Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Martes, 03 de marzo de 1998 Páx. 2.101

II. AUTORIDADES E PERSOAL

NOMEAMENTOS:

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 17 de febreiro de 1998 pola que se nomea un vocal da mesa autonómica de control e seguimento da renda de integración social de Galicia.

Os artigos 36 e 38 da Lei 9/1991, do 2 de outubro, galega de medidas básicas para a inserción social, en concordancia co artigo 81 do Decreto 374/1991, do 24 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 9/1991, do 2 de outubro, dispoñen a constitución dunha mesa a nivel autonómico, que actuará como órgano superior de control e seguimento da aplicación da renda de integración social de Galicia e que estará integrada, entre outros membros, por sete representantes das centrais sindicais máis representativas a nivel autonómico.

As normas de organización e funcionamento interno da mesa autonómica da renda de integración social publicadas no Diario Oficial de Galicia do 23 de outubro de 1992, que rexerán tamén para as mesas provinciais, a teor do disposto no artigo 81.3º do Decreto 374/1991, do 24 de outubro, establecen no seu artigo 7.2º que os nomeamentos e substitucións de tódolos membros da mesa se publicarán no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, no Diario Oficial de Galicia do 14 de abril de 1997, faise pública a composición das mesas autonómica e provincial de control e seguimento da renda de integración social de Galicia. Posteriormente, foi comunicada a esta consellería proposta da central sindical Confederación Intersindical Galega, acordando substituí-los seus actuais vocais titulares na mesa autonómica.

En consecuencia, en uso das facultades que me confire o artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo único.-Nomear en representación da central sindical Confederación Intersindical Galega a Xan A. Carballo Rodríguez e a Manuel Facorro Casal vocais titulares da mesa autonómica de control e seguimento da renda de integración social de Galicia, en substitución de Xan Carlos Rodríguez Ansia e Rosa de los Ángeles Garrido Burgo, respectivamente.

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 1998.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais