Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Luns, 22 de decembro de 1997 Páx. 12.331

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 5 de decembro de 1997 pola que se declara de interese galego a Fundación para a Protección de Discapacitados Psíquicos da Comarca de Verín e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Con data do 4 de decembro de 1997 foi publicada no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública, do 26 de novembro de 1997, pola que se clasifica como de interese social a Fundación para a Protección de Discapacitados Psíquicos da Comarca de Verín, adscribíndoa á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Esta fundación, de acordo co establecido no artigo 6 dos seus estatutos, ten como obxecto proporcionar asistencia social para discapacitados psíquicos en idade laboral cunha minusvalidez temporal ou permanente que lles impida a súa integración nunha empresa ou nun centro especial de emprego, prestando funcións tutelares, asistenciais, ocupacionais e en xeral calquera tipo de actividades formativas ou educacionais tendentes a mellora-la calidade de vida dos seus beneficiarios.

Por todo isto, en virtude das competencias que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, e segundo o establecido no artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e o artigo 32.3º a) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego,

DISPOÑO:

Primeiro.-Declarar de interese galego a Fundación para a Protección de Discapacitados Psíquicos da

Comarca de Verín, ó cumpri-los seus estatutos as prescricións que, para tal efecto, sinala a lexislación vixente en materia de fundacións de interese galego.

Segundo.-Ordena-la inscrición da Fundación para a Protección de Discapacitados Psíquicos da Comarca de Verín no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, para os efectos constitutivos que sinala o artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Terceiro.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial, á obriga de darlles publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a lle render contas anualmente ó protectorado e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presentarlle o proxecto de orzamento ó protectorado con anterioridade ó inicio do exercicio económico para o que se formula, e debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 1997.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

10225