Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Venres, 08 de maio de 1998 Páx. 4.904

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 128/1998, do 30 de abril, polo que se modifica o Decreto 262/1994, do 29 de xullo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

A reforma administrativa emprendida pola Xunta de Galicia desde o ano 1990 esixe a adopción de certas medidas que levan consigo necesariamente a racionalización das distintas unidades administrativas que conforman a Administración autonómica en orde a acadar unha maior eficiencia na asignación dos recursos e unha maior eficacia na prestación dos servicios públicos ós cidadáns; é dicir, o mellor servicio ó menor custo.

Algunhas desas medidas xa foron acometidas, como a implantación dun sistema informático integral de xestión dos procedementos administrativos tramitados por instancia de parte ante a Administración autonómica de Galicia, unha completa información ó cidadán, os servicios de resposta inmediata Seri e a formación do persoal ó servicio daquela Administración.

Outras, atópanse en pleno proceso de implantación, como é a avaliación do rendemento das unidades administrativas, sistema que vai permitir coñecer con exactitude a súa carga de traballo e o seu custo, e tamén, por suposto, o establecemento de incentivos económicos a aquelas unidades máis eficientes.

A experiencia adquirida nestes últimos anos e a consolidación da reforma administrativa, aconsellan introducir certos cambios na organización administrativa que permitan á Inspección Xeral de Servicios dirixir directamente os traballos que a antedita reforma implica, buscando nos órganos de xestión ó apoio que inevitablemente aquela reforma esixe.

Dentro deste esquema considérase necesario suprimi-los servicios de coordinación da reforma administrativa adscritos organicamente ás delegacións provinciais da Consellería da Presidencia e Administración Pública, asignando as súas funcións ás secretarías provinciais das devanditas delegacións, o que leva consigo unha reducción de custos de persoal sen merma da desexada eficacia dos servicios públicos.

En consecuencia, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública, previo informe da Inspección Xeral de Servicios e da Consellería de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta de abril de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Extínguense os servicios de coordinación da reforma administrativa adscritos organicamente ás dele

gacións provinciais da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Artigo 2º

As funcións encomendadas ós servicios extinguidos ós que fai referencia o artigo anterior serán exercidas polas secretarías provinciais das delegacións provinciais da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Disposición adicional

Os titulares dos servicios extinguidos quedan a disposición do conselleiro da Presidencia e Administración Pública.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto no presente decreto, e, en particular, o apartado 2º do artigo 26 do Decreto 262/1994, do 29 de xullo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro da Presidencia e Administración Pública para dicta-las disposicións que considere necesarias para o desenvolvemento do disposto no presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de abril de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

3890