Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Mércores, 29 de abril de 1998 Páx. 4.518

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 22 de abril de 1998, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se someten a información pública os proxectos de ecoplanta de Vilaboa e canalización do río Tomeza.

Mediante resolucións da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, do 9 de febreiro de 1998 e do 25 de febreiro de 1998, e ó abeiro do previsto no artigo 2.4º do Decreto 327/1991, do 4 de outubro, de avaliación de efectos ambientais para Galicia, sometéronse respectivamente a información pública os proxectos da ecoplanta de Vilaboa e de canalización do río Tomeza.

A transcendencia social dos expedientes, a súa complexidade técnica e o desexo de obter unha efectiva participación dos sectores sociais implicados, unido á especial relevancia que o artigo 24.2º da Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, atribúe ó trámite de información pública facilitando a presentación de alegacións, suxestións e propostas alternativas, aconsellan que se abra un novo período de información pública polo prazo de vinte días previsto no artigo 86.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, co fin de que as observacións ata agora presentadas poidan unirse novas alegacións ós proxectos. Na súa virtude,

RESOLVO:

Primeiro.-Someter á información pública, durante o período de vinte días hábiles contados a partir da publicación da presente resolución, os estudios de efectos ambientais dos proxectos da ecoplanta de Vilaboa e de canalización do río Tomeza.

Segundo.-Un exemplar dos plans estará á disposición dos administrados, para os referidos efectos informativos, nas seguintes dependencias:

* Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental; Rúa dos Feáns, 1-3, 15706-Santiago de Compostela.

* Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente da provincia de Pontevedra; r/ Benito Corbal, 47-3º, 36071 Pontevedra.

* Casa do Concello de Vilaboa; r/ Toural, 36141-Vilaboa.

Terceiro.-Poderán formularse novas alegacións ós proxectos durante un período de 20 días.

Cuarto.-Unha vez rematado o mencionado prazo, remitiranse os expedientes coas correspondentes alegacións á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Santiago de Compostela, 22 de abril de 1998.

Francisco Pan-Montojo González

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

3733