Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Martes, 17 de marzo de 1998 Páx. 2.652

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 26 de febreiro de 1998 pola que se regulan as subvencións a concellos para a realización de actividades dirixidas á xuventude e promoción da información xuvenil.

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude entende que para acada-los obxectivos de participación efectiva da xuventude nos diferentes ámbitos da sociedade actual, facilitándolle a súa integración social e laboral, e o acceso por parte dela a unha información axeitada ás súas demandas informativas en igualdade de oportunidades en todo o territorio da Comunidade Autónoma galega, é fundamental promove-lo feito asociativo xuvenil así como as actuacións e canles dirixidas a consolidar e garanti-lo acceso a unha información ampla, obxectiva e actualizada dirixida á xuventude, prestándolle apoio ás accións que neste sentido emprendan os concellos dentro da súa competencia é ámbito territorial, como entes próximos ó cidadán e coñecedores das necesidades e da problemática xuvenil propia de cada un deles.

Entre as tarefas propias da competencia dos concellos referidas a este sector da poboación, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude considera, polo tanto, de máximo interese colaborar na promoción das actuacións dirixidas a garanti-lo acceso a unha información orientada á xuventude e ás súas necesidades, de actividades formativas e educativas no ámbito do tempo libre, e na potenciación do asociacionismo xuvenil, actuacións que necesariamente han de influír no desenvolvemento comunitario e na súa formación integral.

A orde da Consellería de Economía e Facenda do 2 de xuño de 1986 posibilita a tramitación anticipada de expedientes de gasto. O artigo 1.2º desta orde establece que os expedientes de gasto imputables ós capítulos IV, VI e VII dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma poderán iniciarse no período de prórroga destes, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos definitivos para o citado exercicio, unha vez que ese proxecto estea aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, cando os gastos se vaian materializar no mesmo exercicio.

A aplicación desta orde supón a posibilidade de axiliza-lo proceso de execución orzamentaria, beneficiando moi especialmente ós propios administrados e sen mingua da soberanía do Parlamento, toda vez que o artigo 3.2º dispón que, no suposto de subvención, a autorización do gasto e a contracción da obriga demoraranse ata a aprobación do crédito que vaia ampara-lo gasto. Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, con cargo á aplicación orza

mentaria 14.05.355B.460.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1998, concederalles subvención ós concellos de Galicia para o fomento e realización de actividades dirixidas á xuventude.

2. Poderán ser obxecto de subvención as actividades destinadas a:

a) Promoción da información xuvenil, comprendendo os gastos derivados do normal funcionamento dun servicio de información xuvenil (contratación de persoal, gastos correntes), así como das actividades de dinamización da información: edición de soportes informativos, información e orientación para a promoción do emprego xuvenil, campañas de difusión estacionais e utilización de medios de comunicación.

b) Realización de actividades de carácter socio-educativo dirixidas a trata-las distintas problemáticas que hoxe en día afectan á xuventude, con especial incidencia no tema do alcoholismo.

c) Fomento do asociacionismo xuvenil e participación da mocidade nos diferentes ámbitos da vida da comunidade.

d) Actividades de animación sociocultural no ámbito do ocio e o tempo libre, campamentos de verán e marchas voantes.

e)Tódalas actividades que se consideren apropiadas para a promoción da xuventude nos termos de formación cultural, humana e integral da persoa.

3. Quedarán excluídos, para os efectos do parágrafo anterior, os programas docentes e deportivos previstos en plans regulados de ensino e deporte escolar e federativo.

Artigo 2º.-Destinatarios.

Poderán solicitar subvencións tódolos concellos da Comunidade Autonoma galega.

Artigo 3º.-Normas xerais sobre subvencións. Documentación.

1. As solicitudes dirixiranse á conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, nos rexistros das súas delegacións provinciais, ou por calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Breve memoria explicativa do proxecto de actividades que se pretenden realizar, especificando para cada unha delas: actuacións que comprenderán

a realización da actividade, número estimado de beneficiarios, lugar e datas de realización, obxectivos perseguidos e orzamento de gastos por capítulos.

b) Certificación do secretario que recolla o acordo do órgano competente, en virtude do cal se solicita subvención.

3. O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días naturais, contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

4. Por parte da Dirección Xeral de Xuventude, poderá requirirse ós solicitantes, se fose necesario, a emenda dos defectos apreciados na documentación presentada, de acordo co previsto no artigo 71 da lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º.-Criterios de valoración.

Na avaliación dos proxectos presentados polos concellos terán consideración prioritaria os relacionados no apartado a do artigo 1.2º Así mesmo, e dentro de cada tipo de actividade das relacionadas no artigo 1.2º, terán consideración preferente os seguintes criterios:

-Adecuación das actuacións ó fin perseguido.

-Aqueles que se desenvolvan no medio rural.

-Número de beneficiarios e proxección social das actividades programadas.

-As que teñan algún compoñente educativo ou formativo sobre as meramente lúdicas.

-A relación entre a actividade que se vai desenvolver e as necesidades ou problemática propia ou máis destacable de cada concello.

-As que impliquen a contratación de personal.

Artigo 5º.-Contía máxima da subvención.

A contía da subvención concedida non poderá supera-lo 75% do orzamento da actividade ou conxunto de actividades obxecto de subvención.

Artigo 6º.-Resolución.

1. Recibidas as solicitudes, coa documentación presentada, serán sometidas a informe dos servicios técnicos da Dirección Xeral de Xuventude. A directora xeral de Xuventude elevará a correspondente proposta á conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, que resolverá.

2. A resolución seralles notificada a tódolos solicitantes, no prazo máximo de tres meses, contados desde o remate do prazo de presentación das solicitudes.

Transcorrido o dito prazo sen que recaia resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente. A dita resolución esgota a vía

administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo, na vía xudicial.

3. Os solicitantes ós que non se lles concedese a subvención disporán dun prazo de 30 días naturais, contados a partir da comunicación da resolución, para retira-la documentación presentada. Transcorrido este prazo, arquivarase.

Artigo 7º.-Pagamento anticipado.

Unha vez concedida a subvención e notificada a resolución, a Dirección Xeral de Xuventude poderá efectuar proposta de pagamento anticipado dun 50% sobre a subvención concedida, sempre que o seu importe non supere os límites que estableza a vindeira Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998 para o anticipo de pagamentos en subvencións correntes.

Nos demais casos, o procedemento de pagamento efectuarase conforme dispoña a dita lei.

Artigo 8º.-Xustificación da subvención e pagamento.

1. Unha vez realizada a actividade, remitiranse os xustificantes do gasto no que se incorreu ou certificación expedida polo secretario do concello na que se farán consta-las actividades realizadas segundo o proxecto presentado e subvencionado.

Os xustificantes ou certificacións deberán ser remitidos á Dirección Xeral de Xuventude antes do día 15 de outubro de 1998.

2. Recibida e comprobada a documentación á que fai referencia o apartado 1º do presente artigo, a directora xeral de Xuventude realizará proposta de pagamento da subvención, de acordo coa normativa orzamentaria que sexa de aplicación.

Artigo 9º.-Obrigas do beneficiario.

Os concellos subvencionados quedarán obrigados:

1. No caso dos que recibiran axudas con cargo ós orzamentos da Dirección Xeral de Xuventude correspondentes ó ano 1997, deberán cumpri-lo requisito de telas debidamente xustificadas.

2. A non modifica-la programación de actividades aprobadas sen autorización expresa da directora xeral de Xuventude.

3. A facer constar na publicidade e difusión que se xere, así como en todos aqueles soportes informativos e publicacións que se realicen, que as actividades foron subvencionadas pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

4. No caso dos proxectos destinados ó funcionamento de puntos ou oficinas de información xuvenil que foran obxecto de subvención (apartado a do artigo 1.2º, será obrigatorio como requisito

previo para poder cobra-la subvención concedida que a oficina ou punto de información xuvenil estea integrado na Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil, conforme o procedemento establecido no artigo 13 do Decreto 53/1994, do 4 de marzo, polo que se crea a Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil (DOG nº 53, do 17 de marzo de 1994).

Artigo 10º.-Control e posible anulación da subvención.

A Dirección Xeral de Xuventude reserva para si o dereito a orientar tecnicamente as actividades, a comproba-los datos económicos así como á súa efectiva realización, e a estender e dar a coñecer publicamente as actividades subvencionadas.

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderá anular total ou parcialmente a subvención concedida, cando se incumpra o obxecto do programa ou algunha das condicións establecidas nos artigos 8 e 9 da presente orde, e solicita-la devolución das cantidades percibidas, de habelas, nos prazos que establece o Regulamento xeral de recadación e a vixente Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición adicional

No caso de que unha vez dictada a resolución de concesión de axudas amparadas nesta orde quedase crédito orzamentario sen adxudicar, poderase publicar unha segunda orde de convocatoria de axudas. En todo caso, a concesión de axudas terá como límite a cantidade consignada na correspondente aplicación económica dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 1998.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Xuventude para dictar, no ámbito da súa competencia, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, pero no que se refire ós prazos de execución, poderanse subvencionar actividades realizadas polos concellos desde 1 de xaneiro de 1998, se son actividades que se consideran importantes para a xuventude, conforme os criterios de valoración establecidos no artigo 4º desta orde, e cumpren os requisitos e condicións establecidas nela.

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 1998.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude

2010