Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Xoves, 02 de abril de 1998 Páx. 3.386

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 26 de marzo de 1998 pola que se establecen axudas financeiras para a mellora da calidade do leite.

O cumprimento da normativa nacional e europea e a esixencia polos consumidores dunha maior calidade e salubridade nos alimentos. maniféstase en tódolos productos agrícolas e gandeiros pero, dunha maneira especial, no leite. Este feito deu lugar á publicación da Directiva 92/46 CEE do Consello, do 16 de xuño, pola que se establecen as condicións hixiénicas para a producción e comercialización do leite na Unión Europea, definindo, entre outras circunstancias, as características que deben reunir tanto as explotacións gandeiras como os elementos de transporte e os establecementos para a transformación do leite.

Estas condicións concretáronse para o Estado español no R.D. 1679/1994, de 22 de xullo, polo que se establecen as condicións sanitarias aplicables á producción e comercialización do leite cru, leite tratado termicamente e productos lácteos e as condicións que deben reuni-las explotacións e centros de transformación para a producción e comercialización do leite.

O reducido tamaño das explotacións e a dispersión delas en Galicia dá lugar a que o cumprimento destas condicións mínimas para obter leite de calidade presente un maior grao de dificultade nesta Comunidade Autónoma para os titulares das explotacións. Por iso, favorece-la concesión de axudas destinadas a cubri-los investimentos realizados polos primeiros compradores que sexan cooperativas ou S.A.T. e que fagan a recollida deste producto nas explotacións gandeiras constitúe unha medida axeitada para o mantemento de agrupacións e unións de productores, co obxecto de estimular unha concentración da oferta e adapta-la calidade da producción ás esixencias do mercado e que non condicionen a súa viabilidade.

Por outra banda o Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia, prevé como mecanismo de axuda, entre outros, a concesión de subsidiación ó tipo de xuro das operacións crediticias destinadas ós devanditos fins subscritas polos beneficiarios coas entidades de crédito, sendo incentivables ó abeiro desta a actividade de producción, transformación e comercialización das produccións gandeiras.

No artigo 13 do citado decreto establécese que a convocatoria de axudas ó abeiro del realizarao cada consellería, organismo ou ente público da Xunta de Galicia, dentro do ámbito das súas competencias e conforme as dispoñibilidades orzamentarias, mediante a aprobación das disposicións necesarias para a execución e desenvolvemento das ditas axudas.

En virtude do exposto, de conformidade co artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

É obxecto da presente orde a regulación, dentro do marco establecido no Decreto 309/1995, do 23 de novembro, de incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial en Galicia, do réxime específico das axudas financeiras ós titulares de explotacións leiteiras e cooperativas ou sociedades agrarias de transformación recolledoras de leite para a mellora da calidade deste producto.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas os titulares de explotacións leiteiras e cooperativas ou sociedades agrarias de transformación recolledoras de leite, que reúnan os requisitos que se recollen a seguir:

1. Os titulares de explotacións leiteiras:

a) Ter situada a explotación no territorio da Comunidade Autónoma.

b) Ter asignada cantidade de referencia para a producción de leite ó seu nome.

c) Estar ó día no cumprimento das obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

d) Comprometerse a realiza-la actividade de producción de leite na explotación un mínimo de cinco anos desde a data da concesión da axuda.

e) Comprometerse a que, ó remate dos investimentos, a explotación e o leite producido cumpran a normativa sobre calidade do leite, establecida no R.D. 1679/1994.

2. As cooperativas ou sociedades agrarias de transformación recolledoras de leite que:

a) Realicen a recollida do leite en explotacións leiteiras radicadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Teñan radicado o seu domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Estean recoñecidas como primeiros compradores de leite polo Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), no momento de realiza-la solicitude.

d) Teñan realizado na campaña leiteira 1996-97 un volume de compras de leite a productores superior a 500.000 kg.

e) Recollan leite a máis de 10 explotacións leiteiras.

f) Estean ó día no cumprimento das obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

g) Comprometerse a que, ó remate dos investimentos, o centro de recollida cumpra o disposto no R.D. 1679/1994 para este tipo de establecementos.

Artigo 3º.-Actividades subvencionables.

Para os efectos da presente orde, serán incentivables os investimentos realizados para:

1. Explotacións leiteiras:

a) Construcción de salas de muxidura e de salas de espera á muxidura.

b) Construcción de leiterías nas explotacións.

c) Adquisición de equipos para a muxidura e refrixeración do leite na explotación.

d) Outros investimentos para a mellora da eficiencia, a calidade e as condicións hixiénico-sanitarias das explotacións leiteiras.

2. Cooperativas e S.A.T. recolledoras de leite:

a) Modernización das instalacións de carga, descarga, refrixeración e almacenamento do leite.

b) Adquisición de cisternas de recollida, preferentemente con mostraxe automática.

c) Outros investimentos para a mellora da eficiencia, a calidade e as condicións hixiénico-sanitarias das instalacións leiteiras.

Artigo 4º.-Instrumentación.

As axudas a que se refire o artigo 1º instrumentaranse mediante convenios que subscribirá o Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia coas entidades financeiras, nos que se incluirán aquelas disposicións relativas á xestión, administración e delimitación do ámbito de aplicación, beneficiarios, actividades, importe e condicións destas,

Artigo 5º.-Tipo de subsidiación.

Poderá concederse unha axuda para a subsidiación do tipo de xuro das operacións destinadas ó financiamento dos investimentos indicados no artigo 3º, concertadas coas entidades financeiras.

O préstamo non poderá supera-lo 95% do importe do investimento incentivable aprobado, nin superar en ningún caso, os 20 millóns de pesetas.

No caso das explotacións de leite, os investimentos incentivables non poderán supera-los límites seguintes:

Explotacións de entre 1 a 10 vacas o límite é de 120.000 pesetas por vaca.

Explotacións de entre 11 e 20 vacas o límite é de 110.000 pesetas por vaca.

Explotacións de 21 vacas en diante o límite é de 100.000 pesetas por vaca.

Artigo 6º.-Axuda financeira.

O tipo de xuro fixarase nos convenios citados. Os préstamos terán un prazo máximo de cinco anos cun de carencia e a subsidiación será a necesaria para que o tipo de xuro que deba satisface-lo beneficiario resulte un punto anual.

Artigo 7º.-Presentación de solicitudes.

1. Sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, as solicitudes destas axudas presentaranse nas axencias de extensión agraria e, preferentemente, nas entidades financeiras, con orixinal e tres copias no modelo oficial normalizado que figura como anexo á presente orde, xunto coa documentación que se fixa no parágrafo seguinte.

Cando as solicitudes se presenten nas axencias de extensión agraria serán estas as que lle dean rexistro de entrada, quedando cunha copia, entregándolle outra ó solicitante e achegándolle as dúas restantes á oficina respectiva da entidade financeira colaboradora, a cal quedará con outra e achegará, no prazo dun mes, debidamente informada a restante ó respectivo Servicio Provincial do ILGG.

Cando o posible beneficiario opte por presentar directamente a súa solicitude na entidade financeira será esta a que lle dea entrada e, de modo inmediato, lle achegará unha copia dela á axencia de extensión agraria da comarca onde estea situada a explotación ou a instalación, entregándolle outra ó interesado e quedando cunha terceira. A restante remitiralla ó respectivo Servicio Provincial do ILGG.

2. Xunto coa solicitude achegarase a seguinte documentación:

A. Axudas ó investimento en explotacións leiteiras:

a) Fotocopia do DNI do titular da explotación ou CIF, no caso de titular persoa xurídica.

b) Xustificante da cantidade de referencia asignada para a producción de leite.

c) Xustificante de estar ó día no pagamento das súas obrigas coa Seguridade Social.

d) Copia cotexada da declaración do IRPF do último exercicio ou declaración do imposto de sociedades no caso de titular persoa xurídica.

e) Poder notarial ou autorización específica do órgano rector da entidade para a solicitude da axuda no caso de solicitante persoa xurídica.

f) Copia da folla de saneamento gandeiro.

g) Plan de investimento que se vai realizar na explotación para a mellora da calidade do leite incluíndo unha memoria descritiva das melloras que se van executar con bosquexo e orzamento, xuntando

facturas proforma da maquinaria e instalacións que se vaian adquirir.

h) Compromiso escrito de mante-la mellora durante un mínimo de cinco anos.

B. Axudas ó investimento para cooperativas e S.A.T. recolledoras de leite:

a) Fotocopia do CIF do solicitante.

b) Copia cotexada do resumo da declaración de compras de leite efectuadas a productores, realizada ó FEGA, correspondente á campaña 1996-1997.

c) Xustificante de estar ó día no pagamento das súas obrigas coa Seguridade Social.

d) Poder notarial ou autorización específica do órgano rector da entidade para a solicitude da axuda.

e) Plan de investimentos que realizará a empresa para a mellora da calidade do leite incluíndo unha memoria descritiva das melloras que vaia executar con bosquexo e orzamento, xuntando facturas proforma da maquinaria e instalacións que vaia adquirir.

f) Compromiso escrito de mante-la mellora durante un mínimo de cinco anos.

Artigo 8º.-Prazo de presentación.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 30 de setembro de 1998.

Artigo 9º.-Tramitación e aprobación das axudas.

1. A entidade financeira, nun prazo máximo dun mes desde a recepción da solicitude, resolverá a petición de préstamo e remitirá ó Servicio Provincial correspondente do Instituto Lácteo e Gandeiro (ILGG) xunto coa solicitude e documentación, o xustificante da aprobación do préstamo. O devandito servicio emitirá, no prazo máximo de dez días, un informe sobre as solicitudes, que elevará ó delegado provincial do ILGG para efectua-la proposta de resolución ó director do ILGG.

2. 0 director do ILGG resolverá as solicitudes de axuda financeira e notificarallo á entidade financeira e ós interesados para a súa aceptación.

3. O prazo máximo para a formalización do préstamo será de tres meses a partir da data de aprobación, considerándose ineficaz a resolución se nese prazo non se formalizara o préstamo, salvo autorización expresa da dirección do ILGG por solicitude razoada do beneficiario do préstamo, coa conformidade da entidade financeira.

4. O instrumento de formalización do préstamo recollerá unha cláusula de estar acollido ó convenio e establecerá claramente o tipo de xuro total da operación, os puntos obxecto de subsidiación e o tipo resultante para o beneficiario.

5. Cando se formalice o préstamo, a entidade bancaria comunicarallo ó Servicio Provincial do ILGG e aboará na conta designada polo beneficiario o 70% do importe da operación crediticia, cantidade da que se poderá dispoñer inmediatamente. Unha vez rea

lizados os investimentos correspondentes, o beneficiario solicitará o importe restante á entidade financeira, que o comunicará ó devandito servicio.

O Servicio Provincial do ILGG comprobará a realización das melloras e autorizará a entidade financeira para que proceda ó aboamento do 30% restante. O prazo para a realización das melloras é dun ano a partir da data da formalización do préstamo.

Artigo 10º.-Liquidación e pagamento das axudas.

A liquidación da subsidiación será practicada pola entidade de crédito anualmente, nos quince primeros días do mes de decembro de cada ano durante a vixencia do préstamo, e o ILGG efectuará o seu pagamento á entidade de crédito, sen prexuízo das comprobacións que en todo caso reserve para si o ILGG.

Non obstante o anterior, unha vez verificada a realización íntegra do investimento, o importe da subsidiación poderá aboarse dunha soa vez.

Artigo 11º.-Modificación da concesión.

O Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia incoará procedemento de modificación da subvención inicial para adaptala ás novas circunstancias, logo da solicitude dos beneficiarios nos casos que se produza incumprimento parcial, se se acredita que o devandito incumprimento non resulta de gran entidade, non desvirtúa a finalidade da subvención ou non é imputable ó beneficiario. A resolución da modificación establecerá as novas condicións da subvención e ordenará o reintegro do indebidamente percibido ata ese momento, calculado segundo o establecido no artigo seguinte.

Artigo 12º.-Perda da subvención.

Procederase á reclamación total ou parcial das cantidades percibidas e dos xuros de demora desde o devengo de calquera pagamento con cargo á subvención, nos seguintes casos:

a) Incumpri-la obriga de xustificación.

b) Incumpri-la finalidade para a que a subvención foi concedida.

c) Incumpri-las condicións impostas ó beneficiario con motivo da concesión da subvención.

d) Amortización ou cancelación anticipada polo titular do préstamo.

Tratándose de condicións referentes á contía do investimento, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ó non efectuado ou feito indebidamente. Se o incumprimento superara o 50% do investimento que corresponda, entenderase que o devandito incumprimento é total, debéndose reintegrar tódalas cantidades percibidas.

Se o incumprimento derivase da inobservancia dalgunha outra condición ou suposto distinto, o seu alcance será determinado en función do grao e da entidade da condición incumprida, sempre e cando quede salvagarda da súa finalidade.

A concorrencia das distintas causas de incumprimento dará lugar á apreciación conxunta destas.

Artigo 13º.-Compatibilidade.

1. A concesión das axudas desta orde queda supeditada ó cumprimento da normativa vixente e, en especial, á da Unión Europea. Nos devanditos termos serán compatibles con calquera outra axuda pública, pero en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poderán supera-los límites establecidos coa Unión Europea.

Non obstante o anterior, nos convenios ou instruccións que se dicten para a tramitación destas axudas, poderá establecerse a súa incompatibilidade con outras axudas da mesma natureza ou finalidade.

2. Os investimentos realizados nas explotacións leiteiras obxecto da axuda axustaranse ó establecido nos puntos 3 do artigo 6 e 4.c) do artigo 12 do Regulamento (CE) 950/97 do Consello, do 20 de maio.

Artigo 14º.-Dotación orzamentaria.

O financiamento das axudas que recolle esta orde efectuarase con cargo ó programa 09.50.614A.773, dotado con 400.000.000 de pesetas, do proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998.

A concesión da subvención estará condicionada á aprobación definitiva dos citados orzamentos, de conformidade coa Orde do 11 de febreiro de 1998, de tramitación anticipada de expedientes de gasto.

Disposición adicional

Única.-A concesión da subvención axustarase ó disposto na Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma e na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria para dicta-las instruccións precisas para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 1998.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria