Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Martes, 17 de febreiro de 1998 Páx. 1.617

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 23 de xaneiro de 1998 pola que se establecen axudas para a realización de actividades de alfabetización e formación de adultos na Comunidade Autónoma de Galicia durante o ano 1998.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece, no seu artigo 31, a súa competencia plena para o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias e sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, establece no seu artigo 51.1 que o sistema educativo garantirá que as persoas adultas poidan adquirir, actualizar, completar ou amplia-los seus coñecementos e aptitudes para o seu desenvolvemento persoal e profesional. Así mesmo, no seu artigo 63.1 recolle que os poderes públicos desenvolverán accións de carácter compensatorio en relación cas persoas, grupos e ámbitos territoriais que se encontren en situacións desfavorables.

A Lei 9/1992, do 24 de xullo, de educación e promoción de adultos establece no seu artigo 5, entre outras actuacións e programas de acción, a de promove-la colaboración das institucións culturais, profesionais, sindicais, empresariais e universitarias.

Co fin de potenciar aquelas accións conducentes a un mellor desenvolvemento persoal e profesional das persoas adultas e moi especialmente das máis desfavorecidas ou carentes de titulación básica, e á vista dos resultados das convocatorias anteriores, procede continuar co apoio a este tipo de accións cada vez máis consolidadas, así como iniciar novos proxectos que lles proporcionen a estes cidadáns unha formación básica e profesional que lles permita incorporarse á vida activa, promocionarse profesionalmente ou prosegui-los seus estudios.

Os proxectos que teñen por finalidade alcanzar unha cualificación acorde coas necesidades tecnolóxicas e a evolución do mercado de traballo encádranse dentro da acción F.1.-Formación profesional educación do obxectivo 1.7 do marco de apoio comunitario para o período 1994-1999, polo que son tidos en canta entre os proxectos susceptibles de seren cofinanciados co Fondo Social Europeo.

Entre as accións que se van desenvolver seguen considerándose as accións orientadas a supera-las probas de ensinanzas non escolarizadas de formación profesional de primeiro grao, conducentes á obtención do título de técnico auxiliar que ademais de proporcionaren unha cualificación profesional, habi

lita para proseguir estudios regrados de 2º grao de FP ou de BUP con que se facilita a promoción cultural e académica dos que abandonaron os seus estudios básicos sen titulación.

Por todo isto, esta consellería,

DISPÓN:

Primeiro.-Establécense axudas para o desenvolvemento de actividades que teñan como obxectivo alfabetizar ou eleva-lo nivel de formación básica ou cualificación profesional da poboación adulta, que se realicen no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 1998, e que o período no que se desenvolven as actividades non sexa inferior a catro meses e 160 horas.

Segundo.-A esta convocatoria poderán concorre-las corporacións locais e as institucións privadas sen ánimo de lucro legalmente constituídas da Comunidade Autónoma de Galicia. Quedan excluídos os centros docentes que proxecten desenvolver actividades que teñan como obxectivo prioritario a alfabetización ou outras actividades relacionadas coa educación de adultos.

Terceiro.-Para o gasto que se proxecta habilitarase o crédito axeitado e suficiente nas partidas 07.04.322H.480.0, 07.04.322H.460.0, 07.04.322S.460.0 e 07.04.322S.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1998 e en ningún caso a totalidade das axudas concedidas superará o importe de 146.400.000 ptas.

A teor do disposto na Orde do 2 de xuño de 1986, modificada pola Orde do 18 de outubro de 1991, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto o gasto que se proxecta está condicionado á existencia de crédito axeitado e suficiente nos orzamentos do exerciclo do ano 1998 en trámite parlamentario.

O importe máximo por actividade será de 900.000 ptas. correspondente a unha duración de 9 meses.

Para a concesión da axuda será requisito indispensable contar cun mínimo de 15 alumnos por actividade no momento do inicio destas.

Cuarto.-As solicitudes serán presentadas polo titular ou representante legal da entidade solicitante, por duplicado, no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, edificio administrativo de San Caetano, s/n, ou nos lugares que determina o artigo 38.4 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común, ata o día 27 de febreiro de 1998, inclusive.

Quinto.-As solicitudes axustaranse ó modelo establecido no anexo I e irán acompañadas dun proxecto e orzamento de cada actividade, tamén por duplicado, conforme o anexo II. Así mesmo, xuntaranlle á documentación sinalada unha certificación bancaria da conta corrente a nome do titular ou representante legal da entidade solicitante na que desexe que se lle ingrese o importe da subvención, se é o caso.

Sexto.-A Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional poderá requirir do solicitante cantos documentos e aclaracións considere necesarios para cubri-lo expediente, e tamén poderá

dispoñer que se leven a efecto as comprobacións oportunas dos datos achegados polos peticionarios.

Calquera alteración que se produza nos datos contidos na documentación que xunta á solicitude deberá serlle comunicada polo solicitante á devandita dirección xeral.

Sétimo.-Baixo a presidencia do director xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional constituirase unha comisión de selección encargada de valora-las solicitudes presentadas.

A dita comisión estará integrada por:

-O subdirector xeral de Formación Profesional e Educación de adultos.

-Catro inspectores correspondentes ós servicios provinciais da Inspección Educativa.

-O xefe do Servicio de Educación de Adultos e Xestión Económica.

-Dous funcionarios da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional; un deles actuará como secretario con voz e sen voto.

Os membros da comisión poderán percibir axudas de custo por asistencias e axudas para gastos e locomoción por concorrer ás sesións conforme o Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 de xuño).

Oitavo.-A comisión de selección elaborará a proposta de adxudicación das subvencións e elevaralla ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá o que proceda.

A selección e contía das axudas estableceranse de acordo coas seguintes prioridades:

A) Con carácter xeral terán prioridade as actividades que:

* Se realicen en concellos ou comarcas nas que non exista oferta pública de educación de persoas adultas.

* Sexan continuidade de actividades que xa se viñan realizando en cursos pasados.

B) Con carácter particular:

* Actividades dirixidas a persoas adultas que non dominan as técnicas instrumentais elementais sendo o seu obxectivo dotalos dos coñecementos, destrezas, habilidades e técnicas imprescindibles que lles faciliten a súa promoción persoal, social e laboral, así como a continuidade noutros procesos formativos. Estas ensinanzas estructúranse en dous niveis (nivel I e II) en función das características e necesidades das persoas que as cursarán e están reguladas na Orde do 26 de maio de 1997 (DOG do 15 de xullo).

* Preparación para a obtención do título de graduado escolar mediante a presentación ás probas libres que convoca anualmente a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional nos meses de xuño e setembro.

* Preparación para a obtención do título de técnico auxiliar de formación profesional (grao 1º) que facilite a integración laboral e permita o acceso á educación secundaria o á formación profesional de 2º grao.

Sen prexuízo do anterior, terase en conta, ademais dos obxectivos dos proxectos e os orzamentos dispoñibles, a rendibilidade das accións.

Noveno.-Unha vez aprobada a axuda, enviarase á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional a programación das actividades que se pretenden realizar na que se reflictan: obxectivos, contidos, actividades, metodoloxía, avaliación..., para a súa posterior supervisión.

A dirección xeral, os centros públicos de educación permanente de adultos, e os centros de formación profesional asesorarán as entidades beneficiarias na elaboración das programacións e achegarán a documentación de apoio que sexa necesaria.

Décimo.-As axudas concedidas en cada caso irán destinadas fundamentalmente a sufraga-los gastos de persoal que como mínimo alcanzarán o 75% do importe total da axuda concedida e os gastos de funcionamento xerados polo proxecto que non superarán o 25% do importe total da subvención. Deste 25% permitido para gastos de funcionamento arbitrarase a distribución de gastos de forma que un 20% tería a finalidade de gastos de materiais didácticos (textos e materiais dun só uso e materiais funxibles) e un 5% para outros gastos. Estas axudas serán aboadas do seguinte xeito:

1º Concederase o 10% da contía subvencionada no momento da resolución desta orde, logo da aceptación da subvención e certificación por parte da entidade de ter comezadas tódalas actividades. Así mesmo xuntarase, por parte das entidades solicitantes, relación nominal dos alumnos matriculados co seu DNI.

2º Pagaranse, en concepto de pagamentos parciais, as cantidades que xustifiquen as entidades no prazo sinalado, sen exceder, en ningún caso, o 70% da cantidade total da subvención.

3º A cantidade restante, pagarase unha vez finalizada a actividade no momento da súa completa xustificación por parte do beneficiario e entrega da memoria dela, xuntando certificación de percibir ou non outras axudas e subvencións para a finalidade subvencionada para o efecto do disposto no artigo 78.3 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario. A devandita xustificación farase de acordo coas instruccións que para o efecto dicte a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e que serán postas en coñecemento dos interesados na mesma data en que se lles comunique a concesión destas.

Décimo primeiro.-As entidades que obteñan axudas no marco da presente convocatoria comprométense:

-Á gratuidade das actividades.

-Á xestión directa do proxecto subvencionado (non se admitirán convenios ou subcontratas do profesorado, nin cesión da xestión a axencias).

-Facilitar canta información demande a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional.

-A cesión de cantos documentos e materiais se deriven do proxecto para a súa publicación.

-Comunica-lo número real de participantes e os axustes realizados.

-Xuntar copia dos contratos do persoal laboral contratado pola entidade e visados pola oficina pública de emprego.

-En xeral, ó cumprimento do que establece a presente orde e a normativa laboral que lle sexa de aplicación.

Décimo segundo.-Como remate de todo o proceso, as entidades subvencionadas quedan obrigadas a presentar, no transcurso dos 15 días posteriores á finalización da execución do proxecto, unha memoria detallada do seu desenvolvemento, que poderá servir como documento de difusión e debate. En todo caso deberán organizarse as actividades con obxecto de poder presentar no seu momento e, sempre antes do 15 de outubro de 1998, a memoria e a xustificación de gastos.

Décimo terceiro.-Nas convocatorias públicas, publicidade e propaganda das accións formativas conducentes á obtención do título de técnico auxiliar de formación profesional e que se desenvolvan ó abeiro desta orde, así como nos lugares onde se realicen as referidas accións, deberá figurar que estas están cofinanciadas pola Xunta de Galicia, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e o Fondo Social Europeo, ámbalas denominacións cos seus respectivos logotipos.

Décimo cuarto.-A Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional realizará o seguimento dos proxectos subvencionados a través dos servicios provinciais da Inspección Educativa. Este seguimento ten como obxecto a realización de visitas e posterior avaliación de todas e cada unha das actividades subvencionadas.

Décimo quinto.-A subvención poderá ser revogada, despois da audiencia ós interesados, sempre que dos informes de seguimento se deduza que as actividades non se axustan ó proxecto subvencionado. Esta circunstancia suporá a devolución das cantidades percibidas en virtude desta convocatoria e exerceranse, se é o caso, as accións legais pertinentes para esixi-lo reintegro correspondente.

Décimo sexto.-Facúltase expresamente a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Décimo sétimo.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 1998.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

Director Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional