Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 169 Mércores, 03 de setembro de 1997 Páx. 8.584

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 26 de agosto de 1997 pola que se determinan as épocas hábiles de caza durante a temporada 1997-1998.

En cumprimento do disposto na Lei 4/1997, do 25 xuño, de caza de Galicia, e no establecido na

Lei 1/1970, de 4 de abril, de caza así como no regulamento para a súa aplicación, do 25 de marzo de 1971, e no que sexan de aplicación en virtude do establecido na disposición final da Lei 4/1997 e demais normativa que sexa de aplicación que inclúe:

A Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestres.

O Real decreto 1118/1989, do 15 de setembro, polo que se determinan as especies obxecto de caza e pesca comercializables e se dictan normas ó respecto.

O Real decreto 439/1990, do 30 de marzo, polo que se regula o Catálogo Nacional de Especies Ameazadas.

A Lei de Galicia 1/1993, do 13 de abril, de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade.

A Directiva 79/409, do Consello da Comunidade Económica Europea, do 2 de abril de 1979, relativa á conservación das aves silvestres.

A Directiva 92/43, do Consello da Comunidade Económica Europea, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, e as súas posteriores modificacións.

O Real decreto 1997/1995, do 7 de decembro, polo que se establecen medidas para contribuír a garanti-la biodiversidade mediante a conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres.

É necesario fixa-las limitacións e épocas hábiles de caza durante a temporada 1997-1998.

Por todo isto, e oídos os comités provinciais e galego de Caza, en virtude do artigo 27.15º do Estatuto de autonomía de Galicia, polas atribucións conferidas na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, artígos 1 y 3 do Decreto 205/1990, do 15 de marzo, e demais normativa concordante,

DISPOÑO:

Título I

Normas de carácter xeral

Artigo 1º

A presente orde de vedas regula os períodos hábiles de caza, as especies sobre as que se poderá exercer esta, os métodos autorizados para a súa práctica e as limitacións xerais ou particulares que afectarán ó exercicio da actividade cinexética no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia durante a temporada 1997-1998.

Artigo 2º

A caza poderá exercerse unicamente sobre as especies de aves e mamíferos que se relacionan no anexo I da presente orde e só mediante os procedementos non prohibidos por ela.

Artigo 3º

O período hábil para exerce-la caza válido con alcance xeral será o comprendido entre os días 26 de outubro de 1997 e o 6 de xaneiro de 1998, ambos inclusive, coas excepciones que para cada provincia e especie se sinalan no título V desta orde. Os días da semana en que se permitirá o seu exercicio dependerán de que se trate dunha ou doutra das modalidades de caza maior ou menor e veñen detallados nos títulos II e III desta orde que se refiren a cada unha delas, así como nas limitacións sinaladas no título V desta orde. De acordo co establecido no artigo 34.2º da Lei 4/1997, do 25 de xullo, de caza de Galicia, queda prohibido cazar fóra do período comprendido entre unha hora antes da saída do sol e unha hora despois da súa posta, salvo nos casos debidamente autorizados para a realización de esperas, agardas ou outras modalidades.

Con carácter xeral prohíbese a caza de calquera especie cinexética nas súas correspondentes épocas de celo, reproducción e crianza, salvo autorización excepcional e expresa do Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural.

Queda prohibido o exercicio da caza durante a presente temporada nas superficies afectadas por incendios dunha extensión superior a unha hectárea que arderan hai menos dun ano da apertura da temporada de caza, é dicir, do 26 de outubro de 1997.

Nos terreos sometidos a réxime cinexético especial que estean acollidos á modalidade prevista no artigo 25.2º do Decreto 506/1971, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 1/1970, do 4 de abril, de caza, serán de cumprimento tódalas disposicións recollidas na presente orde, salvo aquelas que expresamente se determinen na resolución que estableza a súa autorización. Ó remate da presente temporada, os titulares de dereitos cinexéticos sobre estes terreos ou os promotores destas regulamentacións especiais poderán solicita-la declaración sobre estes dalgunha das categorías que para os terreos suxeitos a réxime cinexético especial se recollen na Lei 4/1997, de caza de Galicia, de acordo co establecido nela e nas disposicións que no seu desenvolvemento se dicten.

Artigo 4º

As armas e procedementos non autorizados para exerce-la caza son os que figuran no anexo II desta orde.

Igualmente, queda prohibida a posesión ou o emprego de munición de postas no exercicio da práctica venatoria, entendendo como tal calquera cartucho cargado con máis dun proxectil de peso unitario igual ou superior a 2,5 gramos.

Artigo 5º

Só poderán ser obxecto de venda ou comercio as especies silvestres cazables que se relacionan no anexo III da presente orde. Isto poderá realizarse unicamente durante a temporada hábil de caza para

cada especie, no ámbito territorial onde aquela rixa, sempre e cando fosen capturados ou cazados de acordo coas condicións establecidas nesta orde de vedas e na restante normativa de aplicación. O tráfico ou comercio de especies de protección temporal nas provincias onde a súa captura estivese prohibida precisará dunha guía expedida polo organismo competente que xustifique a súa procedencia.

Os exemplares procedentes de explotacións industriais, así como os seus ovos cando se trate de aves, poderán comercializarse en calquera época do ano, logo de acreditación suficiente da súa orixe e do cumprimento dos requisitos fixados no artigo 2 do Real decreto 1118/1989, do 15 de setembro e demais normativa do ámbito sanitario. Para estes efectos teñen a consideración de explotación industrial as granxas cinexéticas, os pombais industriais, as explotacións cinexéticas e os coutos de caza expresamente autorizados para a producción e venda de pezas de caza en vivo, toda vez que cumpran as esixencias impostas polas normas que os afectan.

Queda prohibida a venda, o transporte para a venda, a retención para a venda e a posta en venda das especies da fauna silvestre non determinadas no anexo III desta orde.

De acordo co artigo 10.1º da Lei de Galicia 1/1993, do 13 de abril, de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade, o posuidor autorizado dun animal salvaxe en catividade é responsable da súa protección e coidado, así como do cumprimento de tódalas obrigas establecidas na dita lei.

Artigo 6º

Cando o comercio con animais silvestres vivos de carácter cinexético teña como fin seren liberados no medio natural, a súa adquisición estará condicionada a que previamente sexa autorizada a solta polo Servicio de Medio Ambiente Natural da provincia onde pretenda realizarse. Na solicitude de autorización deberán facerse consta-las especies, o número e a procedencia dos exemplares que se propón adquirir, así como a adecuación de tal propósito ás previsións do plan técnico de aproveitamento cinexético que afecta ó terreo onde vaian ser introducidos os espécimes.

De acordo coa Resolución do 10 de xaneiro de 1995 da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, prohíbese o transporte e solta de exemplares de lebre, procedentes tanto de dentro como de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

Título II

Caza menor

Artigo 7º.-Días hábiles.

Consideraranse días hábiles de caza os xoves, domingos e festivos de carácter estatal ou autonómico.

Artigo 8º.-Limitacións de carácter xeral.

1. Nos terreos de réxime cinexético común nos que, en virtude do establecido no artigo 9.3º da Lei 4/1997, de caza de Galicia, estea permitido o exercicio da caza ó contar cunha superficie continua superior ás 500 Ha, a cota máxima por cazador e día será dunha perdiz rubia e dous coellos. Nos servicios provinciais de Medio Ambiente Natural exporase ó público unha relación dos ditos terreos de réxime cinexético común que superen as 500 Ha.

2. Nos terreos de réxime cinexético especial as cotas serán as que se establezan nos correspondentes plans de aproveitamento.

3. Prohíbese a caza de aves acuáticas desde calquera tipo de embarcación, con ou sen motor.

4. Queda prohibido con carácter xeral o emprego ou posesión de balas ou armas longas de ánima riscada na práctica venatoria con especies de caza menor; sen embargo, nas provincias da Coruña, Ourense e Pontevedra e só nos coutos de caza maior ou de menor con aproveitamento complementario de caza maior para a especie xabaril autorizado, poderase portar bala dentro do período hábil establecido con carácter xeral, en previsión de que se lle poida disparar a esta especie.

Artigo 9º.-Métodos e modalidades de caza.

1. Na práctica da caza en man, con ou sen cans, nos terreos cinexéticos de aproveitamento común non se poderá cazar en grupos maiores de seis cazadores, nin cazar coordinadamente máis dun grupo.

2. Poderanse autorizar batidas para a caza do raposo rematado o período hábil de caza menor e ata o día 25 de xaneiro de 1998 no territorio das provincias de Lugo e Ourense e ata o 1 de febreiro de 1998 no territorio das provincias da Coruña e Pontevedra, durante os sábados e domingos. As batidas faranse cun mínimo de dez e un máximo de vintecinco cazadores, podendo o Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural aumenta-lo dito máximo se o coida conveniente en casos puntuais. No transcurso da batida, o seu responsable deberá leva-la autorización correspondente desta e a relación completa encabezada por el mesmo, dos participantes con respectivos nomes e números de DNI. Esta relación deberá estar confeccionada antes do comezo da batida.

Os titulares de terreos cinexéticos de réxime especial deberán presentar unha única solicitude antes do 15 de decembro de 1997 nos servicios provinciais de Medio Ambiente Natural para o conxunto de batidas que queiran realizar no período comprendido entre o 6 de xaneiro de 1997 e o 25 de xaneiro de 1998 nas provincias de Lugo e Ourense e o 6 de xaneiro de 1997 e o 1 de febreiro de 1998 nas provincias da Coruña e Pontevedra, debendo quedar constancia da súa entrada no correspondente rexistro oficial antes da devandita data. Na solicitude deberán indicarse a data, a hora, o lugar de reunión, a superficie que se baterá e o número de participantes en cada batida prevista. Se por calquera cir

cunstancia algunha das batidas autorizadas non se efectuase no lugar e data fixadas, en ningún caso se poderá traslada-la súa celebración a outro día.

En terreos de aproveitamento común as solicitudes tamén deberán presentarse antes do 15 de decembro, debendo cumpri-los requisitos establecidos no parágrafo anterior; sen embargo e dentro do período hábil establecido con carácter xeral, as batidas só poderán celebrarse os sábados.

Os solicitantes das batidas ós que se lles concedese a autorización correspondente, deberán informar ó Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural do resultado de cada unha delas nun prazo máximo de 15 días a partir da súa celebración. Os resultados consignaranse por escrito e no impreso normalizado que se entregará coa resolución pola que se autorice a batida. O incumprimento deste requisito poderá supor a non autorización de máis batidas no futuro ó mesmo solicitante.

3. Mentres non haxa unha regulación específica da cetrería na Comunidade Autónoma de Galicia, o director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural poderá autorizar, de maneira excepcional, esta modalidade de caza.

Artigo 10º.-Adestramento de cans.

1. De acordo co establecido no artigo 10 e nos artigos 18 a 23 da Lei de Galicia 1/1993, de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade, queda prohibido o adestramento de cans para a caza maior con espécimes de caza maior liberados dentro de cercados, ou de calquera xeito que implique maltrato para animais salvaxes en catividade.

2. Autorízase o adestramento de cans en terreos de réxime cinexético común, sen previa petición, os días 12 e 19 de outubro de 1997, sen armas nin calquera outro medio de caza e sen que se produza a captura nin a morte da peza. O número máximo de cans por cazador será de 2.

3. Autorízase o adestramento de cans en terreos de réxime cinexético especial, sen previa petición e a partir do 1 de setembro de 1997 ata o remate da temporada hábil de caza menor, sen armas nin calquera outro medio de caza e sen que se produza a captura nin a morte da peza, os días hábiles, é dicir, os xoves, domingos e festivos de carácter estatal ou autonómico. Os titulares de terreos cinexéticos deberanlle presentar ó Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural previamente a descrición das zonas onde se vaian desenvolver estes adestramentos, que en ningún caso poderán supera-lo 10 % da superficie total do acoutado.

4. Fóra do período establecido no apartado anterior, os titulares de terreos de réxime cinexético especial que teñan expresamente autorizada unha zona de adestramento de cans poderán adestra-los cans dentro dos límites e nas épocas e condicións establecidas nas respectivas autorizacións.

5. Con fins de alta competición, logo de informe da federación galega de caza, os servicios provinciais de Medio Ambiente Natural poderán autoriza-lo adestramento de cans de mostra, con caza sementada, en calquera época do ano nos lugares autorizados para este fin.

Artigo 11º.-Competicións de caza.

1. En terreos cinexéticos de réxime especial durante o período hábil de caza menor poderán autorizarse competicións con morte (caza menor e San Huberto) ou sen morte (cans de mostra e cans de rastro), con pezas silvestres ou sementadas, os xoves, sábados, domingos e festivos. Estas competicións poderán ser supervisadas polos axentes de Medio Ambiente Natural.

2. Nos mesmos terreos, e fóra do período hábil de caza menor, poderán autorizarse competicións sen morte e con caza sementada, por petición da parte interesada, nas condicións e zonas que previamente sinalen os servicios provinciais de Medio Ambiente Natural. As devanditas competicións poderán celebrarse os sábados, domingos e festivos, dentro das zonas autorizadas.

3. Con fins de alta competición, poderán celebrarse logo de autorización, campionatos oficiais, federativos con ou sen morte, os sábados, domingos e festivos, en terreos cinexéticos de réxime especial nas seguintes condicións:

a) En época de veda, con caza sementada, e nas condicións establecidas no apartado anterior.

b) Dentro dos periódos hábiles especiais por especies de caza menor, na modalidade de caza con morte de pezas silvestres.

Facúltase o director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural para dicta-las normas e condicións nas que se desenvolven as citadas probas, cando para o logro dos seus fins sexa necesario abater ou capturar pezas de caza.

Título III

Caza maior

Artigo 12º.-Días hábiles.

Consideraranse días hábiles de caza os xoves, domingos e festivos de carácter estatal ou autonómico.

Artigo 13º.-Métodos e modalidades de caza.

1. A celebración de monterías ou batidas requirirá a autorización previa do Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural correspondente, que deberá ser solicitada cunha antelación mínima de 20 días. As batidas faranse cun mínimo de dez cazadores e un máximo de vintecinco, podendo o Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural correspondente aumenta-lo dito máximo se o coida conveniente en casos puntuais. Na solicitude deberán indicarse a especie, a data, a hora, o lugar de reunión, a superficie que se baterá e o número de participantes en cada batida

prevista. Se por calquera circunstancia algunha das batidas autorizadas non se efectuase no lugar e data fixados, en ningún caso se poderá traslada-la súa celebración a outro día. No transcurso da batida, o seu responsable, deberá leva-la autorización desta e a relación completa encabezada por el mesmo dos participantes cos respectivos nomes e números de DNI. Esta relación deberá estar confeccionada antes do comezo da batida.

2. En terreos cinexéticos de réxime especial, só se autorizará a realización de batidas en coutos de caza maior e nos de menor con plan de aproveitamento complementario de caza maior aprobado pola Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural. Neste tipo de terreos as distintas batidas previstas poderán solicitarse e concederse dunha soa vez, logo da presentación dun calendario.

3. Nos terreos de réxime cinexético común nos que, en virtude do establecido no artigo 9.3º da Lei 4/1997, de caza de Galicia, estea permitido o exercicio da caza ó contar cunha superficie continua superior ás 500 Ha, a caza maior só poderá exercitarse os sábados e na modalidade de batida. No Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural expoñerase ó público unha relación dos citados terreos de réxime cinexético común que superen as 500 Ha.

4. Os solicitantes das batidas ós que se lle concedese a autorización correspondente deberán informar ó Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural do resultado de cada unha delas nun prazo máximo de 15 días a partir da súa celebración. Os resultados consignaranse por escrito e no impreso normalizado que se entregará coa resolución pola que se autorice a batida. O incumprimento deste requisito poderá supor a non autorización de máis batidas no futuro ó mesmo solicitante.

5. A caza do corzo e do cervo nas modalidades de axexo ou espera requirirá a autorización previa do Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural correspondente. Nestas modalidades os solicitantes das autorizacións tamén deberán informar por escrito ó Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural do resultado da cacería nas condicións establecidas no apartado anterior. A caza do corzo na modalidade de axexo só se autorizará ata o primeiro domingo de agosto de 1998.

6. Queda prohibido para a caza maior a posesión ou emprego de cartuchos de perdigóns durante a práctica venatoria.

7. Os servicios provinciais de Medio Ambiente Natural poderán autoriza-la celebración de batidas nas que se permita caza-lo raposo e o xabaril, dentro do período hábil de caza establecido con carácter xeral, así como a utilización nelas de armas e municións propias de caza maior.

Artigo 14º.-Pezas de caza.

1. Nos plans de aproveitamento dos terreos de réxime cinexético especial e nas autorizacións concedidas para o exercicio da caza maior nos terreos de aproveitamento cinexético común especificaranse as pezas de caza por especies, sexos e idades sobre as que se poderá exerce-la caza.

2. En todo caso, nunca poderán incluírse como pezas de caza:

a) As femias de especies de caza maior cando vaian acompañadas das súas crias.

b) Os machos adultos de corzo que efectuasen a esmouca antes do cerramento do seu período hábil de caza.

Título IV

Caza por danos

Artigo 15º.-Danos producidos pola caza.

1. Co fin de reduci-los danos que se puidesen producir na agricultura, na gandería, na selvicultura, e na flora e fauna sivestres, os servicios provinciais de Medio Ambiente Natural poderán acordar medidas de control. Fóra do período hábil de caza, estas medidas adoptaranse, logo da comprobación dos danos existentes polos axentes de Medio Ambiente Natural, seguindo directrices expresamente establecidas pola Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural.

2. As medidas de control fronte a danos por especies que se poderán adoptar son as seguintes:

a. Lobo (canis lupus): en evitación de danos, e de acordo cos datos sobre danos recorrentes que consten nos servicios provinciais de Medio Ambiente Natural, poderán autorizarse batidas durante o período hábil de caza maior, conforme as condicións establecidas no artigo 13º.1 desta orde. Os solicitantes de cada batida autorizada deberán informar dos resultados desta por escrito ó Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural correspondente no prazo máximo dos 10 días seguintes ó da súa celebración. O incumprimento deste requisito poderá supoñer a non autorización de máis batidas e a anulación automática das xa autorizadas.

Así mesmo, e nos concellos con danos recorrentes producidos por esta especie, logo de informe expreso da gardería do Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural e acreditados de acordo cos datos que consten nos servicios provinciais de Medio Ambiente Natural, poderase autoriza-la captura desta especie nas batidas de corzo e xabaril.

Fóra da temporada hábil de caza maior, poderán autorizarse axexos, esperas ou batidas controladas por manifestos e comprobados prexuízos, ás que poderán asistir axentes do Servicio de Medio Ambiente Natural, conforme as condicións establecidas no artigo 13º.1 desta orde, pero neste caso as solicitudes deberán presentarse cunha antelación de 10 días hábiles respecto ó da celebración da batida. As solicitudes deberán presentarse no prazo

máis breve posible a partir da detección dos danos no Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural correpondente, que os comprobará. Os solicitantes das batidas autorizadas deberán informar por escrito dos seus resultados ó Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural correspondente nun prazo máximo de 10 días seguintes ós da súa celebración. O incumprimento deste requisito poderá supoñer a non autorización de máis batidas e a anulación automática das xa autorizadas.

b. Xabaríl (sus scrofa): co fin de reduci-los danos producidos por esta especie, tras comprobarse a existencia daqueles, os servicios provinciais de Medio Ambiente Natural poderán autoriza-la celebración de batidas, axexos ou esperas. As batidas poderán autorizarse conforme as condicións establecidas no artigo 13º.1 desta orde, pero neste caso as solicitudes deberán presentarse cunha antelación de 10 días hábiles respecto ó da celebración da batida, axexo ou espera. As solicitudes deberán presentarse no prazo máis breve posible a partir da detección dos danos no Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural correspondente, que os comprobará. Os solicitantes das batidas autorizadas deberán informar por escrito dos resultados destas ó Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural correspondente, nun prazo máximo de 10 días seguintes ós da súa celebración. O incumprimento deste requisito poderá supoñe-la non autorización de máis batidas e a anulación autómatica das xa autorizadas.

3. Nas autorizacións concedidas por manifestos e comprobados prexuízos, tanto no lobo como no xabaril, en terreos cinexéticos de réxime especial, as solicitudes serán formuladas polo titular do dereito de aproveitamento, pero nela recolleranse obrigatoriamente as sinaturas do prexudicado ou dos prexudicados polos danos detectados. En terreos de aproveitamento cinexético común, as solicitudes serán formuladas polo prexudicado ou polos prexudicados polos danos detectados.

4. O director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural establecerá limitacións temporais á adopción destas medidas de control para evitar alteracións nas poboacións de fauna silvestre e non interferir na súa cría e reproducción. Os servicios provinciais de Medio Ambiente Natural prestarán asesoramento técnico ós afectados polos citados danos, para a adopción de medidas alternativas de prevención e protección para as persoas ou na agricultura, na gandería, nos montes ou na flora e fauna silvestres.

5. A carne das reses que se abatan en época de veda, como consecuencia da adopción das medidas de control, no poderá ser obxecto de venda ou comercio.

Artigo 16º.-Aves prexudiciais para a agricultura e a caza.

En virtude do disposto no artigo 9º da Directiva 79/409/CEE, poderá autorizarse a caza e captura

de aves que poidan causar danos nos cultivos agrícolas e na fauna.

Os interesados deberán formular unha solicitude dirixida ó Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural na que se fará constar:

a) Especie que se pretende cazar ou capturar.

b) Os prexuízos causados ou os riscos que se poidan producir, así como a magnitude deles.

c) Que fosen probadas técnicas disuasorias sen éxito.

d) Expresión do método, tempo e lugar onde se pretenden caza-las aves prexudiciais.

Será preceptivo o informe do axente do Servicio de Medio Ambiente Natural correspondente sobre os danos existentes, que informará se hai indicios razoables de que os danos fosen causados ou non polas especies citadas. Se non fose posible establecer razoablemente a orixe dos danos, denegarase a solicitude.

Título V

Réximes especiais de carácter provincial

Artigo 17º.-Réximes especiais de carácter provincial aprobados despois de oídos os comités provinciais de Caza e o Comité Galego de Caza.

As regulamentacións específicas nos terreos de réxime cinexético especial aprobadas polos servicios provinciais de Medio Ambiente Natural por proposta dos titulares, nos que se establezan vedas e peches anticipados dos distintos períodos hábiles, serán de obrigado cumprimento. A infracción das limitacións ou prohibicións que regulen as ditas regulamentacións específicas sancionaranse de acordo co establecido na Lei 4/1997, do 25 de xuño, de caza de Galicia.

Artigo 18º.-Réximes especiais por provincias e especies.

1. A Coruña:

a) Arcea (scolopax rusticola): poderá prolongarse o período hábil de caza para esta especie ata o día 8 de febreiro de 1998, en terreos cinexéticos de réxime especial logo da solicitude acompañada dun plan de aproveitamento cinexético aprobado.

b) Charrela (perdix perdix): queda prohibida a súa caza.

c) Lebre (lepus granatensis): só se autorizará a súa caza, no período hábil establecido con carácter xeral para a caza menor en terreos de réxime cinexético especial, logo de autorización expresa do Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural, despois da presentación dun plan técnico de caza.

d) Agacha (gallinago gallinago): poderá prolongarse o período hábil de caza para esta especie ata o día 8 de febreiro de 1998, en terreos cinexéticos de réxime especial logo de solicitude acompañada dun plan de aproveitamento cinexético aprobado.

e) Raposo (vulpes vulpes): no período hábil de caza menor pódese cazar nas distintas modalidades de caza menor. Entre o 6 de xaneiro de 1998 e o 1 de febreiro de 1998 só poderá cazarse en batidas segundo o establecido no artigo 9º.2 desta orde.

f) Corzo (capreolus capreolus): o período hábil estenderase desde o 1º domingo de setembro de 1997 ata o 18 de outubro de 1997, podéndose cazar só en terreos de réxime cinexético especial e cando exista un plan técnico de aproveitamento aprobado desta especie. Os días hábiles para a caza desta especie serán os sábados, domingos e festivos. A autorización da Xefatura Provincial de Medio Ambiente Natural fixará o número de pezas máximo que se poderá abater e a modalidade de caza. O número de permisos que se expidan para os coutos corresponderá, como máximo, a un por cada 250 Ha de terreo acoutado.

g) Xabaríl (sus scrofa): o período hábil estenderase desde o primeiro domingo de setembro de 1997 ata o peche do período hábil de caza maior, o 6 de xaneiro de 1998.

En terreos de aproveitamento cinexético común só poderá cazarse os sábados e na modalidade de batida, autorizada segundo o establecido no artigo 13º desta orde, entre o 1º domingo de setembro de 1997 ata o peche do período hábil de caza, o 6 de xaneiro de 1998.

En terreos de réxime cinexético especial de caza maior ou menor con aproveitamento complementario de caza maior, poderá cazarse:

a.-Na modalidade de batida os xoves, sábados, domingos e festivos, autorizada segundo o establecido no artigo 13º desta orde, entre o 1º domingo de setembro de 1997 ata ó peche do período hábil de caza, o 6 de xaneiro de 1998.

b.-Durante a celebración de todo tipo de cacerías, desde o 26 de outubro de 1997 ata o 6 de xaneiro de 1998, os xoves, domingos e festivos, pero non os sábados, e baixo a responsabilidade da sociedade titular do acoutado, quen terá que comunica-los resultados das pezas abatidas desta especie nun prazo máximo de 15 días despois de rematado o período hábil ó Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural.

h) Cervo, gamo e muflón (cervus elaphus, dama dama e ovis musimon): autorízase a súa caza en terreos cinexéticos de réxime especial, con permiso especial dos servicios provinciais de Medio Ambiente Natural, derivado da presentación dun plan de aproveitamento cinexético.

2. Lugo.

a) Arcea (scolopax rusticola): poderá prolongarse o período hábil de caza para esta especie ata o día 8 de febreiro de 1998, en terreos cinexéticos de réxime especial logo da solicitude acompañada dun plan de aproveitamento cinéxetico aprobado.

b) Charrela (perdix perdix): queda prohibida a súa caza.

c) Lebre (lepus granatensis): só se autorizará a súa caza no período hábil establecido con carácter xeral para a caza menor en terreos de réxime cinexético especial, logo de autorización expresa do Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural, despois da presentación dun plan técnico de caza.

d) Agacha (gallinago gallinago): poderá prolongarse o período hábil de caza para esta especie ata o día 8 de febreiro de 1998, en terreos cinexéticos de réxime especial logo de solicitude acompañada dun plan de aproveitamento cinéxetico aprobado.

e) Raposo (vulpes vulpes): no período hábil de caza menor pódese cazar nas distintas modalidades de caza menor. Entre o 6 de xaneiro de 1998 e o 25 de xaneiro de 1998 só poderá cazarse en batidas segundo o establecido no artigo 9º.2 desta orde.

f) Corzo (capreolus capreolus): o período hábil estenderase desde o 1º domingo de setembro de 1997 ata o 18 de outubro de 1998, podéndose cazar só en terreos de réxime cinexético especial e cando exista un plan técnico de aproveitamento desta especie. Os días hábiles para a caza desta especie serán os sábados, domingos e festivos. A autorización da Xefatura Provincial de Medio Ambiente Natural fixará o número de pezas máximo que se poderá abater e a modalidade de caza. O número de permisos que se expidan para os coutos corresponderá, como máximo, a un por cada 250 Ha de terreo acoutado.

g) Xabaríl (sus scrofa): o período hábil estenderase desde o primeiro domingo de setembro de 1997 ata o peche do período hábil para esta especie, o 25 de xaneiro de 1998.

En terreos de aproveitamento cinexético común só poderá cazarse os sábados, e na modalidade de batida, autorizada segundo o establecido no artigo 13º desta orde, entre o 1º domingo de setembro de 1997 ata o peche do período hábil para esta especie, o 25 de xaneiro de 1998.

En terreos de réxime cinexético especial de caza maior ou menor con aproveitamento complementario de caza maior, poderá cazarse na modalidade de batida os xoves, sábados, domingos e festivos, autorizada segundo o establecido no artigo 13º desta orde, entre o 1º domingo de setembro de 1997 ata o peche do período hábil de caza para esta especie, o 25 de xaneiro de 1998.

h) Cervo, gamo e muflón (cervus elaphus, dama dama e ovis musimon): autorízase a súa caza en terreos cinexéticos de réxime especial, con permiso especial dos servicios provinciais de Medio Ambiente Natural, derivado da presentación dun plan de aproveitamento cinexético.

3. Ourense.

a) Arcea (scolopax rusticola): poderá prolongarse o período hábil de caza para esta especie ata o día

8 de febreiro de 1998, en terreos cinexéticos de réxime especial logo de solicitude acompañada dun plan de aproveitamento cinéxetico aprobado.

b) Charrela (perdix perdix): queda prohibida a súa caza.

c) Lebre (lepus granatensis): só se autoriza a súa caza, no período hábil establecido con carácter xeral para a caza menor en terreos de réxime cinexético especial, logo de autorización expresa do Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural, despois da presentación dun plan técnico de caza.

d) Agacha (gallinago gallinago): poderá prolongarse o período hábil de caza para esta especie ata o día 8 de febreiro de 1998, en terreos cinexéticos de réxime especial logo de solicitude acompañada dun plan de aproveitamento cinéxetico aprobado.

e) Raposo (vulpes vulpes): no período hábil de caza menor pódese cazar nas distintas modalidades de caza menor. Entre o 6 de xaneiro de 1998 e o 25 de xaneiro de 1998 só poderá cazarse en batidas segundo o establecido no artigo 9º.2 desta orde.

f) Corzo (capreolus capreolus): o período hábil estenderase desde o 1º domingo de setembro de 1997 ata o 18 de outubro de 1997, podéndose cazar só en terreos de réxime cinexético especial e cando exista un plan técnico de aproveitamento desta especie. Os días hábiles para a caza desta especie serán os sábados, domingos e festivos. A autorización da Xefatura Provincial de Medio Ambiente Natural fixará o número de pezas máximo que se poderá abater e a modalidade de caza. O número de permisos que se expidan para os coutos corresponderá, como máximo, a un por cada 250 Ha de terreo acoutado.

g) Xabaríl (sus scrofa): o período hábil estenderase desde o primeiro domingo de setembro de 1997 ata o peche do período hábil de caza para esta especie, o 25 de xaneiro de 1998.

En terreos de aproveitamento cinexético común só poderá cazarse os sábados, na modalidade de batida, autorizada segundo o establecido no artigo 13º desta orde, entre o 1º domingo de setembro de 1997 ata o peche do período hábil de caza, o 25 de xaneiro de 1998.

En terreos de réxime cinexético especial de caza maior ou menor con aproveitamento complementario de caza maior, poderá cazarse:

a.-Na modalidade de batida os xoves, sábados, domingos e festivos autorizada segundo o establecido no artigo 13º desta orde, entre o 1º domingo de setembro de 1997 ata o peche do período hábil de caza, o 25 de xaneiro de 1998.

b.-Durante a celebración de todo tipo de cacerías os xoves, domingos e festivos, pero non os sábados, e baixo a responsabilidade da sociedade titular do acoutado, quen terá que comunica-los resultados das pezas abatidas desta especie nun prazo máximo

de 15 días despois de rematado o período hábil ó Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural.

h) Cervo, gamo e muflón (cervus elaphus, dama dama e ovis musimon): autorízase a súa caza en terreos cinexéticos de réxime especial, con permiso especial dos servicios provinciais de Medio Ambiente Natural, derivado da presentación dun plan de aproveitamento cinexético.

4. Pontevedra.

a) Arcea (scolopax rusticola): poderá prolongarse o período hábil de caza para esta especie ata o día 8 de febreiro de 1998, en terreos cinexéticos de réxime especial logo de solicitude acompañada dun plan de aproveitamento cinexético aprobado.

b) Charrela (perdix perdix): queda prohibida a súa caza.

c) Lebre (lepus granatensis): queda prohibida a súa caza.

d) Agacha (gallinago gallinago): poderá prolongarse o período hábil de caza para esta especie ata o día 8 de febreiro de 1998, en terreos cinexéticos de réxime especial logo de solicitude acompañada dun plan de aproveitamento cinexético aprobado.

e) Raposo (vulpes vulpes): no período hábil de caza menor pódese cazar nas distintas modalidades de caza menor. Entre o 6 de xaneiro de 1998 e o 1 de febreiro de 1998 só poderá cazarse en batidas segundo o establecido no artigo 9º.2 desta orde.

f) Corzo (capreolus capreolus): queda prohibida a súa caza.

g) Xabaril (sus scrofa): o período hábil estenderase desde o 1 domingo de setembro de 1997 ata o peche do período hábil de caza maior, o 6 de xaneiro de 1998.

En terreos de aproveitamento cinexético común só poderá cazarse os sábados e na modalidade de batida, autorizada segundo o establecido no artigo 13º desta orde, entre o 1º domingo de 1997 ata o peche do período hábil de caza, o 6 de xaneiro de 1998.

En terreos de réxime cinexético especial de caza maior ou menor con aproveitamento complementario de caza maior, poderá cazarse:

a.-Na modalidade de batida os xoves, sábados, domingos e festivos autorizada segundo establecido no artigo 13º desta orde, entre o 1º domingo de 1997 ata ó peche do período hábil de caza, o 6 de xaneiro de 1998.

b.-Durante a celebración de todo tipo de cacerías os xoves, domingos e festivos, pero non os sábados, e baixo a responsabilidade da sociedade titular do acoutado, que terá que comunica-los resultados das pezas abatidas desta especie nun prazo máximo de 15 días despois de rematado o período hábil ó Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural.

h) Cervo, gamo e muflón (cervus elaphus, dama dama e ovis musimon): autorízase a súa caza en terreos cinexéticos de réxime especial, con permiso especial dos servicios provinciais de Medio Ambiente Natural, derivado da presentación dun plan de aproveitamento cinexético.

Artigo 19º.-Terreos nos que se prohibe o exercicio da caza.

1. A Coruña:

a) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza no parque natural do complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, no termo municipal de Ribeira. A delimitación desta zona é a seguinte:

N-Vila de Corrubedo e estrada de acceso a esta desde Artes.

S-Camiño que une a parroquia de Vilar con Liboi ata punta Corbeiro.

E-Camiño que comunica as parroquias de Artes e Vilar.

O-Océano Atlántico.

b) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza na zona costeira occidental atlántica do termo municipal de Muros. A delimitación desta zona, denominada Lagoa de Louro, é a seguinte: camiño público que desde o Ancoradoiro sae ó km 6,5 da estrada C-550 de Cee a Muros; segue por esta estrada ó longo de 200 metros para continuar polo límite do Monte Naraío e Tixía e polo carreiro a través deste, ata alcanza-la C-550 pasando polo caserío da Madanela, 80 metros ó longo desta ata o comezo do chamado camiño do Monte Louro, límite deste monte entre o camiño e o mar; liña de costa ó longo da praia de Louro ata o porto de Ancoradoiro e desde aquí, en liña recta, ata o punto de partida.

c) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza nas illas Sisargas.

d) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza na zona costeira occidental atlántica do termo municipal de Porto do Son. A delimitación desta zona denominada Lagoas de Xuño e San Pedro de Muro é a seguinte: río Sieira desde a súa foz no Océano Atlantico, río arriba, ata a estrada de Noia a Ribeira (km 52,3). Desde este punto ata a encrucillada da estrada de Seráns, pasando por San Pedro de Muro, ata a antiga telleira. Desde aquí seguindo o camiño que chega ata a punta do cabo Teira séguese pola liña de costa ata a foz do río Sieira.

e) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza na zona costeira occidental atlántica do concello de Ferrol, denominada Lagoa de Doniños. A delimitación desta zona é a seguinte: polo norte, partindo da liña de costa séguese a liña que separa os terreos de uso militar, ata chegar á encrucillada da estrada que vai a Curros e Fontemaior; desde esta encrucillada de estradas séguese pola estrada de Fonta ata chegar á punta Penencia na costa e desde aquí, pola liña de costa, ata a liña de terreos de uso militar.

f) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza na zona da Lagoa de Frouxeira, no concello de Valdoviño. A delimitación desta zona é a seguinte: polo norte desde a punta Frouxeira, ó longo do areal ou praia de Frouxeira, pola liña de costa ata a liña recta imaxinaria trazada desde a illa Percebeleira ata a estrada que desde a Porta do Sol, en Valdoviño, termina na praia. Seguindo por esta estrada ata a estrada de Ferrol a Cedeira e por esta ata o seu cruzamento coa de Ferrol a Valdoviño ata Canto do Muro, pola estrada local de Frouxeira ata a punta Frouxeira.

g) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza na zona do monte San Xurxo, no concello de Ferrol. A delimitación desta zona é a seguinte: N e O co océano Atlántico; ó leste con predios particulares na demarcación parroquial de San Xurxo na que está situado o monte; ó sur con predios particulares e o océano Atlántico.

h) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza na zona do monte Brión, no concello de Ferrol. A delimitación desta zona é a seguinte: polo norte e oeste, demarcación parroquial de Doniños. Ó leste, con propiedades particulares da parroquia de Brión, ó sur con propiedades particulares e Océano Atlántico.

i) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza no encoro de Cecebre. A delimitación desta zona é a seguinte:

N-Desde a presa seguindo pola estrada que une o apeadoiro de Cecebre con San Román, atravesando os lugares de Seixurra e San Román, ata o cruzamento coa autoestrada do Atlántico.

L-Seguindo a autoestrada ata o Km 17 e continuando por unha pista en terra de servidume daquela ata rematar na presa de formigón sobre o río Mero.

S-Desde o punto anterior seguindo a marxe dereita do río Mero ata a ponte, e continuando pola estrada entre os lugares de Torre, Cubelo, Agrolongo e Horto de Arriba ata o viaducto do río Barcés, a marxe dereita da cal segue ata o lugar de Táboas, na estrada de Mabegondo a Carral.

O-Seguindo a marxe esquerda do río Barcés ata o viaducto e continuando pola estrada ata a presa do encoro.

j) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza no encoro de Sabón. A súa delimitación é a seguinte: desde a presa do encoro contigua á central térmica de Sabón pola estrada de servicio do polígono industrial, deixando o encoro a man esquerda ata o cruzamento da estrada da Coruña a Fisterra. Desde este punto, e seguindo a estrada de servicio do polígono, ata as instalacións industriais de Silicios de Sabón, S.A. e presa.

k) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza na lagoa de Millares e Eirexanova e nas súas marxes, no termo municipal de Sobrado.

l) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza nas Brañas de Sada: termo municipal de Sada, parroquia de Sada. Coordenadas: lonxitude 8º 15' W, latitude 43º 21' N.

ll) Queda prohibido o exercicio da caza na lagoa de Mera: termo municipal de Oleiros, parroquia de Mera. Coordenadas: lonxitude 8º 20' W, latitude 43º22'40''.

m) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza na ría de Ortigueira e Ladrido como consecuencia de ser incluída polo Consello de Ministros como zona húmida do convenio de Ramsar, en tódalas auguas, zonas de seguridade e zonas marítimo-terrestres aprobadas por orde do Ministerio de Obras Públicas e Transportes (Dirección Xeral de Portos e Costas) do 29-9-1970, 4-6-1974, 19-12-1975, 17-5-1978.

n) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza no encoro da Ribeira, termo municipal das Pontes de García Rodríguez. A delimitación desta zona é a seguinte:

N- Marxe do encoro e límite do couto C-10.121 ata 200 m da confluencia do regato Brandián.

L- Bordeando o predio Cabalar a 200 m do cercado e continuando pola marxe dereita do río Eume ata a área recreativa de Caneiro.

S- Desde a área recreativa de Caneiro seguindo o camiño ou pista cara ás Pontes de García Rodríguez ata a confluencia do camiño que baixa ó complexo recreativo de Vilarbó, seguindo este camiño ata as ditas instalacións e despois continuando pola marxe esquerda do encoro, respectando os 200 m de influencia, ata a presa.

O- Desde a presa seguindo a marxe do encoro en Cuíña, Vilarnovo e Maraxón ata pecha-lo perímetro.

ñ) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza na ría de Ferrol desde a ponte das Pías ata a desembocadura do Xubia en ámbalas marxes.

o) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza nas marismas de Baldaio, nos seguintes límites:

N- Océano Atlántico.

S- O camiño desde Rebordelos a Santa Mariña, pasando pola Igrexa, Castrillón, Outeiro, Cambre e Arnados.

L- O camiño desde a praia Pedra do Sal ata Rebordelos.

O- O camiño desde Santa Mariña á Punta do Pazo.

p) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza na enseada de Insua, en Ponteceso, nos seguintes límites:

N- O camiño local de punta Balarés a Cospindo, continuando pola estrada de Corme ata Ponteceso, estrada de Ponteceso a Buño.

S- Estrada de Ponteceso a Laxe, ata o lugar de Canduas.

L- O camiño que vai desde a estrada de Ponteceso a Buño ata o río Anllóns, continuando por este, ata Anllóns de Arriba.

O- A liña que une Canduas, punta Padrón e punta Balarés.

q) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza nas augas, marxes e zonas de servidume da lagoa de Sobrado.

r) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza na lagoa de Traba, nos seguintes límites:

N- Océano Atlántico.

L- Desde punta Arnao polo camiño que une Boaño con Felgueiras e Cernado.

O- Co camiño que une Cernado con Mordomo, e desde aquí ata punta Traba seguindo polo camiño.

s) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza nas augas, marxes e zonas de servidume do encoro de Fervenzas do Xallas.

t) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza nas marismas de Betanzos ata a altura do Pazo de Mariñán.

u) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza na estación cinexética de Cerqueiros en Monfero.

v) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza na marisma de Carnota na área incluída dentro do perímetro da masa de auga.

w) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza no encoro de Vilagudín, nos termos municipais de Cerceda, Ordes e Tordoia, na área incluída dentro dos 200 metros da cota máxima do nivel de auga do encoro.

x) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza no encoro de Vilasenín, nos termos municipais de Cerceda e Ordes, na área incluída dentro dos 5 metros da cota máxima do nivel de auga do encoro.

O Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural da Coruña sinalizará os límites territoriais que comprende a prohibición.

2.- Lugo:

a) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza nas xunqueiras e ría do Eo; desde a ponte de Porto pola pista que pasa por Mión de Louteiro, ata a altura do Km 4,700 da estrada de Vegadeo a Lugo, onde cruza o río Eo; desde este punto quilométrico segue pola citada estrada de Lugo a Vegadeo ata Porto de Abaixo, desde aquí e pola estrada nacional de Santander á Coruña ata Ribadeo, desde aquí pola estrada provincial ata Senra, desde aquí pola pista que chega á punta de costa denominada punta de Penas Brancas.

b) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza no monte propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia denominado Fraga Vella, sito nos termos dos concellos de Abadín e Mondoñedo. A delimitación correspondente é a seguinte:

N- Monte de utilidade pública Tremoal e Fraga das Vigas, parroquia de Labrada, do concello de Abadín: Caserío dos Agros e río Fraga Vella.

L- Río Fraga Vella e monte de utilidade pública nº 46-B Braña e Toxiza, da parroquia de Mondoñedo e outras.

S- Monte de utilidade pública nº 43 Coto da Cal, da parroquia de Romariz, do concello de Abadín.

O- Monte de utilidade pública nº 44 Tremoal e Fraga das Vigas, da parroquia de Labrada, do concello de Abadín.

c) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza nos terreos de Espiñeira e lagoa de Cospeito, do concello de Cospeito. A delimitación correspondente é a seguinte:

N- Termo do concello de Vilalba, ata o punto de cruzamento da estrada de Rábade a Montecelos por Cospeito, en Guisande.

L- Estrada de Rábade a Moncelos por Cospeito.

S- Estrada de Rábade a Montecelos por Cospeito, vila de Feira do Monte e estrada de Cospeito a Vilalba, ata a ponte de Sistallo.

O- Pista da ponte de Sistallo á casa de Angulo da Espiñeira, ata o límite co concello de Vilalba.

d) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza nos terreos do monte do Veral, propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia, parroquia do Veral, concello de Lugo. A delimitación correspondente é a seguinte:

N- Estrada de Lugo a Friol e río Mera.

L- Propiedades particulares da parroquia de San Xoán do Alto.

S- Propiedades de veciños de San Xoán do Alto e camiño de Avelaidas.

O- Río Mera, monte da parroquia do Veral, e propiedades dos veciños do Veral.

e) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza no monte Paramedela no concello da Pobra de Brollón. A delimitación correspondente é a seguinte:

N- Monte de Salcedo a Bairán.

L- Monte de Salcedo a Bairán.

S- Monte de Salcedo a Bairán e río Lor, concello de Quiroga.

O- Monte de Salcedo e Bairán e río Loureiro.

f) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza no monte Bibei, concello de Quiroga. A delimitación correspondente é a seguinte:

N- Monte de Enciñeira.

L- Provincia de Ourense, monte comunal e propiedades particulares.

S- Provincia de Ourense.

O- Río Bibei, propiedades particulares, regato de Cavados e estrada de Ourense a Ponferrada.

g) Queda prohibido o exercicio da caza na Devesa de Rogueira, sito en Moreda-O Courel, coa seguinte delimitación:

N- Monte e prados en Moreda.

L- Monte de Moreda e de Vieña, ata o pico de Formigueiros.

S- Termo municipal de Quiroga ata Corga de Mosa e monte de Ferreiros ata Pico Polín.

O- Monte de Parada.

h) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza na ría de Foz, nos límites territoriais que se sinalan a continuación:

N- Boca da ría desde Punta do Cabo ata punta de San Bartolomeu.

L- Desde o punto anterior pola beira leste da praia de Altar ou de Tupido, estrada de Viladaide e Aspera e camiño á igrexa de San Cosme de Barreiros, estrada ó Vilar, ferrocarril Ferrol-Xixón ata o camiño de dirección N-S á estrada comarcal 642 de Ferrol por Ortigueira.

S- Estrada C-642, a Espiñeira e Ponte da Espiñeira.

O- Desde a Ponte de Espiñeira, pola estrada C-642 ata Fondós, baixada á punta de Malatel e beira da ría ata punta do Cabo.

i) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza na Veiga de Pumar, concello de Castro de Rei. A delimitación correspondente é a seguinte:

N- Termo municipal de Cospeito, pola estrada de Rozelle a Porto do Monte e en liña recta ó Porto de Boraño, no río Miño.

L- Río Miño ata 200 metros augas abaixo da desembocadura do regato de Pumar, na presa de Oroxe, leiras particulares ata o cruzamento da estrada de Xustas a Oroxe.

S- Estrada de Oroxe a Almudia.

O- Estrada de Almudia a Arneiro ata o límite do termo municipal de Castro de Rei.

3. Ourense:

a) Queda prohibida a caza nas augas e marxes de dominio público do encoro das Conchas, nos termos municipais de Bande, Lobeira e Muíños.

b) Queda prohibida a caza nas augas e marxes de dominio público do encoro de San Martiño, nos termos municipais de Larouco, Petín e A Rúa.

c) Queda prohibida a caza nas augas e marxes de dominio público do encoro de Castrelo de Miño,

nos términos municipais de Ribadavia, Castrelo de Miño e Cenlle, desde os lugares de Sanín e Oleiros ata o encoro.

d) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza no encoro do Lindoso nos termos municipais de Lobios, e Entrimo.

e) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza no encoro de Salas nos termos municipais de Muíños e Calvos de Randín.

f) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza no parque natural do Invernadeiro, o termo municipal de Vilariño de Conso, de acordo co Decreto 155/1997, do 5 de xuño, polo que se declaran os ditos terreos como parque natural.

g) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza na finca Salgueiros, no termo municipal de Muíños, pertencente ó parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés.

h) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza nas zonas de reserva integral do parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés, de acordo co Decreto 27/1993, do 11 de febreiro, no que se declaran como parque natural os citados terreos.

i) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza nos terreos incluídos na zona de influencia de explotación de áridos da comarca da Limia, termo municipal de Sandiás, de acordo co plano existente no plan de recuperación das Areeiras da Limia, entre a pista norte, que bordea as explotacións de áridos e o río Limia.

4. Pontevedra:

a) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza no parque natural das Illas Cíes e na illa de Ons.

b) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza nas augas mariñas, illotes e zona litoral de dominio público da ensenada de San Simón, formada polo entrante da ría de Vigo ata a ponte de Rande, sobre o estreito de Rande.

c) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza nas augas mariñas, illotes e zona litoral de dominio público así como a zona marítima do complexo intermareal de Umia-O Grove-Lanzada-Punta Bodeira, como consecuencia de que foi declarada polo Consello de Ministros como zona húmida incluída no Convenio Internacional de Ramsar.

d) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza nas zonas norte e sur das Gándaras de Budiño, sitas no concello do Porriño.

N- Estrada que parte da estrada N-550 en dirección Santo Andrés.

S- Estrada que parte da N-550 en dirección Magdalena.

L- N-550 e estrada de acceso ó polígono das Gándaras.

O- A división entre a vexetación da zona húmida e os piñeiros, matogueira e terras de cultivo. Camiño que parte da estrada que marca o límite norte e que atravesa Centeáns, Quintela, e chega ata Magdalena.

e) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza no encoro de Pontillón do Castro, sito no concello de Pontevedra e con unha superficie de 31,5 Ha delimitadas polos seguintes lindeiros:

N- Pista forestal contigua ó encoro.

L- Pista forestal contigua ó encoro que continúa a anterior.

S- Estrada comarcal de Pontevedra ó encoro, desde a confluencia coa pista anterior ata o dique daquel.

O- Liña imaxinaria paralela ó límite dos terreos propiedade do concello de Pontevedra, a unha distancia de 250 m que parte do dique do encoro.

f) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza na zona sur da illa de Arousa, denominada punta de Carreirón, cos seguintes límites:

N- Enseada da Brava e praia de Salinas.

L- Liña de costa.

S- Liña de costa.

O- Liña de costa.

g) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza na zona denominada Baixo Miño e illa Canosa, cos seguintes límites:

N- Pola pista que delimita o piñeiral da praia de Camposancos, segue pola faixa aberta polo tendido eléctrico de alta tensión, segue ata o campo de deportes, continúa por toda a zona húmida, desde a pista que sae de Pasaxe ata a ponte do río Tamuxe.

E- Río Tamuxe.

S- Río Miño.

O- Océano Atlántico e punta de Santa Tegra.

h) Illa Canosa e Morraceira do Grilo en toda a súa extensión.

i) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza no parque natural do Monte Aloia, en Tui.

j) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza na zona do Val Miñor, cos seguintes límites:

N- Estrada PO-340, desde a desviación para Mañufe ata o monte Lourido.

S- Estrada de Mañufe á ermida Sta. Marta.

L- Estrada e ponte desde Mañufe á estrada PO-340.

O- Zona marítima desde a ermida de Santa Marta ata os illotes de Garza e monte Lourido.

Título VI

Infraccións e réxime sancionador

Artigo 20º

Encoméndase a tódalas autoridades que estimulen o celo dos axentes as súas ordes para a mellor e máis exacta vixilancia e control de canto se preceptúa na presente orde.

Artigo 21º

A práctica da caza fóra dos períodos hábiles de alcance xeral ou provincial, así como en días ou terreos non autorizados, constitúe unha infracción administrativa de carácter grave especificada no artigo 58.1º da Lei 4/1997, do 25 de xuño, de caza de Galicia, e será sancionada conforme o indicado nela.

Artigo 22º

A acción de cazar especies animais ou pezas non autorizadas ou aquelas que se encontren sometidas a veda temporal nalgún ámbito territorial, segundo o exposto nos artigos 2º, e 18º desta orde, será considerada unha infracción administrativa grave, de acordo co establecido no artigo 58 da Lei 4/1997, do 25 de xuño, de caza de Galicia, e será sancionada conforme o indicado nela.

Artigo 23º

O emprego de procedementos de caza de alcance masivo e non autorizados e igualmente a súa posesión en disposición de seren empregados é unha infracción conforme o establecido nos artigos 34.a e 38.13ª da Lei 4/1989 e a súa cualificación axustarase ó que neles se estipula, e sancionarase de acordo co establecido no artigo 39 da mesma disposición legal. O uso de armas prohibidas ou outros medios proscritos constitúe unha infracción de carácter grave ou moi grave, se é o caso, segundo o establecido nos artigos 58 e 59 da Lei 4/1997, do 25 de xuño, de caza de Galicia, sen prexuízo de que poida dar orixe a accións de carácter penal.

Artigo 24º

O incumprimento de calquera das estipulacións referidas á caza en terreos de aproveitamento cinexético común que os artigos 8º, 9º e 13º da presente orde conteñen, referidas á cota de pezas diaria e tamaño máximo de grupos ou cuadrillas de cazadores, constitúe unha infracción grave sancionable de acordo co artigo 58.17º da Lei 4/1997, do 25 de xuño, de caza de Galicia.

Artigo 25º

A posesión, transporte ou comercio de pezas de caza ou da súa carne durante a respectiva época de veda ou daquelas especies silvestres non comercializables, así como o intercambio mercantil de espécimes ou os seus restos procedentes de explotacións industriais, a orixe das cales non estea inequivocamente acreditada, constitúe unha infracción cualificable e sancionable de acordo co establecido no artigo 6º do Real decreto 1118/1989, do 15 de

setembro, e co establecido nos artigos 57.32º e 57.34º da Lei 4/1997, de caza de Galicia.

A adquisición e solta non autorizada de animais vivos de carácter cinexético en calquera tipo de terreo infrinxe o establecido no artigo 34.e da Lei 4/1989, así como os artigos 31 e 58.11º da Lei 4/1997, de 25 de xuño, de caza de Galicia, polo que se sancionará de acordo coas prescricións establecidas nestas Leis.

Artigo 26º

A transgresión de calquera das condicións fixadas polos artigos 10º e 11º desta orde para exercer algunha das actividades de adestramento e competicións de cans supón a comisión duhna infracción de carácter leve, segundo o establecido nos puntos 10, 11, 12, e 13 do artigo 57 da Lei 4/1997, do 25 de xuño, de caza de Galicia.

Artigo 27º

A acción de cazar en terreos sometidos a réxime cinexético especial, aínda cando non se cobrara ningunha peza, sen estar en posesión do correspondente permiso, é unha infracción de carácter grave de acordo co establecido no artigo 58.27º da Lei 4/1997, do 25 de xuño, de caza de Galicia.

Artigo 28º

Ademais de satisface-las sancións penais e económicas que pola correspondente vía xudicial ou administrativa se determinen en cada caso, se o feito infractor implica a morte ou captura irreparable dalgún animal, deberá afrontarse ademais a correspondente indemnización, que será fixada de acordo coa orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes do 10 de Setembro de 1985 sobre baremos de valoración dos espécimes de fauna silvestre ilegalmente cobrados no territorio galego, ou ben as posteriores actualizacións das contías económicas recollidas nela que poidan producirse.

Disposición derradeira

Primeira.-Facúltase o director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento e aplicación da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Terceira.-De acordo coa disposición derradeira da Lei 4/1997, do 25 de xuño, de caza de Galicia, na que se establece que esta entrará en vigor ós tres meses contados a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, durante o citado período transitorio serán de aplicación a Lei 1/1970, do 4 de abril, de caza, así como o regulamento para a súa aplicación, do 25 de marzo de 1971. Neste período, o uso de armas prohibidas ou outros medios proscritos, así como tódolos delictos e faltas previstos na Lei 1/1970, do 4 de abril, de caza, non contidos na Lei orgánica 10/1995, do 23 de novembro, do Código penal, terán a consideración

de infraccións administrativas moi graves, por aplicación da disposición derrogatoria única, apartado 1.e), da dita lei orgánica, e sancionaranse con multa de cincuenta mil a cincocentas mil pesetas e retirada da licencia de caza, ou da facultade para obtela, por un prazo de dous a cinco anos.

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 1997.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

ANEXO I

Relación de especies que se poden cazar

na Comunidade Autónoma de Galicia

-Aves:

Anas crecca: cerceta común.

Anas plathyrhynchos: pato real.

Anas acuta: pato rabilongo.

Anas clypeata: pato cullerete.

Aythya ferina: parrulo chupón.

Aythya fuligula: parrulo cristado.

Alectoris rufa: perdiz rubia.

Perdix perdix: perdiz charrela.

Coturnix coturnix: paspallás.

Phasianus colchicus: faisán común.

Fulica atra: galiñola negra.

Vanellus vanellus: avefría.

Scolopax rusticola: arcea.

Gallinago gallinago: agacha.

Larus ridibundus: gaivota chorona.

Larus fuscus: gaivota escura.

Larus argentatus: gaivota clara.

Columba livia: pomba brava.

Columba oenas: pomba zura.

Columba palumbus: pombo torcaz.

Streptopelia turtur: rula común.

Turdus pilaris: tordo real.

Turdus philomenos: tordo común.

Turdus iliacus: tordo malvís.

Turdus viscivorus: tordo charlo.

Sturnus vulgaris: estorniño pinto.

Pica pica: pega rabilonga.

Corvus monedula: corvo cereixeiro.

Corvus corone: corvo viaraz.

-Mamíferos:

Lepus granatensis: lebre.

Oryctolagus cuniculus: coello.

Canis lupus: lobo.

Vulpes vulpes: raposo.

Sus scrofa: xabaril.

Capreolus capreolus: corzo.

Cervus elaphus: cervo.

Dama dama: gamo.

Ovis musimon: muflón.

ANEXO II

Relación de métodos ou medios de captura

prohibidos con carácter xeral

1. Lazos.

2. Todo tipo de métodos ou medios que impliquen o uso de visgo, como o arbolillo, as varetas, as rametas e o parany.

3. Anzois.

4. Chamarices de especies protexidas vivas ou naturalizadas, de perdices femias e doutros chamarices vivos cegados ou mutilados.

5. Todo tipo de engados eléctricos ou mecánicos.

6. Aparellos electrocutantes ou paralizantes.

7. Faros, lanternas ou outros aparellos luminosos, e visores que permitan o tiro nocturno.

8. Explosivos.

9. Todo tipo de redes ou de artefactos que requiran para o seu funcionamento o uso de mallas, como as redes abatibles, as redes-néboa ou verticais e as redes-canón.

10. Proxectis que inxecten substancias paralizantes.

11. Todo tipo de engados ou substancias velenosas, paralizantes, atraentes ou repelentes.

12. Armas que disparen en refachos, armas automáticas ou semiautomáticas con cargador que poida conter máis de dous cartuchos. Armas de aire comprimido así como as dotadas de silenciador, ou de visor para o disparo nocturno. Armas de fogo de calibre 22.

13. Canóns pateiros.

14. Furóns.

15. Aves de cetrería.

16. Avións ou vehículos motorizados ou calquera tipo de aeronaves.

17. Embarcacións propulsadas por motor o sen el, como lugar desde onde se realizan disparos, así como vehículos terrestres motorizados.

ANEXO III

Relación de especies cazables comercializables no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

-Aves:

Anas plathyrhynchos: pato real.

Alectoris rufa: perdiz rubia.

Phasianus colchicus: faisán.

Columba palumbus: pombo torcaz.

Columba oenas: pomba zura (1).

Coturnix coturnix: paspallás (1).

-Mamíferos:

Lepus granatensis: lebre.

Oryctolagus cuniculus: coello.

Vulpes vulpes: raposo.

Sus scrofa: xabaril.

Cervus elaphus: cervo.

Capreolus capreolus: corzo.

Dama dama: gamo.

Ovis musimon: muflón (*).

(1) Só os exemplares procedentes de explotacións industriais.

(*) Especie incluída no convenio de Washington.

6360