Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183 Martes, 23 de setembro de 1997 Páx. 9.424

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 1 de agosto de 1997, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Real Club Celta, S.A.D.

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Real Club Celta, S.A.D., que tivo entrada nesta delegación provincial o día 26-6-1997, subscrito en representación da parte económica por unha representación da empresa, e da parte social polos delegados de persoal, con data 24-6-1997. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 1 de agosto de 1997.

F. Ramón Hermo Rey

Delegado provincial de Pontevedra en funcións

Convenio colectivo da empresa Real Club Celta

Artigo 1º.-Ámbito territorial.

O presente convenio colectivo será de aplicación na empresa Real Club Celta, con domicilio social na Avda. Balaídos, s/n.

Artigo 2º.-Ámbito funcional.

Este convenio abarca tódalas actividades existentes actualmente para o desenvolvemento das funcións propias da sociedade e do seu obxecto social. As condicións aquí pactadas terán o carácter de mínimas obrigatorias.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

Enténdese comprendidos baixo o ámbito de aplicación deste convenio tódolos traballadores dependentes desta empresa, así como o que ingrese no futuro, excluíndose aqueles que segundo a lei poidan saírse do seu ámbito.

Artigo 4º.-Vixencia.

Este convenio colectivo entrará en vigor para tódolos efectos a partir do 1 de xaneiro de 1997 e ata o 31 de decembro de 1997. Ó remate da vixencia do presente convenio colectivo manterán a súa vixencia todas e cada unha das cláusulas ata a entrada en vigor do seguinte convenio.

Artigo 5º.-Denuncia.

O presente convenio deberá ser denunciado por algunha das partes con dous meses de antelación ó seu vencemento. De non efectuarse ningunha denuncia, quedará prorrogado excepto nos conceptos salariais, que se verán actualizados no IPC que para o ano anterior estableza o INE.

Artigo 6º.-Salarios.

Os salarios para o presente convenio serán os establecidos para cada categoría na táboa anexa. Non haberá discriminacións salariais por razóns de sexo e suprimi-las diferencias dentro da mesma categoría.

Artigo 7º.-Revisión salarial.

No caso de que o IPC rexistrase o 31 de decembro de 1997 un incremento superior ó 3%, efectuarase unha revisión salarial tan pronto se constate oficialmente a dita circunstancia, no exceso sobre a indicada cifra. Tal incremento aboarase con efectos de primeiro de xaneiro de 1997.

Artigo 8º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo distribuirase conforme o seguinte horario:

Persoal de oficina administrativo:

De luns a venres: de 10 a 14 h e de 17 a 20 h.

Os domingos que haxa partido entrarán hora e media antes da celebración deste.

Persoal oficina socios:

De luns a venres: de 10 a 14 h e de 17 a 20 h.

Na semana que haxa partido de fútbol, os sábados traballarase de 10 a 13 h e os domingos de 10.30 a 13.30 así como hora e media antes da celebración do partido.

O persoal que desempeñe o seu traballo na oficina de socios terá dereito a un descanso rotativo o luns, da seguinte maneira: o que traballe o luns pola tarde, descansará pola mañá, e o que traballe o luns pola mañá descansará o luns pola tarde.

Persoal de campo:

De luns a venres: de 9 a 13 h e de 16 a 19 h.

Sábados de 9 a 14 h.

Xornada de verán: para todo o persoal desde o 15 de xuño ó 30 de xullo todo o persoal realizará xornada de mañán de 9 a 15 h.

Na primeira quincena de agosto haberá unha reunión da comisión paritaria co fin de ve-las necesidades do club, torneos, trofeos, campaña de socios, etc. co fin de estudia-la posibilidade de continuar coa xornada de verán os 15 primeiros días de agosto.

Artigo 9º.-Horas extraordinarias.

As partes asinantes do presente convenio acordan reducir ó mínimo indispensable as horas extraordinarias.

Terán consideración de horas extraordinarias todas aquelas que excedan da xornada laboral legalmente establecida.

A empresa informará mensualmente ó representante dos trabajadores do número de horas extraordinarias realizadas, especificando as causas e o persoal que as levou a cabo.

En ningún caso as horas extraordinarias poderán supera-lo límite máximo establecido legalmente. En canto ó aboamento ou desfrute das horas extraordinarias, optarase entre aboalas cun incremento do 75% sobre o salario que lle correspondería a cada hora ordinaria ou compensalas por tempos equivalentes de descanso retribuído incrementados polo menos na porcentaxe antes indicada.

As horas extraordinarias mediante descanso deberán ser compensadas dentro dos dous meses seguintes á súa realización.

Artigo 10º.-Vacacións.

As vacacións serán de 30 días naturais nos meses de xuño a setembro. O calendario de vacacións fixarase na empresa con dous meses de antelación ó comezo do seu desfrute.

Os períodos de vacacións estipularanse de común acordo entre os traballadores e a dirección. O seu aboamento realizarase ó seu inicio, na contía de salario real que lle corresponda por tódolos conceptos salariais.

O desfrute das vacacións será de xeito rotativo entre o persoal. Todo o persoal que antes ou durante o

período de vacacións estea en situación de ILT terá dereito ó desfrute destas ou da parte pendente.

Artigo 11º.-Pagas extraordinarias.

Establécense catro pagas extraordinarias. Todas elas aboaranse na contía correspondente a 30 días de salario real, pagadeiras cada unha delas os días 10 de marzo, 25 de xullo, 15 de outubro e 15 de decembro.

O persoal que ingresou ou deixase de presta-los seus servicios na empresa calquera que fose a causa, durante o transcurso do ano, terá dereito á parte proporcional das ditas pagas en relación ó tempo traballado. Así mesmo, e no suposto de que o club obtivese un ou máis títulos (campión de liga, campión da Copa S.M. o Rei, campión de Europa, Recopa ou UEFA), así como ascenso de categoría, terase dereito a unha paga extraordinaria por tal motivo na mesma contía có resto das pagas extraordinarias.

Artigo 12º.-Antigüidade.

Os aumentos por antigüidade serán calculados por trienios desde o ingreso na empresa; os ditos trienios aboaranse a razón do 8% sobre os salarios do convenio vixente e comezaranse a percibi-lo mesmo mes no que se cumpra o trienio. De calquera xeito ningún traballador poderá percibir neste concepto contías superiores ás que establece o Estatuto dos traballadores.

De tódolos xeitos repectaranse as condición máis favorables que veñan desfrutando os afectados polo presente convenio nesa materia.

Artigo 12º bis.-Premio de antigüidade.

Insignia de prata do club, outorgaráselle a tódolos traballadores que leven na empresa 25 anos ininterrompidos.

Insignia de ouro, outorgaráselles ós traballadores que leven na empresa 30 anos ininterrompidos.

As ditas medallas terán temén unha dotación económica de tres meses de salario para a de prata é de cinco meses para a de ouro.

Artigo 13º.-Licencias.

Os traballadores, logo de aviso e xustificación, terán dereito a permisos retribuídos durante o tempo e os supostos seguintes:

a) Matrimonio: 16 días.

b) Nacemento de fillo: 3 días laborables.

c) Enfermidade grave de parentes ata segundo grao de consangüinidade ou afinidade, dous días e cinco se existise desprazamento fóra da provincia.

d) Traslado de domicilio: 2 días.

e) Tempo necesario para consulta médica de especialistas da Seguridad Social, cando coincidindo o horario de consulta co de traballo, precise a dita consulta o facultativo de medicina xeral, debendo presenta-lo traballador o volante xustificativo da devandita prescrición médica. Nos demais casos ata un límite de 18 horas ano.

f) As traballadoras por lactación dun fillo menor de nove meses terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións.

g) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público ou persoal.

h) Por asuntos persoais ou particulares do traballador/a poderá solicitar permiso retribuído de 4 días e sen retribuír ata un máximo de trinta, de común acordo entre empresa e o traballador/a e sempre que na sección non haxa outra persoa na mesma situación.

i) As tardes dos días 24 e 31 de decembro e o 5 de xaneiro non serán laborais para tódolos efectos; nos casos de partido non se cobrarían as horas.

k) Morte de parente de primeiro grao: 5 días.

l) No non expresamente regulado observarase o disposto no Estatuto dos traballadores.

Artigo 14º.-Desprazamentos.

Se por necesidade ou conveniencia da empresa e por requirimento desta, o traballador tivese que desprazarse empregando o seu vehículo e con aceptación voluntaria desde, aboaráselle a cantidade de 30 ptas. por km.

Artigo 15º.-Plus de nocturnidade.

As horas traballadas durante o período comprendido entre as 10 da noite e as 6 da mañá, terán unha retribución específica incrementada nun 30% do salario base.

Artigo 16º.-Excedencias.

O traballador con polo menos unha antigüidade na empresa de 1 ano, ten dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia voluntaria por un prazo non menor de 2 anos e non maior de 5. Este dereito só poderá ser exercido outra vez, polo mesmo traballador se transcorreron 4 anos desde o remate da anterior excedencia.

Os traballadores terán dereito a un período de excedencia, non superior a tres anos, para atende-ló coidado de cada fillo, tanto cando o sexa por natureza como por adopción, contado a partir da data de nacemento deste.

Os sucesivos fillos darán dereito a un novo período de excedencia que, de se-lo caso, porá fin ó que se estivese a desfrutar. Cando o pai e nai traballen, só un deles poderá exercer este dereito.

O período no que o traballador permaneza na situación de excedencia consonte o establecido neste artigo será computable para efectos de antigüidade e o traballador terá dereito á asistencia a cursos de formación profesional, debendo ser convocado polo empresario á súa participación neles, especialmente con ocasión da súa reincorporación. Durante o primeiro ano terá dereito á reserva do seu posto de traballo. Transcorrido o dito prazo, a reserva quedará referida a un posto de traballo do mesmo grupo profesional ou categoría equivalente.

No non regulado no presente precepto observarase o disposto no artigo 46 do Estatuto dos traballadores.

Sen prexuízo do anterior en casos excepcionais, de común acordo, a empresa e o traballador poderán considera-la concesión de situacións de excedencia fóra das legalmente reguladas.

Artigo 17º.-Roupa de traballo.

A empresa está obrigada a subministrarlle ó persoal de limpeza dous mandís ó inicio do ano; ó persoal de campo dotarase de dúas fundas e un chándal. Tanto uns coma os outros percibirán calzado axeitado para as súas respectivas funcións.

Se o traballo o requirise, entregaranse guantes e traxes de auga.

Artigo 18º.-Recoñecemento médico.

A empresa está obrigada a solicitar anualmente, informando previamente ó representante dos traballadores, un recoñecemento médico anual para tódolos traballadores da empresa. O tempo investido no citado recoñecemento será por conta da empresa que, cando sexa necesario, facilitará así mesmo os medios de transporte para o desprazamento.

Artigo 19º.-Seguridade e hixiene.

A empresa obrígase ó cumprimento inescusable das normas de seguridade e hixiene no traballo en materia de aseos, vestiarios, dotacións sanitarias, duchas, etc. de conformidade coa ordenanza xeral de seguridade e hixiene, e a nova Lei de prevención de riscos laborais.

Artigo 20º.-Traballos tóxicos, penosos ou perigosos.

Sinálase expresamente que os traballadores afectados polo presente convenio quedarán expresamente excluídos, e non estarán polo tanto, obrigados a realizar traballos que teñan a consideración de tóxicos, penosos ou perigosos.

Artigo 21º.-Complemento por IT.

A empresa estará obrigada a complementar ata o 100% do salario fixado no convenio desde o primeiro día de baixa.

Artigo 22º.-Premio de xubilación.

A todo traballador que cese na empresa, tanto por xubilación como por pasar a situación de invalidez permanente, que teña máis de 5 anos de vínculo coa empresa, esta aboaralle o equivalente a 6 meses de traballo. Este premio percibirao o seu viúvo/a se o traballador morre antes de xubilarse, e no seu defecto, os orfos menores de 18 anos ou de máis de 18 anos, se non teñen traballo.

Artigo 23º.-Xubilación anticipada ós 64 anos.

A empresa poderá acordar, conxuntamente cos traballadores, xubilacións anticipadas ós 64 anos de conformidade co Real decreto 1194/1985, e Real decreto lei 14/1981. No tal suposto, a empresa deberá cubri-la contratación dun traballador demandante de emprego mediante un contrato da mesma natureza.

Artigo 24º.-Xubilación forzosa.

Establécese a xubilación forzosa ós 65 anos de idade dos traballadores e traballadoras que teñan cuberto o período legal de carencia para obtela ou no momento que a alcancen.

Quedan excluídos do disposto no parágrafo anterior aqueles traballadores/as que cumprán os requisitos da idade e carencia con anterioridade á entrada en vigor do presente convenio.

A empresa fará fixos ós traballadores e traballadoras con contrato temporal, á finalización deste, se durante a vixencia producise un cesamento na empresa por mor da xubilación forzosa. No caso de existir varios traballadores e traballadoras temporais no momento do cesamento, a comisión paritaria decidirá qué persoa é a máis idonea para ocupa-lo posto.

Artigo 25º.-Axuda familiar especial.

Aplicarase unha axuda familiar especial anual de 60.000 ptas. por cada fillo/a que teña recoñecido o dereito de diminuído físico ou psíquico polo I.N.S.S. e que non se atope traballando. O traballador presentará a documentación acreditativa para o aboamento desta axuda que se pagará a razón de 5.000 ptas. mensuais.

Os traballadores poderán optar mediante comunicación expresa dirixida á dirección da empresa polo aboamento íntegro e dunha soa vez da expresada axuda familiar.

Artigo 26º.-Dereitos sindicais.

Cota sindical: os traballadores poderán solicitar da empresa o desconto en nómina da cota sindical. Esta solicitude farase por escrito no que conste a central sindical e o número de conta da mesma onde a empresa ingresará as cotas retidas ós afiliados.

Créditos horarios: o delegado de persoal, como representante legal dos traballadores, pode dispor dun crédito horario mensual retribuído para o exercicio das súas funcións. Este crédito será de 20 horas mensuais. No suposto de que non se consuma o dito crédito horario, acumularase para o seguinte mes tanto en parte como na súa totalidade.

Asemblea: dentro das formalidades previstas no Estatuto dos traballadores, a empresa facilitará o exercicio do dereito de reunión durante a xornada laboral e durante 30 minutos ó mes.

Artigo 27º.-Pluriemprego.

Calquera persoa que realice traballos na empresa, aínda que estes sexan esporádicos, deberá esta debidamente contratado coa súa correspondente alta na Seguridade Social, sendo competencia do delegado de persoal controlar e vixia-lo cumprimento da lei nesta aspecto.

Artigo 28º.-Superior e inferior categoría.

Ningún traballador estará obrigado a realizar traballos de inferior categoría, sen embargo, por circunstancias excepcionais e dibidamente acreditadas de

carácter perentorio ou imprevisibles, a empresa poderá destinar a un traballador a tarefas correspondentes a unha categoría inferior á súa, o cal só poderá facelo polo tempo imprescindible, manténdolle a retribución e demais dereitos derivados da súa categoría profesional, e comunicándollo ó delegado de persoal.

O traballador que faga funcións de categorías superior á que lle corresponda e tivese recoñecida, por un período superior a 6 meses durante un ano ou 8 durante dous anos, poderá reclamar ante a dirección da empresa a clasificación profesional axeitada.

Artigo 29º.-Seguro colectivo.

Durante a vixencia deste convenio a empresa concertará un seguro colectivo de accidentes, con primas íntegras ó seu cargo, mediante pólizas que cubran as seguintes indemnizacións:

a) Accidente laboral ou común con resultado de morte: 6.500.000.

b) Accidente laboral ou común con resultado de invalidez permanente, absoluta ou gran invalidez: 12.500.000.

O resultado facilitará o nome do beneficiario. Para o persoal de nova incorporación, a póliza de seguros deberá concertarse nun prazo dun mes a partir da contratación.

Unha copia das pólizas inserirase no taboleiro de anuncios.

Artigo 30º.-Capacidade diminuída.

Todos aqueles traballadores que, por accidente, ou enfermidade con reducción das súas facultades físicas ou intelectuais, sufran unha capacidade diminuída, terán preferenia para ocupa-los postos máis aptos en relación ás súas condicións, sempre que teñan aptitude ou idoneidade para o novo posto.

Artigo 31º.-Lexislación subsidaria.

En todo o non expresamente regulado neste convenio aplicarase o previsto no Estatuto dos traballadores, Lei orgánica de liberdade sindical e ordenanza.

Artigo 32º.-Comisión paritaria.

Como órgano de interpretación, conciliación e arbitraxe do presente convenio, créase unha comisión mixta paritaria integrada por cada un dos membros da comisión negociadora do convenio.

Esta comisión reunirase por petición de calquera das partes interesadas, reuníndose obrigatoriamemte nun prazo máximo de 15 días despois de ser solicitada.

Artigo 33º.-Plus de transporte.

Todo o persoal afectado polo presente convenio percibirá durante a súa vixencia 2.100 pesetas mensuais en concepto de gastos de locomoción.

Artigo 34º.-Plus de domingos.

O persoal que desenvolva o seus traballo en domingo percibirá un plus deste concepto de 3.300 pesetas por domingo; os que veñan hora e media antes percibirán 1.400 pesetas por este concepto.

ANEXO

Táboa salarial

CategoríasSoldoComplemento

Secretario xeral335.105

Adestrador226.25051.830

Xefe negociado129.05072.000

Caixeira xefe128.74345.000

Admvo. caixeira119.36712.000

Administrativo/a114.0147.000

Aux. Administrt.95.616

P. limpeza109.99421.373

Encargado de material

especialista

109.99423.439

Encarg. instalacións122.66111.000

Coidador instalacións116.45916.881

Masaxista A.T.S.122.20217.091

Axd. masaxista95.616

Fisioterapeuta105.000

Chofer109.99417.202

Técnico deportivo174.004136.937

Titulado superior207.323

Peón88.616

Telefonista80.000

7135