Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Xoves, 23 de abril de 1998 Páx. 4.200

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 1 de abril de 1998 pola que se establecen axudas para viaxes colectivas e intercambio de alumnos.

A realización de viaxes colectivas de interese formativo-cultural e o intercambio entre alumnos de diferentes comunidades e países permiten coñecer experiencias profesionais levadas a cabo noutros ámbitos xeográficos, ter unha maior convivencia e sentido da cooperación, amplia-los coñecementos técnicos e a súa formación integral ó coñecer diferentes lugares, xentes, terras, recursos, costumes e culturas.

Para facilitar estas actividades, esta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1º

Convocar axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo destinadas a alumnos que cursen ensinanzas regradas de formación marítimo-pesqueira, náutico-pesqueira e ciclos formativos de grao medio e superior de acuicultura en centros dependentes da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Artigo 2º

1. As axudas ás que se refire a presente orde comprenderán:

a) O transporte desde o centro formativo ata o punto de destino e viceversa.

b) O transporte dentro das áreas de visita sempre que respondan e complementen os obxectivo técnicos, profesionais e pedagóxicos previstos.

c) Os gastos de aloxamento e mantenza nos lugares ou centros de acollida.

2. Os profesores acompañantes disporán de transporte, mantenza e aloxamento nos mesmos termos que os indicados para os alumnos e dunha gratificación diaria equivalente a unha axuda de custo. A percepción deste importe é incompatible coa indemnización por razón de servicios prevista no Decreto 21/1994.

3. A contía da axuda nunca poderá supera-lo 75% do custo real da actividade.

4. A duración máxima da actividade non será superior a 10 días desde o inicio ó remate dela.

5. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 31 de outubro de 1998.

Artigo 3º

1. As solicitudes serán dirixidas á Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación a través da dirección do centro.

2. Á solicitude que irá informada e asinada polo director do centro xuntaráselle a seguinte documentación:

a) Data e programa da viaxe.

b) Breve memoria dos obxectivos previstos.

c) Relación nominal de asistentes.

d) Autorización do pai, nai ou titor legal, sempre que sexan menores de idade.

e) Orzamento total da viaxe.

3. As solicitudes presentaranse cun mínimo de 30 días de anticipación á viaxe.

Artigo 4º

A selección definitiva será realizada pola Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación a través dunha comisión constituída para tal fin. Esta resolución seralles notificada ós interesados e contra ela, poderase interpoñer recurso ordinario perante o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Artigo 5º

A falta de notificación, no prazo de tres meses desde a súa solicitude, determinará a súa desestimación por parte desta consellería.

Artigo 6º

Aprobada a axuda, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura contratará, se é o caso, e unha vez realizada a viaxe, aboaralle o servicio directamente á empresa adxudicataria.

Artigo 7º

1. As axudas económicas establecidas na presente orde imputaranse, ata un límite de 3.000.000 de ptas., á aplicación orzamentaria 12.04.322S.480.0. Formación profesional FSE, existindo crédito suficiente na partida indicada no proxecto de orzamento para 1998 aprobado polo Consello da Xunta de Galicia.

2. O pagamento da axuda farase unha vez realizada a viaxe e presentados os xustificantes oportunos.

Artigo 8º

Cada grupo de alumnos participantes e nun prazo máximo dun mes desde o remate da viaxe, enviará á Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación unha memoria da actividade realizada na que se recollerán: os obxectivos do grupo, as actividades realizadas e un diario da viaxe no que se reflicta se os obxectivos finais responderon á actividade programada.

Disposición transitoria

De conformidade co disposto na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 (DOG do 19 de febreiro), sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, as resolucións de adxudicación quedan condicionadas á existencia de crédito axeitado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Formación Pesqueira e Investigación para dicta-las resolucións precisas para o cumprimento da presente orde, que entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de abril de 1998.

Amancio Landín Jaráiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

3380