Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Venres, 19 de setembro de 1997 Páx. 9.345

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 28 de agosto de 1997 pola que se fai público o contido do convenio de colaboración subscrito entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e as compañías de seguros, para a articulación dun programa de apoio financeiro á expansión exterior das empresas galegas mediante o aseguramento dos riscos das operacións de exportación.

Con data do 31 de xullo de 1997 o Instituto Galego de Promoción Económica, Igape, e dúas compañías

de seguros subscribiron un convenio de colaboración coa finalidade de dar cobertura ós riscos inherentes das operacións de exportación de empresas galegas, ó abeiro do establecido no decreto da Xunta de Galicia 454/1996, do 26 de decembro, polo que se establece un réxime de axudas á expansión exterior da empresa galega e na orde da Consellería de Economía e Facenda do 2 de xuño de 1997, pola que se desenvolve unha liña de axudas ó aseguramento dos riscos das operacións de exportación da empresa galega.

No artigo 1º da Orde do 2 de xuño de 1997 establécese que o Igape poderá subscribir convenios con compañías de seguros co obxecto de establece-los mecanismos de colaboración necesarios que faciliten a tramitación, xestión e liquidación das axudas recollidas nela e permitan ás pequenas e medianas empresas a obtención das condicións financeiras máis vantaxosas posibles. Os convenios que, se é o caso, se subscriban faranse públicos a través de resolución do Igape, publicada no Diario Oficial de Galicia.

En virtude do exposto, de conformidade coa Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Igape e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 317/1992, do 12 de novembro, e en virtude das facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

En cumprimento do disposto no Art. 78 da Lei 11/1992, do 11 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, e co obxecto de darlle unha adecuada difusión, faise público o texto do convenio coas compañías de seguros que figura como anexo I e a relación de compañías de seguros que subscribiron este que figura como anexo II.

Santiago de Compostela, 28 de agosto de 1997.

José Antonio Orza Fernández

Presidente do Instituto Galego de Promoción Económica

ANEXO I

Convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica e a compañía de seguros ***, para a articulación dun programa de apoio financeiro á expansión exterior das empresas galegas mediante o aseguramento dos riscos das operacións de exportación.

En Santiago de Compostela o 31 de xullo de 1997.

REUNIDOS

Dunha parte o Instituto Galego de Promoción Económica, denominado no sucesivo Igape, con enderezo na rúa Frei Rosendo Salvado, nº 16, baixo, representado para os efectos do presente convenio por José Antonio Orza Fernández, na súa calidade

de presidente do Igape, representación nata que lle corresponde pola súa condición de conselleiro de Economía e Facenda, de acordo coa Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Igape e ó Decreto 317/1992, do 12 de novembro, polo que se aproba o seu regulamento.

Doutra banda, a compañía de seguros ***, denominada no sucesivo a compañía de seguros, con enderezo en ***, representada para os efectos do presente convenio por ***, na súa calidade de ****, con poder suficiente,

EXPOÑEN

I. Que o presente convenio se inscribe dentro da liña de axudas de apoio ó aseguramento dos riscos inherentes ás operacións de exportación da empresa galega, creada polo decreto da Xunta de Galicia 454/1996, do 26 de decembro, publicado no Diario Oficial de Galicia nº 8, do 14 de xaneiro de 1997, polo que se establece un réxime de axudas á expansión exterior da empresa galega, e regulada posteriormente pola orde da Consellería de Economía e Facenda do 2 de xuño de 1997, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 112, do 12 de xuño de 1997, pola que se desenvolve unha liña de axudas ó aseguramento dos riscos das operacións de exportación da empresa galega.

II. Que a evolución do contorno económico mundial vén configurando unha situación na que o lanzamento ós mercados exteriores polas empresas se presenta como un dos alicerces sobre os que asenta-lo seu desenvolvemento e consolidación. Ante esta situación, desde a iniciativa pública véñense articulando unha serie de accións tendentes a apoia-las PEMES galegas no seu proceso de apertura ó exterior e mellora-la súa posición competitiva no seu mercado globalizado.

III. Que dada a importancia que para potencia-la saída ó exterior da empresa galega, ten minimiza-los riscos das exportacións que se realicen fóra do ámbito da Unión Europea, entre as axudas establecidas no Decreto 454/1996 recóllese o programa de subvencións a fondo perdido sobre o custo das primas de seguro que se concerten, en cobertura de riscos de natureza comercial, política e catastrófica inherentes a operacións de exportación con destino a países non membros da Unión Europea.

IV. Que dentro das modalidades de seguro comercializadas pola compañía de seguros, inclúense os correspondentes á cobertura de riscos de natureza comercial e, en caso de que legalmente se lle autorice, de natureza política ou catastrófica, inherentes ás operacións de exportación.

V. Que, ante a coincidencia de intereses e co obxecto de establecer un marco de colaboración para apoia-las ás empresas galegas no seu proceso de internacionalización mediante a cobertura dos riscos

inherentes ás súas operacións no exterior, asinan o presente convenio, que se rexerá polas seguintes:

CLÁUSULAS

Cláusula 1ª.-Obxecto.

O presente convenio ten por obxecto defini-los termos de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e a compañía de seguros ***, coa finalidade de establecer un sistema de apoio financeiro ás empresas galegas mediante a cobertura subsidiada dos riscos inherentes ás súas operacións de exportación, someténdose as partes na totalidade ó establecido no decreto da Xunta de Galicia 454/1996, do 26 de decembro, polo que se establece un réxime de axudas á expansión exterior da empresa galega, e na orde da Consellería de Economía e Facenda do 2 de xuño de 1997, pola que se desenvolve unha liña de axudas ó aseguramento dos riscos das operacións de exportación da empresa galega, así como ás normas específicas contidas no presente convenio, e ás que con posterioridade se poidan dictar para o seu funcionamento operativo.

Cláusula 2ª.-Beneficiarios.

2.1. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas no presente convenio aquelas sociedades mercantís e sociedades cooperativas que teñan a consideración de Pequenas e Medianas (PEMES), conforme a definición establecida pola Unión Europea. Para os ditos efectos, terá a consideración de PEME a unidade económica con personalidade xurídica que, á data de peche do último exercicio, reúna os seguintes requisitos:

a) Que teña menos de 250 traballadores e,

b) Que teña ben un volume de negocios anual non superior a 40 millóns de Ecus, ou ben un balance xeral anual, activo total, non superior a 27 millóns de Ecus, e

c) Que cumpra o criterio de independencia. Para estes efectos consideraranse empresas independientes, aquelas nas que o 25% ou máis do seu capital ou os seus dereitos de voto non pertenza directa ou indirectamente a outra empresa, ou conxuntamente a varias empresas que non respondan á definición de PEME segundo os tres requisitos establecidos, salvo se a empresa pertence a sociedades públicas de participación, sociedades de capital risco ou a investimentos institucionais, sempre que estes non exerzan ningún control sobre a empresa.

Para os efectos de aplicación dos límites establecidos neste apartado, terase en conta o seguinte tipo de cambio do ECU: 1 Ecu=160 pesetas.

En caso de que durante a vixencia deste convenio, a Unión Europea establecese unha definición de PEME diferente da anterior, será de aplicación para estes efectos a nova definición que se estableza,

o que será obxecto da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2.2. Tamén poderán ser beneficiarias das ditas axudas as sociedades mercantís e sociedades cooperativas que, sen te-la condición de PEME, presenten expedientes de solicitude comprendidos no marco do presente convenio e que se consideren de especial interese socioeconómico polo Igape ou respecto ás que a comisión delegada da Xunta de Galicia para asuntos económicos declarase a necesidade ou conveniencia de apoio.

2.3. Quedan expresamente excluídas das axudas reguladas polo presente convenio as compañías que teñan actividade puramente comercial ou de trading.

Cláusula 3ª.-Ámbito territorial.

As sociedades beneficiarias das axudas obxecto deste convenio deberán te-lo seu enderezo social e fiscal e o centro principal da súa actividade no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Cláusula 4ª.-Prazo de presentación de solicitudes.

O presente convenio entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, o que se efectuará mediante resolución do Igape, a partir do que a compañía de seguros poderá tramitarlle ó Igape as solicitudes de subvención recibidas respecto ás que resolvese favorablemente a petición de seguro, sendo o prazo límite de presentación das ditas solicitudes pola compañía de seguros no Igape o 31 de outubro de 1997.

Cláusula 5ª.-Actividades subvencionables.

Son subvencionables ó abeiro deste convenio as actividades económicas seguintes:

a) As de extracción, procesamento e transformación das produccións agrícolas, pesqueiras, gandeiras e forestais.

b) A extracción, procesamento e transformación de minerais ou os seus derivados.

c) A industria transformadora e os servicios de apoio industrial.

Cláusula 6ª.-Modalidade e destino das axudas.

A axuda consistirá en subvencións a fondo perdido sobre o custo das primas dos seguros que se concerten coa compañía de seguros a partir da resolución de concesión do Igape, en cobertura de riscos de natureza comercial e, en caso de estar legalmente autorizada, de natureza política ou catastrófica, sempre que a cobertura se refira exclusivamente a operacións de exportación con pagamento aprazado que realice o beneficiario con destino a países non pertencentes á Unión Europea.

As operacións de seguro subvencionables terán que referirse exclusivamente á cobertura de riscos de exportacións que realice a empresa beneficiaria a partir da formalización do contrato de seguro, nun

ca a exportacións xa efectuadas e pendentes de cobro.

En ningún caso se considerarán subvencionables as comisións ou gastos derivados do contrato que non se correspondan estrictamente co custo da prima de seguro, nin os tributos ou recargas legalmente repercutibles que se inclúan nas primas.

Cláusula 7ª.-Características dos contratos de seguro subvencionables e axuda financeira do Igape.

7.1. Importe da operación de seguro subvencionable.

O importe máximo de exportacións aseguradas con prima subvencionada determinarase con base nalgún dos seguintes factores referidos ó exportador: o volume total de exportacións a países non pertencentes á Unión Europea do último exercicio, a evolución do volume de vendas histórico de exportación e as perspectivas futuras da empresa solicitante con base na carteira actual de pedidos en firme.

O importe máximo anual de exportacións aseguradas con prima de seguros subvencionada por empresa beneficiaria será de 1.000 millóns de pesetas.

7.2. Período de vixencia do seguro e da subvención.

A vixencia do contrato de seguro subvencionable non poderá supera-los 3 anos a partir da data de resolución do Igape, subvencionándose unicamente o custo das primas que se devenguen durante o prazo máximo dun ano a partir da data da dita resolución, que se considerará o período de vixencia da subvención.

En ningún caso se subvencionará o custo das primas pagadas por anticipado que non se correspondan con operacións de exportación realizadas durante o período de vixencia da subvención.

Non obstante o establecido nos parágrafos anteriores, logo da solicitude polo beneficiario ó Igape, o que se efectuará cunha antelación mínima de 2 meses respecto do remate do período de vixencia da subvención, e coa conformidade da compañía aseguradora, o Igape, en consideración ó grao de utilización da póliza subvencionable e ás perspectivas futuras de exportación, poderá conceder ata dúas ampliacións do período de vixencia da subvención por un ano adicional cada unha delas. Nas resolucións individuais de modificación mediante as que se aprobe calquera das dúas ampliacións do período de vixencia previstas, establecerase o novo importe máximo de exportacións aseguradas con prima subvencionable para o dito período, podéndose revisar igualmente a porcentaxe de subvención aprobada, todo iso en función dos factores arriba mencionados, así como da demanda de novas solicitudes recibidas e as dispoñibilidades orzamentarias existentes.

7.3. Primas de seguros aplicables.

A taxa de prima aplicable pola compañía de seguros para cada póliza ou contrato de dereito a subsidiación, será como máximo do 1% sobre as exportacións notificadas polo asegurado.

7.4. Contía da axuda.

De conformidade co disposto na orde da Consellería de Economía e Facenda do 2 de xuño de 1997, a subvención a fondo perdido do Igape axustarase ós seguintes límites cuantitativos:

a) Con carácter xeral, ata un 30% do importe da prima do seguro considerada subvencionable.

b) No caso de empresas que exporten por primeira vez, sempre que iso resulte suficientemente acreditado, a subvención poderá acadar ata un 50% do importe da prima considerada subvencionable.

En ningún caso o importe final de subvención por empresa beneficiaria superará a cantidade de 16 millóns de pesetas nun período de tres anos.

Cláusula 8ª.-Tramitación.

8.1. Presentación de solicitudes e documentación.

As solicitudes de axuda presentaranse na compañía de seguros, conforme o modelo de instancia dirixida ó Igape que figura como anexo I da orde da Consellería de Economía e Facenda do 2 de xuño de 1997, pola que se desenvolve unha liña de axudas ó aseguramento dos riscos das operacións de exportación da empresa galega, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 112, do 12 de xuño de 1997. As solicitudes acompañaranse dos documentos por duplicado relacionados a continuación, sempre que estes non constasen xa actualizados no Igape en virtude doutro expediente correctamente identificado, e que non teñan unha antigüidade superior a seis meses:

1) Documentación acreditativa das circunstancias persoais e rexistrais do solicitante: copia da tarxeta de identificación fiscal e copia da escritura de constitución e estatutos debidamente inscritos, así como, se é o caso, as súas modificacións.

2) Certificación dos administradores ou do secretario do consello de administración da empresa solicitante, co visto e prace do presidente, na que figure:

-A composición actual do consello de administración.

-O detalle de accionistas con participación superior ó 10%, con indicación do nome ou razón social e da porcentaxe de participación.

-O número de traballadores actuais, así como o volume de negocios e o activo total neto referidos ambos á data do peche do último exercicio.

-En caso de que a empresa estivese implantada no estranxeiro, identificación detallada das filiais,

sucursais ou establecementos en que participe ou que posúa o beneficiario ou as súas filiais en cada un dos países.

3) No caso de solicitudes correspondentes a empresas participadas por sociedades en porcentaxe superior ó 25%, deberán presentar certificación das sociedades accionistas, emitida por representante con poder bastante, na que figure a composición do seu capital, o seu número de traballadores actuais e o volume de negocios e activo total neto correspondente á data de peche do último exercicio.

4) Copia compulsada da alta no Imposto de Actividades Económicas do solicitante e do último recibo pagado por este imposto.

5) Certificacións acreditativas do cumprimento das obrigas fiscais e fronte á Seguridade Social, emitidas polos organismos competentes.

6) Certificación de que o beneficiario non ten contraída ningunha débeda coa Xunta de Galicia.

7) Copia compulsada da declaración do imposto de sociedades correspondente ó último exercicio.

8) Copia simple emitida polo rexistro, das contas anuais completas e, se é o caso, do informe de auditoría alí depositados, correspondentes ó último exercicio.

9) Declaración xurada doutras axudas solicitadas ou que ten previsto solicitar para o mesmo proxecto, especificando o organismo concedente, normativa legal que a ampara, data de presentación, contía solicitada, situación administrativa e, se é o caso, importe concedido.

10) Certificación do órgano de administración da sociedade na que figuren os seguintes datos:

-O volume de exportacións a países non pertencentes á Unión Europea referido ó último exercicio, con indicación expresa da distribución xeográfica por productos e países de destino. Deberá xuntarse fotocopia dos correspondentes documentos oficiais de exportación.

-A evolución do volume histórico de exportacións e perspectiva futuras con base na carteira actual de pedidos en firme.

A compañía de seguros recepcionará as solicitudes de axuda que se reciban nas súas dependencias, debendo asinar, selar e data-la instancia, entregando ó solicitante unha copia dela.

8.2. Presentación de solicitudes no Igape pola compañía de seguros.

Unha vez recibidas pola compañía de seguros as solicitudes de subvención e resolta a petición de seguro, o que se realizará no prazo máximo de 30 días, a compañía de seguros deberá presentar no rexistro xeral do Igape ou en calquera das formas

previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o orixinal da instancia de solicitude de subvención recibida xunto coa documentación que se sinala nesta cláusula que lle fose achegada polo solicitante, o modelo de comunicación de emisión da proposición de seguro que se incorpora a este convenio como anexo e a proposta de póliza ou contrato de seguro que se pretende subscribir, na que deberá constar, entre outros extremos, a previsión inicial de exportacións a países non pertencentes á Unión Europea a asegurar e a taxa de prima que se vai aplicar.

O prazo máximo para a presentación de solicitudes pola compañía de seguros no Igape, será o que se sinala na cláusula 4ª deste convenio.

O Igape poderá reclamarlle tanto ó interesado como á compañía de seguros os datos adicionais que considere convenientes para precisa-lo contido da documentación preceptiva, así como calquera outra información e documentación que considere conveniente para os efectos da correcta análise da solicitude.

Cláusula 9ª.-Resolución.

O Igape, á vista da documentación presentada e con base nos requisitos e condicións establecidos, resolverá sobre a concesión ou denegación das axudas no prazo máximo de 45 días desde a recepción da solicitude coa documentación completa establecida na cláusula 8. As solicitudes de axuda que non fosen resoltas no dito prazo poderán considerarse desestimadas.

A resolución que se dicte será notificada ós solicitantes e á compañía aseguradora, facéndose constar polo menos nela, en caso de concesión, o límite de exportacións con prima subvencionable, a porcentaxe de prima subvencionada e a contía máxima de subvención concedida, así como o período de vixencia da subvención.

En caso de resolución de concesión e sempre que non se interpuxese recurso administrativo contra esta, os beneficiarios deberán manifestar ó Igape a súa aceptación á resolución recaída e ás condicións establecidas nela dentro do prazo de 15 días contados desde a súa notificación. Transcorrido o dito prazo sen que os beneficiarios manifesten expresamente a súa aceptación quedará sen efecto a concesión da subvención.

A aceptación por parte do interesado suporá a obriga de cumpri-las condicións e obrigas establecidas na resolución, neste convenio e demais disposicións que sexan de aplicación.

A resolución que se dicte non porá fin á vía administrativa, podendo interpoñerse recurso ordinario ante o conselleiro de Economía e Facenda no prazo dun mes contado desde a súa notificación.

Cláusula 10ª.-Formalización do contrato de seguro.

Unha vez comunicada a resolución do Igape, o seguro formalizarase entre ambas partes conforme os procedementos e condicións xerais establecidos ó respecto pola compañía de seguros, instrumentándose mediante unha póliza ou contrata no que se faga constar, polo menos, os seguintes extremos: a característica de estar acollido ás axudas reguladas mediante a orde da Consellería de Economía e Facenda do 2 de xuño de 1997, o límite de exportacións que se van asegurar con prima subvencionada, que en ningún caso será superior ó establecido na resolución, a taxa de prima que se vai aplicar así como o seu devengo e a periodicidade con que deban de facerse efectivas estas, a vixencia do seguro, e, se é o caso, a posibilidade de prórrogas, e que a cobertura do seguro referirase única e exclusivamente a riscos derivados de operacións de exportación que realice o beneficiario con destino a países non pertencentes á Unión Europea.

O prazo máximo para a formalización do seguro a partir da data da comunicación da concesión de subvención será dun mes, a partir do dito prazo esta considerarase sen efecto, salvo autorización expresa polo Igape, á vista da solicitude de prórroga razoada do beneficiario coa conformidade da compañía de seguros, efectuada antes do vencemento do respectivo prazo.

A compañía de seguros enviará, á maior brevidade, fotocopia cotexada da póliza ou contrato de seguro ó Igape, ou, se é o caso, das súas prórrogas, e en calquera caso antes de presenta-la solicitude de cobro da subvención.

Cláusula 11ª.-Xustificación e aboamento da subvención.

Unha vez rematado o período de vixencia establecido inicialmente na resolución de concesión e, se é o caso, o de cada unha das prórrogas aprobadas, e satisfeitas á compañía aseguradora a totalidade das primas devengadas durante o dito período, o beneficiario poderá presentar no Igape a solicitude de cobro de subvención correspondente á anualidade de primas de seguros subvencionables de que se trate, de tal forma que como máximo poderanse efectuar tres solicitudes de cobro no caso de que autorizasen as dúas ampliacións de prazo previstas na cláusula 7.2.

A solicitude de cobro realizaraa o beneficiario dentro dos 4 meses seguintes ó remate do prazo de vixencia, e axustarase ó modelo que figura como anexo II da orde da Consellería de Economía e Facenda do 2 de xuño de 1997, debéndose acompañar dos seguintes documentos:

-Xustificación á data de presentación da solicitude de cobro do cumprimento por parte da empresa das

súas obrigas fiscais e fronte á Seguridade Social, así como de non ter contraída ningunha débeda coa Xunta de Galicia, o que se efectuará mediante a achega de certificacións emitidas polos organismos competentes.

-Certificación emitida polo beneficiario, na que se describa con suficiente detalle as operacións de exportación aseguradas con prima subvencionada, debéndose facer constar nela a súa distribución por partidas arancelarias, países de destino, clientes, data de expedición, data de vencemento, divisa, tipo de cambio e importe en pesetas. A dita certificación estará soportada polos correspondentes documentos oficiais de exportación: o DUA ou o que corresponda segundo a normativa en vigor, dos que se xuntarán copias compulsadas.

-Certificación do beneficiario na que se exprese con suficiente detalle o importe das primas subvencionables devengadas durante o período de vixencia, que fosen pagadas, acompañada dos documentos xustificativos correspondentes: liquidacións da compañía de seguros, recibos de pagamento e extracto de conta bancaria na que figure o cargo.

Unha vez que o Igape considere xustificados os extremos arriba sinalados e en xeral cumpridas as condicións establecidas na resolución individual, procederá ó aboamento da subvención correspondente.

Cláusula 12ª.-Idioma dos documentos presentados.

Tódolos documentos que deba presenta-lo beneficiario para os efectos da presente axuda, deberán vir redactados en galego ou castelán ou, noutro caso, acompañados da súa traducción oficial a calquera dos idiomas anteriores.

Cláusula 13ª.-Incidencias posteriores á concesión e modificación da subvención.

O Igape resolverá as incidencias relativas ó expediente de concesión das axudas que se produzan con posterioridade a esta e, en especial, os supostos de cambios de titularidade, modificacións da actividade e prórrogas para a xustificación das condicións establecidas, así como as modificacións por ampliación do período de vixencia a que se refire a cláusula 7.2.

O Igape poderá incoar procedemento de modificación da subvención inicial para adaptala ás novas circunstancias, con base na solicitude do beneficiario ou de oficio. A resolución de modificación establecerá as novas condicións da subvención.

Cláusula 14ª.-Perda da subvención.

14.1. Procederase ó reintegro das cantidades percibidas e á esixencia de xuros de demora desde o

momento de calquera pagamento con cargo á subvención concedida nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obte-la subvención sen reuni-las condicións requiridas para iso.

c) Incumprimento da finalidade para a que a subvención foi concedida.

d) Incumprimento das condicións impostas ó beneficiario con motivo da concesión da subvención.

Se o incumprimento derivase da inobservancia dalgunha outra condición ou supostos distintos dos anteriores, poderá dar lugar a un incumprimento parcial e o seu alcance será determinado en función do grao e a entidade da condición incumprida, a concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á apreciación conxunta delas.

14.2. Coa notificación do correspondiente acordo de cancelación da subvención iniciarase o proceso de xestión recadatoria previsto por esta consellería para o reintegro de axudas e subvencións.

Cláusula 15ª.-Compatibilidade.

As axudas previstas neste convenio serán compatibles con calquera outra axuda pública, pero sen que, en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras poidan supera-los límites establecidos pola Unión Europea.

Cláusula 16ª.-Normas operativas.

A compañía de seguros asinante comprométese a acatar e cumprir cantas normas de carácter operativo sexan dictadas polo Igape para a mellor administración e control das operacións incluídas no convenio.

Cláusula 17ª.-Información e inspección.

Sen prexuízo dos mecanismos de control establecidos legalmente, o Igape, ben directamente a través dos seus órganos, ou ben indirectamente a través das entidades que designe, poderá efectua-las inspeccións que considere oportunas para os efectos de comproba-la aplicación das axudas ás finalidades para as que foron concedidas e o cumprimento dos seus requisitos. Os beneficiarios e as compañías de seguros deberán facilitar ó máximo a dita labor inspectora e presenta-la documentación ou información ó respecto que lles sexa solicitada.

Cláusula 18ª.-Denuncia do convenio.

Calquera das partes poderá denunciar unilateralmente o convenio, debendo comunicarllo á outra parte con 30 días de aviso previo. A denuncia suporá en todo caso deixar atendidas fronte ós beneficiarios as obrigas xa legalmente contraídas polas dúas partes.

Cláusula 19ª.-Seguimento do convenio.

O seguimento do convenio realizarase a través dunha comisión de vixiancia e seguimento, integrada por representantes das compañías de seguros e do Igape que terán reunións con periodicidade trimestral, ou ben convocando separadamente a cada unha delas.

Cláusula 20ª.-Publicidade.

O presente convenio farase público mediante resolución do Igape publicada no Diario Oficial de Galicia.

A compañía de seguros asinante comprométese a amosar, nas súas distintas sucursais, a publicidade facilitada polo Igape e a colaborar na correcta difusión desta liña de axudas.

Con obxecto de lograr maior coordinación, os proxectos e campañas publicitarias que, se é o caso, realicen as compañías de seguros sobre este convenio, deberán contar co visto e prace previo do Igape.

Cláusula 21ª.-Natureza.

O presente convenio ten natureza administrativa correspondendo ó Igape a interpretación do seu contido.

E en proba de conformidade, asinan os interviñentes no lugar e data indicados,

Polo Instituto GalegoPola compañía de seguros

de Promoción Económica***

José Antonio Orza Fernández***Asinado

ANEXO

Modelo de comunicación de emisión da proposición de seguro pola compañía de seguros

Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)

Rfa.: Convenio Igape-Compañías de seguros, de apoio financeiro á expansión exterior da PEME/97.

Rúa Frei Rosendo Salvado, 16, baixo.

Santiago de Compostela.

Moi señores nosos:

Estudiada a solicitude de seguro presentada nesta compañía, acollida ás axudas reguladas polo decreto da Xunta de Galicia 454/1996, do 26 de decembro, polo que se establece un réxime de axudas á expansión exterior da empresa galega, e pola orde da Consellería de Economía e Facenda do ........ de ............ de 1997, pola que se desenvolve unha liña de axudas ó aseguramento dos riscos das operacións de exportación da empresa galega e acollida ó convenio de colaboración arriba referenciado, comunicamos a vostedes que foi emitida a proposición de seguro coas características que se detallan:

Beneficiario:

Data de solicitude de axuda na cía. de seguros:

Prazo de vixencia:

Taxa de prima que se vai aplicar: %

Xuntamos orixinal do impreso de solicitude e a documentación entregada polo solicitante.

Data e sinatura,

ANEXO II

Relación de compañías de seguros

Crédito y Caución, S.A.

Mapfre Caución y Crédito

7121