Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Luns, 16 de marzo de 1998 Páx. 2.571

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 80/1998, do 26 de febreiro, de cooperación coas entidades locais para 1998.

Os desequilibrios interrexionais de Galicia, tanto en infraestructuras físicas, económicas e sociais, como en dotación de servicios, condicionan o desenvolvemento harmónico da rexión e dificultan o aproveitamento das súas potencialidades.

Co obxectivo de compensa-los desequilibrios existentes, ademais da importante e clara finalidade de mellora-la actividade económica da Comunidade Autónoma, a Xunta de Galicia vén desenvolvendo ininterrompidamente unha política de cooperación coas entidades locais á que se engade a posta en marcha da acción Potenciación do desenvolvemento local incluída no Programa Operativo de Galicia 1994-1999. Estas actuacións están dirixidas a dota-los entes locais de abastecementos de auga, saneamentos, vías ou accesos públicos a núcleos de poboación, iluminación pública e servicios de recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos.

O investimento previsto para os fins anteditos está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), dentro da acción 2.2.1. Potenciación do desenvolvemento local e o proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998 inclúe a cantidade de 4.500.000.000 de ptas. con destino ó Fondo de Cooperación da Xunta de Galicia coas Entidades Locais.

A distribución territorial prevista para o crédito sinalado púxose en coñecemento das entidades beneficiarias do fondo durante a fase de elaboración deste decreto co fin de permiti-la incorporación da participación de cada entidade local nos correspondentes orzamentos para 1998 e facilitar, por outra banda, a programación de investimentos dentro dos previstos no Programa Operativo de Galicia.

Por outra banda, para lograr unha maior axilidade e eficacia resulta conveniente formular un procedemento eficiente de xestión e seguimento que, dentro do marco legal establecido para a xestión dos fondos públicos, permita facilita-lo control dos investimentos que se financien.

Para tal fin a Xunta de Galicia considera necesario establecer unha norma con rango de decreto que, por un lado, fixe os criterios de distribución do fondo tomando como base o acordo adoptado polo Parlamento de Galicia na súa Comisión 3ª, de Economía, Facenda e Orzamentos, ademais dos aprobados pola Comisión Galega de Cooperación Local en exercicios precedentes e aplicados a pequenas infraestructuras e equipamentos locais e, por outro, recolla as experiencias obtidas en anteriores fases de cooperación local, instrumentando un procedemento que estableza medidas de racionalidade, axilidade e eficacia, facilitando a cooperación entre administracións.

A conveniencia de non atrasa-la execución deste decreto fai necesario sometelo ó previsto na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación

anticipada de expedientes de gasto (DOG nº 34, do 19 de febreiro). En virtude do exposto, oída a Comisión Galega de Cooperación Local do 23 de febrerio de 1998, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteseis de febreiro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Finalidade.

O presente decreto ten como finalidade regular, para a anualidade de 1998, o Fondo de Cooperación coas Entidades Locais aplicado ó programa de pequenas infraestructuras e equipamentos locais, para a xestión e seguimento dos proxectos de cara ó fomento e potenciación do desenvolvemento local previsto no Programa Operativo de Galicia 1994-1999 na acción 2.2.1. Potenciación do desenvolvemento local.

Artigo 2º.-Obxectivos.

As actuacións previstas neste decreto teñen como obxectivo xeral compensa-los desequilibrios internos de Galicia en infraestructuras básicas de carácter local e, en particular, incrementar estas achegando os servicios públicos locais de Galicia á media do Estado, facilitando ó mesmo tempo o apoio á actividade económica nos núcleos e zonas menos desenvolvidas da Comunidade Autónoma.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Serán beneficiarios os municipios cunha poboación non superior ós 50.000 habitantes. Os concellos poderán agruparse para realizar proxectos que afecten conxuntamente ó seu territorio.

Neste caso terán prioridade na asignación dos créditos que se xeren, como créditos libres, con posterioridade á distribución á que fai referencia o apartado 4 do artigo 11º deste decreto.

Artigo 4º.-Financiamento.

1. As iniciativas que se leven a cabo na cooperación coas entidades locais para 1998 tramitaranse financeiramente a través do crédito de 4.500.000.000 de ptas. inicialmente consignado na aplicación orzamentaria 05.06.811B.760.0 do proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998.

2. Os proxectos que se consideren como iniciativas dentro do programa poderán acadar un financiamento da Xunta de Galicia de ata o 100% do investimento. O montante elixible poderá incluí-lo custo de honorarios de redacción do proxecto, se así se manifesta expresamente na solicitude.

3. Co obxecto de garanti-la eficacia do investimento e reduci-la xestión administrativa dos expedientes, o custo individual dos proxectos que se aproben será, como mínimo, de 3.000.000 de ptas.

4. O financiamento previsto pola Xunta de Galicia poderá utilizarse para o cofinanciamento de plans

establecidos para as administracións locais. Neste suposto a porcentaxe máxima de cada proxecto subvencionable con cargo ó Feder non poderá supera-lo 72,5% do conxunto do achegado por tódalas administracións públicas que participen no seu financiamento.

Artigo 5º.-Comisión Galega de Cooperación Local.

1. A Comisión Galega de Cooperación Local é o órgano permanente de cooperación e coordinación entre as distintas administracións publicas.

2. A Comisión Galega de Cooperación Local estructúrase nos seguintes órganos colexiados:

a) Pleno.

b) Comité.

Artigo 6º.-Composición do Pleno.

O Pleno estará integrado por:

1. Presidente: o presidente da Xunta de Galicia.

2. Vocais:

a) Pola Administración autonómica:

-O conselleiro da Presidencia e Administración Pública.

-O conselleiro de Economía e Facenda.

-O conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

-O conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

-O conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

-O conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

b) Pola Administración local:

-Os presidentes das catro deputacións provinciais.

-O presidente e dous representantes máis da Federación Galega de Municipios e Provincias.

3. Secretario: o director xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios da Consellería de Economía e Facenda.

Artigo 7º.-Composición do comité.

O comité estará integrado por:

1. Presidente: o conselleiro de Economía e Facenda.

2. Vocais:

a) Pola Administración autonómica:

-O secretario xeral de Planificación e Desenvolvemento Comarcal da Xunta de Galicia.

-O director xeral de Xustiza e Administración Local da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

-O director xeral de Obras Públicas da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

-O director xeral de Desenvolvemento Rural da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

-O director xeral de Estructruras Pesqueiras e Mercados da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

b) Pola Administración local:

-Os presidentes das catro deputacións provinciais ou representantes nos que deleguen.

-O presidente ou alcalde no que delegue e dous representantes máis da Federación Galega de Municipios e Provincias.

3. Secretario: o director xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios da Consellería de Economía e Facenda.

Artigo 8º.-Competencias do Pleno.

O Pleno ten as seguintes competencias:

a) A dirección e coordinación de tódalas accións de colaboración coas entidades locais.

b) Marca-las directrices e criterios para a selección dos proxectos.

c) Aproba-los proxectos que comporán o programa como unha das actuacións para potencia-lo desenvolvemento local.

d) Aqueloutras que, non recollidas expresamente nos apartados anteriores, sexan necesarias para desenvolve-las finalidades e obxectivos previstos neste decreto.

Artigo 9º.-Competencias do comité.

O comité ten as seguintes competencias:

a) Estudiar e analiza-los criterios para a selección dos proxectos e elevarlle proposta ó Pleno.

b) Presentarlle ó Pleno as propostas de proxectos seleccionados.

c) Aprobar, se é o caso, as modificacións de proxectos que se pretendan, tanto cualitativas como cuantitativas, informando delas ó Pleno.

d) Informar ó Pleno do seguimento e control do programa.

e) Elaborar informes e estudios.

Artigo 10º.-Delegación de competencias.

Os órganos da Comisión Galega de Cooperación Local poderán delegar na Dirección Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios as súas competencias recollidas no artigo 8.d) e apartados c), d) e e) do artigo 9.

Artigo 11º.-Programa de pequenas infraestructuras e equipamentos locais.

1. As iniciativas amparadas polo Programa de Pequenas Infraestructuras e Equipamentos Locais teñen como obxectivo xeral o desenvolvemento local e o apoio á actividade económica a través da creación ou establecemento de servicios públicos de carácter infraestructural básico.

2. Poderanse acoller a este programa os municipios que, cumprindo o requisito establecido no artigo 3, se relacionan no anexo do presente decreto, onde se asignan as porcentaxes e importes correspondentes a cada provincia e municipio.

3. O orzamento previsto pola Xunta de Galicia para a cobertura das actuacións que se leven a cabo dentro do programa durante 1998 ten unha contía de 4.500.000.000 de ptas.

4. A distribución territorial do crédito realízase de acordo cos criterios xerais adoptados no seu momento polo Parlamento de Galicia na súa Comisión 3ª, de Economía, Facenda e Orzamentos, así como os aprobados en distintos plenos da Comisión Galega de Cooperación Local.

Artigo 12º.-Actuacións subvencionables.

Para efectos deste decreto considéranse actuacións subvencionables as dirixidas á creación ou establecemento dos servicios públicos seguintes:

-Abastecementos de auga.

-Saneamentos.

-Vías ou accesos públicos, a núcleos de poboación.

-Iluminación pública.

-Recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos.

Exclúense deste concepto as obras de reforma, reparación menor, conservación ou mantemento de servicios existentes. A natureza do proxecto definirá unha actuación única e referirase necesariamente a obra completa no sentido establecido pola Lei de contratos das administracións públicas e demais normativa de aplicación.

Artigo 13º.-Solicitude e prazos.

1. As corporacións locais presentarán na Direccción Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios da Consellería de Economía e Facenda, antes do 30 de abril e 1998, as solicitudes integradas polos seguintes documentos:

a) Instancia cuberta no modelo normalizado que se xunta como modelo 1.

b) Proxecto técnico, con informe de viabilidade do técnico municipal competente ou, no seu defecto dun colexiado, segundo modelo 2.

c) Certificado do acordo plenario ou do órgano municipal competente, segundo modelo 3.

As solicitudes confeccionaranse tendo en conta o importe asignado na cooperación financeira da Xunta de Galicia e recollido no anexo referido no artigo 11.2.

2. A Consellería de Economía e Facenda, no prazo de 20 días hábiles despois de concluí-lo sinalado no punto anterior, presentará ó Cómité da Comisión Galega de Cooperación Local unha proposta de actuacións en relación coas solicitudes recibidas. O comité, unha vez analizada a proposta, elevaraa ó Pleno coas observacións que se consideren.

3. Aprobados polo Pleno os proxectos e o seu financiamento, a Consellería de Economía e Facenda notificarállelo ás entidades locais afectadas e tramitará os correspondentes expedientes contables para a súa fiscalización.

Artigo 14º.-Licitación e contratación das obras.

O proceso de licitación, contratación e execución dos proxectos contidos no programa será realizado

pola entidade local beneficiaria de acordo coa súa propia normativa. Non obstante o anterior, deputacións e concellos poderán acordar mutuamente que aquelas asuman o dito proceso. Neste último caso, as deputacións presentarán no comité ó que se refire o punto 2 do artigo anterior a relación de obras das que se fan cargo directamente e os acordos adoptados neste sentido por ámbalas dúas administracións.

Artigo 15º.-Prazo de tramitación das obras do programa.

1. De acordo coa finalidade e cos obxectivos previstos neste decreto, e para as obras que se fagan con cargo ó programa, o prazo máximo para a formalización do contrato establécese no 15 de setembro de 1998 e terá un prazo de execución non superior a un ano. Durante 1998 remitiranse á Dirección Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios certificacións de obra por importe non inferior ó 50% do total do investimento.

En función do anterior, nos documentos de licitación e contratos figurarán expresamente estas condicións.

2. No suposto de que os concellos non cumpran os prazos establecidos neste decreto, solicitarán unha ampliación deles xustificando as causas dos incumprimentos. Conforme as razóns expostas, a Comisión Galega de Cooperación Local resolverá sobre a aprobación da prórroga.

Tal prórroga non se precisará, excepcionalmente, no suposto de participación de plans cofinanciados polas administracións, no que o prazo poderá prorrogarse no tempo necesario para a xustificación da anualidade 1998 do dito plan, sen que poida supera-lo ano 1999.

Non obstante o anterior, non poderán ser obxecto de financiamento nin, se é o caso, prorrogarse os prazos ós proxectos que, por estaren suxeitos a situacións tales como expropiación de terreos, non poidan cumprir cos obxectivos previstos para a cooperación local.

Artigo 16º.-Procedemento de aboamentos.

1. Os aboamentos relacionados co programa efectuaranse de acordo coas previsións que ó respecto establece o proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998 e co regulado no presente decreto. Os aboamentos derivados da execución dos proxectos realizaranse contra certificacións de obra executada ou xustificantes de subministración realizada. O máximo de solicitudes de aboamento será de seis:

1.1. O primeiro aboamento documentarase con:

a) Modelo 4: datos da adxudicación.

b) Modelo 5: datos da contratación e acta de replanteo.

c) Modelo 6: instancia de solicitude de aboamentos.

d) Modelo 7: certificación de obra.

e) Modelo 7 bis: relación valorada da obra executada.

f) Calquera documento xustificativo do importe dos honorarios de redacción do proxecto, ou ben acreditativo do aboamento deles por parte da entidade beneficiaria, se é o caso.

1.2. Da segunda á quinta certificación, que non poderán superar, acumuladas á primera, o 80% do total do custo financiado, a documentación será a seguinte:

a) Modelo 6: instancia de solicitude de aboamentos.

b) Modelo 7: certificación de obra.

c) Modelo 7 bis: relación valorada da obra executada.

1.3. Para a derradeira ou única, se é o caso, as certificacións cubriranse cos seguintes documentos:

a) Modelo 6: instancia de solicitude de aboamentos.

b) Modelo 7: certificación de obra.

c) Modelo 7 bis: relación valorada da obra executada.

d) Modelo 8: acta de recepción.

No caso de subministración, a certificación de obra poderase substituír pola correspondente factura, aprobada polo órgano competente.

Ós documentos que integran o único aboamento ou liquidación da subvención incorporaráselles un informe sobre a execución da obra subvencionada, realizado polo técnico competente da empresa designada pola Dirección Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios, e contratada pola Consellería de Economía e Facenda.

2. Os aboamentos libraranse mediante transferencia bancaria á entidade financeira e á conta designada pola entidade local aberta, para tal efecto, coa denominación de cooperación local, da que só se dispoñerá para o aboamento de certificacións de obra, facturas de subministracións e, se é o caso, honorarios de redacción de proxecto.

Para estes efectos, a conta será a que figure na instancia de pagamento formalizada na solicitude normalizada, que se xunta como modelo 6.

3. Tódolos documentos e modelos que están previstos neste artigo e no 13 deberán ser remitidos en triplicado exemplar, orixinal ou copia debidamente dilixenciada, á Dirección Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios da Consellería de Economía e Facenda.

Exceptúase deste requisito o proxecto técnico esixible no artigo 13, que poderá ser presentado en duplicado exemplar.

Artigo 17º.-Seguimento e control.

1. A Consellería de Economía e Facenda, como órgano competente do programa, queda obrigada a dar conta do seguimento e control deste á Comisión Galega de Cooperación Local e ó Comité de Seguimento do Programa Operativo de Galicia 1994-1999.

2. Con independencia da obriga de xustifica-lo emprego do financiamento asignado, durante a execución do investimento e ó seu remate a Consellería de Economía e Facenda e a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma poderán exerce-los controis establecidos na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, para a xestión e seguimento dos fondos distribuídos.

Artigo 18º.-Publicidade nas obras.

O concello adoptará as medidas e disposicións necesarias para garantir unha adecuada publicidade dos proxectos incluídos no programa. Para tal efecto, nas obras colocaranse, con cargo á empresa adxudicataria, paneis que se axusten ás características xerais que determine a normativa vixente da UE, por seren obras cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).

Artigo 19º.-lncumprimento.

O incumprimento de calquera dos requisitos esixidos na presente norma poderá orixinar un expediente de incumprimento que motivará a perda da subvención ou, se é o caso, o reintegro total ou parcial das cantidades recibidas polo concello, xunto cos xuros correspondentes segundo o previsto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, e disposicións regulamentarias que se dicten para o efecto.

Artigo 20º.-Remanentes de crédito.

Os remanentes de crédito que se produzan como consecuencia da contratación do programa, execución ou variación das obras incluídas nel, reintegraranse como remanente dispoñible, para a súa utilización polos mesmos concellos que así o soliciten e o apliquen a obras subvencionadas e en execución.

Os créditos non utilizados polo programa por non presentarse solicitudes por parte das entidades ou non aprobarse os proxectos selecionados nelas, así como as cantidades non comprometidas no presente exercicio, reintegraranse como remanente libre para a súa utilización en novas previsións do Fondo de Cooperación coas Entidades Locais.

Disposición adicional

En canto non se constitúa a Comisión Galega de Cooperación Local prevista na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, seguirá a ter vixencia a composición e funcionamento da comisión determinada polo Decreto 425/1996, do 21 de novembro, de cooperación coas entidades locais para 1997 coas modificacións derivadas da nova estructura orgánica da Xunta de Galicia que se recollen nos artigos 5, 6 e 7 deste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Queda facultado o conselleiro de Economía e Facenda para dicta-las disposicións pertinentes en desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto queda condicionado á aprobación da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998. A entrada en vigor deste decreto será o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteseis de febreiro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

ANEXO

DISTRIBUCIÓN DO P.I.E.L. 1998 POR PROVINCIAS E CONCELLOS

PROVINCIA DA CORUÑA

PROVINCIA DE LUGO

PROVINCIA DE OURENSE

PROVINCIA DE PONTEVEDRA

1962