Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Venres, 20 de febreiro de 1998 Páx. 1.807

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 28 de xaneiro de 1998 pola que se convocan tres bolsas de colaboración en tarefas de estudio e investigación.

O artigo 3.1.g. da Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, considera entre os fins da escola «a investigación, a documentación, o estudio e a realización de traballos de divulgación no eido da Administración Pública, promovendo a súa máxima difusión».

En execución do plan de actividades da escola para o ano 1998 e de conformidade coa referida disposición, convócanse tres bolsas de colaboración en tarefas de estudio e investigación administrativa, segundo as seguintes bases:

Primeira.-Obxecto.

A Escola Galega de Administración Pública convoca tres bolsas de colaboración en tarefas de estudio e investigación sobre materias xurídico ou político-administrativas.

Segunda.-Duración e dotación económica.

As bolsas rematarán o día 31 de decembro de 1998, e poderán prorrogarse por un ano, en función do aproveitamento do adxudicatario e das dispoñibilidades orzamentarias da escola.

A dotación económica de cada bolsa será de 132.850 pesetas mensuais.

Existe crédito suficiente na aplicación orzamentaria 04.50.122 A.480.00 do proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998 aprobado polo Consello da Xunta de Galicia.

Terceira.-Natureza xurídica da relación.

A condición de bolseiro non xerará unha relación laboral ou administrativa coa Xunta de Galicia nin a súa inclusión na Seguridade Social.

Cuarta.-Requisitos dos participantes.

Poderán optar ás bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ser titulado/a superior universitario.

b) Acreditar formación e/ou experiencia en materias relacionadas co obxecto da convocatoria.

c) Acreditar formación e/ou coñecementos da lingua galega.

d) Acreditar formación e/ou experiencia en informática.

Quinta.-Solicitudes.

As persoas interesadas presentarán no Rexistro da Escola Galega de Administración Pública, dentro dos vinte días naturais seguintes ó da publicación desta convocatoria, a seguinte documentación:

a) Unha instancia de admisión para participar nas probas de selección, segundo o modelo anexo.

b) Certificación académica na que se detallen as cualificacións obtidas na licenciatura.

c) Documentos que acrediten a formación e/ou experiencia esixida nos puntos 4.b, 4.c e 4.d.

d) Memoria descritiva dun proxecto de investigación en cinco folios, como máximo, explicando os obxectivos concretos da investigación nun centro de formación de funcionarios públicos e a posibilidade de aplicación práctica dos resultados.

Sexta.-Tribunal.

Presidente: o secretario xeral da Escola Galega de Administración Pública.

Vocais: o xefe de Estudios da EGAP.

Secretario: o xefe do Servicio de Estudios, Investigación e Publicacións da EGAP.

Sétima.-Criterios para a selección dos bolseiros.

A selección realizarase mediante a valoración dos méritos acreditados conforme o seguinte baremo:

a) Expediente académico: ata catro puntos.

b) Formación ou experiencia en temas relacionados co obxecto desta bolsa: ata dous puntos.

c) Coñecementos da lingua galega: ata dous puntos.

d) Coñecementos de informática: ata dous puntos.

e) Memoria: ata cinco puntos.

O tribunal poderá realizar unha entrevista cos aspirantes que acrediten máis de oito puntos no anterior baremo. Versará sobre os seus méritos curriculares e a memoria e terá unha duración máxima de quince minutos. En función do contido da entrevista, o tribunal poderá aumenta-la puntuación inicial asignada nun máximo do 25% da que lle corresponde por aplicación do baremo.

Finalmente o tribunal fará pública a relación de candidatos por orde de puntuación.

Oitava.-Réxime de colaboración.

Os aspirantes seleccionados incorporaranse, logo da aceptación da bolsa, no prazo de dez días naturais seguintes ó da notificación do outorgamento.

No caso de que un adxudicatario por calquera motivo non poida presta-la súa colaboración será substituído polo candidato seguinte por orde de puntuación.

Os bolseiros prestarán a súa colaboración, baixo as indicacións do xefe do Servicio de Estudios, Investigación e Publicacións, en horario de mañá e/ou tarde, de luns a venres na Escola Galega de Administración Pública. Os traballos realizados quedarán en propiedade da escola.

Os bolseiros presentarán ó remate das bolsas un informe sobre os traballos realizados.

Novena.-Cláusula xeral.

No caso de incumprimento das tarefas de colaboración, a escola poderá, por proposta do xefe de estudios e logo de escoita-la persoa afectada, anula-la bolsa.

A solicitude das bolsas implica o coñecemento e a aceptación das presentes bases.

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 1998.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública