Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Luns, 20 de outubro de 1997 Páx. 10.189

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 29 de setembro de 1997 pola que se convoca un curso sobre venda ambulante.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 1997 de forma descentralizada, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración dun curso sobre venda ambulante, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

O curso ten por obxectivos:

a) Coñece-la regulación xurídica estatal autonómica sobre venda ambulante: o Real decreto 1010/85, do 5 de xuño.

b) Coñecer das competencias das Comunidades Autónomas e das corporacións locais na regulación e control da venda ambulante.

c) Coñece-las intervencións da policía local en relación coa venda ambulante.

Destinatarios.

O curso vai dirixido ós membros dos corpos das policías locais de Galicia, membros da unidade do C.N.P. adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia; e no caso de quedaren prazas vacantes ós membros do corpo nacional de policía e garda civil.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

O número de prazas que se ofertarán neste curso será de 40.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará ás 14 horas do día 29 de outubro.

3. As instancias deberán vir asinadas polo xefe do cadro de persoal e seladas; será isto requisito indispensable para ser admitido nos cursos e o seu incumprimento suporá a exclusión do devandito curso.

4. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: Rúa de Madrid, 2-4 polígono das Fontiñas, 15703, Santiago de Compostela, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido e duración.

O curso celebrarase en sesións de tarde, de luns a venres, e nel trataranse entre outros os seguintes temas:

-Lexislación sobre venda ambulante: regulación xurídica sectorial estatal, regulación de competencias das diferentes administracións públicas.

-Regulación do fenómeno nas ordenanzas municipais.

-Intervención policial sobre venda ambulante: prácticas de confección de denuncias.

Datas.

O curso celebrarase do 10 ó 14 de novembro.

O horario será de 16.30 a 20.30 horas.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 4 de novembro no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono (981) 56 34 00.

Lugar.

O curso desenvolveráse na Casa da Cultura, sita na Avda. Benito Vigo, 92, no Concello da Estrada.

Certificado de asistencia.

Ó remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a el, non podendo supera-las faltas de asistencia un 15% do total da duración de horas lectivas do curso; unha inasistencia superior ó 15%, aínda que sexa xustificada, impedirá a expedición do certificado.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adapta-lo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 1997.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade

7867