Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Martes, 03 de marzo de 1998 Páx. 2.106

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 28 de xaneiro de 1998 pola que se regula a concesión de subvencións a xornais e revistas para a edición de suplementos didácticos.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 5, especifica que a lingua propia de Galicia é o galego e que os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilita-lo seu coñecemento.

Segundo o artigo 27.20º, correspóndelle á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva de promoción e o ensino da lingua galega en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias, sen prexuízo do disposto na Constitución e nas leis orgánicas.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, no seu título IV, do uso do galego nos medios de comunicación, establece que será obriga da Xunta de Galicia contribuír ó fomento do galego nos medios de comunicación, con medidas que potencien a producción editorial e a súa difusión.

En virtude do exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Suxeitos.

A presente orde vai dirixida ás empresas editoriais que elaboren xornais e revistas de carácter non institucional.

Artigo 2º.-Obxecto.

Convócanse subvencións en réxime de concorrencia competitiva para a edición de suplementos didácticos en lingua galega con suxeición ás normas contidas na presente orde, con cargo á partida orzamentaria 07.06.353F.470.1, por unha contía máxima total de 40.000.000 de ptas., correspondentes ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1998.

Artigo 3º.-Requisitos.

Subvencionarase a edición de suplementos didácticos que cumpran as seguintes condicións:

1ª Estar correctamente escritos en galego, segundo o disposto na lexislación vixente (disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro).

2ª Publicarse entre o 1 de xaneiro de 1998 e o 31 de outubro de 1998.

Artigo 4º.-Exclusións.

Quedan excluídos do ámbito de aplicación da presente orde, aínda que cumpran os requisitos esixidos no artigo precedente, os suplementos editados por xornais ou revistas institucionais e aqueles suplementos que non teñan como fin principal a difusión didáctica da lingua galega.

Artigo 5º.-Criterios de concesión.

Consideraranse criterios preferentes de concesión da subvención, sen orde de prelación, os seguintes:

1. De acordo co establecido no artigo 19 da Lei 3/1983, daráselles preferencia a aqueles proxectos

presentados por empresas xornalísticas que empreguen o galego dun xeito habitual e progresivo.

2. A periodicidade da publicación.

3. A tiraxe de exemplares e maila súa difusión.

4. O arraigamento social do suplemento como vehículo de promoción lingüística.

5. O contido didáctico promocional do suplemento.

Artigo 6º.-Documentación.

No momento de face-la solicitude da subvención, os interesados presentarán a seguinte documentación:

1. Solicitude, formalizada no anexo I da presente orde debidamente cuberto; o incumprimento desta obriga por parte dos interesados dará lugar ó arquivo das actuacións sen máis trámite.

2. Acreditación da personalidade do solicitante e da súa representación, mediante fotocopia compulsada da escritura pública de constitución da sociedade e do poder notarial correspondente, constando a inscrición de ambos no Rexistro Mercantil.

No caso de empresas individuais, presentarase unha fotocopia compulsada do NIF do titular.

3. Xustificación de estar ó día no pagamento do imposto de actividades económicas.

4. Un exemplar do suplemento, xunto co xornal ou revista.

5. No caso de non ter elaborado o material, a maqueta do proxecto na que constarán tódolos datos referidos á subvención.

6. Fotocopia do CIF da empresa.

Artigo 7º.-Entrega da documentación.

As solicitudes, xunto coa documentación citada no artigo precedente, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (edificio administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela), no prazo de 30 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. É de aplicación o previsto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º.-Procedemento.

Recibidas as solicitudes, serán tramitadas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que procederán a aplica-los criterios contidos nesta orde, redactando un informe proposta de concesión, denegación ou exclusión, se fose o caso, das subvencións.

Artigo 9º.-Órgano informante.

Será competente para a valoración do informe proposta citado no artigo anterior unha comisión de avaliación presidida polo director xeral de Política Lingüística, ou a persoa na que delegue, e composta polos seguintes membros:

-A subdirectora xeral de Promoción e Ensino da Lingua Galega.

-O xefe do Servicio de Xestión e Promoción Lingüística.

-O xefe do Servicio de Plans e Programas de Ensino da Lingua Galega.

-Un representante do gabinete de prensa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Un representante proposto pola Secretaría Xeral para as Relacións cos Medios Informativos e nomeado polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

-O xefe da Sección de Xestión e Coordinación Lingüística, que actuará como secretario con voz e sen voto.

Artigo 10º.-Resolución.

Á vista do informe da comisión de avaliación, o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria dictará a resolución que lle porá fin á vía administrativa.

Contra a resolución os interesados poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó de publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, de acordo cos artigos 57 e seguintes da Lei reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

As notificacións publicaranse no taboleiro de anuncios da Oficina de Información e Atención ó Cidadán da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (edificio administrativo de San Caetano, bloque 2, baixo, Santiago de Compostela) e no Diario Oficial de Galicia notificándoselles así mesmo ós interesados.

A concesión de anticipos e pagamentos parciais regularase de acordo coa lexislación vixente na materia.

Se no prazo de tres meses non recaese resolución expresa desta convocatoria, as solicitudes presentadas entenderanse desestimadas.

Artigo 11º.-Aceptación da subvención e compromisos.

As empresas seleccionadas terán que lle comunicar por escrito a súa aceptación da subvención concedida e mailos compromisos que isto supón, á Dirección Xeral de Política Lingüística, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo máximo de dez días contados a partir da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

En toda a edición do material para o que se conceda a subvención constará impreso, coa mesma técnica que os créditos da empresa editora, o patrocinio da Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, empregando para iso os logotipos aprobados pola imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

Artigo 12º.-Xustificación.

O prazo improrrogable de xustificación e entrega da totalidade da documentación que de seguido se cita, nas condicións expresas na presente orde, rematará o 31 de outubro de 1998.

Antes da citada data deberá remitírselle á Dirección Xeral de Política Lingüística, xunto cun escrito no que se cite o número de expediente e os documentos enviados:

1. Xustificantes orixinais, ou fotocopia compulsada, dos gastos realizados, de acordo coa resolución de

concesión e nos termos expresados no proxecto presentado, por un valor mínimo equivalente ó dobre da axuda concedida, xunto cunha relación pormenorizada das facturas que incluirá o número de factura, o nome do emisor, o importe, suma parcial folla por folla e suma total de toda a relación.

2. Certificado do editor no que constará expresamente a realización da edición e, como mínimo, a tiraxe de exemplares que se mencionaba no proxecto de solicitude.

3. Certificación de atoparse ó día das súas obrigas tributarias, expedida pola correspondente delegación ou axencia do Ministerio de Economía e Facenda.

4. Certificación de atoparse ó día das súas obrigas sociais expedida pola Tesourería da Seguridade Social.

5. Certificación de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, expedida pola Consellería de Economía e Facenda.

6. Mostras dos suplementos publicados xunto cos números da publicación cos que apareceron.

En relación cos xustificantes citados no número 1 deste artigo, as súas datas estarán comprendidas entre o 1 de xaneiro de 1998 e o 31 de outubro de 1998, admitíndose unicamente en relación a:

a) Gastos de material (papel, pranchas, tintas e películas).

b) Gastos de persoal (autores, coordinación, debuxantes, montaxes, fotografía e persoal colaborador).

c) Gastos de distribución.

O incumprimento destas obrigas por parte do interesado dará lugar ó arquivo do expediente sen máis trámite.

Artigo 13º.-Perda da subvención.

De o resultado da publicación non se axustar ós datos que figuran no impreso de solicitude ou incumprir algunha das normas contidas na presente orde, procederase á revogación da axuda, e se fose o caso, a empresa terá que reintegra-las cantidades percibidas.

No caso de que se lle conceda á mesma empresa no prazo de vigor da presente orde outra subvención para esta mesma finalidade, a empresa terá que llo comunicar á Administración, sendo de aplicación o disposto no artigo 78.3º da Lei 11/1992, do 7 de outubro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 1998.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria