Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Luns, 02 de marzo de 1998 Páx. 2.066

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 16 de decembro de 1997, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Emesa-Trefilería, S.A.

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Emesa-Trefilería, S.A., que tivo entrada nesta Delegación Provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 21-11-1997 e posteriormente rectificado con data do 12-12-1997, subscrito en representación da parte económica pola empresa, e da parte social polo comité de empresa o día 7-11-1997, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 16 de decembro de 1997.

Mª Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Emesa-Trefilería, S.A.

Convenio colectivo de traballo para 1997,

1998 e 1999

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto do convenio.

O presente convenio concértase entre os representantes da empresa e os traballadores de Emesa-Trefilería, S.A. para regula-las relacións de traballo, económicas e sociais entre ámbalas partes.

Artigo 2º.-Ámbito persoal e territorial.

Este convenio afectará a totalidade do persoal do cadro de Emesa-Trefilería, S.A., con inclusión do desprazado fóra da factoría por circunstancias de traballo, así como o que ingrese na empresa dentro do referido ámbito e durante a súa vixencia.

Artigo 3º.-Ámbito temporal.

O presente convenio terá vixencia ata o 31 de decembro de 1999 para tódolos efectos, aplicándose a partir do día 1 de xaneiro de 1997.

Prorrogarase de ano en ano, de acordo co previsto na lei de convenios vixente, de non mediar denuncia expresa de calquera das partes cunha anticipación mínima de tres meses á data de expiración da súa vixencia ou de calquera das súas prórrogas.

Capítulo II

Organización do traballo

Sección primeira

Principios xerais

Artigo 4º.-Organización do traballo.

A facultade e responsabilidade de organización na empresa corresponde á dirección da empresa, quen a exercerá de conformidade coas disposicións vixentes e tendo en conta a participación do persoal nos aspectos expresamente recollidos neste convenio.

A dirección, logo de informe do comité de empresa e aténdose, en todo caso, ás esixencias legais, poderá amortiza-los postos de traballo que resultasen vacantes e que se consideren precisos.

Cando dentro da xornada laboral sexa posible realizar simultánea ou sucesivamente funcións correspondentes a varios postos de traballo de igual ou inferior categoría, poderán ser encomendados a un só traballador, nas condicións sinaladas polo Estatuto dos traballadores.

Todo traballador da empresa deberá ter un rendemento normal no seu posto de traballo. Enténdese por rendemento normal o definido na extinta ordenanza laboral siderometalúrxica.

Sección segunda

Clasificación profesional e ascensos

Artigo 5º.-Clasificación profesional.

1. O persoal que preste os seus servicios na empresa será clasificado tendo en conta os seus coñe

cementos, experiencia, grao de autonomía, responsabilidade e iniciativa.

Esta nova clasificación ten por obxecto alcanzar unha estructura profesional acorde coas necesidades da empresa, que facilite a mellor integración de todo o colectivo nas tarefas productivas e mellore a súa adecuación, en todo momento, a un posto de traballo, mediante a oportuna formación.

2. Clasificación organizativa. Todo traballador integrado nesta nova estructura terá, como consecuencia disto, unha determinada división funcional e un grupo profesional. A conxunción de ámbolos datos fixará consecuentemente a clasificación organizativa de cada traballador.

É contido primario da relación contractual laboral o desempeño das funcións que implica a súa clasificación organizativa, debendo, en consecuencia, ocupar calquera posto dela, tendo recibido previamente da empresa a formación adecuada ó novo posto, cando sexa necesaria.

3. Divisións funcionais. Tódolos traballadores estarán incluídos nunha das divisións de técnicos, empregados e operarios.

3.1. Técnicos. É o persoal con alto grao de cualificación, experiencia e aptitudes, equivalentes ás que se poden adquirir con titulacións superiores e medias, realizando tarefas de alta cualificación e complexidade.

3.2. Empregados. É o persoal que polos seus coñecementos e/ou experiencia pode realizar tarefas administrativas, comerciais, de organización, de informática, de laboratorio e, en xeral, as específicas de postos de oficina, informatizadas ou non, que permiten informar da xestión, da actividade económica, coordinar labores productivos ou realizar tarefas auxiliares que comporten atención ás persoas.

3.3. Operarios. É o persoal que polos seus coñecementos e/ou experiencia executa operacións relacionadas coa producción, ben directamente, actuando no proceso productivo, ou indirectamente, en labores de mantemento, transporte ou outras operacións auxiliares, sen prexuízo de que poidan realizar, pola súa vez, funcións de supervisión ou coordinación.

4. Grupos profesionais. Todo traballador será clasificado tendo en conta o seu nivel de coñecementos, tanto pola formación básica adquirida como pola experiencia acumulada, así como a autonomía no desenvolvemento do seu traballo, e todo isto tendo en conta a estructura organizativa da empresa.

4.1. Grupo I. Son traballadores que teñen a responsabilidade directa na xestión dunha ou varias áreas funcionais da empresa ou realizan tarefas técnicas da máis alta complexidade e cualificación. Toman decisións e/ou participan na súa elaboración, así como na definición de obxectivos concretos. Desempeñan as súas funcións cun alto grao de autonomía, iniciativa e responsabilidade.

Con titulación universitaria do grao superior ou coñecementos equivalentes, equiparados pola empresa e con experiencia consolidada no exercicio do seu sector profesional.

4.2. Grupo II. Son traballadores que cun alto grao de autonomía, iniciativa e responsabilidade realizan tarefas técnicas complexas, homoxéneas ou heteroxéneas, ou que teñen un alto contido intelectual ou de interrelación humana. Tamén aqueles responsables directos da integración, coordinación e supervisión de funcións, realizadas por un conxunto de colaboradores nunha mesma unidade funcional.

Con titulación universitaria de grao medio ou coñecementos equivalentes, equiparados pola empresa, completada cunha experiencia dilatada no seu sector profesional.

4.3. Grupo III. Son aqueles traballadores que, con ou sen responsabilidade de mando, teñen un contido medio de actividade intelectual ou de interrelación humana, cun nivel de complexidade técnica media e autonomía dentro do proceso establecido.

Igualmente, aqueles dos que o traballo requira amplos coñecementos e destrezas dentro das diferentes especialidades ou un excepcional dominio dunha delas, sendo necesario alcanza-lo máximo nivel profesional.

Con formación profesional de segundo grao ou técnico especialista (módulo nivel 3) ou coñecementos equivalentes, equiparados pola empresa, complementada cunha experiencia contrastada no posto de traballo.

4.4. Grupo IV. Son aqueles traballadores que, aínda que realicen tarefas con instruccións precisas, necesitan coñecementos profesionais, aptitudes prácticas ou esixencia de razoamento, comportando, en todo caso, responsabilidade na execución, aínda que baixo algún tipo de supervisión.

Con formación profesional de primeiro grao ou bacharelato ou técnico auxiliar (módulo de nivel 2) ou coñecementos equivalentes, equiparados pola empresa, con experiencia prolongada no posto de traballo, ou cualificación específica con ampla experiencia e formación.

4.5. Grupo V. Son traballadores que realizan tarefas segundo instruccións concretas, con alto grao de dependencia ou supervisión, que requiren coñecementos profesionais de carácter elemental ou un curto período de adaptación. Igualmente, aquelas que signifiquen a mera aportación de esforzo físico.

Con formación a nivel de graduado escolar, ensino secundario obrigatorio (ESO) ou certificado de escolaridade ou equivalente.

O sistema de clasificación descrito neste artigo aplicarase, de acordo co establecido en acta complementaria, no prazo improrrogable de 6 meses a partir da sinatura do presente convenio.

A nova clasificación profesional substitúe a establecida con base na derrogada ordenanza laboral siderometalúrxica.

Artigo 6º.-Formación.

As partes consideran que mellora-la formación e cualificación do persoal é un factor decisivo para conseguir tanto un maior desenvolvemento persoal e profesional dos traballadores como unha maior eficiencia económica que mellore a competitividade da empresa, así como unha mellor adaptación dos cambios, motivados tanto por procesos de innovación tecnolóxica como por novas formas de organización do traballo.

Neste sentido, potenciarase a elaboración de plans de formación que, asociados ás carreiras profesionais, ós esquemas promocionais e ás políticas de substitución, tendan ó desenvolvemento, formación e adestramento dos recursos humanos. «Os ditos plans adecuaranse ó acordo entre as confederacións de empresarios e sindicatos co Ministerio de Traballo (FORCEM e Formación Ocupacional Continua)».

A este fin, a dirección da empresa habilitará, nos seus orzamentos operativos, os recursos necesarios para a realización das accións formativas, tendentes á capacitación do persoal a que fai referencia este artigo, incluíndo as axudas ou subvencións que se obteñan.

Os responsables de cada área de actividade da empresa ou posición directiva sono da capacitación do seu persoal. Non obstante, para unha mellora permanente do sistema de formación, cómpre contar coa participación dos traballadores, instrumentada a través dunha comisión de formación que terá como funcións:

-Analiza-los plans específicos a que se fai referencia no segundo parágrafo deste artigo e elaborados en coherencia cos obxectivos e necesidades da empresa a que se refire o primeiro.

-Propo-las modificacións en canto a contidos, estratexias de implementación, selección de participantes e instructores, calendarios e condicións de impartición e, en xeral, en tódalas cuestións relacionadas cos plans e programas de formación, no marco dos deseños organizativos do momento e dos orzamentos asignados para a actividade formativa da empresa.

-Fomenta-la participación do persoal docente e discente nos plans e programas de capacitación.

-Avalia-la evolución e impacto dos plans e programas de capacitación no desenvolvemento do persoal, da organización e da cultura da empresa, así como a incidencia que teñen nos procesos de captación e promoción do persoal.

Estas funcións realizaranse sen prexuízo da facultade da dirección da empresa, quen poderá establecer con carácter obrigatorio, dentro das horas de traballo, as accións formativas necesarias para con

seguir unha mellor capacitación profesional dos traballadores.

Artigo 7º.-Mobilidade de persoal.

Sempre que se produza unha carga de traballo nalgunha sección da empresa, esta poderá traslada-lo persoal dunha sección a outra; mais cando isto ocorra, por un motivo como o paro temporal ou definitivo da sección ou por calquera causa, ou o que establece o art. 39 do ET, esta medida débese comunicar previamente ó comité de empresa.

Artigo 8º.-Vacantes e postos de nova creación.

As vacantes e postos de nova creación seranlle anunciados ó persoal por medio dos taboleiros de anuncios, con indicación das cualidades requiridas e sistemas de selección, para que o que se considere apto as poida solicitar e participar nas probas correspondentes.

Exclúense do sinalado no parágrafo anterior os postos de confianza e os mandos superiores, a xuízo da dirección.

O traballador que sexa designado para o novo posto demostrará a súa adaptación a el, en calidade de proba, durante un período de tres meses e, en caso de non a superar, poderá recupera-lo seu antigo posto de traballo.

Capítulo III

Xornada, licencias e vacacións

Sección primeira

Tempo de traballo

Artigo 9º.-Xornada de traballo.

Para o ano 1997, a xornada de traballo será:

Persoal a quendas e xornada partida: realizará 1.780 horas anuais de traballo real. A distribución destas horas efectuarase por calendarios anuais.

Persoal a quenda de noite: terá xornada de 40 horas de luns a venres, co correspondente descanso do bocadillo. En cómputo anual 1.780 horas con 30 minutos de traballo real.

Persoal administrativo e técnico: a xornada será de 1.757 horas anuais, traballando semanalmente de luns a venres. Confeccionaranse os calendarios para a distribución das xornadas de inverno e verán.

Para os anos 1998 e 1999 a xornada de traballo será a mesma que a do ano 1997, computándose dentro dela 15 minutos diarios en concepto de bocadillo para o persoal de xornada continuada.

Réxime de traballo «cuarta quenda».

Confígurase a partir do establecemento de catro equipos de traballo que realizan este diariamente de xeito continuado, mesmo domingos e festivos, con quendas rotativas semanais de mañá, tarde, noite e descanso en luns/martes, mércores/xoves e venres/sábado/domingo respectivamente, polo que a duración dun ciclo completo é de 28 días naturais nos que se inclúen 7 descansos.

A empresa poderá, en función das necesidades de fabricación, establecer ou suprimi-lo réxime de

traballo denominado «cuarta quenda», así como establece-la flexibilidade do calendario de descansos en función da carteira de pedidos.

Artigo 10º.-Vacacións: duración.

Todo o persoal, sen distinción de categorías profesionais, terá dereito ó desfrute de 27 días en verán e os días 27, 28 e 29 de decembro.

A retribución dos ditos días comprenderá a media de tódolos conceptos salariais aboados nos tres últimos meses anteriores ás vacacións.

As vacacións devengaranse e desfrutaranse por anos naturais, sendo proporcionais ó tempo efectivo de servicios prestados no dito período, computándose por doceavas partes tomando a fracción de mes como completo.

Os períodos de baixa por enfermidade ou accidente de traballo computaranse como traballados para estes efectos. No caso de a súa tanda de vacacións ter finalizado, reincorporarase ó traballo, desfrutando as vacacións cando llo permitan as necesidades do servicio, a xuízo da xefatura e do comité de empresa.

A empresa comunicará, polo menos con dous meses de anticipación, a data de inicio.

Artigo 11º.-Permisos por trienios.

Todo o persoal que teña devengados dous trienios de antigüidade na empresa desfrutará anualmente dun día de permiso retribuído. Incrementarase sucesivamente un día por cada trienio cumprido, ata o tope de sete días. As condicións serán as seguintes.

1. Os catro primeiros días a que se teña dereito serán desfrutados como permiso, avisando cunha semana de anticipación, salvo causa excepcional, en que deberá ser autorizado polo director ou persoa que o substitúa.

2. Aboaranse, en cada caso, segundo resulte dos conceptos: salario base, plus de actividade, antigüidade e complemento persoal consolidado.

3. Os permisos por trienios serán aplicables única e exclusivamente ó persoal que tiña adquirido este dereito ata a sinatura do presente convenio.

Cada traballador poderá elixir libremente se en lugar de desfruta-lo permiso prefire cobralo. Neste caso aboaráselle o importe do seu valor/día mailo 20%.

No caso de o 15 de decembro non teren sido desfrutados nin aboados nin solicitados, pagaríanse na nómina do dito mes.

Os restantes días a que se teña dereito, é dicir do 5 ó 7, serán compensados necesariamente ó valor/día máis o 20% e percibidos xuntamente coa paga de setembro.

Artigo 12º.-Días extras non laborables.

Mantéñense, con carácter vitalicio, os seguintes días extra non laborables:

-Sábado santo.

-24 de decembro.

-31 de decembro.

No caso de os días 24 e 31 de decembro coincidiren en domingo, estas trasladaranse ós días 26 e 30 de decembro.

Estes días nunca terán a consideración de vacacións, polo que os que nos ditos días se encontrasen en situación de baixa ou vacacións, non terán dereito a ningunha compensación.

Artigo 13º.-Licencias.

A tódolos traballadores que o soliciten, logo de notificación da súa necesidade, seralles concedida licencia polos motivos e períodos seguintes:

a) Por casamento:

-15 días naturais no caso de un dos contraentes se-lo propio traballador.

-2 días en caso de matrimonio dun fillo.

-1 día polo irmán do traballador ou o irmán do cónxuxe.

b) Polo parto da esposa:

-5 días naturais, ampliables con licencia sen saldo, logo de solicitude á empresa, en caso de enfermidade grave e notificación a esta.

c) Por falecemento:

-3 días naturais en caso de falecemento de cónxuxe, fillos, irmáns e pai e nai dun ou outro cónxuxe.

-2 días naturais por falecemento de tíos, netos, avós, avós políticos do traballador.

d) Por enfermidade grave:

-2 días naturais en caso de enfermidade grave do cónxuxe, fillos, pai ou nai dun ou outro cónxuxe, e de netos, avós ou irmáns do traballador.

-Tamén terán dereito aqueles traballadores que o soliciten a 5 días de licencia sen soldo, por enfermidade ou defunción de familiares da liña ascendente ou descendente, sen limitación, e de colaterais ata o segundo grao.

e) Consulta médica:

-O tempo necesario para consulta médica do S.O.E., que se sinala no artigo 58 da Lei de contrato de traballo.

f) Por traslado de domicilio:

-2 días naturais polo traslado do seu domicilio habitual.

g) De carácter público:

-O tempo indispensable para o cumprimento dun deber de carácter público, debidamente acreditado.

h) Permiso por lactación:

-Aplicarase o disposto no artigo 37.4º do Estatuto do traballador.

Todos estos permisos aboaranse con cargo ó saldo base, antigüidade e plus de actividade.

Para os casos indicados no primeiro parágrafo da alínea c), aboarase, ademais, a prima variable e o plus de transporte.

Artigo 14º.-Excedencias.

Poderán solicitar excedencia aqueles traballadores que leven un mínimo dun ano ó servicio da empresa, podendo instar por outra única vez unha nova solicitude cando transcorresen 2 anos contados desde o termo da anterior. A duración será entre 6 meses e 5 anos. A petición formularase por escrito, cunha anticipación mínima de 15 días, e deberá estar resolta neste prazo.

A petición de reingreso deberase efectuar igualmente por escrito, cun mes de anticipación, conservando o traballador un dereito preferente ó reingreso nas vacantes de igual categoría á súa que houbese ou se producisen na empresa.

A concesión de excedencias será obrigatoria cando teñan orixe no desempeño por parte do traballador dun cargo de carácter público ou sindical; neste caso o tempo da súa duración estenderase ó período en que se desempeñe o cargo que lle concirne ou para o cal foi designado, tendo dereito neste caso á reincorporación inmediata ó seu posto de traballo.

A excedencia entenderase sempre concedida sen dereito a percibir ningunha retribución da empresa en canto dure, e non poderá ser utilizada para prestar servicios en empresa similar ou que implique competencia, salvo autorización expresa e por escrito para iso. Se o excedente infrinxise esta norma, entenderase que rescinde voluntariamente o contrato que tiña e perderá tódolos seus dereitos.

Capítulo IV

Representación colectiva

Artigo 15º.-Órgano de representatividade.

O comité de empresa, como órgano representativo unitario dos traballadores da empresa, ten como fundamental función a defensa dos intereses dos seus representados, así como a negociación e representación dos traballadores ante a empresa.

En toda negociación poderán estar asistidos polos seus asesores laborais e sindicais.

Artigo 16º.-Asembleas.

Aplicarase o establecido no art. 77 do Estatuto dos traballadores.

Os representantes dos traballadores, membros do comité de empresa, terán dereito a utilizar un máximo de 32 horas mensuais por cada un deles, remuneradas a salario real, para actividades sindicais de toda índole; estas horas poderanse acumular duns a outros.

Terán os seguintes dereitos:

a) Utilizar un taboleiro de anuncios ou os da propia empresa para inserir todo tipo de anuncios de carácter exclusivamente laboral ou sindical.

b) A que lles sexan facilitados locais de reunión.

c) A empresa descontaralle a cada traballador afiliado sindicalmente as cotas mensuais ós distintos sindicatos, segundo listas formadas e entregadas polos representantes dos traballadores.

Seccións sindicais.

En Emesa-Trefilería, S.A. quedan recoñecidas as seccións sindicais que, como mínimo, teñan un 10% do cadro de persoal fixo da empresa afiliada a un sindicato.

Ós delegados delas recoñeceránselle-las garantías que ostentan os representantes dos traballadores, que poderán utilizar ata un máximo de 15 horas ó mes para o exercicio da súa actividade sindical, retribuídas a salario real.

Capítulo V

Disposicións varias

Artigo 18º -Premio de seguridade.

O obxectivo deste premio é interesar a tódalas persoas da empresa na súa propia seguridade e na dos demais, por medio dun incentivo económico que premie o esforzo realizado en función da reducción de accidentes.

Tipos e contía de premios e persoal afectado:

Establécense dous tipos de premios:

a) Os premios de seguridade terán estes valores para 30, 60 e 90 días sen accidentes.

1º período: 2.000 pesetas.

2º período: 3.000 pesetas.

3º período: 5.000 pesetas.

Aplicable a todo o persoal de fabricación, mantemento e almacén de productos terminados, e para almacén xeral de subministracións e laboratorio, 4.000 pesetas no 3º período.

O resto do persoal 3.000 pesetas, se no transcurso de 365 días non tivo accidentes.

Ocorrido un accidente, comezarase a conta a cero polo primeiro período.

Alcanzado o número de días sen accidentes fixado como obxectivo de cada período, iniciarase de novo a conta a cero para optar ó novo período.

b) Establecerase un premio anual de 3.000 pesetas, ó cal terá dereito todo o persoal da empresa, a excepción daqueles que causasen baixa por accidente ou que fosen amoestados por escrito ou sancionados en razón das infraccións cometidas contra a seguridade no traballo.

Observacións:

Os días sen accidentes contaranse por días con vencemento ás 6 da mañá e entre a data de ocorrido o accidente, aínda que no momento non fose baixa.

Non se computarán os accidentes in itinere e as recaídas.

O persoal con dereito a premio e que por algunha circunstancia non asistiu ó traballo cobrará a parte proporcional ó período de permanencia.

Artigo 19º.-Premio de iniciativas e suxestións.

Para contribuír a un maior clima de colaboración, entregarase anualmente un premio de 50.000 pesetas e dous de 25.000 pesetas cada un, que se concederán, logo de informe do comité de empresa, ós traballadores que aporten mellores ideas sobre a economía nos procesos de fabricación, aproveitamento de materias primas, seguridade dos traballadores ou calquera outra xestión que incida especialmente nunha mellora da productividade, quedando excluído o persoal técnico titular e o directivo.

Artigo 20º.-Premios de nupcialidade e natalidade.

Aboaranse 20.000 pesetas por matrimonio 10.000 pesetas por cada fillo que naza.

Artigo 21º.-Axudas especiais.

Emesa-Trefilería, S.A. aboaralle a cada traballador a cantidade de 25.000 pesetas mensuais por cada fillo minusválido físico ou psíquico que estea legalmente recoñecido ou vivindo ó seu cargo.

Artigo 22º.-Seguro colectivo.

Emesa-Trefilería, S.A. subscribirá unha póliza colectiva de seguro de accidentes que cubra os riscos de falecemento ou incapacidade permanente total ou absoluta cunha cobertura individual de 1.750.000 pesetas. Ademais, subscribirase outra póliza de vida por morte natural de 750.000 pesetas e dobre capital en caso de accidente.

Artigo 23º.-Comedor.

O valor do prato que se lle aboará ó establecemento co que se contrate o servicio repartirase entre o 20% con cargo ó traballador e o 80% con cargo á empresa, sendo de aplicación exclusivamente ó persoal a xornada partida, coas excepcións que poida face-lo xefe de producción e o de taller.

Artigo 24º.-Préstamos.

Mantense a asignación de ata 2.000.000 de pesetas para a concesión de préstamos ó persoal reintegrables sen xuro. Os ditos préstamos concederanse, xustificando a súa necesidade, por proposta do comité de empresa, nunha contía máxima de ata 150.000 por productor e a súa amortización será dun máximo de 24 mensualidades.

Artigo 25º.-Fondos de atencións sociais.

Establécese un fondo económico destinado a facer fronte a determinadas atencións sociais, tales como axudas extraordinarias, etc. que se nutrirá de 317.250 pesetas anuais que aportará a empresa a fondo perdido.

O comité de empresa xestionará este fondo, dentro dos límites que permitan estrictamente os seus ingre

sos, logo de presentación á dirección do correspondente orzamento periódico, para a súa aprobación.

As bolsas de estudios medios e superiores serán sufragadas pola empresa na contía de 400.000 pesetas anuais e concedidas por unha representación mixta, e con base no novo regulamento confeccionado pola dirección e o comité. Para os cursos por correspondencia outorgarase unha cantidade de 75.000 pesetas, que tamén se poderá aplicar no caso de asistencia directa do traballador.

Artigo 26º.-Incapacidade con baixa por accidente e enfermidade.

Por accidente laboral.

A empresa aboaralles ós traballadores en situación de IT por accidente laboral, desde o día seguinte a data da baixa, a diferencia entre o 75% da base reguladora que perciba da Seguridade Social ou mutua que cubra o seguro de accidentes e o 100% da remuneración bruta do mes anterior á data da baixa.

Por enfermidade.

A empresa aboaralles ós traballadores en situación de IT por enfermidade:

Os 20 primeiros días de enfermidade, contados desde o día da data da baixa, a diferencia entre o 60% da base reguladora que perciba da Seguridade Social e o 100% da remuneración bruta do mes anterior á data da baixa.

A partir do día 21 do proceso de enfermidade, a diferencia entre o 75% da base reguladora que perciba da Seguridade Social e o 100% da remuneración bruta do mes anterior á data da baixa.

En caso de enfermidade grave con internamento no centro sanitario, a empresa aboará, desde o día da data da baixa, a diferencia ata o 100% da remuneración bruta do mes anterior á data da baixa.

Artigo 27º.-Comisión mixta ou paritaria.

A comisión mixta ou paritaria será un órgano de interpretación, conciliación, arbitraxe e vixilancia do cumprimento do presente convenio.

As súas funcións específicas serán as seguintes:

a) Interpretación auténtica do convenio.

b) Arbitraxe dos problemas ou cuestións que lle sexa sometidas por ámbalas partes de común acordo en asuntos derivados deste convenio.

c) Conciliación facultativa no conflicto colectivo, con independencia das atribucións que, por norma legal, poidan corresponder ós órganos competentes.

d) Vixilancia do cumprimento do pactado.

As resolucións ou acordos adoptados por unanimidade pola comisión mixta terán carácter de vinculantes.

En caso de dúbida ou discrepancia, a comisión elevará consulta á autoridade laboral competente.

Artigo 28º.-Composición da comisión mixta ou paritaria.

Desígnase unha comisión paritaria que estará integrada polos seguintes membros:

-Na representación da dirección da empresa:

José Laudelino Hevia Fernández.

Faustino Menéndez Portela.

Carlos Bruno López Ferreiro.

-Na representación dos traballadores:

Jesús José María García Fernández.

Carlos Gestal Rabuñal.

Manuel Naya Fernández.

Ámbalas partes se comprometen a someter ó coñecemento da comisión, como requisito previo á interposición de calquera acción legal, tódalas discrepancias que se orixinen na interpretación e/ou aplicación de normas legais ou convidas, sempre que afecten a unha xeneralidade dos traballadores.

Artigo 29º.-Absorción.

As disposicións de calquera orixe que poidan implicar variación económica en todos ou algún dos conceptos retributivos pactados unicamente terán eficacia práctica se, unidas á valoración mínima de tódolos conceptos, segundo establecen as vixentes disposicións, superasen o nivel total do convenio. En caso contrario, considéranse absorbidos polas melloras establecidas nel.

Artigo 30º.-Vinculación á totalidade.

O contido deste convenio forma parte dunha unidade indivisible e calquera das súas normas carecerá de valor se este non é aprobado na súa totalidade.

Artigo 31º.-Cláusula de remisión.

En todo o non pactado expresamente neste convenio, aplicarase o que dispoña en cada materia a lexislación vixente en cada momento.

Artigo 32º.-Clasificación profesional.

-Persoal obreiro.

Xefe de equipo oficiais.

Oficial 1ª homologación.

Oficial 1ª.

Oficial 2ª.

Oficial 3ª.

Xefe equipo especialista.

Especialista «A».

Especialista «B».

Especialista «C».

Especialista.

-Subalterno.

Almaceneiro.

Chofer camión.

-Administrativos.

Xefe de administración.

Xefe de 1ª.

Xefe de 2ª.

Oficial de 1ª.

Oficial de 2ª.

Auxiliar.

-Técnicos titulados.

Enxeñeiros e licenciados.

Técnico comercial.

Perito ou enxeñeiro técnico.

Axudante técnico sanitario.

Maquinista.

-Técnicos de taller.

Xefe de taller.

Xefe de quenda ou sector.

Mestre de taller.

Encargado.

-Técnico de oficina e laboratorio.

Analista de 1ª.

Analista de 2ª.

Auxiliar de laboratorio.

-Técnicos non titulados.

Axudante de enxeñeiro.

Xefe de organización de 1ª.

Xefe de organización de 2ª.

Técnico de organización de 1ª.

Abono plus «cuarta quenda».

As condicións de retribución serán:

-Plus de festivo-cuarta quenda: 4.000 ptas. por cada unha das 14 festas do ano.

-Plus de sábado-cuarta quenda: 4.000 ptas. por cada sábado traballado.

-Plus de domingo-cuarta quenda: 4.000 ptas. por cada domingo traballado.

-Plus día-cuarta quenda: 351 ptas. por día traballado.

Establécese para o ano 1997 unha garantía de 175 ptas. por día de traballo para o persoal adscrito a este réxime de traballo, para o suposto de que non se traballe nel.

Artigo 33º.-Incrementos salariais para os anos 1997, 1998 e 1999.

Ano 1997: con carácter provisorio, o incremento que se aplicará será o 2%. Unha vez finalizado o ano e coñecido o resultado definitivo do IPC, actualizaranse as táboas salariais de acordo coa fórmula:

Táboas definitivas 1997= táboas provisorias 1997x(100+incremento definitivo IPC 1997)/102.

Anos 1998 e 1999: ó comezo do ano incrementaranse provisoriamente as táboas salariais en función do incremento previsto oficialmente do IPC para cada ano. Unha vez finalizado o ano e coñecido o resultado definitivo do IPC, actualizaranse as táboas salariais de acordo coa fórmula:

Táboas definitivas= táboas provisionaisx(100+incremento definitivo IPC)/(100+incremento provisorio IPC).

Artigo 34º.-Cálculo e aplicación da prima de resultados.

A prima de resultados calcularase anualmente conforme o índice I, expresado en tanto por canto, que será aplicado á suma dos conceptos salariais deven

gados durante o ano e calculados de acordo coas táboas salariais definitivas do ano anterior.

A determinación do índice efectuarase conforme as seguintes fórmulas:

I= (0,3xIRL+0,3xIRE+0,3xIPE+0,l0xICE)xK

Sendo:

IRL= índice de resultados de explotación de Aceralia Productos Largos.

IRE = índice de resultados de explotación de Emesa.

IPE= índice de productividade de Emesa.

ICE= índice de calidade de Emesa.

K= coeficiente cos seguintes valores:

K= 1 para o ano 1997.

K= 0,8 para o ano 1998.

K= 0,6 para o ano 1999.

Indice de resultados de Emesa:

% cumprimento81/8485/8889/9293/9697/100

% aplicable0,250,500,751,001,25

Índice de productividade de Emesa:

P= productividade de Emesa.

P= horas totais traballadas (ordinarias+extraordinarias)/producción en toneladas.

% cumprimento91/9293/9495/9697/9899/100

% aplicable0,250,500,751,001,25

Índice de calidade de Emesa:

ICE= 10-(RI+2xRE).

Sendo RI o rexeitamento interno e RE o rexeitamento externo, ambos ponderados polas produccións correspondentes:

% cumprimento91/9293/9495/9697/9899/100

% aplicable0,250,500,751,001,25

Consolidación:

No caso de os resultados de Aceralia Productos Largos e Emesa superaren o 90% dos previstos no orzamento de cada exercicio, unha media entre os tantos por canto «I» obtidos por Aceralia Productos Largos e Emesa, aplicada ás táboas salariais do ano precedente determinará un incremento que se incorporará ás táboas salariais definitivas do ano seguinte.

Capítulo VI

Ordenación económica

Artigo 35º.-Conceptos retributivos.

A remuneración do persoal de Emesa-Trefilería, S.A. estará integrada polos seguintes conceptos:

1. Salario base.

2. Complementos salariais.

a) Persoais.

-Antigüidade.

-Complemento persoal consolidado.

b) De posto de traballo.

-Plus por traballos tóxicos.

-Plus nocturno.

-Plus de quendas.

c) Por calidade ou cantidade de traballo.

-Plus de actividade.

-Prima variable.

-Complemento de xornada de verán.

-Compensación económica non parada máquinas.

d) De vencemento periódico superior ó mes.

-Paga extraordinaria de verán.

-Gratificación especial de setembro.

-Paga extraordinaria de Nadal.

3. Devengos non salariais.

-Plus de transporte.

-Plus de distancia.

-Horas extraordinarias.

-Complemento persoal non consolidable.

Artigo 36º.-Salario base.

O seu valor detállase na táboa I e percibirase por día natural.

Artigo 37º.-Complementos salariais persoais.

a) Antigüidade.

Quedan establecidos de acordo cos importes por trienio para cada categoría profesional, detallados na táboa III, con limitación de ata 8 trienios.

b) Complemento persoal consolidado.

Este concepto retributivo ten carácter ad personam e aboarase en 14 pagas a todo o persoal fixo da empresa.

Artigo 38º.-Complementos de postos de traballo.

a) Plus por traballos tóxicos, penosos e perigosos.

Quedan establecidos de acordo cos importes detallados na táboa VI, que fixa os valores para cada categoría, de acordo co número de trienios.

b) Plus nocturno.

Analogamente ó anterior, os seus importes inclúense na táboa V.

c) Plus de quendas.

Aboaranse 175 ptas. por día traballado para todo o persoal a dúas ou tres quendas.

Artigo 39º.-Complemento por calidade ou cantidade de traballo.

a) Plus de actividade.

Os seus importes recóllense na táboa II. O persoal obreiro por día de traballo efectivo.

O mínimo garantido polos sistemas de primas que establece a normativa legal vixente está incluído dentro deste concepto.

b) Prima variable.

Manterase o sistema actual para todo o persoal.

c) Complemento xornada de verán.

Todo o persoal administrativo e técnico desfrutará dunha xornada de verán de 4 meses (desde o 1 de xuño ata o 30 de setembro), e a aquel a quen o traballo non llo permita por estar afecto a calquera centro ou servicio de producción, aboaráselle 0,8 horas sen incrementar por cada día de traballo efectivo no período do 1 de xuño ó 30 de setembro (a hora sen incrementar é igual a 1/8 do salario base-día).

d) Compensación económica non parada máquinas.

Os traballadores a quendas de mañá, tarde e noite de tódalas seccións vinculadas a producción (taller, mantemento e laboratorio de garantía de calidade), mantendo o actual réxime de 7,5 horas de traballo real e media hora de descanso para o bocadillo, e efectuando os descansos racionalmente, dentro das dúas horas centrais de cada quenda, de forma que non se deteña en ningún momento o proceso productivo, percibirán en compensación o valor de media hora de domingos e festivos, segundo a táboa VII do convenio, por cada día de traballo.

Artigo 40º.-Complementos salariais de vencemento superior ó mes.

a) Pagas extraordinarias de verán e Nadal.

Faranse efectivas, respectivamente, o 15 de xullo e o 20 de decembro, e comprenderán os seguintes conceptos:

-Salario base (30 días).

-Antigüidade (30 días).

-Complemento persoal consolidado (30 días).

-Plus de actividade (25 días para persoal obreiro segundo táboa II).

b) Gratificación especial de setembro.

Farase efectiva na primeira quincena de setembro e o seu importe bruto será de 26.250 pesetas para todo o persoal.

Artigo 41º.-Devengos non salariais.

a) Plus de transporte.

Consistirá en 6.325 pesetas mensuais que se distribuirán entre os días laborais do mes correspondente. Ó persoal en baixa por enfermidade ou accidente aboaráselle igualmente.

b) Plus de distancia.

Aboarase de acordo coas disposicións legais, con valor de 5,90 ptas./km, para todo o persoal que teña a súa residencia fóra da capital.

Para o resto do persoal consistirá en 123,95 ptas. por día laborable, revalorizable o 1 de xaneiro de cada ano, de acordo co incremento do IPC do ano anterior.

c) Horas extraordinarias.

Aboaranse de acordo cos valores da táboa salarial VII.

d) Complemento persoal fixo non revisable.

Aboaráselle a todo o persoal unha cantidade fixa de 2.500 ptas. por cada mes traballado, non revisables.

ANEXO II

Réxime disciplinario

Artigo 1º.-Facultade disciplinaria.

Os traballadores poderán ser sancionados pola dirección da empresa de acordo coa graduación de faltas e sancións que se establecen nos artigos seguintes:

Artigo 2º.-Graduación de faltas.

Toda falta cometida por un traballador clasificarase, atendendo á súa importancia, transcendencia e intención, en leve, grave e moi grave.

Artigo 3º.-Faltas leves.

Consideraranse faltas leves as seguintes:

a) Dunha a tres faltas de puntualidade sen xustificación no período dun mes.

b) Non notificar con carácter previo ou, se for o caso, dentro das vintecatro horas seguintes á falta, salvo causa de forza maior, a razón da ausencia do traballo, a non ser que se probe a imposibilidade de facelo.

c) O abandono do servicio sen causa xustificada, aínda por breve tempo. Se, como consecuencia del, se organizase prexuízo dalgunha consideración á empresa ou for causa de accidente para os seus com

pañeiros de traballo, esta falta poderá ser considerada como grave ou moi grave, segundo os casos.

d) Pequenos descuidos na conservación do material.

e) Faltas de aseo ou limpeza persoal.

f) No atende-lo público con corrección e dilixencia.

g) Non lle comunicar á dirección os cambios de residencia ou domicilio.

h) Discutir violentamente cos compañeiros dentro da xornada de traballo.

i) Faltar ó traballo un día ó mes sen causa xustificada.

Artigo 4º.-Faltas graves.

Consideraranse faltas graves, sen prexuízo das partes que así poidan ser cualificadas pola lexislación vixente, as seguintes:

a) Máis de tres faltas non xustificadas de puntualidade na asistencia ó traballo cometidas no período de 30 días.

b) Falta de 1 a 3 días ó traballo durante un período de 30 días sen causa que o xustifique. Abondará cunha falta cando se tivese que substituír un compañeiro ou cando, como consecuencia dela, se lle causase prexuízo dalgunha consideración á empresa.

c) Non comunicar coa puntualidade debida os cambios experimentados na familia que poidan afectar á Seguridade Social. A falsidade nestes datos considerarase falta moi grave.

d) Entregarse a xogos durante a xornada de traballo.

e) A desobediencia ós superiores en calquera materia de traballo, incluída a resistencia e obstrucción a novos métodos de racionalización de traballo. Se implicase quebranto manifesto da disciplina ou dela se derivase prexuízo notorio para a empresa ou compañeiros de traballo, poderá ser considerada como falta moi grave.

f) Simula-la presencia doutro traballador asinando ou fichando por el.

g) A neglixencia ou desidia no traballo que afecte a súa boa marcha.

h) A imprudencia en acto de traballo. Se implicase risco de accidente para o traballador, os seus compañeiros ou perigo grave de avaría para as instalacións, poderá ser considerada como moi grave. En todo caso, considerarase imprudencia en acto de servicio non usa-la roupa e aparellos de seguridade de carácter obrigatorio.

i) Realiza, sen o oportuno permiso, traballos particulares durante a xornada, así como o emprego para usos propios de ferramentas da empresa.

j) A reincidencia en falta leve (excluída a puntualidade), aínda que sexa de distinta natureza, dentro dun trimestre e mediando sanción que non sexa a amoestación verbal.

Artigo 5º.-Faltas moi graves.

Consideraranse como faltas moi graves as seguintes:

a) Máis de dez faltas non xustificadas de puntualidade cometidas nun período de seis meses ou vinte nun ano.

b) As faltas inxustificadas ó traballo durante tres días consecutivos ou cinco alternos nun período dun mes.

c) A fraude, a deslealdade ou abuso de confianza nas xestións encomendadas e o furto ou roubo, tanto ós seus compañeiros de traballo como á empresa ou a calquera outra persoa dentro das dependencias da empresa ou durante o traballo en calquera outro lugar.

d) Os delictos de roubo, estafa ou malversación cometidos fóra da empresa ou calquera outra clase de delito común que poida implicar para esta desconfianza cara ó seu autor, salvo que fose absolto.

e) A simulación de enfermidade ou accidente. Entenderase sempre que exista falta, cando un traballador en situación de baixa por tales motivos realice traballos de calquera índole por conta propia ou allea. Tamén se comprenderá neste apartado toda manipulación feita para prolonga-la baixa por accidente ou enfermidade.

f) A continuada e habitual falta de aseo e limpeza de tal índole que produza queixas xustificadas dos seus compañeiros de traballo.

g) A embriaguez e o estado derivado do consumo de drogas durante a xornada de traballo.

h) Viola-lo segredo de correspondencia ou documentos reservados da empresa, ou revelar a estraños a esta datos de reserva obrigada.

i) Realización de actividades que impliquen competencia desleal cara á empresa.

j) Os malos tratos de palabra ou obra, abuso de autoridade ou falta grave de respecto e consideración cara ós seus xefes ou familiares, así como ós seus compañeiros e subordinados.

k) Causar accidentes graves por imprudencia ou neglixencia.

1) Abandona-lo traballo en posto de responsabilidade, sen previo aviso.

m) A diminución non xustificada no rendemento do traballo.

n) A reincidencia en falta grave, aínda que sexa de distinta natureza, sempre que se cometan no período dun trimestre e fosen sancionadas.

Artigo 6º.-Encubrimento de faltas polos superiores.

Os superiores que toleren ou encubran as faltas dos subordinados incorrerán en responsabilidade e sufrirán a corrección ou sanción que proceda, tendo en conta a que se lle impoña ó autor, a intencionalidade, perturbación para o servicio, reiteración ou reincidencia da dita tolerancia ou encubrimento.

Artigo 7º.-Falta ó respecto e consideración debida ó traballador.

Sen prexuízo do previsto na lexislación vixente, todo traballador poderá dar conta por escrito, por si ou a través dos seus representantes, dos actos que supoñan faltas de respecto á súa intimidade ou á consideración debida á súa dignidade humana ou laboral.

A dirección da empresa abrirá a oportuna información e, logo de audiencia ó comité de empresa, instruirá, se fose o caso, o expediente que proceda.

De resultar confirmatorio o expediente do acto ou actos denunciados, estas terán a consideración de faltas moi graves.

Artigo 8º.-Procedemento sancionador.

1. Para a corrección disciplinaria de faltas graves e moi graves será necesaria a instrucción dun expediente informativo no que será oído o traballador afectado. No dito expediente pedirase informe da representación legal dos traballadores, concedéndose para a súa emisión un prazo de cinco días naturais, sendo notificado, no seu momento, da resolución que proceda.

2. Igualmente, os delegados sindicais serán oídos previamente á imposición de sancións que afecten os traballadores afiliados ó seu sindicato, sempre que á empresa lle conste a dita afiliación, podendo formular alegacións no prazo indicado no parágrafo anterior.

3. Nas faltas tipificadas como moi graves, a dirección da empresa poderá acepta-la medida cautelar de suspensión de emprego en canto dure a substanciación do expediente correspondente.

Artigo 9º.-Réxime de sancións.

Correspóndelle á empresa a facultade de impoñer sancións nos termos do estipulado no presente convenio.

A sanción de faltas graves e moi graves requirirá comunicación por escrito ó traballador, facendo consta-la data e os feitos que a motivaron.

A empresa daralles conta ós representantes legais dos traballadores de toda sanción por falta grave ou moi grave que se impoña.

Artigo 10º.-Sancións.

As sancións máximas que se lles poderán impor ós que incorran nas faltas serán as seguintes:

A) Por faltas leves:

-Amoestación verbal.

-Amoestación por escrito.

B) Por faltas graves:

-Amoestación por escrito.

-Suspensión de emprego e soldo de dous a vinte días.

C) Por faltas moi graves:

-Amoestación por escrito.

-Suspensión de emprego e soldo de vinte a sesenta días.

-Despedimento.

Artigo 11º-Prescrición.

Faltas leves: 10 días.

Faltas graves: 20 días.

Faltas moi graves: 60 días.

Todas elas a partir da data en que a empresa tivo coñecemento da súa comisión e, en todo caso, ós seis meses de terse cometido.

Os ditos prazos quedarán interrompidos por calquera acto propio do expediente intruído ou preliminar que se poida instruír, se é o caso, sempre que a duración desta, no seu conxunto, non supere o prazo de seis meses, sen mediar culpa do traballador expedientado.

Artigo 12º.-Anotación.

A empresa anotará no expediente persoal do traballador as faltas, así como as sancións impostas.

Artigo 13º.-Cancelación.

Cancelaranse, en todo caso, se se tratase de faltas leves, transcorrido un ano sen ter reincidido en nova falta. Se se tratase de faltas graves ou moi graves, o prazo de cancelación elevarase a tres e cinco anos, respectivamente.

Artigo 14º.-Cumprimento.

As sancións de suspensión de emprego e soldo que se puidesen impor pola comisión das faltas laborais tipificadas no presente capítulo serán cumpridas despois de resolve-lo expediente informativo, sen que o inicio do seu cómputo poida exceder dos seis meses seguintes á data da notificación da súa resolución ó interesado, salvo que este a impugnase e, neste caso, o inicio levarase a cabo dentro dos seis meses seguintes á firmeza da resolución xudicial que confirme a sanción imposta.

Nas sancións consistentes en cambio de posto ou traslado, derivadas de faltas graves ou moi graves, aplicaránselle ó traballador afectado as condicións de traballo e económicas que correspondan ó novo posto.

Disposición transitoria

Única.-Clasificación profesional.

Durante o período de seis meses seguintes ó asinamento do presente convenio, establecidos para aplica-lo novo sistema de clasificación profesional, continuará vixente o sistema actual, así como as normas internas sobre mobilidade e polivalencia.

Acta complementaria nº 1: clasificación profesional

Co fin cumpri-lo previsto no artigo 5º.-Clasificación profesional, a dirección da empresa fai entrega do documento: «Aplicación da nova clasificación profesional» para a súa negociación coa representación dos traballadores. Así mesmo, a representación dos traballadores poderá presentar outra proposta se o considerase oportuno.

Acta complementaria nº 2

Establécese o compromiso entre a dirección e a representación dos traballadores de efectuar, dentro do prazo de seis meses a partir da data de sinatura deste convenio, un estudio tendente á racionalización do transporte do persoal, co obxecto de lograr unha diminución no custo para a empresa.