Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Venres, 30 de xaneiro de 1998 Páx. 811

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 26 de xaneiro de 1998, da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, pola que se convocan as eleccións para a renovación dos plenos das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia.

A teor do artigo 9 da Lei 3/1993, do 22 de marzo, básica das cámaras de comercio, industria e navegación, o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo (actualmente, o Ministerio de Economía e Facenda) determinará a apertura do proceso electoral, logo da consulta coas comunidades autónomas que teñan atribuída á competencia nesta materia, dándose cumprimento ó dito precepto por medio da Orde do 6 de xuño de 1997 pola que se declara aberto o proceso electoral para a renovación dos plenos das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de España e o seu Consello Superior.

Por outra banda segundo o mesmo artigo 9 da Lei 3/1993, do 22 de marzo, básica das cámaras de comercio, industria e navegación, correspóndelle á Administración tutelante a convocatoria de eleccións, establecéndose no artigo 7º do Decreto 116/1997 do 14 de maio, polo que se regula o réxime electoral das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia, que transcorridos os prazos de presentación de reclamacións sobre a inclusión ou exclusión das empresas nos grupos e categorías correspondentes, a dirección xeral competente procederá, logo da consulta ás cámaras, a convoca-las eleccións.

Por todo isto, en cumprimento do artigo 7º do Decreto 116/1997 do 14 de maio, polo que se regula o réxime electoral das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia e logo da consulta ás cámaras,

DISPOÑO:

1. Convoca-las eleccións para a renovación dos plenos das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia.

2. As xuntas electorais, a razón dunha por cada cámara oficial de comercio, industria e navegación, terán as súas sedes nos enderezos sociais delas.

3. A elección dos vocais ós que fai referencia o artigo 7.1.a).1 da Lei 3/1993, do 22 de marzo, básica das cámaras de comercio, industria e navegación de España celebrarase para tódolos grupos e categorías o 31 de marzo de 1998, permanecendo abertos os colexios electorais desde as nove horas ata as vintedúas horas.

4. Para os efectos de proceder á elección dos vocais ós que fai referencia o artigo 7.1.a).2 da Lei 3/1993, do 22 de marzo, básica das cámaras de comercio,

industria e navegación de España, a Confederación de Empresarios de Galicia remitirá á secretaria de cada cámara antes de que transcorra o prazo para a toma de posesión dos membros electos unha lista de candidatos entre persoas de recoñecido prestixio na vida económica dentro da circunscrición da cámara. O número de candidatos que hai que presentar para cada cámara serán os seguintes:

- Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación da Coruña, 11 candidatos para elixir 8 vocais.

-Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Ferrol, 6 candidatos para elixir 4 vocais.

-Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Lugo, 4 candidatos para elixir 3 vocais.

-Cámara Oficial de Comercio e Industria de Ourense, 6 candidatos para elixir 4 vocais.

-Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Pontevedra, 6 candidatos para elixir 4 vocais.

-Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela, 4 candidatos para elixir 3 vocais.

-Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Tui, 3 candidatos para elixir 2 vocais.

-Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Vigo, 11 candidatos para elixir 8 vocais.

-Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Vilagarcía de Arousa, 3 candidatos para elixir 2 vocais.

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 1998.

Jorge J. Rodríguez Vázquez-Molezún

Director xeral de Comercio e Consumo

725