Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Luns, 27 de abril de 1998 Páx. 4.349

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 16 de marzo de 1998 pola que se convoca o I Certame Galego de Xoves Concertistas Xuventude 98.

O Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura, específica no seu anexo I.B.3.h que aquela asume as competencias de promoción e organización de actividades de animación sociocultural no ámbito artístico, artesanal, turístico e de aire libre, dirixidas ós sectores da xuventude, infancia, terceira idade e sectores marxinados.

Neste marco competencial, o ámbito cultural e artístico no que respecta á xuventude é compartido conxuntamente polas consellerías de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, que a través da Dirección Xeral de Xuventude desenvolve o programa Fomento da actividade xuvenil, que ten entre os seus obxectivos básicos promociona-la actividade cultural e artística entre a nosa xuventude, e a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo a través da súa Dirección Xeral de Promoción Cultural, que ten, entre outras funcións, a de colaborar no desenvolvemento do teatro, a danza, a música, as artes líricas e coreográficas, así como a posta en práctica de medidas de apoio para os artistas, de acordo co Decreto 488/1997, do 26 de decembro, e o Decreto 8/1998, do 8 de xaneiro,

polos que, respectivamente, se establece a estructura orgánica de cada unha das ditas consellerías.

Polo exposto, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, consciente da importancia que ten facilitar vías polas que poida manifestarse a actividade e inquedanza artística individual e colectiva da xuventude galega, e contando coa colaboración da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo dada a natureza das actividades que se van realizar, convoca unha serie de certames, concursos e mostras que abranguen un amplo abano de manifestacións de carácter artístico e artesanal e que constitúen o programa Certames e Mostras Xuventude 98.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Co obxectivo de promove-las formacións musicais no campo da música clásica, abrindo o mesmo tempo un camiño para axudarlles na vía do perfeccionamento nesta disciplina, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude convoca o I Certame Galego de Xoves Concertistas Xuventude 98, segundo as bases que se establecen no anexo I desta orde, onde se regulan os aspectos relativos á participación, condicións xerais que van rexer na respectiva convocatoria, inscricións, desenvolvemento, premios e xurado.

Artigo 2º

O certame obxecto da presente convocatoria desenvolverase a través das delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude coa colaboración das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Artigo 3º

As actividades que impliquen o desenvolvemento deste certame serán custeadas con cargo ás partidas orzamentarias 14.05.355B.640.1 e 14.01.211A.640.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998.

Disposicións derradeiras

Primeira.- Facúltase a directora xeral de Xuventude para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.- A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 1998.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude

ANEXO I

I Certame Galego de Xoves Concertistas Xuventude 98.

I. Participantes:

Poderán participar neste certame tódolos xoves galegos ou residentes en Galicia, de ata 30 anos de idade, cumpridos no ano 1998, tendo en conta as seguintes circunstancias:

1. Poden intervi-los alumnos de conservatorios de música matriculados no presente curso escolar.

2. Tódolos xoves que, non estando matriculados nun conservatorio, non sexan profesionais no campo da música.

Este certame desenvolverase na modalidade de música de cámara con formacións de dous a cinco membros.

II. Condicións xerais:

1. Cada formación presentará un currículum dos seus estudios e actividades musicais.

2. Cada formación poderá presenta-las pezas obxecto do certame, gravadas nunha cinta casete.

3. O grupo empregará os instrumentos musicais que precisen, que achegarán eles mesmos, agás o piano que, se é o caso, achegará a organización, para a fase previa e final.

4. O currículum e, se é o caso, a cinta casete, presentarase nun sobre pechado, figurando no exterior o lema do grupo. Presentarase ademais outro sobre pechado, figurando no seu exterior o lema e no interiror o boletín de inscrición que se indica no anexo III, xunto cunha fotocopia do DNI por ámbolos dous lados ou da folla correspondente do libro de familia dos participantes, e segundo o caso, fotocopia do resgardo de estar matriculado no curso 1997-98 nun conservatorio de música ou a declaración xurada conforme a formación non está desenvolvendo actividades profesionais ou remuneradas no campo da música.

5. A Dirección Xeral de Xuventude reserva para si o dereito de editar ou difundi-las obras musicais que sexan seleccionadas para a fase final.

III. Inscricións:

Os participantes deberán envia-lo impreso de solicitude que se indica no anexo II xunto cos sobres pechados referidos anteriormente ó Servicio de Xuventude da delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude da provincia onde residan habitualmente, que poderá ser en:

R/ Durán Loriga, 9-1º, 15003 A Coruña.

Ronda da Muralla, 70, 27003 Lugo.

Avda. de La Habana, 81-baixo, 32004 Ourense.

R/ Mª Berdiales 20-entreplanta, 36203 Vigo.

R/ Benito Corbal, 47-2º, 36001 Pontevedra.

Antes do día 15 de xuño de 1998.

IV. Organización:

A Delegación Provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude da Coruña supervisará o certame.

V. Desenvolvemento:

1. O xurado seleccionará para a fase previa as formacións que considere de máis calidade, de acordo cos datos curriculares e a cinta casete.

2. A fase previa consistirá nunha audición no Conservatorio Superior de Música da Coruña, e desenvolverase o día 24 de outubro sendo o aloxamento no Albergue Xuvenil Gandarío.

3. A incorporación nesta fase será no serán do día 23 de outubro, e o seu remate logo do almorzo do día 25. O aloxamento en réxime de pensión completa será gratuíto.

4. O xurado elixirá de entre os participantes da fase previa as formacións que tomarán parte na fase final, que terá lugar nun día dun fin de semana por determinar do mes de novembro, na cidade da Coruña.

VI. Premios:

Esteblécense os seguintes premios e axudas:

1º premio. 200.000 ptas., e máis a edición nun disco compacto sinxelo e mantemento durante o día da gravación.

2º premio. 150.000 ptas. e máis a edición nun disco compacto sinxelo e mantemento durante o día da grabación.

3º premio. 100.000 ptas.

O xurado poderá concederlles accésits honoríficos ás formacións que atope de interese.

Cada formación seleccionada para participar na fase final do certame terá unha axuda de 30.000 pesetas.

VII. Xurado:

1. O xurado será nomeado pola directora xeral de Xuventude e polo director xeral de Promoción Cultural, por proposta da delegada provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e a delegada provincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo da Coruña, e estará composto por persoas cualificadas no campo da música clásica, recaendo a secretaría nun funcionario da Delegación Provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude da Coruña.

2. O xurado estará facultado para a interpretación destas bases nas eventualidades non previstas, e poderá deixar deserto algún premio se así o considera oportuno.

A decisión do xurado será irrecorrible.

3586