Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Venres, 13 de marzo de 1998 Páx. 2.517

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 4 de marzo de 1998, conxunta das direccións xerais de Producción Agropecuaria da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e de Saúde Pública da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, pola que se convocan cursos de aplicadores/manipuladores de praguicidas, nivel básico.

A Orde do 30 de xullo de 1997, conxunta das consellerías de Agricultura, Gandería e Montes e de Sanidade e Servicios Sociais, pola que se establece na Comunidade Autónoma de Galicia a normativa reguladora para a homologación de cursos de capacitación para realizar tratamentos con praguicidas, así como para a obtención do carné de manipuladores destes productos, establece no seu artigo 9 a obrigatoriedade de que o organismo oficial responsable publique no Diario Oficial de Galicia a información correspondente a cada curso que se vaia celebrar.

En consecuencia, anúnciase a convocatoria de catro cursos (dous de productos fitosanitarios e dous de praguicidas de uso ambiental e de uso na industria alimentaria) de aplicadores/manipuladores de praguicidas que se celebrarán de acordo coas seguintes bases:

1. Denominación dos cursos:

1.1. Cursos de aplicadores/manipuladores de productos fitosanitarios. Nivel básico.

1.2. Cursos de aplicadores/manipuladores de praguicidas de uso ambiental e na industria alimentaria. Nivel básico.

2. Datos dos organismos organizadores:

Os organismos organizadores serán:

2.1. O Servicio de Sanidade Vexetal da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria, para os cursos especificados no apartado 1.1.

2.2. O Servicio de Protección da Saúde frente a Riscos Específicos da Dirección Xeral de Saúde Pública, para os cursos especificados no apartado 1.2.

3. Obxectivos dos cursos:

Conseguir unha formación adecuada para o persoal dos establecementos e empresas que manipulen ou presten servicios de tratamentos con praguicidas fitosanitarios ou de uso ambiental e na industria alimentaria, co obxecto de que poidan obte-lo carné de manipulador destes productos que os capacite para exerceren a dita actividade en todo o territorio estatal.

4. Destinatarios:

-Destinatarios: aplicadores, persoal de establecementos e servicios praguicidas, agricultores e público en xeral.

-Nº de prazas: o número de alumnos que poderán participar en cada lugar de celebración será de 30 como máximo.

-Criterios de selección: o solicitante deberá ter idade laboral para poder traballar con praguicidas.

Terán preferencia na selección os aplicadores e/ou manipuladores pertencentes a empresas inscritas no Rexistro Oficial de Establecementos e Servicios Pra-

guicidas da Comunidade Autónoma (Orde do 8 de abril de 1996, conxunta das consellerías de Agricultura, Gandería e Montes e de Sanidade e Servicios Sociais).

5. Celebración:

As clases correspondentes a estes cursos (un de cada clase en cada centro) levaranse a cabo nos seguintes lugares:

1º) Escola de Capacitación Agraria.

Enderezo: Guísamo-Bergondo (A Coruña).

C.P. 15640. Tfno: (981) 79 52 20. Fax: (981) 79 53 75.

2º) Estación Fitopatolóxica de Areeiro.

Enderezo: subida á Carballeira, s/n, Lourizán (Pontevedra).

C.P. 36053. Pontevedra. Tfno: (986) 84 14 91. Fax:(986) 86 42 91.

Duración e horario: os cursos celebraranse nas seguintes datas:

Guísamo (Bergondo-A Coruña): do 30 de marzo ó 3 de abril de 1998.

Lourizán (Pontevedra): do 20 ó 24 de abril de 1998.

E terán unha duración de 23 horas lectivas, distribuídas da seguinte maneira:

Curso 1.1. (15 horas teóricas e 8 prácticas).

Curso 1.2. (15 horas teóricas e 8 prácticas).

O horario do curso será de 9 a 19.15 horas (xornadas de mañá e tarde).

6. Programa:

Os temarios que se impartirán son os que figuran no anexo II.

7. Coordinadores técnicos dos cursos:

De acordo coa facultade conferida no artigo 10 da orde reguladora destes cursos, os coordinadores técnicos serán:

1.1. Fernando Coduras Orera, xefe da Área de Defensa dos Vexetais.

1.2. Isolina Lago Rial, técnico superior do Servicio de Protección da Saúde fronte a Riscos Específicos.

8. Solicitudes e inscrición:

As solicitudes de asistencia, de acordo cos modelos que figuran no anexo I, tramitaranse ás direccións xerais correspondentes.

A documentación sinalada anteriommente presentarase nos rexistros xerais das consellerías de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria ou de Sanidade e Servicios Sociais, en horario de 9 a 14 horas, ou en calquera das oficinas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación será de 10 días naturais contados desde o seguinte ó da publicación da presente resolución.

-Documentación: o persoal que desexe participar nestes cursos deberá presentar cuberta a solicitude que figura como anexo I, xunto cunha fotocopia compulsada do DNI e, se é o caso, certificación expedida polo establecemento ou servicio de praguicidas, especificando o labor que desempeña nel o solicitante.

-Admisión: a relación de solicitantes admitidos expoñerase no taboleiro de anuncios das direccións xerais de Producción Agropecuaria da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria

e de Saúde Pública da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais antes dos cinco días naturais a partir do prazo de finalización da inscrición.

9. Certificado de superación do curso:

É obrigatoria a asistencia a tódalas sesións do curso. Finalizado este, a entidade organizadora realizará as probas pertinentes que avalen os coñecementos adquiridos polos alumnos e, en caso de superalas, expedirá o certificado co que poderá solicitar ás direccións xerais de Producción Agraria e de Saúde

Pública, segundo corresponda, o carné de manipulador de praguicidas de productos fitosanitarios ou de uso ambiental e na industria alimentaria.

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 1998.

Antonio Crespo Iglesias

Director xeral de Producción Agropecuaria

Pilar Farjas Abadía

Directora xeral de Saúde Pública

ANEXO II

Programa dos cursos para praguicidas de uso ambiental e na industria alimentaria.

Nivel básico:

1. Praguicidas. Descrición e xeneralidades.

2. Riscos para o home derivados da utilización dos praguicidas.

3. Xeneralidades sobre pragas ambientais e da industria alimentaria e os métodos de loita antivectorial. Técnicas de aplicación de praguicidas.

4. Praguicidas e medio ambiente. Problemas que presentan. Destrucción de envases.

5. Hixiene e seguridade no seu manexo e aplicación.

6. Prevención, diagnóstico e primeiros auxilios en caso de intoxicación por praguicidas.

7. Exercicios prácticos.

8. Proba de avaliación.

Mínimo de horas lectivas: 20.

Programas dos cursos para productos fitosanitarios.

Nivel básico:

1. Praguicidas: descrición e xeneralidades.

2. Riscos derivados da utilización dos praguicidas.

3. Perigosidade dos praguicidas para a saúde. Intoxicacións.

4. Práctica da protección fitosanitaria. Relación traballo-saúde, primeiros auxilios en caso de intoxicación.

5. Medidas preventivas e protectoras para evita-lo risco do uso de praguicidas.

6. Boa práctica fitosanitaria. Protección do medio ambiente e normas legais.

7. Exercicios prácticos.

8. Proba de avaliación.

Mínimo de horas lectivas: 20.