Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Venres, 19 de decembro de 1997 Páx. 12.281

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 24 de outubro de 1997, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Turismos Motor, S.A. (Tumosa).

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Turismos Motor, S.A. (Tumosa) que tivo entrada nesta delegación provincial o día 20-10-1997, subscrito en representación da parte económica pola empresa, e da parte social polo delegado de persoal o día 10-10-1997, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA.

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión engociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 24 de outubro de 1997.

Mª Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

As normas do presente convenio colectivo aplicaranse na empresa Turismos Motor, S.A. a tódolos traballadores fixos ou eventuais desta, mesmo ós que se integren nela durante a súa vixencia, sen prexuízo do disposto no artigo 7º deste convenio; o seu ámbito territorial é o concello de Oleiros (A Coruña).

Artigo 2º.-Vixencia e duración.

O ámbito temporal do vixente convenio será de dous anos de duración a partir do 1 de xaneiro de 1997 ata o 31 de decembro de 1998 e para tódolos conceptos establecidos.

Tacitamente o convenio poderá ser prorrogado conforme os casos previstos na lei. Será denunciable por calquera das partes notificándoo á outra cun mes de antelación.

Artigo 3º.-Condicións máis beneficiosas.

As condicións sinaladas neste convenio terán o carácter de mínimas e, na súa virtude, serán nulos e non surtirán ningún efecto entre as partes os pactos ou cláusulas deste que impliquen condicións menos favorables para o traballador, sen que o convenio poida limitar ou diminuír en ningún caso situacións máis vantaxosas obtidas polos traballadores inidividual ou colectivamente.

As melloras económicas e de traballo que se implanten en virtude do presente convenio, así como as voluntarias que estean establecidas ou se establezan no futuro, poderán ser absorbidas ou compensadas ata onde alcancen cos aumentos ou poidan establecerse por disposicións legais que no futuro se promulguen, as cales só terán eficacia no que superen o nivel deste convenio.

Artigo 4º.-Antigüidade.

Para o cómputo do complemento de antigüidade considerarase data inicial a de ingreso na empresa, calquera que sexa a categoría coa que se efectuou, conservándose a antigüidade en caso de ascenso.

Os trienios serán do cinco por cento (5%) sobre o soldo convenio, e computaranse durante a permanencia do traballador no cadro de persoal da empresa. Considerarase tempo hábil para os efectos de trienios o período de aprendizaxe, percibíndose cando se reúnan tres anos ou múltiplo de tres no servicio da empresa.

Artigo 5º.-Cesamento na empresa.

O traballador que se propoña cesar no servicio na empresa comunicarallo á dirección desta polo menos con dez días de antelación á data na que decidise causar baixa, facéndoo por escrito e con xustificante de recepción. O incumprimento desta obriga de aviso previo daralle dereito á empresa a descontar da liquidación que se lle realice o importe dun día de salario por cada un de atraso no aviso previo. Esta cantidade, así como as procedentes de sancións ó persoal, destinarase a un fondo social da empresa; a adminis

tración deste fondo corresponderalles ós delegados dos traballadores.

Artigo 6º.-Pagas extraordinarias.

Os traballadores percibirán, aumentadas cos incrementos que resulten deste convenio, as pagas extraordinarias de beneficios, xullo, setembro e Nadal.

Estas pagas aboaranse antes do día 15 do mes no cal correspondan. Os traballadores que non leven un ano no servicio da empresa no momento en que corresponda a percepción destas pagas extraordinarias, cobraranas en cantidade proporcional ó tempo traballado. Os que abandonen a empresa antes de cumpri-lo ano de servicio, terán tamén dereito a percibi-la parte proporcional correspondente ós meses transcorridos desde o seu ingreso nela.

Nestas pagas extraordinarias incluiranse as cantidades correspondentes a soldo base, antigüidade, mellora voluntaria e, os traballadores que veñen recibindo mensualmente a parte proporcional da paga de beneficios, a parte proporcional que corresponda, é dicir, total fixo.

Artigo 7º.-Xornada laboral.

A xornada laboral será de corenta horas semanais. Durante os meses de xaneiro, febreiro, marzo, abril, maio, setembro, outubro, novembro e decembro, as xornadas serán de luns a venres aumentando nos citados meses as horas de diferencia traballadas de menos durante os meses de xuño, xullo e agosto, durante os cales, igualmente de luns a venres será de xornada continua.

O cómputo anual será de mil setecentas oitenta e tres horas. Nos meses de xornada partida, o horario será desde as 8.30 ás 13.30 e desde as 15.40 ás 19 horas. Nos meses de xornada continuada o horario será desde as 8 ás 15 horas.

O horario continuado enténdese establecido para os que o utilicen e non afectará ós traballadores que por contrato efectúen xornada partida todo o ano.

Sobre o horario de entrada concédese unha marxe de cinco minutos sesaxesimais durante os cales a chegada ó traballo non se considerará atraso senón puntual e dentro do horario.

A empresa autoriza o seu persoal a consumir un bocadillo durante as horas de traballo, sempre que non se entorpeza ou interrompa a continuidade do traballo e comprometéndose como se comprometen os traballadores a boa fe e boa vontade.

Establécense coas correccións adecuadas sobre o horario as seguintes pontes para o ano 1997: 10 de febreiro, 2 de maio, 6 de outubro e 26 de decembro. Establécese que os días 24 e 31 de decembro non sexan laborables.

As pontes para o ano 1998 serán fixadas pola empresa e o representante dos traballadores unha vez coñecido o calendario laboral para o dito ano.

Artigo 8º.-Vacacións.

As vacacións anuais serán de trinta días naturais para os traballadores que leven un ano ou máis no servicio da empresa e desfrutaranse de forma ininterrompida agás acordo entre empresa e traballador.

O período de vacacións desfrutarase, con preferencia, durante os meses de xuño, xullo e agosto, sempre cumprindo a normativa laboral vixente. En caso de desacordo co reparto de data de vacacións efectuado no cadro xeral aplicarase o disposto na lei.

Os traballadores que non completasen un ano efectivo no cadro da empresa, desfrutaranas durante un tempo proporcional ó traballado.

Respecto ó salario do mes de vacacións, ós empregados do taller, en substitución dos incentivos de producción, aboaráselles precisamente no mes de agosto -vaian de vacacións neste mes ou noutro- a cantidade de sete mil pesetas (7.000) como compensación do incentivo. Para os empregados de vendas garántese a cantidade de trece mil pesetas (13.000) como compensación do incentivo. Esta cantidade percibirana precisamente no mes de agosto -vaian de vacacións nese mes ou noutro-. Non a percibirán se no mes de desfrute das vacacións exceden os seus incentivos esa cantidade polas súas vendas, ou se lle complementarán ata a dita cifra.

Artigo 9º.-Capacidade diminuída.

Os traballadores afectados de capacidade diminuída poderán ser acoplados a outra actividade distinta á da súa categoría profesional, adecuada á súa aptitude, respectándoselle o salario que tivese acreditado antes de pasar á dita situación e conservando o dereito ós aumentos que por pactos, convenios, etc., experimente no sucesivo a categoría que tivo no momento de producirse o feito determinante da diminución de capacidade.

Para a asignación destes postos requirirase o informe previo dos delegados dos traballadores que, formulado non será vinculante para a empresa.

Artigo 10º.-Baixa por enfermidade.

No caso de baixa por enfermidade ou accidente laboral debidamente xustificados, a empresa completará as percepcións económicas que se sinalan: total fixo, primas fixas e incentivos (estes pola media dos últimos doce meses) ata un máximo de dezaoito meses.

A empresa poderá verifica-lo estado de enfermidade ou accidente laboral alegado polo traballador para xustifica-la súa ausencia do traballo, mediante recoñecemento a cargo do persoal médico.

Artigo 11º.-Licencias retribuídas.

As licencias retribuídas regularanse pola normativa laboral vixente coas modificacións que a seguir se expoñen:

* Matrimonio do traballador: quince (15) días naturais.

* Parto da esposa: tres (3) días , polo menos dous laborais.

* Enfermidade grave ou falecemento do cónxuxe ou fillos: cinco (5) días naturais.

* Traslado do domicilio habitual: dous (2) días naturais.

* Falecemento de pais, netos, avós ou irmáns: tres (3) días naturais.

* Falecemento de tíos ou sobriños: dous (2) días naturais.

Cando o falecemento se producise fóra da provincia incrementarase o período en dous días naturais.

A empresa poderá requiri-lo traballador para as xustificacións que corrrespondan e procurará atende-las perentorias necesidades do traballador, de tempo, nestes casos.

Artigo 12º.-Servicio militar.

Os traballadores da empresa que se incorporen ó servicio militar con carácter forzoso ou voluntario, para anticipa-lo cumprimento dos seus deberes, e leven seis meses no cadro de persoal da empresa, tendo cargas familiares acreditadas recibirán mensualmente o setenta e cinco por cento (75%) do salario fixo (total fixo). Estes traballadores percibirán a parte proporcional que lles corresponda nas pagas extraordinarias referidas ó momento da súa percepción.

Os traballadores que leven un ano ou máis no cadro de persoal da empresa e carezan de cargas familiares no momento da súa incorporación a filas, percibirán mensualmente o cincuenta por cento (50%) do salario fixo mensual e as catro pagas extraordinarias completas. Os que perciban rateada mensualmente a paga de beneficios, percibirana tamén na proporción que corresponda.

Os traballadores sen cargas familiares acreditadas e con tempo de servicio na empresa inferior a un ano no momento da súa incorporación a filas percibirán soamente a parte proporcional das pagas extraordinarias.

Artigo 13º.-Cesamento por matrimonio.

Os traballadores que cesen voluntariamente na empresa por motivo de contraer matrimonio, terán dereito a unha gratificación de tantas mensualidades do total fixo como anos de servicios prestasen na empresa, sen que poidan exceder de oito mensualidades. No caso de fracción anual computarase o exceso proporcionalmente. A empresa poderá esixi-la exhibición do certificado de matrimonio antes de aboar estas cantidades.

Artigo 14º.-Premios de nupcialidade e natalidade.

Ós traballadores da empresa concederánselle-los seguintes premios de nupcialidade e natalidade:

*Ó contraer matrimonio: quince mil pesetas (15.000).

*Ó nacemento de cada fillo: quince mil pesetas (15.000)

*O traballador deberá acredita-la causa destas percepcións.

Artigo 15º.-Axudas por defunción e xubilación.

Ó falecemento dun traballador da empresa, esta aboará unha mensualidade por cada ano de servicio ou fracción cun máximo de once mensualidades.

A cantidade correspondentes á axuda por falecemento será entregada pola empresa á persoa ou persoas designadas polo traballador e, no seu defecto, aplicarase a lexislación vixente.

Á xubilación dun traballador da empresa, esta aboaralle ó traballador unha mensualidade por cada ano de servicio ou fracción cun máximo de oito mensualidades.

A xubilación será obrigatoria ós sesenta e cinco (65) anos se o traballador ten dereito ó cento por cento da súa pensión de xubilación.

Artigo 16º.-Fondo de estudios.

A empresa constituirá anualmente un fondo de estudios en contía de duascentas mil pesetas (200.000) a fondo perdido para os traballadores e os seus fillos que cursen estudios de calquera clase, logo de relación destes presentada polos delegados dos traballadores ou outra comisión designada para o efecto coa denominación fondo de estudios.

As idades dos fillos dos traballadores estarán abranguidas entre os catro e os dezaoito anos, ámbolos dous incluídos, e a cantidade estará destinada a facilita-los estudios do traballador e dos seus fillos. Esta cantidade será repartida anualmente no mes de agosto, con criterio fundamentalmente social.

Artigo 17º.-Fondo de anticipos sociais.

Mantense para os empregados da empresa a Caixa de Anticipos Sociais, cun fondo que se establece para este ano en pesetas un millón (1.000.000) anuais.

O valor do crédito solicitado non poderá exceder de trescentas mil pesetas (300.000) e será descontado da nómina do traballador nun prazo máximo de dezaoito meses. Realizarase o desconto sen xuros. O pagamento farase mediante descontos proporcionais na nómina mensual e nas correspondentes pagas extraordinarias. O desconto será acumulable no caso de liquidación por baixa no cadro de persoal.

A este anticipo terán dereito tódolos empregados da empresa prevalecendo o criterio de maior atención ós traballadores con menos ingresos e máis cargas familiares.

Para solicitar un préstamo será indispensable ter liquidado completamente outro anterior.

A necesidade de xustificarse e explicarse por escrito. Os delegados dos traballadores deberán recibir e visa-las solicitudes que se formulen que trasladarán de inmediato á dirección da empresa.

Artigo 18º.-Axudas de custo.

Os traballadores da empresa que por necesidades e por orde desta efectúen viaxes ou desprazamentos a poboacións distintas ás do centro de traballo terán

dereito á percepción de axudas de custo de acordo co seguinte cadro:

* Axuda de custos completa: 4.200 ptas.

* Almorzo: 350 ptas.

* Xantar: 2.000 ptas.

* Cea: 1.500 ptas.

O gasto de hotel, segundo as características e normas establecidas da empresa, xustificarase á parte.

Artigo 19º.-Horas extraordinarias.

A) Horas extraordinarias que veñan esixidas para reparar sinistros ou outros danos extraordinarios e urxentes así como en caso de risco de perda de materias primas.

B) Horas extraordinarias necesarias por pedidos imprevistos ou períodos punta de producción, ausencias imprevistas, cambios de quenda ou outras circunstancias de carácter estructural derivadas da natureza da actividade de que se trate. Mantemento, sempre que non poidan ser substituídas pola utilización das distintas modalidades de contratación previstas legalmente.

C) A dirección da empresa informará mensualmente os delegados dos traballadores sobre o número de horas extraordinarias realizadas especificando as causas e a distribución por seccións. Así mesmo, en función desta información e os criterios sinalados nos apartados A) e B), a empresa e os delegados dos traballadores determinarán o carácter e natureza das horas extraordinarias, notificándollo mensualmente á autoridade laboral para os efectos de lle dar cumprimento á normativa vixente sobre cotización á Seguridade Social.

A prestación do traballo en horas extraordinarias será voluntaria; aplicarase en todo caso a lexislación vixente.

Artigo 20º.-Seguro de vida.

A empresa manterá en vigor o seguro de vida que actualmente ten concertado en beneficio do seu persoal para o caso de invalidez ou morte.

Artigo 21º.-Diminuídos físicos.

A empresa aboaralles ós traballadores que teñan ascendentes ou descendentes subnormais ou diminuídos físicos de calquera cualificación, que non estean capacitados para o traballo e que con eles convivan e deles dependan economicamente a cantidade de doce mil pesetas (12.000) mensuais.

Artigo 22º.-Compra de vehículos.

Os traballadores da empresa poderán adquirir vehículos de turismo novos na empresa Turismos Motor, S.A., ó prezo do distribuidor máis portes e revisións. Para o compra a crédito poderán acollerse ás mellores normas da financeira.

Os pais, fillos e irmáns do traballador poderán acollerse a este dereito.

Para os vehículos usados estimarase o prezo de taxación e mailos gastos de reacondicionamento que precisasen. Os pais, fillos e irmáns tamén poderán acollerse a este dereito. Deste dereito non poderá facerse uso ata dous anos despois de utilizalo.

Artigo 23º.-Vacantes.

Cando na empresa se produzan vacantes para cubrir ou se cren novos postos de traballo, excepto os de dirección, terán preferencia para cubrilos os traballadores que xa presten servicio na empresa ou os seus familiares, sempre que estean cualificados para iso.

Os auxiliares administrativos e os mozos que leven máis de cinco anos na empresa deberán ser ascendidos a oficiais ou a especialistas respectivamente, se existen tales vacantes e, de non ser así, asignaráselle-lo soldo correspondente ás ditas categorías aínda que conserven a anterior.

Artigo 24º.-Roupa de traballo.

O persoal adscrito a talleres ou a recambios terá dereito a que a empresa o provexa cada ano de dúas pezas de roupa de traballo e dúas toallas. O mesmo dereito terán tamén os conductores.

Estes artigos entregaranse para o seu uso durante o mes de xaneiro de cada ano ou ó causar alta o traballador no cadro de persoal da empresa e destinado ás ditas seccións.

Cando por razóns do traballo a roupa se deteriore gravemente, será substituída.

Artigo 25º.-Plus de transporte.

O plus de transporte é de catrocentas pesetas (400) por día efectivo de traballo.

Artigo 26º.-Plus de xornada partida.

O plus de xornada partida constitúese en dúas mil cincocentas pesetas (2.500) mensuais que se percibirán nos meses en que esta xornada se realice e sempre que o traballador non utilice vehículo da empresa para o seu traballo.

Artigo 27º.-Plus de reténs de xornada.

Establécese en seiscentas cincuenta pesetas (650) pesetas diarias para tódolos traballadores que realicen os ditos reténs ou efectúen xornada partida cando na empresa se efectúe xornada continua. Os viaxantes non percibirán este plus dadas as características do seu traballo.

Artigo 28º.-Delegados dos traballadores.

En canto ós dereitos e obrigas dos delegados dos traballadores, as partes axustaranse en todo ó establecido no Estatuto dos traballadores, Lei orgánica de liberdade sindical e demais lexislación vixente en cada momento.

Artigo 29º.-Salarios.

Para o ano mil novecentos noventa e sete e con vixencia desde o día un de xaneiro, establécese un incremento salarial en contía de pesetas tres mil que se aplicará sobre o soldo convenio linealmente a tódo

los traballadores, resultando a táboa salarial anexa asinada polas partes. Así mesmo, increméntase a mellora voluntaria en pesetas dúas mil cincocentas lineais a tódolos traballadores da empresa.

Para o ano mil novecentos noventa e oito e desde o día un de xaneiro establécese un incremento salarial do IPC previsto para o dito ano polo Instituto Nacional de Estatística, incrementado no 0,80% e sobre a masa salarial calculada para o dito ano que ascende a sesenta millóns de pesetas. O importe resultante repartirase linealmente entre tódolos traballadores e aplicarase na nómina do mes de xaneiro en contía de tres mil pesetas no concepto de soldo convenio e a cantidade restante, no concepto de mellora voluntaria. Unha vez coñecido o IPC real no 31-12-1998 realizarase o axuste resultante se o houber.

Artigo 30º.-Normas supletorias.

En todo o non previsto no presente convenio aplicarase o disposto na lexislación xeral e nas normas supletorias deste convenio que existen na empresa.

Artigo 31º.-Comisión mixta.

A comisión mixta será un órgano de interpretación, arbitraxe e vixilancia do cumprimento deste convenio nas seguintes funcións específicas:

1. Interpretación do convenio.

2. Vixilancia do cumprimento do pactado.

3. Seguimento da evolución das relacións entre as partes contratantes.

4. Entender previamente en cantas cuestións tenda á maior eficacia deste convenio.

As resolucións adoptadas de mutuo acordo terán carácter vinculante. En caso de dúbida, a comisión poderá eleva-la consulta á autoridade laboral competente.

A comisión comporase de dous pola empresa e dous polos traballadores, delegados deles. A dita comisión reunirase ineludiblemente antes de calquera reclamación e en caso de dúbida.

E para que conste asínase este convenio entre a empresa e os seus traballadores representados polo delegados dos traballadores, en Oleiros o dez de outubro de mil novecentos noventa e sete.

ANEXO

Convenio colectivo para a empresa Tumosa

Táboa salarial 1997

CategoríaMesAno

Director105.4291.686.864
Xefe de administración104.4061.670.496
Licenciado 98.8421.581.472
Xefe de servicio 92.3751.478.000
Xefe de vendas 94.4441.511.104
Xefe almacén de recambios 93.3461.493.536
Mestre de taller 88.9571.423.312
Oficial de 1ª 87.4851.399.760
Oficial de 2ª 85.4851.367.760
Oficial de 3ª 84.4851.351.760

CategoríaMesAno

Xefe de contabilidade 93.3461.493.536
Caixeiro 89.5391.432.624
Oficial administrativo 88.9431.423.088
Auxiliar administrativo 87.4851.399.760
Aspirante administrativo 79.9781.279.648
Viaxante 89.5391.432.624
Dependente de 25 anos 88.9431.423.088
Axudante de dependente 85.4851.367.760
Mozo especializado 85.4851.367.760
Mozo 84.4851.351.760
Vixilante 84.4851.351.760

Excluídos: antigüidade, mellora voluntaria, prima fixa, incentivos e pluses.

8665