Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Martes, 14 de abril de 1998 Páx. 3.816

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 24 de marzo de 1998 pola que se regula o recoñecemento de interese ambiental para actos de carácter educativo ou científico.

Co obxecto de proporcionar un apoio institucional ós labores de educación e investigación ambiental faise preciso o establecemento dunha canle procedemental para a determinación das diferentes actividades que, programadas no marco xeográfico da Comunidade Autónoma de Galicia, deben considerarse como de interese medioambiental.

Na súa virtude, de conformidade co establecido nos artigos 27.30º, do Estatuto de autonomía de Galicia e artigo 34 da Lei 11/1983, do 22 de febreiro, reguladora da da Xunta e o seu presidente, en relación co Decreto 482/1997, de 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente.

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. A Consellería de Medio Ambiente poderá recoñecer como de interese medioambiental todos aqueles actos, conferencias, ciclos, reunións, cursos, xornadas ou congresos que, organizados no ámbito xeográfico da Comunidade Autónoma de Galicia, sexan promovidos por calquera entidade ou persoa xurídica de natureza pública ou privada que acredite a súa legal constitución, e teñan como finalidade a concienciación, estudio, formación ou especialización en relación coa pretección e xestión do medio ambiente.

2. De conformidade co establecido no artigo 7º do Decreto 482/1997, do 26 de decembro, a tramitación e resolución dos expedientes de recoñecemento correspóndelle ó director xeral do Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental.

Artigo 2º

1. A solicitude de recoñecemento de interese medioambiental dirixida ó director xeral do Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental formularase no modelo que figura no anexo desta orde subscrita polo representante legal da entidade organizadora, e presentarase en calquera das oficinas sinaladas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro,

de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, polo menos dous meses antes do comezo da actividade para a que se solicita.

2. A solicitude deberá xuntarse da seguinte documentación:

a) Datos referentes á identificación, constitución legal e implantación da entidade promotora.

b) Actos científicos, divulgativos ou educativos que celebraron nos últimos tres anos e os que o fosen con anterioridade, se se considerase conveniente.

c) Memoria-resumo da actividade que se vai desenvolver, cos obxectivos que se perseguen.

d) Persoas ás que se dirixe a actividade e número de participantes previstos.

e) Programa con mención do profesorado ou conferenciantes, materias concretas que vai desenvolver cada un deles, e, se é o caso, breve currículo daqueles.

f) Previsións económicas do acto.

Artigo 3º

O recoñecemento do interese medioambiental terá como consecuencia a posibilidade de utilización da declaración na difusión e documentación do acto.

Artigo 4º

Os organizadores ou promotores remitirán as conclusións, acordos ou documentación obxecto do acto, no prazo de dous meses desde a súa finalización ó Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 2 de xuño de 1995.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 1998.

Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente

3170