novembro de cada exercicio económico do que se trate, entregando á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo xustificación do investimento efectuado mediante as facturas de gastos realizados e, no último ano, ademais da xustificación correspondente, a entrega de dúas copias da producción resultante e un vídeo promocional á Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Nos títulos de crédito da producción, así como en toda a publicidade que dela se faga, farase constar que a producción foi subvencionada pola Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual, Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, segundo a normativa da imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

Artigo 20º

As copias entregadas á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo que sempre deberán ser en lingua galega, quedarán depositadas no Centro Galego de Artes da Imaxe da Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual, para a súa conservación e uso con fins culturais e de promoción do audiovisual galego. Para tal fin, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo poderá realizar cantas copias considere precisas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Comunicación Social e Audiovisual para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de maio de 1998.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación

Social e Turismo

3977