Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Venres, 27 de febreiro de 1998 Páx. 2.048

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

CAIXA DE AFORROS DE GALICIA

ELECCIÓN de conselleiros xerais representantes de impositores.

Designados por sorteo notarial os señores compromisarios que procederán á elección de conselleiros xerais representantes dos impositores da entidade, as comisións electorais das cicunscricións da Coruña, Ferrol, Lugo, Santiago de Compostela, Ourense e Pontevedra, acordaron celebra-los actos de votación e escrutinio o día 3 de abril de 1998.

A elección suxeitarase ás normas do Regulamento de procedemento para a designación dos membros dos órganos de goberno da caixa. En especial deberanse ter en conta as seguintes regras:

1. Serán electores e poderán ser elixidos en cada circunscrición exclusivamente os que figuren inscritos na sección da relación definitiva de compromisarios correspondente á dita circunscrición.

2. A sección da relación provisional de compromisarios correspondente a cada circunscrición será exposta en tódalas oficinas da caixa adscritas a ela a partir do 2 de marzo, inclusive.

Durante os 10 primeiros días hábiles do período de exposición, as persoas inscritas na lista de impositores aprobada no seu día, poderán impugna-la

designación dos compromisarios nos que non concorran as condicións de elixibilidade ou que incorra nalgunha das causas de incompatibilidade ou de prohibición, mediante escrito dirixido á comisión electoral, que deberá ser presentado na oficina principal da capitalidade da circunscrición á que represente o compromisario afectado, sendo rexeitada de plano toda reclamación que non xunte a xustificación documental axeitada. Esta carga entenderase cumprimda se se designan de maneira concreta os elementos de proba en poder da caixa.

Os escritos de impugnación, sen necesidade de notificación previa, quedarán en disposición de seren consultados polos compromisarios afectados, durante os 2 días hábiles seguintes, nas mesmas oficinas, os cales poderán formular nese prazo as alegacións que conveñan para o seu dereito.

Resoltas as impugnacións pola comisión de control, a relación definitiva de compromisarios quedará exposta, con 5 días hábiles de antelación, como mínimo, á data fixada para as votacións, na sede central da entidade e nas oficinas de cada circunscrición. Esta exposición terá o carácter de notificación ós interesados para tódolos efectos.

3. Calquera compromisario, a título exclusivamente persoal, poderá, ata o momento da votación, dirixirxe ós restantes compromisarios difundindo as súas circunstancias e programa.

4. A votación será persoal e secreta. O dereito de voto acreditarase unicamente pola inscrición na sección correspondente da relación definitiva de compromisarios e o elector deberá exhibir, no momento de emiti-lo seu voto, o documento nacional de identidade ou documento que o supla.

5. A mesa abrirá o período de votación ás 10 horas e pechado ás 16 horas do mesmo día.

6. Constituirase unha mesa na oficina principal da capitalidade de cada circunscrición. Os compromisarios deberán exercita-lo seu voto precisamente na mesa da circunscrición á que representen.

A Coruña, 17 de febreiro de 1998.

Os representantes das comisións electorais