Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Martes, 28 de abril de 1998 Páx. 4.443

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 16 abril de 1998 pola que se convoca o procedemento para que os funcionarios de carreira do corpo de mestres poidan adquirir novas habilitacións.

O título III do Real decreto 850/1993, do 4 de xuño, regula o procedemento para a adquisición de novas especialidades, establecendo, no seu artigo 40, que os funcionarios do corpo de mestres poderán obte-la habilitación para o exercicio de novas especialidades dentro do mesmo corpo, especialidade que se obterá mediante a realización de dunha proba.

Na súa virtude, esta consellería acorda anuncia-la convocatoria para a adquisición de novas especialidades.

Sección primeira.-Convocatoria.

1 .Ábrese a convocatoria para que os funcionarios de carreira do corpo de mestres, directamente dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, poidan adquirir, de acordo co título III do Real decreto 850/1993, do 4 de xuño, novas habilitacións para o exercicio das especilidades que a continuación se sinalan:

Educación infantil.

Idioma estranxeiro-Inglés.

Idioma estranxeiro-Francés.

Educación física.

Educación musical.

Educación especial-Pedagoxía terapéutica.

Educación especial-Audición e linguaxe.

A este procedemento seralle de aplicación o Real decreto 850/1993, do 4 de xuño, polo que se regula o ingreso e a adquisición de novas especialidades nos corpos de funcionarios docentes a que se refire a Lei orgánica 1/1990 e o disposto na presente convocatoria.

2. As probas do procedemento que se convocan terán lugar na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Santiago de Compostela, sen prexuízo de que non se realicen probas dalgunha especialidade nalgunha das localidades citadas. Na resolución pola que se nomeen os tribunais sinalarase a localidade ou localidades nas que deberán facerse as probas.

Sección segunda.-Requisitos dos candidatos.

3 .Para seren admitidos ó procedemento de habilitación, os aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos:

-Ser funcionario de carreira do corpo de mestres con destino no ámbito de xestión da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-No caso de funcionarios en situación de excedencia voluntaria, dos adscritos a postos da función inspectora e dos adscritos a prazas no exterior ou análogos, o cumprimento deste requisito entenderase referido ó último centro de destino inmediatamente anterior.

Estes requisitos deberán posuírse no día da finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Sección terceira.-Solicitudes.

4. Forma. Aqueles que desexen tomar parte neste procedemento deberán facelo constar na instancia, conforme o modelo oficial, que lles será facilitado gratuitamente nas delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e na Dirección Xeral de Persoal desta mesma consellería.

5. Órgano a quen se dirixe. As solicitudes dirixiranse ó director xeral de Persoal da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

6. Lugar de presentación. A presentación de solicitudes farase na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou nas súas delegacións provinciais.

Así mesmo, poderán presentarse nas oficinas a que se refire o artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Estas oficinas veñen obrigadas, dentro das vintecatro horas a partir da súa presentación, a remiti-las instancias recibidas á delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da provincia consignada no recadro número 1.3 da instancia.

7. Prazo de presentación. O prazo será de vinte días naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

8. Importe dos dereitos de exame. Polos dereitos de exame aboaranse 8.770 pesetas. O importe dos dereitos de exame e, se é o caso, os gastos de transferencia correspondentes farase utilizando o impreso de autoliquidación sinalado no anexo I. O dito impreso facilitaráselles ós interesados xunto co impreso de solicitude, e deberá cubrirse cos códigos que figuran no referido anexo.

A non presentación deste anexo, no que figure o selo da entidade bancaria, determinará a exclusión do aspirante.

En ningún caso a presentación deste anexo suporá substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude perante o órgano expresado no número 5 da presente orde.

9. Erros nas solicitudes. Os erros materiais, de feito ou aritméticos, que puidesen advertirse poderanse emendar en calquera momento, de oficio ou por petición do interesado, conforme o determina o artigo 105.2º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sección cuarta.-Admisión de candidatos.

10. Lista provisional. Rematado o prazo de presentación de instancias, a Dirección Xeral de Persoal fará pública, no Diario Oficial de Galicia, a lista provisional de admitidos e excluídos.

Nesta lista deberán aparece-lo nome, apelidos e número de documento nacional de identidade.

11. Reclamacións contra a lista provisional. Contra a lista provisional os interesados poderán interpoñer, no prazo máximo de dez días naturais a partir da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, as reclamacións que coiden oportunas, de acordo co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

12. Lista definitiva. As reclamacións presentadas serán aceptadas ou rexeitadas na resolución pola que se aprobe a lista definitiva de admitidos e excluídos, que se fará pública no Diario Oficial de Galicia.

13. Recurso contra a lista definitiva. Contra a resolución que aprobe a lista definitiva de admitidos

e excluídos, os interesados poderán interpoñer recurso ordinario perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

14. Reintegro dos dereitos de exame. Os dereitos de exame serán reintegrados por petición dos aspirantes que fosen excluídos definitivamente da realización das probas, por falta dalgún dos requisitos para tomaren parte nas ditas probas.

Sección quinta.-Órganos de selección.

15. A valoración da proba desta convocatoria será realizada por tribunais nomeados pola Dirección Xeral de Persoal da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, unha vez pechado o prazo de solicitudes, nomeamento que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

16. Composición dos tribunais. De acordo co disposto no artigo 7.3º e 7.4º do Real decreto 850/1993, do 4 de xuño, os tribunais estarán compostos por funcionarios de carreira en activo dos corpos docentes ou do corpo de inspectores ó servicio da Administración educativa en número impar, non inferior a cinco. Para o presente procedemento fíxase a composición de tódolos tribunais en cinco membros.

A totalidade dos membros dos tribunais pertencerán a corpos de igual ou superior grupo de clasificación que o que se corresponde co corpo de mestres.

Na designación dos tribunais que teñan que xulgar cada unha das áreas terase en conta o principio de especialidade. De acordo con isto, a maioría dos seus membros deberá ser titular da especialidade obxecto do proceso selectivo.

Os tribunais estarán integrados por:

Un presidente, designado directamente pola Dirección Xeral de Persoal da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria; catro vocais designados por sorteo público entre os funcionarios do corpo de mestres que conten coa especialidade correspondente.

Actuará como secretario o vocal de menor antigüidade no corpo, agás que o tribunal acorde determinalo doutra maneira.

Por cada tribunal designarase, polo mesmo procedemento, un tribunal suplente.

17. De conformidade co artigo 11.1º do Real decreto 850/1993, do 4 de xuño, a participación nos órganos de selección ten carácter obrigatorio.

18. Abstención. Os membros dos tribunais deberán absterse de intervir, notificándollo á Dirección Xeral de Persoal, cando concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 28 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Do mesmo xeito, de acordo co artigo 11.2º do Real decreto 850/1993, do 4 de xuño (BOE do 30), deberán absterse de intervir aqueles membros dos tribunais que realizaron tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas de acceso a corpos ou escalas do grupo B nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

Os presidentes poderán esixir dos membros do tribunal declaración expresa de non estaren incursos nas circunstancias previstas nos dous parágrafos anteriores.

19. Recusación. Os aspirantes poderán recusa-los membros do tribunal de acordo co artigo 29 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, cando concorran nestes as circunstancias previstas no punto anterior.

20. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publicará no Diario Oficial de Galicia resolución pola que se nomean novos membros do tribunal que deberán substituí-los que perderon a súa condición por algunha das causas previstas nesta convocatoria.

21. Constitucións dos tribunais.

21.1. Logo da convocatoria do presidente, constituiranse os tribunais con asistencia, polo menos, da maioría dos seus membros, titulares ou suplentes. Na resolución de designación dos tribunais ós que se alude no punto 15 desta convocatoria determinarase o prazo no que celebrarán a súa sesión de constitución.

Na dita sesión os tribunais acordarán tódalas decisións que lles correspondan para o correcto desenvolvemento do proceso selectivo.

21.2. A suplencia do presidente será autorizada, se é o caso, pola Dirección Xeral de Persoal; a dos vocais polo presidente que vai actuar, tendo en conta que deberá recaer no vocal suplente respectivo ou, no seu defecto, nos que o sigan segundo a orde en que figuren na disposición que os nomeou.

22. Unha vez constituído o tribunal e comezados os exercicios, este poderá actuar ata con tres membros, titulares ou suplentes, indistintamente.

23. Os tribunais resolverán tódalas dúbidas que poidan xurdir na aplicación destas normas, así como todo o que se deba facer nos casos non previstos.

O procedemento de actuación dos tribunais axustarase en todo momento ó disposto na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

24. Os tribunais adoptarán as medidas precisas de forma que os aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para a realización dos exercicios que o resto dos participantes. Neste sentido estableceranse, para as persoas con discapacidade que o soliciten nas instancias, as adaptacións posibles de tempo e medios para a súa realización.

25. Para os efectos previstos no artigo 26.2º do Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 de

xuño), estes tribunais consideraranse incluídos na categoría segunda.

26. Funcións dos tribunais. Correspóndelles ós tribunais:

-A valoración dos coñecementos propios e específicos do ámbito cultural, científico ou artístico da especialidade ós que se refiren os artigos 23 e 40 do Real decreto 850/1993.

-Elaboración da proba á que alude a sección sexta desta convocatoria.

-A elaboración e publicación das listas dos aspirantes que foron declarados apto así como remisión delas ó órgano convocante.

Sección sexta.-Sistema de habilitación.

27. Conforme o disposto no artigo 40 do Real decreto 850/1993, do 4 de xuño, o sistema de habilitación consistirá na realización dunha proba que terá por obxecto valorar tanto os coñecementos sobre a materia como os recursos didácticos e pedagóxicos dos candidatos. Esta proba dividirase en dúas partes:

1ª parte: o contido de carácter práctico e que se axustará, para cada especialidade, ó disposto no anexo II desta orde. O tempo asignado para a realización desta proba será establecido polos tribunais.

2ª parte: constará da exposición oral dun tema da especialidade á que se opta, elixido polo candidato entre catro extraídos ó chou dos que compoñen a parte A do temario publicado pola Orde do 9 de setembro de 1993 (BOE do 21); a exposición terá dúas partes, a primeira delas versará sobre os aspectos científicos do tema. Na segunda o opositor deberá facer referencia á relación do tema co currículo oficial do ámbito educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e desenvolverá un aspecto didáctico deste aplicado a un determinado nivel previamente establecido por el. Finalizada a exposición, o tribunal poderá realizar un debate co candidato sobre o contido da súa intervención.

A exposición e debate referidos no parágrafo anterior terán unha duración máxima, respectivamente dunha hora e quince minutos. O aspirante disporá de dúas horas para a súa preparación, podendo utilizar nela o material que estime oportuno.

Sección sétima.-Comezo e desenvolvemento das probas.

28. Comezo. O proceso establecido nesta orde de convocatoria dará comezo coa 1ª parte da proba establecida na sección sexta.

No seu momento a Dirección Xeral de Persoal publicará o día da realización da citada proba, que en todo caso non será anterior ó día 25 de xuño de 1998.

Os aspirantes serán convocados, a través do Diario Oficial de Galicia, para o acto de presentación e a realización da 1ª parte da proba, con 10 días naturais de antelación, como mínimo, indicando data, hora e lugar no que se realizarán estes actos

Non será obrigatoria a publicación dos sucesivos chamamentos dos aspirantes no Diario Oficial de Galicia.

Estes anuncios deberá facelos públicos o tribunal nos locais nos que se celebrou a 1ª parte da proba, con 12 horas de antelación.

29. De conformidade co resultado do sorteo celebrado con data do 24 de marzo de 1998 na Consellería da Presidencia e Administración Pública, a orde de actuación dos opositores iniciarase alfabeticamente por aqueles que teñan como inicial do primeiro apelido a letra B ou polos inmediatamente seguintes no caso dos tribunais que non teñan aspirantes con primeiro apelido que empece por esa letra.

O tribunal poderá requirir en calquera momento ós aspirantes para que acrediten a súa identidade.

Os aspirantes serán convocados para o acto de presentación e para cada unha das partes de que consta a proba en único chamamento, e serán excluídos do proceso selectivo os que non comparezan, agás nos casos de forza maior debidamente xustificados e libremente apreciados polo tribunal.

Se en calquera momento do proceso selectivo os tribunais teñen coñecemento de que algún dos aspirantes non posúe algún dos requisitos esixidos pola presente convocatoria, logo de audiencia ó interesado, deberán propoñe-la súa exclusión ó director xeral de Persoal, comunicándolle, así mesmo, as inexactitudes ou falsidades formuladas polo aspirante na solicitude de admisión ás probas selectivas, para os efectos procedentes.

Contra a exclusión do aspirante poderá interpoñerse recurso ordinario perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

Sección oitava.-Cualificación.

30. Valoración da proba. Os tribunais valorarán a proba como apto ou non apto, e obterán a nova ou novas especialidades unicamente os aspirantes cualificados con apto.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publicará no Diario Oficial de Galicia a orde coa lista única de aspirantes que acadaron unha nova especialidade.

Publicada a antedita lista, as delegacións provinciais expediranlles ós interesados a credencial de habilitación.

Santiago de Compostela, 16 de abril de 1998.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO II

A proba á que fai referencia o punto 28 da presente orde de convocatoria desenvolverase por escrito coa duración que establezan os tribunais.

Educación infantil.

Poderá versar sobre un ou varios dos aspectos seguintes:

-Etapas máis significativas no desenvolvemento do neno de 0 a 6 anos.

-Correntes pedagóxicas e psicolóxicas e influencia na educación infantil.

-Conceptos básicos que debe domina-lo neno previos á lecto-escritura.

-Metodoloxía sobre a prelectura e a preescritura.

-Resolución ou fundamentación teórica dun caso práctico proposto polo tribunal.

E.E. Pedagoxía Terapéutica.

Poderá versar sobre un ou varios dos aspectos seguintes:

-Organización da integración escolar nun centro ordinario que escolariza alumnos con necesidades educativas especiais.

-Características fundamentais do proxecto curricular dun centro específico de educación especial.

-Criterios básicos para a elaboración de adaptacións curriculares.

-Resolución ou fundamentación teórica dun caso práctico proposto polo tribunal.

E.E. Audición e Linguaxe.

Poderá versar sobre un ou varios dos aspectos seguintes:

-Resolución ou fundamentación teórica dun caso práctico proposto polo tribunal.

-Criterios básicos para a elaboración de adaptacións curriculares.

-Bases anatómicas, fisiolóxicas e neurolóxicas da linguaxe.

-A estimulación precoz na adquisición e desenvolvemento da linguaxe.

-Sistemas alternativos de comunicación.

Filoloxía Inglesa.

Incluirá:

-Traducción directa.

-Traducción inversa.

Filoloxía Francesa.

Incluirá:

-Traducción directa.

-Traducción inversa.

Educación Física.

Incluirá:

-Resolución dun ou varios supostos prácticos elaborados polo tribunal. Os ditos supostos versarán sobre os temas do apartado A do temario e/ou sobre os bloques do contidos da educación física na educación primaria.

Educación Musical.

Constará de dúas partes:

a) Escrita, que deberá incluír:

-Composición dunha peza vocal e instrumental para utilizar na aula, sobre un texto dado polo tribunal.

-Composición libre dunha peza musical, xustificando a súa adaptación ó estadio madurativo dos alumnos.

-Análise dun fragmento musical de tipo folclórico.

b) De interpretación:

-Lectura dun fragmento musical seleccionado polo tribunal.

-Interpretación, coa voz ou cun instrumento achegado polo opositor, dun fragmento musical sobre unha partitura seleccionada polo tribunal.

3630