Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Mércores, 18 de febreiro de 1998 Páx. 1.694

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 4 de febreiro de 1998, da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, pola que se establece o procedemento de elección, constitución, renovación e substitución dos membros das xuntas provinciais de directores de centros de ensino non universitario.

A Orde do 10 de decembro de 1997, (DOG do 18) creou e regulou as xuntas provinciais de directores de centros de ensino non universitario.

No último parágrafo do artigo 4º da citada orde establécese que a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa determinará mediante resolución o procedemento de elección, contitución, renovación e substitución dos direcotes nas xuntas provinciais.

Na súa virtude e de acordo coa facultade outorgada na disposición derradeira primeira da Orde do 10 de decembro de 1997. Esta dirección xeral,

RESOLVE:

Primeiro.-A elección dos directores que formarán parte das xuntas provinciais de directores de centros de ensino non universitario, e a constitución delas efectuarase nas datas fixadas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria coincidindo coa renovación dos consellos escolares no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

A convocatoria de elección en cada provincia corresponde ó delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria dentro dos prazos establecidos.

Segundo

1. A organización e supervisión do proceso de elección dos compoñentes da xunta provincial estará a cargo da xunta electoral que se constituirá en cada sector provincial de inspección.

2. A xunta electoral constiutída en cada sector provincial de inspección estará integrada polo inspector coordinador do sector de inspección, que actuará como presidente, e por dous directores de centros docentes: un de institutos de ensino secundario ou de centros de ensinanzas de réxime especial, e outro de colexios de educación infantil e primaria, de colexios de educación primaria, de escolas de educación infantil, de educación especial ou de educación permanente de adultos, designados ámbolos dous polo delegado provincial.

Actuará como secretario da xunta electoral o director máis xove.

Terceiro.-Serán competencias da xunta electoral:

a) Aprobar e publica-los censos electorais que deberán reflectir, en todo caso, nome e apelidos dos directores.

b) Concreta-lo calendario electoral.

c) Ordena-lo proceso electoral.

d) Admitir e proclamar candidaturas.

e) Remiti-las correspondentes actas á delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Eleccións.

Cuarto.

1. Son electores e elixibles tódolos directores dos centros de ensino non universitarios.

2. Os representantes dos directores dos institutos de ensino secundario e de ensino de réxime especial serán elixidos por e entre o colectivo de directores de institutos de ensino secundario e de ensino de réxime especial que conforman o seu sector.

3. Os representantes dos directores dos colexios de educación infantil e primaria, dos colexios de educación primaria, de escolas de educación infantil, de educación especial e de educación permanente de adultos serán elixidos por e entre o colecitvo de directores dos centros de ditos niveis ou modalidades que conforman o seu sector.

4. O prazo de admisión de candidatos non será inferior a dez días.

5. Pechado o prazo de admisión de candidatos, a xunta electoral fará pública a proclamación de candidatos.

6. Contra o acordo de proclamación de candidatos poderase reclamar ante a xunta electoral no prazo dos tres días seguintes. A xunta electoral resolverá nos tres seguintes días hábiles e contra a súa decisión poderá interpoñerse recurso, que non terá efectos suspensivos, perante o delegado provincial da Consellería de Educación e de Ordenación Universitaria.

7. Os electores poderán votar directamente, mediante voto secreto e non delegable ante a xunta electoral de cada sector, no lugar e hora que se indique, ou ben poderán emitir o seu voto por correo.

8. O voto por correo será remitido á delegación provincial correspondente. O sobre que conteña o voto deberá vir acompañado dunha dilixencia do secretario do centro na que se faga constar que o voto incluído no sobre correspondente ó director do centro.

O prazo de remisión do voto por correo rematará cinco días antes do día da celebración das elccións.

9. Cada elector fará constar na papeleta un máximo de tres nomes dos candidatos a representantes na xunta provincial, de acordo co establecido nos parágrafos 2) e 3) deste artigo.

Proclamación de candidatos.

Quinto.-A Xunta electoral de cada sector procederá a dar traslado das actas correspondentes ás eleccións ó delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, quen procederá á proclamación dos catro candidatos elixidos en cada sector.

Constitución das xuntas provinciais.

Sexto.-Dentro dos quince días seguintes á proclamación de candidatos electos constituirase a xunta provincial de directores, logo da convocatoria dos seus compoñentes polo delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Renovación.

Sétimo

1. Dous anos despois de que se constitúan as xuntas provinciais, levarase a cabo a súa renovación parcial.

2. Dous anos despois desta renovación parcial, substituiranse os compoñentes das xuntas provinciais non substituídos na renovación parcial anteriormente citada.

Oitavo.-Na primeira renovación parcial serán substituídos un dos representantes dos directores de institutos de ensino secundario/ensinanzas de réxime especial de cada sector, e un dos representantes dos directores de colexios de educación primaria/escolas de educación infantil/educación especial/educación permanente de adultos de cada sector. Os representantes substituídos serán os que obtiveran o menor número de votos nas eleccións.

Noveno.-As baixas de directores de centros que compoñen a xunta provincial que se produzan antes do remate do período de tempo para o que foron elixidos, por deixaren de reuni-los requisitos necesarios para pertenceren a ela ou por calquera outra circunstancia, producirá unha vacante que será cuberta polos candidatos seguintes de acordo co número de votos obtidos.

Para estes efectos utilizarase a lista da última renovación parcial, independentemente de que a vacante que se vaia cubrir corresponda a unha renovación parcial anterior.

No caso de que non houbese candidatos para cubri-la vacante, quedaría sen cubrir ata a próxima renovación da xunta provincial.

Disposición transitoria

Establécese con carácter excepcional e único un proceso electoral para elixir por primeira vez os representantes das xuntas provinciais de directores de centros de ensino non universitario de acordo co seguinte calendario:

a) Convocatoria de eleccións: antes do 2 de marzo.

b) Constitución das xuntas provinciais: antes do 16 de abril.

Os directores elixidos membros da xunta provincial neste proceso electoral de carácter excepcional cesarán como integrantes da dita xunta no mes de outubro coincidindo coa renovación dos consellos escolares no ámbito da Comunidade Autónoma.

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 1998.

Severino Somoza Gómez

Director xeral de Centros e Inspección Educativa