Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Mércores, 29 de abril de 1998 Páx. 4.502

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 21 de abril de 1998 pola que se convocan unhas xornadas sobre empresa agraria e Administración pública.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para 1998 e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse unhas xornadas sobre empresa agraria e Administración pública, que deberán desenvolverse conforme ás seguintes bases:

1. Obxectivos.

Reflexionar e debate-las cuestións derivadas da intervención dos órganos da Administración publica nas explotacións agrarias, tanto no seu réxime xurídico e empresarial como en materia de producción e comercialización de productos, analizando, así mesmo, o alcance e significado da Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización das explotacións agrarias.

2. Contido.

Trataranse, entre outros, estes temas:

-Empresa agraria, producción e Administración pública.

-Contratación agraria en Galicia e intervención administrativa.

-Alcance e significado da Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización das explotacións agrarias.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio de calquera das administracións públicas galegas e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: as xornadas convocadas terán lugar no salón de actos do edificio politécnico da Universidade de Ourense (campus universitario das Lagoas, da citada cidade), os días 21 e 22 de maio.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o luns, día 18 de maio de 1998.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, rúa de

Madrid, 2-4-15707 Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: (981) 54 63 37.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando, a partir do día 18 de maio, por teléfono de 10 a 14.45 horas, ós seguintes números: (981) 54 62 39 ou (981) 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a de cancelalas se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles ó remate destas xornadas a aqueles asistentes que concorresen asiduamente ás mesmas, cando a súa inasistencia non sexa igual ou superior ó 15% das horas lectivas programadas, e expresarase neste documento a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 1998.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública

3663