Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Martes, 07 de abril de 1998 Páx. 3.582

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 24 de marzo de 1998 pola que se establecen axudas para a realización de cursos e seminarios de formación e capacitación de agricultores e das súas familias.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria ten como un dos seus fins promover e orienta-las accións dos agricultores e as súas familias para a mellor utilización dos seus recursos, actuando permanentemente sobre os membros das familias rurais co fin de activar neles cambios de actitude, melloras no seu medio social e a difusión de coñecementos e técnicas que contribúan ó logro deste obxectivo.

O cumprimento deste fin esixe unha permanente atención ós agricultores, ós mozos, colaboradores familiares e agricultores asalariados que superen a idade de escolarización, co fin de mellora-la súa cualificación profesional.

Para acadar este fin é necesario instituír axudas que permitan realizar cursos de formación agraria dirixidos a aquelas persoas que desexen capacitarse e mellora-las técnicas que van aplicar nas súas explotacións, por un importe de oitenta millóns cincocentas doce mil (80.512.000) pesetas.

Por todo isto, e en virtude das competencias que me outorga a lexislación vixente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Tipos de cursos: obxectivos e duración.

1. Cursos de actualización profesional, dirixidos a agricultores, mozos colaboradores na explotación familiar ou traballadores asalariados que superen a idade de escolarización obrigatoria. A duración mínima destes cursos será de 5 días e 30 horas lectivas.

2. Cursos de formación agraria, dirixidos a mozos de 18 a 40 anos que desexen adquiri-lo nivel profesional adecuado para acceder ás responsabilidades de dirección e xestión da empresa agraria e ás esixencias da súa primeira instalación como agricultores. A duración mínima destes cursos será de 200 horas lectivas, ben realizadas en réxime continuo ou en 5 módulos de 40 horas, en réxime descontinuo.

3. Cursos de actualización e perfeccionamento empresarial dirixidos a agricultores que, exercendo a súa profesión como cultivadores directos e persoais, pretendan adquirir ou actualizar bloques de coñecementos específicos que afectan á súa explotación. A duración mínima destes cursos será de 200 horas lectivas, ben realizadas en réxime continuado ou en módulos de 40 horas.

4. Cursos de formación dirixidos a agricultores ou mozos establecidos en empresas agrarias (per

tencentes a grupos de xestión ou grupos con tarefas de empresa), para o seu adestramento na realización de prácticas de contabilidade, toma de decisións e aquelas outras cuestións que poidan contribuír a mellora-la capacidade de xestión das súas empresas. A duración mínima destes cursos será de 60 horas lectivas, impartidas en réxime descontinuo ó longo dun exercicio económico e seguindo un programa previamente aprobado polo xefe provincial de Extensión e Capacitación Agraria, no que se indicarán os contidos e o calendario de desenvolvemento das actividades.

5. Cursos monográficos de actualización, perfeccionamento profesional e introducción de novas tecnoloxías, dirixidos a agricultores e mozos xa establecidos en explotacións agrarias. A duración mínima será de 40 horas lectivas.

Artigo 2º

A Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural coordinará, a través dos servicios provinciais de Extensión e Capacitación Agraria, a planificación, organización, desenvolvemento e xustificación das actividades formativas ás que van destinadas as axudas.

Artigo 3º.-Réxime das axudas.

As axudas establecidas na presente orde irán destinadas a cubri-los gastos que se indican:

a) Gastos de aloxamento e manutención dos alumnos durante o período de duración do curso.

b) Gastos de organización e desenvolvemento dos cursos: material didáctico, material de prácticas, viaxes educativas e pagamento de profesorado.

Artigo 4º.-Contía das axudas.

1. Os cursos de 30 horas a que se refire o apartado 1 do artigo 1º dispoñerán dunha axuda máxima de cinco mil pesetas alumno/curso e serán impartidos polos centros de Capacitación Agraria e axencias de Extensión Agraria en réxime de externado e de xeito continuado.

2. Os cursos de 200 horas a que se refiren os apartados 2 e 3 do artigo 1º dispoñerán dunha axuda máxima de cincuenta mil pesetas por alumno e curso completo ou de dez mil pesetas por módulo de 40 horas. Estes cursos serán impartidos nos centros de capacitación agraria en réxime de internado e polas áreas de Extensión Agraria nas que non exista un centro de capacitación agraria.

3. Os cursos ós que se refire o apartado 4 do artigo 1º dispoñerán dunha axuda máxima de dez mil pesetas por alumno e curso completo. Estes cursos soamente poderán ser desenvolvidos nas axencias

comarcais de Extensión Agraria e en réxime descontinuo.

4. Os cursos a que se refire o apartado 5 do artigo 1º dispoñerán dunha axuda máxima de oito mil pesetas por alumno e curso. Estes cursos soamente poderán ser impartidos en centros de capacitación agraria e en axencias de Extensión Agraria das áreas naturais autorizadas para ese fin.

Artigo 5º.-Solicitude de cursos. Aprobación. Publicidade. Presentación de solicitudes e prazos e criterios para a selección de alumnos.

1. As axencias de Extensión Agraria e centros de capacitación agraria, ó faceren as programacións anuais de actividades, presentarán na Subdirección Xeral de Extensión e Capacitación Agraria, unha proposta de cursos que se realizarán en cada comarca, de acordo coas necesidades detectadas e a demanda da poboación rural.

A adxudicación de cursos a cada unidade será aprobada pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural por proposta da Subdirección Xeral de Extensión e Capacitación Agraria, unha vez estudiadas estas, o custo de cada curso e as dispoñibilidades orzamentarias.

2. Autorizados os cursos, as unidades encargadas de impartilos farán pública a súa convocatoria atendendo ás condicións, criterios e requisitos marcados pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural. O prazo mínimo para a convocatoria dos cursos será de 30 días antes da súa iniciación e para a presentación de solicitudes de asistencia a eles o día anterior ó seu comezo.

No caso de cursos de 200 horas, desenvolvidos de forma modular, a instancia de solicitude será única para a asistencia a tódolos módulos.

3. Os criterios de selección polos que se rexerá a admisión de solicitantes a cada curso serán os seguintes:

a) Estar ligado a unha explotación agraria como titular cultivador directo e persoal, ser cónxuxe ou colaborador da empresa como man de obra familiar.

b) Agricultores mozos que solicitaron axudas oficiais para a súa instalación ou modernización das súas explotacións e adquiriron o compromiso de obte-lo diploma de aptitude empresarial no prazo de execución das melloras.

c) Antigüidade na incorporación á empresa agraria.

d) Solicitudes de asistencia a ciclos completos de formación.

Artigo 6º.-Pagamento e xustificación de subvencións.

1. O libramento da subvención para o pagamento ós alumnos asistentes ó curso realizarase mediante a presentación da relación nominal dos alumnos que participaron nel, debidamente conformada polo xefe provincial de Extensión e Capacitación Agraria. Nela indicarase: tipo de curso, duración, domicilio, DNI dos asistentes, así como a axuda por alumno e o total do curso. A relación irá acompañada da certificación correspondente expedida polo xefe do Servicio de Capacitación Agraria.

2. A xustificación das axudas realizarase, unha vez efectuado o pagamento ós beneficiarios destas, mediante a presentación da nómina asinada polos interesados, debidamente dilixenciada polo xefe da unidade que impartiu o curso e o xefe do Servicio de Capacitación Agraria.

Artigo 7º

As axudas económicas recollidas no artigo 4º da presente orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 09.02.322-S.480.0, dotado para 1998, por un importe de oitenta millóns cincocentas doce mil (80.512.000) pesetas.

A concesión das subvencións estará condicionada á aprobación definitiva dos novos orzamentos, de conformidade coa Orde do 11 de febreiro de 1998, de tramitación anticipada de expedientes de gasto.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Desenvolvemento Rural para dictar cantas normas complementarias se consideren de interese para a correcta interpretación e aplicación das que aquí se sinalan. A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 1998.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria

2975