Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Martes, 10 de marzo de 1998 Páx. 2.387

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 16 de febreiro de 1998, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Onyx-Regasa, S.A.

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Onyx-Regasa, S.A. que tivo entrada nesta delegación provincial o día 6-2-1998, subscrito en representación da parte económica pola empresa, e da parte social polo comité de empresa o día 16-1-1998, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24

de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo existente nesta delegación-provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 16 de febreiro de 1998.

Mª Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

I. Normas xerais.

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

O presente convenio regulará as relacións laborais e económicas da empresa Onyx-Regasa, S.A.

Artigo 2º.-Ámbito territorial.

Este convenio será de aplicación para a devandita empresa no seu centro de traballo de Santiago de Compostela.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

Afecta a tódolos traballadores que actualmente están empregados pola dita empresa no devandito centro de traballo, así como a aqueles que o sexan no futuro.

Artigo 4º.-Vixencia e duración.

Con independencia da súa publicación no BOP entrará en vigor para tódolos efectos o día 1 de xaneiro de 1997 sendo a súa duración por catro anos, é dicir, ata o 31 de decembro do 2000.

Artigo 5º.-Comisión paritaria.

Ficará constituída, unha vez asinado o convenio, por Luis Cebro Sousa, José Míguez Suárez, José Casas Lamas, Agustín Vázquez Guerra e Jesús Brocos Mera, en representación dos traballadores, e por Carlos Cobian y Babe e Antonio Gómez García, en representación da empresa, que poderán nomear no momento tres persoas máis na súa representación. As competencias serán resolver cantas dúbidas e diverxencias poidan xurdir na aplicación ou interpretación do convenio. Tanto a parte social como a económica poderán dotarse dos asesores que coiden convenientes.

No caso de discrepancia aplicarase o que dispoña a autoridade laboral competente.

Artigo 6º.-Condicións máis beneficiosas.

Respectaranse todas aquelas situacións ou condicións laborais que tivesen recoñecidas os traballadores e que sexan máis beneficiosas do que as pactadas neste convenio.

Artigo 7º.-Compensación e absorción.

As retribucións establecidas neste convenio, compensarán tódalas existentes no momento da súa entrada en vigor, calquera que sexa a natureza ou a orixe delas. Os aumentos de retribucións legais de xeral aplicación, convenios colectivos, contratos individuais, etc., so poderán afectar ás condicións pactadas no presente convenio cando, consideradas as novas retribucións en cómputo anual, superen ás aquí pactadas. No caso contrario serán compensadas e absorbidas por estas últimas, manténdose o presente convenio nos seus propios termos, no xeito e condicións que quedan pactadas.

Artigo 8º.-Denuncia.

Para os efectos de trámite de denuncia deste convenio, as partes consideran que a súa sinatura inclúe o trámite de denuncia; xa que logo, o convenio entenderase cumpridamente denunciado ó remata-la súa vixencia, comezando as negociacións un mes antes de remata-los efectos do presente convenio.

II. Condicións de traballo

Artigo 9º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo será de 39 horas semanais, tanto en xornada continuada como partida.

En xornada continuada o traballador desfrutará de 20 minutos de descanso, computándose para tódolos efectos como traballo efectivo.

Artigo 10º.-Período de proba.

O período de proba para o persoal operario será de dúas semanas.

Artigo 11º.-Traballos de categoría superior.

No caso de que, por necesidade do servicio, un traballador tivese que facer traballos de categoría superior, o traballador percibirá o salario correspondente á devandita categoría. Se pasados dous meses o traballador seguise a facer traballos superiores á súa categoría, será ascendido automaticamente á categoría superior correspondente.

Artigo 12º.-Contratos de traballo temporais.

A empresa converterá os novos contratos en indefinidos sempre que a duración sexo superior a 18 meses, e que foran contratados para cubrir postos de traballo que xurdan como consecuencia de baixas que se produzan no cadro de persoal ou que se creen por ampliación dela.

Artigo 13º.-Vacacións.

As vacacións serán de 27 días laborais, sendo retribuídas con tódolos conceptos da táboa salarial agás o plus de nocturnidade.

As vacacións non poderán ser compensadas en metálico, agás nos casos de liquidación por finalización de contrato ou despedimento.

A empresa, logo de consulta dos representantes dos traballadores, confeccionará un cadro de vaca

cións con tres meses de anticipación mínima ó comezo do seu desfrute, que será exposto no taboleiro de anuncios e da que se entregará unha copia asinada e selada ó comité de empresa.

Desfrutaranse por ano natural de servicio. En caso de que un traballador sexa empregado no decurso do ano ou cause baixa na empresa, desfrutará do período de vacacións que corresponda ó tempo de vinculación coa empresa, rateándose as fraccións de mes como meses enteiros.

Os períodos de IT e licencias consideraranse sen que proceda ningunha reducción de vacacións por estas causas.

Artigo 14º.-Licencias.

Tódolos traballadores ó servicio da empresa, mediando coa antelación suficiente o aviso oportuno, terán dereito ó desfrute de licencias no xeito e condicións seguintes:

a) Por casamento: 20 días.

b) Por morte do cónxuxe, pais ou fillos/as: 6 días.

c) Por morte de avós/as, netos/as ou irmáns: 4 días.

d) Por morte de sogros/as ou xenros/noras: 5 días.

e) Por morte de avós/as políticos/as e cuñados/as: 2 días.

f) Por morte de tíos/as e sobriños/as: 1 día.

g) Por enfermidade grave do cónxuxe, pais ou fillos/as: 5 días.

Nos casos de hospitalización por enfermidades que non sexan consideradas como graves a licencia será mentres dure a hospitalización e por un prazo máximo de 2 días.

h) Por enfermidade grave de irmáns: 2 días.

i) Por parto da muller: 5 días.

Se ten lugar fóra da provincia do centro de traballo, 6 días.

j) Por casamento do fillos/as ou irmáns/ás: 1 día.

Se ten lugar fóra da provincia do centro de traballo, 4 días.

k) Por cambio de domicilio: 2 días.

l) Deberes públicos: polo tempo indispensable para o seu cumprimento.

ll) Os traballadores do cadro de persoal desfrutarán dun día de libre disposición, remunerado, segundo preferencia do traballador, logo de aviso con sete días de antelación.

m) Os traballadores poderán solicitar, por causas xustificadas e razoables, ata 10 días de permiso sen saldo ó ano tendo en conta as necesidades do servicio.

Agás en casos de forzá maior o traballador avisará da súa ausencia con 24 horas de antelación para calquera das circunstancias expostas. En caso de falta de aviso previo sen causa xustificada poderá sancionarse como falta leve.

Artigo 15º.-Roupa de traballo.

A empresa entregará durante o ano, ós traballadores, as pezas de roupa de traballo seguintes:

Inverno:

Conductores: 2 fundas, 1 xersei, 1 anorak, 1 par de botas de material e 1 par de botas de auga.

Peóns de recollida, brigada e praza: 2 fundas, 1 xersei, 1 traxe de auga, 2 pares de luvas, 1 par de botas de material e 1 par de botas de auga.

Peóns de limpeza: 1 traxe de pana, 1 xersei, 1 traxe de auga, 1 gorra de pana, 2 pares de luvas, 1 par de botas de material e 1 par de botas de auga.

Verán:

Conductores: 1 pantalón, 2 camisas, 1 xersei, 1 par de zapatillas.

Peóns de recollida, brigada e praza: 1 funda e 1 par de zapatillas.

Peóns de limpeza: 1 pantalón de tergal, 1 cazadora de tergal, 2 camisas, 1 par de zapatillas.

Toda a roupa irá con bandas reflectantes.

A entrega da roupa levarase a cabo no que respecta ás épocas: de inverno, entre os meses de setembro e outubro; de verán, entre os meses de abril e maio. Dentro destas pezas incluirase a entrega dunha toalla para cada traballador.

Se o material se deteriorase involuntariamente, reparase inmediatamente.

Tódolos traballadores que causen baixa definitiva na empresa deberán devolve-la roupa de traballo entregada no último ano.

A roupa de traballo entregada pola empresa será de uso exclusivo durante a xornada laboral.

III. Condicións económicas

Artigo 16º.-Salarios.

A suba salarial para 1997 será do 3,8% sobre tódolos conceptos das táboas salariais e para tódalas categorías.

A cantidade que resulte de aplicar ó plus de transporte a porcentaxe de incremento pactado no convenio pasará a formar parte do salario base, quedando este plus conxelado na súa contía.

Artigo 17º.-Revisión salarial.

Para os anos 1998, 1999 e 2000 aplicarase unha suba salarial equivalente ó IPC resultante a 31 de decembro de cada un dos anos, máis o 1,2%. No mes de xaneiro de cada ano reunirase a comisión paritaria do convenio co fin de establece-la suba salarial que se vai aplicar, mentres non se coñeza a suba real do IPC.

Artigo 18º.-Antigüidade.

Co fin de premia-la continuidade dos traballadores fixos ó servicio da empresa establécense premios

por anos de servicio, consistentes en tres bienios do 5% e posteriormente quinquenios do 7% do salario base.

Artigo 19º.-Anticipos.

O persoal operario poderá solicitar anticipos mensuais a conta do traballo realizado.

Artigo 20º.-Pagamento de salarios.

A empresa aboará os salarios na data do último día do mes, ou no anterior día, se aquel fose festivo.

No caso de que a empresa aboase os salarios por medio de talón bancario, os traballadores poderán proceder ó seu cobramento durante as horas de traballo no día en que fose aboado. En caso de atraso no pagamento dos salarios, aplicarase o disposto no Estatuto dos traballadores.

Artigo 21º.-Horas extras.

Evitaranse no posible a realización de horas extras. As referidas horas só se realizarán en casos excepcionais, aboándose de acordo co disposto na lexislación vixente.

Artigo 22º.-Pagas extraordinarias.

Aboaranse anualmente catro gratificacións extraordinarias. A do Día da Patria Galega, con aboamento o 15 de xullo; a de Nadal, o 15 de decembro, a de marzo, no mes de marzo, e a de outubro, con aboamento o 15 de outubro.

As pagas do Día da Patria Galega, a de Nadal e a de marzo, consistirán nunha mensualidade de salario base máis antigüidade e plus de transporte; e a paga de outubro será por unha contía de 77.850 pesetas para cada un dos traballadores.

O período de devengo de cada unha das pagas será o seguinte:

Paga de marzo: do 1 de abril ó 31 de marzo.

Paga do Día da Patria Galega: do 1 de xullo ó 30 de xuño.

Paga de outubro: do 1 de outubro ó 30 de setembro.

Paga de Nadal: do 1 de xaneiro ó 31 de decembro.

Nos meses de agosto de 1999 e 2000 tódolos traballadores percibirán unha gratificación extraordinaria por un importe de 60.000 ptas, para cada un dos anos. Estas pagas non terán carácter consolidable.

Artigo 23º.-Plus de toxicidade, penosidade e perigosidade.

Tódolos traballadores, excepto administrativos, percibirán un plus de traballo tóxico penoso e perigoso nunha contía equivalente ó 20% do salario base, sendo este plus mensual. O dito plus será percibido en catorce mensualidades polo xefe de servicios.

Este plus será do 10% para os conductores e vixilantes.

Artigo 24º.-Plus de especialidade ou conducción.

Este plus será percibido polo xefe de servicios, administrativos, mecánicos, conductores e vixilantes, de acordo coa táboa salarial anexa.

O dito plus será percibido en doce mensualidades, excepto xefe de servicios e administrativos que o percibirán en catorce mensualidades.

Artigo 25º.-Incentivos.

Este plus será percibido polo xefe de servicios, na contía que figura na táboa salarial anexa, por catorce mensualidades.

Artigo 26º.-Plus de transporte.

Tódolos traballadores percibirán un plus de transporte mensual segundo a táboa salarial anexa.

Artigo 27º.-Plus de nocturnidade.

As horas traballadas en xornada nocturna terán un incremento do 30% do salario base, entendéndose por xornada nocturna os servicios que se presten nos seguintes horarios: 22.30 horas, 00.00 horas e 04.00 horas.

Artigo 28º.-Traballo en domingos e festivos ordinarios (servicios de repaso).

As horas efectivamente traballadas no servicio de limpeza de repaso en domingos e festivos ordinarios (ou sexa festivos nos que só hai que face-lo dito servicio) serán de 3 horas e 15 minutos, dándoselle por esta xornada un día de descanso laborable.

Os traballadores que, por necesidades do servicio, traballen en festivos dobres (ou sexa festivos nos que haxa que facer servicios de recollida e varrido manual, entendéndose como xornada completa), compensaráselles con día e medio de descanso. A partir do 1 de xaneiro de 1999, compensaráselles con dous días de descanso.

No caso de non ser posible, por necesidades do servicio, compensar con descanso as horas traballadas nos casos que se citan anteriormente, aboaríanse co mesmo tanto por canto sobre o salario hora real que lle corresponda en cada caso.

O persoal que cumpra o servicio de domingos e festivos terá un día de vacacións ó ano por este concepto, de acordo co traballador, segundo as necesidades do servicio.

Ó persoal que traballe dous festivos consecutivos, daráselle un día de descanso en sábado.

Artigo 29º.-Festividade patronal.

A celebración da festividade de San Martiño de Porres, o 3 de novembro, terá carácter de festivo aboable e non recuperable equivalente ós demais festivos, efectuándose, polo tanto, unicamente os servicios correspondentes a festivo na modalidade que corresponda mais os de limpeza e recolleita de mercados e matadoiro, se é o caso.

Artigo 30º.-Premios de xubilación.

Como compensación pola xubilación anticipada establécense os seguintes premios de xubilación

para aqueles traballadores cun mínimo de 7 anos de antigüidade:

a) Ós 60 anos, 400.603 ptas.

b) Ós 61 anos, 317.460 ptas.

c) Ós 62 anos, 249.432 ptas.

d) Ós 63 anos, 166.288 ptas.

e) Ós 64 anos, 105.819 ptas.

A xubilación ós 64 anos será de acordo co Real decreto lei 14/1981.

Terase dereito a estas premios de xubilación dentro dos 90 días seguintes ó cumprimento dos anos correspondentes.

Artigo 31º.-Axudas de custo.

O persoal desprazado fóra da localidade onde reside a empresa, por causa do servicio, terá dereito a unha indemnización polos gastos que se orixinen.

IV. Condicións sociais

Artigo 32º.-Incapacidade transitoria.

En caso de baixa por accidente laboral ou enfermidade, o traballador percibirá o 100 por 100 das retribucións que con anterioridade viña percibindo, agás a nocturnidade.

Artigo 33º.-Seguro de invalidez e morte.

En caso de accidente, laboral ou non, do que derive morte, os seus beneficiarios percibirán a cantidade de 2.000.000 de ptas.

Cando o traballador quedase en situación de grande invalidez, ou incapacidade permanente absoluta para calquera actividade laboral, percibirá en concepto de indemnización a cantidade de 3.000.000 de ptas., subscribindo a empresa a correspondente póliza ó respecto.

Artigo 34º.-Persoal con capacidade diminuída.

Cando, por causas derivadas de accidente laboral, o traballador resulte diminuído na súa capacidade para exerce-lo traballo que viña desenvolvendo, a empresa asignará ó traballador un posto de traballo acorde coa súa nova capacidade laboral.

Artigo 35º.-Retirada do carné.

En caso de retirada do carné de conducir a un traballador en horas de traballo, a empresa proporcionará a este outro traballo, percibindo o salario correspondente á súa categoría de conductor.

Se ocorrera fóra do horario de traballo, percibirá o salario correspondente á categoría que se lle asigne.

Estes beneficios non terán efecto nos supostos de bebedeira.

Artigo 36º.-Bolsas.

A empresa concederá un fondo de 544.445 ptas. para a súa distribución no número e contía destas que a comisión paritaria determine, en función dos

distintos niveis de estudios e circunstancias familiares do persoal. A devandita comisión establecerá asemade o sistema de adxudicación.

Estas bolsas irán destinadas ós fillos dos traballadores e o seu aboamento farase no mes de outubro.

Artigo 37º.-Excedencias.

Considerarase excedencia forzosa, e polo tanto obrigatoria a súa concesión, o nomeamento dun traballador para desempeñar un cargo de carácter público. O tempo que dure esta excedencia contarase para a antigüidade para tódolos efectos.

Todo traballador cun ano de antigüidade na empresa poderá solicitar excedencia voluntaria por un prazo superior a 6 meses e inferior a 5 anos, de acordo co establecido no artigo 46 do Estatuto dos traballadores, agás no referente ó prazo mínimo.

Artigo 38º.-Revisión médica.

Os traballadores afectados polo presente convenio terán revisións médicas completas durante o ano, por conta da empresa, a cal facilitará os medios e períodos precisos para o seu cumprimento.

Artigo 39º.-Troco de posto de traballo.

No caso de que dous traballadores da mesma categoría e servicio desexen troca-las súas quendas de traballo, a empresa accederá a isto, logo de notificación a esta por parte dos traballadores afectados e, en caso de non acceder, será oído o comité de empresa.

De producirse unha vacante, terá preferencia a ocupala, en igualdade de condicións, un traballador da mesma categoría na empresa.

Así mesmo, as vacantes producidas virán reguladas polos seguintes criterios:

a) Comunicación pública da vacante a tódolos traballadores para que poidan optar voluntariamente á referida vacante.

b) Terán preferencia os traballadores con maior antigüidade sempre e cando as condicións físicas e técnicas o permitan.

c) No caso de existencia de vacantes por baixa definitiva dalgún traballador (xubilación, invalidez, baixa voluntaria, etc.) ou por ampliación do cadro de persoal, á que ningún traballador optara voluntariamente a esa praza, será cuberta por aquel traballador contratado para cubri-la vacante no cadro de persoal.

d) Naqueles casos de troco de quendas eventuais, por razóns de servicio, convocarase por escrito ó traballador afectado polo cambio eventual, especificando as razóns do devandito cambio e, unha vez extinguidas aquelas, o traballador afectado volverá de novo a incorporarse á súa quenda de traballo fixa.

Artigo 40º.-Saúde laboral.

Constitución de comités de saúde, seguridade e condicións de traballo. O seu ámbito de actuación

debe comprender tódolos factores presentes no centro de traballo que poidan ter un efecto sobre a saúde. As súas funcións serán: unha información completa sobre tódolos factores de risco (maquinaria, ferramentas, substancias e productos, materias primas, procesos, etc.) así como os danos (accidentes, enfermidades) ocorridos no centro de traballo.

O dereito a inspeccionar libremente lugares de traballo, realiza-los informes e medicións, etc., para o cal se posibilitará o asesoramento de expertos alleos á empresa (da Administración e dos propios sindicatos).

A facultade de control previa á implantación de novos productos e métodos de traballo.

O coñecemento dos resultados das valoracións dos riscos do medio ambiente laboral e dos recoñecementos xerais e específicos realizados ós traballadores.

A facultade de elaborar, seguir e controla-la execución dos plans e programas para a mellora das condicións de traballo e prevención de riscos laborais na empresa.

Dispor de crédito horario para desenvolver funcións e asegura-la súa continua formación.

A participación, en caso de toma de decisións sobre os cambios nos procesos productivos e investimentos en materia de producción do medio ambiente, en particular do control das emisións e tratamento do refugallo, e a coñece-lo cumprimento, por parte da empresa, das disposicións legais ó respecto.

A elaboración de «mapas de risco» que servirán de base para a realización dos plans anuais para a prevención, nos que contará a asignación orzamentaria correspondente.

Implantación de medidas técnicas de prevención ata a total eliminación de riscos. É dicir, primarase a prevención sobre a protección.

Para os efectos, considerarase enfermidade profesional toda alteración da saúde que fose orixinada ou agravada polos factores de risco existentes no centro de traballo.

V. Dereitos sindicais

Artigo 41º.-Dereitos sindicais.

O comité de empresa terá as seguintes competencias:

Emitir informe, con carácter previo á execución por parte da empresa, das decisións adoptadas por esta nas seguintes cuestións:

a) Reestructuración do cadro de persoal e cesamentos totais ou parciais, definitivos ou temporais daquela.

b) Reduccións de xornada, así como o traslado total ou parcial de instalacións.

c) Asembleas: os traballadores teñen dereito a celebrar asambleas fóra do horario de traballo nos seus centros de traballo coa simple notificación previa á empresa. Así mesmo, disporán dun máximo de 6 horas laborais ó ano para celebrar asembleas en horas de traballo, logo de notificación á empresa, cun mínimo de 48 horas, cunha duración máxima para cada unha delas de 2 horas, computándose para tódolos efectos como traballo efectivo.

d) Os representantes sindicais poderán dispoñer de ata 20 horas laborais mensuais para faltar ó traballo, non computándose nestas as utilizadas para a negociación do convenio colectivo, asistencia por citación a organismos oficiais e asistencia a congresos sindicais provinciais ou nacionais. Se un representante non desfrutase unha parte ou ningunha das horas citadas, poderá cedelas a outro representante da mesma empresa. Cando un mesmo representante acumule as horas de varios, estas nunca poderán exceder das estipuladas dentro da xornada obrigatoria, co fin de evitar, nas que excedan, o seu aboamento por parte da empresa.

Taboleiro de anuncios: a empresa porá a disposición do comité de empresa o correspondente taboleiro de anuncios co obxecto de informar e comunicar todas aquelas cuestións que os delegados de persoal consideren oportunas.

e) Os traballadores poderán solicitar por escrito que, mensualmente, lles sexa descontada da nómina a cota sindical, sendo transferida pola empresa a unha conta bancaria aberta a nome do sindicato ou central sindical á que o traballador estea afiliado.

As solicitudes poderán ser tramitadas polo mesmo sindicato.

Seccións sindicais. As seccións sindicáis das centrais sindicais terán dereito a reunión dentro da empresa, dereito de información e distribución da súa propia propaganda, dispoñendo de locais adecuados e taboleiro de anuncios diferentes ó que use a dirección.

Recoñeceranse as seccións sindicais que acrediten un mínimo de representatividade na empresa, consistente nun 10 por 100.

Liberdade para o cobro da cota sindical polo responsable da sección sindical, dentro das horas de traballo.

Artigo 42º

En caso de finalización da contrata que Regasa ten concertada co Concello de Santiago de Compostela, por cambio da empresa adxudicataria, os traballadores da plantilla serán metidos na súa relación laboral, subrogándose en tódolos dereitos e obrigas a nova empresa adxudicataria.

Artigo 43º

En todo o non previsto neste convenio, será de aplicación o convenio xeral do sector de limpeza pública, viaria, regos, recollida, tratamento e eliminación de residuos e limpeza e conservación da rede de sumidoiros, publicado no BOE do 7 de marzo de 1996.

Artigo 44º

Os atrasos de salarios devengados pola entrada en vigor deste convenio serán satisfeitos pola empresa na nómina correpondente ó mes de setembro de 1997, con independencia da súa ratificación polo Concello de Santiago de Compostela.

Artigo 22º.-Pagas extraordinarias.

A paga de outubro: 80.419 ptas.

Artigo 30º.-Premios de xubilación.

a) Ós 60 anos, 413.823 ptas.

b) Ós 61 anos, 327.936 ptas.

c) Ós 62 anos, 257.663 ptas.

d) Ós 63 anos, 171.776 ptas.

e) Ós 64 anos, 109.311 ptas.

Artigo 36º.-Bolsas.

O fondo para bolsas de estudio queda fixado en 562.412 ptas.