Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Martes, 24 de febreiro de 1998 Páx. 1.896

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 53/1998, do 12 de febreiro, polo que se acepta a cesión a título gratuíto dun terreo sito no lugar da Calzada, termo municipal de Noia (A Coruña), feita a favor da Comunidade Autónoma de Galicia para centro de ensino secundario e profesional.

O Pleno da Corporación municipal de Noia, en sesión celebrada o 17 de outubro de 1997, acordou a cesión á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria dun terreo para centro de ensino secundario e profesional.

Conforme os artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e 34 do seu regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo, os artigos 23.1º da mesma lei e 38.1º do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles supere o seu valor intrínseco; se ben non se considera carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, feita nos termos nos que o Concello de Noia acordou a cesión e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día doce de febreiro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acéptase a cesión gratuíta do terreo, pertencente ó Concello de Noia, sito no lugar da Calzada, termo municipal de Noia, cunha superficie duns 8.000 m, que limita ó norte, terreo municipal, resto do predio matriz; ó sur, predios e casas de José González Vázquez, outra de José Miguéns Valladas e outra de Clodomiro Vázquez García e rúa da Coruña; ó leste, valado e terreos dos herdeiros de Mariño Neu, Jesús Rodríguez e outros; e ó oeste, rúa Egás Moniz.

O inmoble descrito constitúe unha parcela que se segregará doutro inscrito no Rexistro da Propiedade de Noia, ó tomo 492 do arquivo, libro 112 do Concello de Noia, folio 226, predio nº 8.635, inscrición 2ª.

Artigo 2º

O inmoble cedido destínase pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a centro de ensino secundario e profesional.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e a inscrición do ben no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do presente decreto.

Santiago de Compostela, doce de febreiro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda