Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Mércores, 17 de decembro de 1997 Páx. 12.143

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 7 de outubro de 1997, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo extraestatutario ou de eficacia limitada do sector do comercio de materiais para a construcción.

Visto o texto do convenio colectivo extraestatutario ou de eficacia limitada para o sector do comercio de materiais para a construcción, da provincia de Pontevedra, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 17-9-1997, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Empresarios de Materiales para la Construcción (Asemaco), e da parte social, polas centrais sindicais CC.OO. e UGT, se ben con carácter de eficacia limitada ou extraestatutaria, ó non te-las ditas centrais a maioría da representatividade sindical no devandito sector, convenio que foi subscrito con data do 22-8-1997, de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e por aconsellalo así, razóns de interese público, para o xeral coñecemento do devandito convenio colectivo extraestatutario. Ó teor do disposto no Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de

funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Segundo.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 7 de outubro de 1997.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo provincial extraestatutario

para o sector do comercio de materiais para

a construcción e saneamento de Pontevedra

Artigo 1º.-Partes asinantes.

Son partes asinantes do presente convenio de eficacia limitada as centrais sindicais, UGT e CC.OO., en representación dos traballadores e a Asociación de Empresarios de Materiales para la Construcción (Asemaco), en representación dos empresarios do sector.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio colectivo de eficacia limitada regula as relacións laborais e económicas entre empresas e traballadores do sector do comercio de materiais para a construcción e saneamento, da provincia de Pontevedra, determinándose que quedan afectados por el as actividades comprendidas na venda por xunto e polo miúdo de artigos e materiais para a construcción e destinados para a ornamentación desta.

Artigo 3º.-Opción.

Cando nos centros de traballo das empresas afectadas se exerza, ademais, outras actividades e estean por iso enmarcadas noutros convenios, os traballadores que presten servicios indistintamente nunha ou outra das ditas actividades terán opción a acollerse ó convenio que resulte máis beneficioso no seu conxunto a vixencia deste convenio.

Artigo 4º.-Duración e vixencia.

O presente convenio entrará en vigor ós 10 días da sinatura, terá unha duración de dous anos, contados a partir do primeiro de xaneiro de 1997 finalizando os seus efectos o 31 de decembro de 1998.

Artigo 5º.-Prórrogas.

O convenio entenderase tacitamente prorrogado por períodos anuais sempre que non sexa denunciado por calquera das partes.

Artigo 6º.-Denuncias.

A denuncia do convenio formularase por escrito e será comunicada á outra parte cunha antelación mínima de tres meses ó remate da súa vixencia.

Artigo 7º.-Condicións máis beneficiosas.

O persoal que con anterioridade ó convenio viñera desfrutando de condicións máis beneficiosas que as aquí pactadas, deberá conservalas, podendo ser absorbidas, non obstante, ata alcaza-los niveis do presente convenio.

Artigo 8º.-Retribucións.

As retribucións salariais para o primeiro ano de convenio son as que para cada categoría se fixan na táboa salarial anexa.

Para o segundo ano de vixencia, incrementaranse os salarios no IPC previsto polo Goberno para 1998, máis o 0,20%.

Artigo 9º.-Revisión salarial.

Coa exclusiva aplicación para o ano 1998 no caso de que o IPC rexistrase no 31 de decembro de 1998 un incremento respecto ó 31 de decembro de 1997, superior ó incremento salarial pactado, o dito exceso servirá de base para a negociación do ano 1999.

Para iso, no momento da negociación do convenio colectivo de 1999, procederase a cuantifica-lo dito exceso, calculado sobre os salarios utilizados para realiza-los aumentos pactados para 1998. A cuantificación do dito exceso, engandirase ós salarios vixentes ó 31 de decembro de 1998 e sobre a cantidade resultante, calcularanse os incrementos salariais para 1999.

Artigo 10º.-Gratificación de transporte urbano.

Tódolos traballadores afectados polo presente convenio percibirán unha gratificación de transporte urbano por día efectivo de traballo de 356 ptas./día, efectivo.

Para o segundo ano de vixencia do convenio, esta gratificación sufrirá o mesmo incremento previsto para os salarios.

Este plus percibirano con independencia do plus de distancia que regula a O.M. do 10-2-1958 e posteriores disposicións, e calquera que sexa o medio utilizado polo traballador para o seu desprazamento.

A cantidade percibida por este concepto non terá consideración de salario para ningún efecto, polo cal non se computarán para o cálculo de antigüidade gratificacións extraordinarias, paga de beneficios, etc., e tampouco se percibirán cando se encontre en situación de incapacidade laboral transitoria.

Queda igualmente exento de cotización á Seguridade Social.

Artigo 11º.-Aumento por anos de servicio.

Os aumentos periódicos por anos de servicio consistirán en cuadrienios do cinco por cento sobre os salarios do convenio.

Artigo 12º.-Gratificacións extraordinarias.

O persoal afectado por este convenio, percibirá en xullo e Nadal gratificacións extraordinarias polo importe dunha mensualidade cada unha, do soldo fixado na táboa salarial, que lle sexa de aplicación e mailos aumentos por anos de servicio que lle correspondan.

Artigo 13º.-Participación en beneficios.

Esta participación fíxase nunha mensualidade do salario fixado no convenio para cada categoría profesional, e mailos aumentos por anos de servicio que, se é o caso, correspondan.

A dita participación aboaráselle a todo o persoal no mes de marzo de cada ano.

Artigo 14º.-Rateo de pagas.

O persoal que ingrese ou cese na empresa no transucurso do ano percibirá as pagas extraordinarias de xullo e Nadal, así como a de beneficios, na parte

proporcional que lle corresponda segundo o tempo traballado.

Artigo 15º.-Horas extraordinarias.

Ante a grave situación de paro existente e co obxecto de favorece-la creación de emprego, as partes asinantes do presente convenio, acordan a conveniencia de reducir ó mínimo indispensable as horas extraordinarias de acordo cos seguintes preceptos:

a) Horas extraordinarias habituais: supresión.

b) Horas extraordinarias motivadas por fuerza maior, entendendo por tales as que veñan esixidas pola necesidade de repara-lo sinistro e outros danos extraordinarios e urxentes: realización.

c) Horas extraordinarias estructurais: mantemento. Entenderase como tales as necesarias por períodos punta de producción, pedidos imprevistos, cambios de quenda, ausencias imprevistas ou outras circunstancias de carácter estructural derivadas da natureza da actividade de que se trate. Todo iso sempre que non poidan ser substituídos por contratacións temporais ou a tempo parcial previstas na lei.

Artigo 16º.-Vacacións.

Todo o persoal afectado polo convenio terá dereito a desfrutar de vacacións anuais retribuídas de 30 días naturais de duración as cales serán concedidas entre os meses de maio a outubro, ámbolos dous incluídos.

Aquel traballador que por necesidades da empresa non desfrute as súas vacacións no dito período maio-outubro, percibirá unha bolsa de 8.818 ptas.

Sempre que non se alcance un acordo unánime entre os traballadores afectados, na determinación do período de desfrute das vacacións procederase, necesariamente, á elección dunha orden rotativa de preferencia, de tal forma que quen tivese preferencia na elección de quenda no ano anterior, perde esa primacía de opción ata que non a exerzan o resto dos seus compañeiros de traballo.

Artigo 17º.-Xornada de traballo.

A xornada laboral será de 40 horas semanais de traballo efectivo, que serán prestadas de luns a sábado pola mañá; este día a xornada rematará ás 13.30 horas.

Non obstante a anterior, en cada establecemento comercial o empresario poderá chegar a acordos con todos ou algúns dos seus traballadores para a prestación de servicios os sábados pola tarde, neste caso os traballadores terán dereito ó descanso compensatorio correspondente polo traballo nas tardes deses sábados, segundo ó previsto no Real decreto 1561/1995.

En todo caso, os traballadores obríganse a traballa-los sábados pola tarde en caso de existir carga ou descarga de barcos, camións, vagóns etc.

Os traballadores desfrutarán de descanso retribuído nas tardes dos días 24 e 31 de decembro e o día correspondente ó sábado de Semana Santa.

Artigo 18º.-Axudas de custo e desprazamento.

Todo o persoal ó que se lle confire algunha comisión do servicio fóra da residencia habitual de traballo, terá dereito a que se lle aboen, en concepto de axudas de custo, as cantidades seguintes:

A axuda de custo completa será de 3.879 ptas./diarias e a media axuda de custo de 999 ptas./diarias.

O importe das axudas e medias axudas previstas aboaranse ó comezo do desprazamento.

Artigo 19º.-Socorro por falecemento.

As empresas están obrigadas a entregarlles ó herdeiros forzosos dos traballadores que falezan por accidente laboral, a suma de tres mensualidades do salario fixado no presente convenio, ou dalgunha das súas prórrogas e maila antigüidade, se é o caso, referido ó momento do falecemento.

Artigo 20º.-Seguro complementario de accidentes.

As empresas afectadas por este convenio subscribirán no prazo dun mes a partir da data da súa publicación, e sempre que non teña concertado con anterioridade calquera outro igual ou superior, unha póliza de seguro colectivo e/o individual de accidentes persoais que cubra e garanta os riscos: profesionais e extraprofesionais, de morte ou invalidez permanente, por un capital dun millón de pesetas, en ámbolos casos.

Artigo 21º.-Excedencia por maternidade.

Será obrigatorio o reingreso dos traballadores que se acolleran á excedencia prevista no apartado 3º do artigo 46, do Estatuto dos traballadores, logo do aviso de reingreso con dous meses de antelación á finalización do período de excedencia solicitado.

Artigo 22º.-Roupa de traballo.

As empresas facilitarán dúas pezas de roupa de traballo ó ano, unha cada semestre, en concepto de útiles de traballo, ó persoal que pola súa actividade aconselle o seu uso.

Artigo 23º.-Pluriemprego.

As partes asinantes deste convenio consideran conveniente erradica-lo pluriemprego, como regra xeral.

Para estes efectos considerase necesario que se apliquen co máximo rigor as sancións previstas na lexislación vixente, nos casos de traballadores non dados de alta na Seguridade Social, por estar dados de alta xa noutra empresa.

Para coadxuvar ó obxectivo de controla-lo pluriemprego considérase esencial o cumprimento exacto do requisito de dar a coñecer ós representantes legais dos traballadores os boletíns de cotización á Seguridade Social, así como os modelos de contrato de traballo escrito que se utilicen na empresa, e tamén os documentos relativos ó remate da relación laboral, conforme dispón o artigo 64.5º, do Estatuto dos traballadores. O incumprimento desta obriga conside

rarase falta grave para efectos da súa sanción pola autoridade laboral.

Artigo 24º.-Canon de negociación.

Para atender economicamente a xestión do sindicato representado na comisión negociadora, fíxase un canon económico consistente no un por cento (1%) do salario base mensual que figura na táboa anexa ó presente convenio. O dito canon será aboado por unha soa vez, de acordo coa finalidade perseguida por el, de atende-los gastos ocasionados na negociación do presente convenio.

O canon de negociación ten carácter voluntario para os traballadores, polo que, en todo caso, se deberá respecta-la vontade individual de cada traballador.

Para os efectos do seu desconto en nómina pola empresa, os traballadores interesados en paga-lo dito canon deberán remitirlle á dirección da empresa no prazo máximo dun mes contado a partir da entrada en vigor do convenio un escrito expresando con claridade a orde de desconto do canon na cantidade indicada anteriormente. As empresas efectuarán o desconto na primeira nómina seguinte á finalización do prazo citado, facendo entrega posterior das cantidades descontadas á central sindical negociadora.

Para tódolos efectos, esta cláusula terá a consideración de obrigatoria, con natureza contractual.

Artigo 25º.-Licencias.

Transcríbese para efectos informativos o disposto no artigo 37.3º do Esstatuto dos traballadores, de tal xeito que se modificará automaticamente na forma que se modifique o texto legal.

O texto actual é o seguinte:

«O traballador, logo do aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo con dereito a remuneración por algúns dos motivos e polo tempo seguinte:

a) Quince días naturais en caso de matrimonio.

b) Dous días nos casos de nacemento de fillo ou enfermidade grave ou falecemento de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando, con tal motivo, o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de catro días.

c) Un día polo traslado do domicilio habitual.

d) Polo tempo indispensable, para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal, comprendido o exercicio do sufraxio activo. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, aplicaranse o que esta dispoña en canto á duración da ausencia e á súa compensación económica.

Cando o cumprimento do deber antes referido supoña a imposibilidade da prestación do traballo debido en máis do vinte por cento das horas laborais nun período de tres meses, a empresa poderá pasar ó traballador afectado á situación de excedencia regulada no apartado 1º do artigo 46 desta lei.

No suposto de que o traballador, por cumprimento do deber ou desempeño do cargo, perciba unha indemnización, descontarase o importe desta do salario ó que tivera dereito na empresa.

e) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente».

Por outra parte de acordo co disposto nos artigos 56 b) e 58 da ordenanza laboral de comercio, o persoal terá dereito a unha licencia retribuída de ata un máximo de 5 días naturais ó ano, por necesidade de atender persoalmente asuntos propios que non admitan demora, tendo en conta para iso os desprazamento que o traballador faga e as demais circunstancias que no caso concorran.

Esta licencia, demostrada a súa indubidable necesidade, concederase no acto, se prexuízo das sancións que poidan impoñerse ó traballador que alegue causas que resulten falsas.

Artigo 26º.-Xubilación.

As empresas e traballadores poderán pactar, logo de asistencia de común acordo por ámbalas partes, xubilacións anticipadas ós 64 anos, de conformidade co disposto no Real decreto 1194/1985, do 17 de xullo, debendo as empresas substituílos simultaneamente no momento do seu cesamento por xubilación, por outros traballadores nas condicións previstas no citado real decreto.

Artigo 27º.-Recoñecemento médico.

As partes asinantes do convenio consideran necesaria a colaboración de todos na adopción de medidas preventivas orientadas á diminución dos riscos de enfermidades e accidentes dos traballadores das empresas. Por iso recomendan que con periodicidad anual, e logo do acordo entre empresario e traballadores, se realicen recoñecementos médicos de todo o persoal das empresas, a través do Gabinete de Seguridade e Hixiene de Rande, ou, se é o caso, das mutuas patronais de accidentes de traballo, ou noutra forma que na empresa se considere oportuna.

Artigo 28º.-Dereitos de representación dos traballadores na empresa.

a) Crédito de horas. Os delegados de persoal dispoñerán dun crédito de 16 horas mensuais retribuídas para o exercicio das súas funcións de representación.

b)Acumulación de horas sindicais. Na empresa, os delegados de persoal ou o comité poderán acorda-la acumulación de todo ou parte do crédito de horas sindicais establecido pola lei, nun ou varios dos delegados ou membros do comité de empresa. Para que iso surta efecto, a cesión de horas terá que ser comunicada por escrito á dirección da empresa.

c) Taboleiros de anuncios. Nos centros de traballo de máis de 50 traballadores poñerase a disposición do comité de empresa un taboleiro de anuncios para coloca-la diversa información laboral que sexa de interese para os traballadores.

d) Delegado sindical. Nos centros de traballo con cadro persoal superior a 80 traballadores, poderá existir un delegado sindical, nos termos previstos na Lei orgánica de liberdade sindical.

Artigo 29º.-Desconto nas compras.

Os traballadores terán dereito a un desconto do 15% sobre o prezo de venda ó público, nas compras que realicen nos establecementos nos que presten os seus servicios.

Artigo 30º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación e cumprimento de cantas cuestións se deriven da aplicación deste convenio, establécese unha comisión paritaria integrada por tres representantes de cada unha das partes escollidos dentre os membros da comisión deliberadora.

Artigo 31º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o non expresamente previsto neste convenio, aplicarase o establecido no Estatuto dos traballadores, e demais disposicións de xeral ou especial aplicación.

Disposición adicional

As partes nomean unha comisión paritaria que, en principio, estará configurada polos membros que o foran da comisión negociadora do presente convenio, para o estudio e subseguinte incorporación ó convenio do ano 1999 das directrices do acordo marco de comercio de 1996, no referido ás categorías profesionais.

TÁBOA DE SALARIOS SECTOR COMERCIO

MATERIAIS PARA A CONSTRUCCIÓN DE

PONTEVEDRA PARA O ANO 1997

Grupo I.

-Persoal técnico titulado:

Titulado de grao superior: 125.044.

Titulado de grao medio: 103.972.

Axudante técnico sanitario: 89.918.

Grupo II.

-Persoal mercantil técnico:

Director: 139.092.

Xefe de división: 120.831.

Xefe de persoal, compras, vendas e encargado: 118.020.

Encargado xeral: 103.972.

Xefe de almacén: 96.948.

Xefe de sección mercantil: 92.729.

Encargado de establecemento, vendedor, comprador, poxador: 92.729.

Intérprete: 88.517.

-Persoal mercantil propiamente dito:

Viaxante: 89.918.

Corredor de praza: 88.517.

Dependente: 87.111.

Axudante: 80.081.

Grupo III.

-Persoal técnico non titulado:

Director: 137.691.

Xefe de división: 120.831.

Xefe de administración: 110.996.

Secretario: 86.991.

Contable: 95.541.

Xefe de sección administrativa: 101.160.

-Persoal administrativo:

Contable-caixeiro, taquimecanógrafo en idioma estranxeiro: 95.541.

Oficial administrativa e operador de máquinas-contables: 92.729.

Auxiliar administrativo e perforista: 87.111.

Auxiliar de caixa: 80.081.

Grupo IV.

-Persoal de servicios e actividades auxiliares:

Xefe de sección do servicio: 106.784.

Debuxante: 105.377.

Escaparatista: 98.353.

Axudante de montaxe: 80.081.

Delineante, visitador, rotulista e cortador: 81.499.

Axudante de cortador, xefe de taller: 81.499.

Profesional de oficio 1ª: 87.111.

Profesional de oficio 2ª: 81.499.

Profesional de oficio 3ª: 81.499.

Axudante: 81.499.

Capataz: 84.299.

Mozo especializado: 81.493.

Ascensorista, telefonista, mozo, empaquetador: 80.081.

Grupo V.

-Persoal subalterno:

Conserxe: 80.081.

Cobrador: 80.081.

Vixilante, sereno, ordenanza, porteiro: 80.081.

Persoal de limpeza (por hora): 423.

8120