Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 168 Martes, 02 de setembro de 1997 Páx. 8.419

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 10/1997, do 22 de agosto, de residuos sólidos urbanos de Galicia.

A protección do medio ambiente constitúe unha preocupación prioritaria das sociedades modernas. Preocupación que nace da necesidade vital de construír un futuro social, baseado nun contorno ambiental san, que permita a harmonización entre o lexítimo interese de desenvolvemento económico e a preservación do medio natural. E todo isto co interese de ir mellorando os niveis de calidade de vida de tódalas cidadás e tódolos cidadáns. Participando desta filosofía o lexislador convértese nun catalizador de primeira magnitude, asumindo unha responsabilidade capital á hora de enmarca-las pautas que rexen, e deben rexer, o desenvolvemento normativo que garanta un crecemento sostible.

Sendo isto así resulta un elemento absolutamente fundamental lexislar detallada e concretamente sobre os residuos sólidos urbanos para evita-la degradación que está a experimenta-la natureza, como consecuencia dos procesos derivados das actividades que realizamos na vida cotiá.

O artigo 45 da Constitución recoñece o dereito de todos a gozaren dun medio ambiente adecuado ó desenvolvemento da persoa así como o deber de o conservaren.

O Estatuto de autonomía, no artigo 27, recoñécelle á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva para aproba-las normas adicionais sobre protección do medio ambiente e da paisaxe nos termos do artigo 149.1.23 da Constitución.

Sobre a base destes preceptos apoiámonos e ó amparo do marco deseñado pola Unión Europea preténdese desenvolver plenamente as competencias propias en materia de tratamento e xestión dos residuos sólidos urbanos.

Esta acción débese apoiar na decidida participación de tódalas administracións públicas, de acordo cos principios de coordinación e colaboración interadministrativa, así como do sector privado e dos cidadáns en xeral, facéndose especial fincapé na información e sensibilización da poboación respecto deste tema, xa que unha axeitada xestión dos residuos urbanos require a colaboración de tódolos galegos.

Adopta esta lei a terminoloxía e as definicións que se recollen nas directivas europeas sobre a materia, asumindo as propostas e os obxectivos que nelas se conteñen, ó mesmo tempo que se procura a súa adaptación ás peculiaridades e circunstancias físicas e socioeconómicas de Galicia.

Adóptase como obxectivo prioritario a reutilización, reducción, reciclaxe e valorización dos residuos, tentando que non se eliminen máis que aquelas fraccións que non sexan suceptibles de ningún tipo de apro

veitamento, dándolles prioridade á reutilización e á reciclaxe sobre a valorización enerxética.

Como instrumentos necesarios para acadar estes obxectivos, a lei prevé, entre outros, o Plan de xestión de residuos sólidos urbanos de Galicia, a Sociedade Galega do Medio Ambiente e a constitución de consorcios como fórmula colectiva de xestión. O Plan de xestión de residuos sólidos urbanos de Galicia será debatido no Parlamento galego e contrastado cos distintos sectores da sociedade galega.

Será, por último, obxectivo prioritario desta lei a rexeneración de espacios degradados como consecuencia dun inadecuado vertido dos residuos, problema cunha especial incidencia en Galicia dada a proliferación de vertedoiros incontrolados e as precarias circunstancias nas que, tradicionalmente, se veñen producindo os vertidos por parte dos concellos.

Desta forma, a través dunha norma adicional, propiamente galega, estaráselles a dar cuprimento ó artigo 45 da Constitución e ás esixencias ambientais derivadas do ingreso de España na CEE dentro do ámbito da nosa Autonomía.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei de residuos sólidos urbanos de Galicia

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

Constitúe o obxecto desta lei establece-lo réxime xurídico xeral e a regulación da xestión dos residuos sólidos urbanos no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia e dentro do marco das competencias da Xunta de Galicia.

Artigo 2º.-Obxectivos.

O obxectivo xeral desta lei é o de mellora-la calidade de vida dos cidadáns de Galicia e alcanzar un alto nivel de protección do medio ambiente dotando os entes públicos competentes dos mecanismos de intervención e control necesarios para garantir que a xestión dos residuos sólidos urbanos sexa levada a cabo sen poñer en perigo a saúde das persoas e sen prexudica-lo medio ambiente, e en particular:

a) Reducindo os riscos para a auga, o aire, o solo, a fauna e a flora.

b) Eliminando as molestias por ruídos ou olores.

c) Respectando a paisaxe e os espacios naturais, con especial atención ós espacios protexidos.

d) Impedindo o abandono, o vertido e, en xeral, calquera depósito inaxeitado dos residuos.

e) Restaurando os lugares que fosen obxecto de vertidos incontrolados.

f) Reducindo a producción e os efectos nocivos dos residuos a través dos fabricantes, distribuidores e con

sumidores dos bens que xeran residuos sólidos urbanos.

g) Valorizando os residuos por reutilización, reciclaxe ou calquera outra acción tendente a obter a partir deles materiais reempregables ou enerxía.

h) Asegurándolle-la información ós cidadáns acerca dos efectos para o medio ambiente e a saúde pública do proceso de xestión dos residuos, e incentivando a súa colaboración para a reducción e valorización deles.

Así mesmo, fixaranse obxectivos cuantificados para a reducción en orixe, principalmente no uso daquelas substancias tóxicas ou perigosas, de xeito que non cheguen, nos procesos productivos, ó fluxo de residuos tales como metais pesados ou PVC.

Artigo 3º.-Definicións.

Para os efectos desta lei entenderase por:

a) Residuo sólido urbano ou residuo: calquera substancia ou obxecto pertencente a unha das categorías que se recollen no artigo 4 do que o seu posuidor se desprenda ou do que teña a intención ou a obriga de desprenderse.

b) Productor: calquera persoa física ou xurídica da que a súa actividade xere residuos sólidos urbanos.

c) Posuidor: o productor dos residuos sólidos urbanos ou a persoa física ou xurídica que os teña no seu poder sen te-la condición de xestor de residuos.

d) Reducción: o conxunto de medidas destinadas a consegui-la minimización da producción de residuos ou da cantidade de substancias perigosas ou contaminantes presentes neles.

e) Valorización: o conxunto de operacións destinadas a introducir no ciclo económico, a través dos seus procesos productivos e comercializadores, os recursos contidos nos residuos.

f) Xestión: a recollida, o almacenamento, o transporte, a valorización e a eliminación dos residuos, incluída a supervisión destas operacións, así como a vixilancia e rexeneración dos lugares de depósito ou vertido despois do seu pechamento.

g) Recuperación: as operacións de extracción de materias ou substancias valorizables contidas nos residuos.

h) Reutilización: o emprego dun producto recuperado para o mesmo fin para o que foi deseñado.

i) Reciclaxe: a introducción no ciclo productivo no que foi xerada dunha materia ou substancia recuperada.

j) Recollida: a operación consistente en recoller, clasificar ou agrupar residuos para o seu transporte.

k) Recollida selectiva: o proceso de recollida en orixe diferenciada por materiais ou tipos de residuos.

l) Almacenamento: a operación de depósito temporal e controlado de residuos, previa ás operacións de valorización ou eliminación.

m) Estación de transferencia: a instalación onde se efectúa a concentración dos residuos co fin de conseguir condicións de idoneidade para o seu traslado conxunto ás plantas de tratamento.

n) Plantas de tratamento: as instalacións onde se efectúan os procesos de valorización e tratamento.

ñ) Vertedoiro controlado: a instalación para un axeitado depósito controlado dos residuos sólidos urbanos ou das súas fraccións na superficie do terreo ou baixo terra en condicións que non poñan en perigo a saúde humana nin lle causen prexuízos ó medio ambiente.

o) Tratamento: a operación ou o conxunto de operacións necesarias para proceder ó cambio das características físicas, químicas ou biolóxicas dos residuos sólidos urbanos co fin de reducir ou neutraliza-las substancias nocivas que conteñan, recupera-los materiais valorizables, facilita-lo seu uso como fonte de enerxía, fertilizante, materia prima e novos procesos productivos ou facer posible o seu axeitado depósito.

p) Planta de compostaxe: a instalación adecuada para a transformación de materia orgánica en fertilizante.

q) Talleres de recuperación de voluminosos e férricos: as instalacións adecuadas para a recuperación de residuos voluminosos e de metais.

Artigo 4º.-Ámbito de aplicación.

1. Estarán dentro do ámbito de aplicación desta lei os refugallos e residuos sólidos producidos como consecuencia das seguintes actividades e situacións:

a) Os residuos de orixe doméstica.

b) Os residuos xerados en comercios, oficinas e servicios.

c) Os residuos procedentes da limpeza das vías públicas, zonas verdes, áreas recreativas e praias.

d) Os residuos procedentes de lonxas, mercados, feiras, festexos, peregrinaxes, excursións, acampadas ou actos similares.

e) Os mobles, utensilios e electrodomésticos desbotados, así como os entullos de construcción e obras menores de reparación domiciliaria.

f) En xeral, todos aqueles residuos dos que a súa recollida, transporte, almacenamento, tratamento ou depósito controlado lles corresponda ós concellos, de acordo co establecido expresamente na Lei de bases do réxime local e nas demais disposicións vixentes.

2. Quedan excluídos desta lei os residuos non incluídos no punto anterior, tales como:

a) Os residuos radioactivos.

b) Os residuos procedentes de actividades industriais.

c) Os residuos resultantes da prospección, extracción, tratamento e almacenamento de recursos minerais e da explotación de canteiras.

d) As materias fecais e outras substancias naturais non perigosas das explotacións agrícolas e gandeiras

que se utilicen exclusivamente no marco da explotación agraria.

e) Os residuos xerados pola actividade especificamente sanitaria en hospitais, clínicas e ambulatorios.

f) Os efluentes líquidos vertidos ás augas continentais e ó mar.

g) Os efluentes gasosos emitidos á atmosfera.

Capítulo II

Acción das administracións públicas

Artigo 5º.-Principios xerais.

1. A Xunta de Galicia e as administracións locais galegas, en colaboración coa Administración do Estado, coordinarán as súas competencias co obxecto de realizaren unha planificación concertada e unha execución conxunta das accións necesarias para:

a) Promove-la reducción dos residuos sólidos urbanos.

b) Valoriza-los residuos, fomentando a recollida selectiva, a reutilización, a reciclaxe e o uso como fonte de enerxía da fracción non reciclable.

c) Conseguir un depósito controlado dos residuos ou das súas fraccións en condicións que non poñan en perigo a saúde humana nin provoquen a deterioración do medio ambiente.

d) Impedi-lo tratamento e depósito inaxeitado dos residuos sólidos urbanos ou das súas fraccións e rexenera-los espacios degradados como consecuencia deles.

e) Desenvolver programas de información, sensibilización e concienciación social que susciten a participación e a colaboración activa dos cidadáns, das empresas e dos productores en xeral en todo o proceso dos residuos sólidos urbanos.

f) Establecer programas de formación ambiental no ensino primario e secundario.

2. Co fin de asegura-la coherencia e a efectividade destas accións, atribúeselle á Xunta de Galicia a facultade de coordina-la actuación das administracións locais no exercicio daquelas competencias que transcendan os intereses locais e estean comprendidas dentro dos obxectivos desta lei.

Artigo 6º.-Reducción.

1. Para a reducción dos residuos fomentarase:

a) O uso de tecnoloxías limpas, escasamente xeradoras de residuos e aforradoras de recursos naturais.

b) O deseño, a fabricación, a comercialización e o uso de productos que xeren o menor impacto ambiental ó longo do seu ciclo de vida e que permitan a súa valorización como subproductos ou materias primas despois de finalizado o seu uso.

c) A utilización de técnicas axeitadas para a eliminación das substancias perigosas contidas nos residuos destinados á valorización.

2. O comercializador, o productor, o importador ou adquirente intracomunitario, o axente ou intermedia

rio, ou calquera outra persoa responsable da posta dos productos no mercado galego, que co seu uso se convertan en residuos sólidos urbanos, estarán obrigados polas normas de desenvolvemento desta lei a:

a) Informa-los órganos competentes da Xunta, se as súas instalacións radican en Galicia, dos residuos producidos no proceso de fabricación e do resultado cualitativo e cuantitativo das operacións efectuadas, ben de modo directo ou a través das entidades representativas do seu sector productivo.

b) Aplica-las mellores técnicas dispoñibles para limita-la xeración de residuos ou a súa perigosidade ou toxicidade.

c) Deseñar productos que, polas súas características de fabricación e pola súa comercialización, faciliten a valorización dos seus residuos ou a súa eliminación da forma menos gravosa para os fondos públicos e menos prexudicial para a saúde humana e o medio ambiente.

d) Deseñar, marcar ou comercializa-los envases dos productos de forma determinada, para efectos de reducir ó máximo os residuos e garanti-la súa reutilización ou valorización.

e) Facerse cargo directamente da xestión dos residuos derivados dos seus productos ou participar nun sistema organizado de xestión de residuos derivados deles, ou contribuír economicamente ós sistemas públicos de xestión de residuos en medida tal que se cubran, en todo ou en parte, os custos atribuíbles á xestión dos residuos derivados dos seus productos.

f) Aceptar un sistema de devolución ou retorno dos envases usados, ou doutros tipos de residuos derivados dos seus productos, así como dos propios productos fóra de uso. A Xunta de Galicia autorizará o catálogo dos productos polos que o usuario, ó recibi-lo producto, deixará en depósito unha cantidade monetaria que será recuperada coa devolución do envase ou obxecto usado.

g) Vixiar e controlar todo o proceso de producción, desde a adquisición da materia prima ata a reutilización, reciclaxe, valorización ou eliminación dos residuos dos productos por eles xerados.

h) Establece-la reducción así como a reutilización, a reciclaxe e outras formas de valorización obrigatoria de determinados tipos de residuos ou de envases.

i) Entregarlle os residuos, se estes constan no seu poder, a un xestor de residuos debidamente autorizado.

Artigo 7º.-Valorización.

1. Para a valorización dos residuos promoveranse, de xeito xerárquico, as seguintes opcións de tratamento dos residuos, sempre que eles non poidan ser obxecto de reducción en orixe:

a) A recollida selectiva de todos aqueles compoñentes susceptibles de seren reutilizados ou reciclados.

b) A separación, previamente ó comezo do tratamento, do resto de compoñentes que, aínda non sendo

recollidos selectivamente, poidan ser obxecto de reciclaxe ou recuperación.

c) A preparación da fracción non reciclable para o seu uso como combustible en condicións que non deterioren o medio ambiente.

2. Para efectua-la valorización teranse en conta as posibilidades de comercialización dos productos resultantes, así como a súa aptitude para mante-la calidade medioambiental do contorno no que van ser utilizados.

3. As administracións públicas galegas procurarán establecer nas súas actuacións os instrumentos máis axeitados para favorece-lo uso de subproductos recuperados. Así mesmo utilizarán, cando sexa posible, productos elaborados total ou parcialmente con materiais reciclados.

4. Os diferentes sistemas de valorización deberán estar referendados polo Plan de xestión de residuos sólidos urbanos, o cal marcará os obxectivos para cada un deles.

Artigo 8º.-Optimización na eliminación.

1. A eliminación dos residuos ou das fraccións non valorizables limitarase a aqueles non susceptibles de valorización, dado o estado da técnica.

2. Transitoriamente, poderán ser obxecto das operacións propias de depósito controlado aquelas fraccións valorizables que non resulte posible comercializar pola situación conxuntural do mercado.

3. Igualmente, poderanse prever, por tempo definido, os depósitos controlados, tendo en conta a dispoñibilidade de terreos axeitados, a natureza dos residuos e os seus custos, sempre que aqueles non incidan negativamente no medio ambiente.

Artigo 9º.-Información e concienciación.

No marco dos principios xerais definidos no artigo 5, elaboraranse e desenvolveranse as accións de formación e concienciación cidadá dirixidas a:

a) Informar das consecuencias nocivas para o medio ambiente que pode comporta-lo uso incorrecto de productos que xeren residuos tóxicos ou perigosos.

b) Promove-la participación activa na implantación da recollida selectiva e da separación domiciliaria da fracción orgánica dos residuos sólidos urbanos.

c) Fomenta-la diminución do uso de envases e embalaxes innecesarios, principalmente dos de difícil reutilización ou reciclaxe.

d) Evita-los vertidos incontrolados e a degradación do contorno e promove-la rexeneración dos espacios impactados.

e) Potencia-la creación de mesas de participación, estudio e traballo conxunto, co fin de plasmar e realizar un seguimento das especificacións do Plan de residuos e do cumprimento do establecido nesta lei.

f) Facilita-la consecución de acordos concretos entre a Xunta de Galicia e os representantes dos sectores productivos e do asociacionismo ecolóxico e cidadán.

g) Favorece-lo diálogo e o compromiso entre os industriais, os consumidores e as administracións públicas no ámbito da protección do medio ambiente.

Capítulo III

Réxime de xestión dos residuos sólidos urbanos

Artigo 10º.-Titular responsable.

1. Para tódolos efectos, os residuos sólidos urbanos terán sempre un titular responsable, calidade que lle corresponderá ó productor, posuidor ou xestor deles.

2. A transferencia de titularidade realizarase dentro dos termos desta lei.

3. A aceptación dos residuos sólidos urbanos ou de calquera fracción deles por un xestor supoñerá a transferencia da súa titularidade do productor ou posuidor ó xestor, ou destes entre si no caso de se realizar unha xestión gradual.

4. O concepto de titular responsable élles aplicable ás administracións públicas que interveñan na producción ou xestión de residuos.

Artigo 11º.-Obrigas do productor e do posuidor de residuos sólidos urbanos.

1. Toda persoa que produza ou posúa residuos sólidos urbanos susceptibles de xeraren efectos nocivos sobre o solo, a flora ou a fauna, de degradaren o contorno ou a paisaxe, de contaminaren o aire ou as augas, de xeraren ruídos ou olores e, en xeral, de atentaren contra a saúde humana ou o medio ambiente está obrigada a realizar ou poñe-las condicións para que se realice a súa eliminación conforme o preceptuado nesta lei e nas circunstancias axeitadas para evita-los mencionados efectos.

2. Os productores, en función das características dos seus procesos productivos, aplicarán tecnoloxías que orixinen os menores residuos posibles, así como as precisas para a eliminación das substancias perigosas que conteñan.

3. Os productores ou posuidores de residuos sólidos urbanos deberanos poñer polo tanto, nas condicións establecidas nas ordenanzas municipais, á disposición da entidade local correspondente ou do xestor autorizado por ela, que adquirirán a titularidade dos residuos desde o momento da entrega, sempre que esta fose realizada de acordo coas mencionadas ordenanzas.

En todo caso, o posuidor dos residuos estará obrigado a mantelos mentres se atopen no seu poder en condicións axeitadas de salubridade e seguridade. O almacenamento de residuos será unha actividade sometida á autorización administrativa previa.

4. Cando o xestor considere que os residuos sólidos urbanos presentan características que os fagan tóxicos ou perigosos, de acordo cos informes técnicos emitidos polos organismos competentes, poderalle esixir ó productor ou posuidor que, previamente á súa recollida, realice un tratamento para eliminar ou reducir no posible estas características ou que os deposite na forma e no lugar axeitados.

5. Os productores ou posuidores de residuos sólidos urbanos que polas súas características especiais poidan producir trastornos nas operacións de recollida, transporte, almacenamento, valorización, tratamento ou depósito controlado estarán obrigados a proporcionarlle ó xestor información completa sobre a súa orixe, cantidade e características.

6. No caso de que o productor ou posuidor de residuos sólidos urbanos llos entregue a persoa física ou xurídica que non posúa a condición de xestor, deberá responder solidariamente con ela de calquera prexuízo que se produza por causa daqueles, así como das sancións que proceda impoñer de conformidade co establecido nesta lei e na de protección ambiental de Galicia.

Artigo 12º.-Sobre a xestión dos residuos sólidos urbanos.

1. Terán a condición de xestores de residuos sólidos urbanos todas aquelas persoas físicas o xurídicas que, por imperativo legal ou mediante autorización administrativa, efectúen todas ou algunha das operacións comprendidas na definición correspondente do artigo 3 desta lei.

2. Aqueles xestores que teñan legalmente encomendada a realización do proceso completo de xestión nun ámbito determinado poderán concertar, dentro dos termos desta lei, a súa execución en réxime de consorcio con outros xestores de análoga condición.

3. Así mesmo, poderán convi-la realización de parte do dito proceso, de acordo coas directrices do Plan de xestión de residuos sólidos urbanos, con xestores non institucionais, debidamente autorizados pola Xunta de Galicia.

4. As operacións comprendidas no conxunto da xestión poderán ser así realizadas por un ou varios xestores, que terán a titularidade dos residuos durante a fase do proceso na que participen.

Artigo 13º.-Obrigas do xestor de residuos sólidos urbanos.

1. O xestor garantirá que as operacións de xestión se leven a cabo sen poñer en perigo a saúde das persoas, sen utilizar procedementos nin métodos que prexudiquen o medio ambiente, que orixinen riscos para o aire, a auga, o solo, a flora ou a fauna e que provoquen molestias por ruídos ou olores, e sen atentar contra a paisaxe ou os espacios e elementos especialmente protexidos.

2. Os xestores non institucionais estarán ademais obrigados a:

a) Obter previamente as licencias e autorizacións preceptivas para a construcción das instalacións e o exercicio das actividades.

b) Inscribirse como tales no Rexistro de Xestores de Residuos Sólidos Urbanos de Galicia.

c) Deposita-la fianza e, se é o caso, subscribi-la correspondente póliza de seguro co fin de responder dos posibles danos e perdas ocasionados, así como para rexenera-los recursos naturais alterados ou os espacios degradados.

d) Circunscribi-la súa actividade ás áreas territoriais e ás actividades prefixadas.

e) Acata-lo resto das obrigas derivadas desta lei, así como das disposicións particulares ou complementarias que regulen determinadas categorías de residuos.

Artigo 14º.-Rexistro Xeral de Xestores de Residuos Sólidos Urbanos.

1. Créase o Rexistro Xeral de Xestores de Residuos Sólidos Urbanos de Galicia, adscrito á Consellería competente en materia de residuos.

2. No dito Rexistro constarán, como mínimo:

a) A identificación do xestor.

b) A data da autorización da Xunta para o exercicio da actividade de xestión, cando esta sexa preceptiva, e o prazo polo que se outorga.

c) A modalidade e a contía da fianza depositada e, se é o caso, o número da póliza de seguro da responsabilidade civil.

3. A Consellería competente en materia de residuos comunicaralles ás administracións locais afectadas as inclusións de xestores de residuos sólidos urbanos no Rexistro Xeral.

Artigo 15º.-Construcción de instalacións de xestión de residuos.

A construcción de instalacións de xestión de residuos estará supeditada ó previsto no Plan de residuos ó que se refire esta lei, e deberán ser autorizadas polo órgano medioambiental competente, sen prexuízo das demais autorizacións que procedan.

Artigo 16º.-Comercialización por reutilización dos residuos e dos seus recursos.

A comercialización por reutilización dos residuos e dos recursos contidos neles é unha actividade suxeita a autorización administrativa previa e á obriga de rexistro, segundo se estableza regulamentariamente.

Capítulo IV

O Plan de xestión de residuos sólidos urbanos

de Galicia

Artigo 17º.-Función do plan.

O Plan de xestión de residuos sólidos urbanos de Galicia será o instrumento director e coordinador de tódalas actuacións que se realicen na Comunidade Autónoma galega en materia de xestión deste tipo de residuos e será de obrigado cumprimento, unha vez aprobado, para toda clase de persoas e entidades públicas e privadas.

Artigo 18º.-Ámbito do plan.

1. O ámbito do Plan de xestión de residuos sólidos urbanos de Galicia comprenderá a totalidade da Comunidade Autónoma galega, e os residuos producidos nela, que poderá ser dividida en sectores co fin de consegui-la máxima operatividade no proceso de xestión dos residuos.

2. Na delimitación de cada sector deberase ter en conta, en todo caso, a demarcación territorial das entidades locais e o Plan de comarcalización de Galicia.

3. O plan permitirá a autosuficiencia en materia de tratamento e xestión dos residuos da nosa Comunidade Autónoma.

Artigo 19º.-Contido do plan.

1. De acordo co establecido no capítulo II desta lei e dentro do marco das directivas da Unión Europea no plan determinaranse:

a) Os tipos, as cantidades e a orixe dos residuos que se valorizarán ou dispoñerán.

b) As prescricións técnicas xerais para a xestión dos residuos co sinalamento, se é o caso, dos valores límite de emisión en canto á contaminación atmosférica das instalacións previstas.

c) As disposicións especiais relativas ás fraccións tóxicas ou perigosas contidas nos residuos ou que poidan xerarse como consecuencia do proceso de xestión.

d) Os lugares e as instalacións máis axeitados para a materialización do plan.

e) As persoas físicas e xurídicas facultadas para xestiona-lo plan.

f) Os custos das operacións de xestión e en especial das de valorización, depósito controlado e rexeneración.

g) As medidas apropiadas para consegui-la máxima racionalización e a mínima deterioración do medio ambiente ó longo de todo o proceso de xestión.

2. Ademais do expresado no apartado anterior, o plan deberá conter:

a) Análise e diagnóstico da situación en relación co sistema de núcleos de poboación, a actividade económica e social e o medio natural.

b) Definición e xustificación do esquema xeral das obras e instalacións xa existentes e das que se prevexan e da súa incidencia no medio ambiente.

c) Determinación e localización dos proxectos e das actuacións que deban realizarse, así como do seu custo e da orde de prioridades para a súa execución.

d) Normas técnicas e de protección ambiental que deban aplicarse na execución de tódalas actuacións previstas.

e) Criterios de revisión do plan.

3. Como documento anexo formularase un programa financeiro de actuación no que se expresarán e valorarán os custos económico-financeiros derivados tanto da execución do plan coma do proceso de xestión dos residuos, e propoñerase o seu reparto entre tódalas persoas e entidades implicadas no plan. Igualmente, establecerase a achega da Xunta de Galicia ó financiamento do plan, así como as axudas ou subvencións existentes por parte do resto das institucións. Este programa poderá ser revisado independentemente do plan propiamente dito.

4. O plan establecerá programas de actuación para o cumprimento dos principios de reducción, valorización, formación medioambiental, concienciación ecolóxica e rexeneración de espacios degradados. Anualmente o Goberno autonómico daralle conta ó Parlamento de Galicia da situación destes programas.

Artigo 20º.-Redacción do plan.

1. O plan deberá estar redactado nun prazo máximo de tres meses a partir da entrada en vigor desta lei.

2. Unha vez redactado o plan, o conselleiro competente en materia de residuos someterao ó trámite de audiencia do Consello Asesor do Medio Ambiente, das corporacións locais e da Federación Galega de Municipios e Provincias, así como á información pública polo prazo dun mes.

O acordo de apertura do trámite de información pública será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e, alomenos, en tres dos xornais de maior difusión de Galicia.

3. O conselleiro competente na materia remitiralle á Comisión Galega do Medio Ambiente da Xunta de Galicia as demandas e alegacións feitas. Aquela, co informe correspondente, devolverallas ó conselleiro coas modificacións propostas, se é o caso.

4. Co resultado anterior e introducidas as modificacións que o titular da Consellería considere oportunas, someterase de novo a exposición pública por un prazo de vinte días, no que se lle poderán novamente formular alegacións definitivas e últimas. Unha vez resoltas polo conselleiro e nun prazo non superior ós trinta días elevaralle o plan ó Consello da Xunta para a súa aprobación definitiva.

5. Unha vez aprobado o plan, a Consellería competente en materia de residuos farao público e procederá á súa difusión para lles garanti-lo seu coñecemento ós cidadáns e ás administracións implicadas.

6. Daráselle conta ó Parlamento de Galicia tanto do contido do plan coma da dita aprobación.

7. O programa financeiro de actuación do plan será aprobado directamente polo Consello da Xunta por proposta do conselleiro competente en materia de residuos e non estará suxeito ós trámites procedementais previstos nos apartados anteriores para o conxunto do plan.

Artigo 21º.-Revisión do plan.

1. A revisión ou modificación do Plan de xestión de residuos sólidos urbanos de Galicia poderá ser promovida de oficio pola Consellería competente en materia de residuos, de acordo cos criterios de revisión recollidos no propio plan, ou por instancia da maioría dos concellos integrados nel, sempre que se produza a alteración substancial dalgún dos elementos ou das circunstancias que se tomaron como base para a redacción do plan.

2. En calquera caso, o plan deberá ser adaptado no menor prazo posible ás directrices que dicte, no sucesivo, a Unión Europea, así como á lexislación

estatal sobre a materia que incida nalgún dos aspectos recollidos nel que non sexa competencia exclusiva da Comunidade Autónoma.

3. A iniciación da revisión ou modificación do plan será acordada, en todo caso, polo conselleiro competente en materia de residuos, e suxeitarase á tramitación prevista no artigo 20.

Artigo 22º.-Cumprimento do plan.

A vixilancia, o seguimento e o control do cumprimento do Plan de xestión de residuos sólidos urbanos de Galicia corresponderanlle á Consellería competente en materia de residuos.

Artigo 23º.-Execución do plan.

1. A aprobación definitiva do Plan de xestión de residuos sólidos urbanos de Galicia levará implícita a declaración de utilidade pública e interese social, así como a urxencia da ocupación, para os efectos do previsto na lexislación de expropiación forzosa, para tódalas obras, instalacións e servicios recollidos de maneira concreta nel.

2. Os instrumentos de planeamento urbanístico adaptaranse ás determinacións do Plan de xestión de residuos sólidos urbanos, sen prexuízo de que este se adecúe no posible á planificación urbanística vixente.

3. Os concellos afectados por obras ou instalacións recollidas no plan procederán, se é o caso, á modificación daqueles aspectos dos seus instrumentos de planeamento que sexan precisos para a súa adaptación a el, unha vez que recibisen comunicación ó respecto por parte da Consellería competente en materia de residuos.

4. Se o concello afectado non realizase os actos necesarios para a dita modificación no prazo dun mes, contado a partir do momento da comunicación da Consellería, esta poderase subrogar nas competencias municipais, tramitando de oficio o expediente de modificación.

Artigo 24º.-Xestores do plan.

As operacións do proceso de xestión dos residuos recollido no plan poderán ser levadas a cabo:

a) Directamente pola Xunta de Galicia, a través da Consellería competente en materia de residuos.

b) Directamente polos concellos ou polas mancomunidades.

c) Mediante a constitución dun consorcio entre os concellos ou entre a Xunta de Galicia e as administracións locais afectadas.

d) A través da empresa pública Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. (Sogama), creada por Decreto do 11 de abril de 1992.

e) Polos concellos, nas fases do proceso de xestión que lles están atribuídas por precepto legal, ou polas deputacións no caso de subrogación daqueles.

f) Mediante calquera forma de prestación de servicios prevista pola normativa vixente e en concreto polo xestor de residuos, de acordo co definido nesta lei.

Artigo 25º.-Protección ambiental do plan.

1. Co fin de garantir unha axeitada protección do medio ambiente, de acordo co sinalado nos obxectivos desta lei, tanto o Plan de xestión de residuos sólidos urbanos no seu conxunto coma cada unha das obras e instalacións previstas nel serán sometidas á avaliación ambiental pola Comisión Galega do Medio Ambiente, nos termos que establece a lexislación ambiental.

2. O órgano que terá a competencia substantiva na dita avaliación será a Consellería competente en materia de residuos.

Capítulo V

Función dos entes públicos na execución do Plan de residuos sólidos urbanos de Galicia

Artigo 26º.-Función dos concellos.

1. Os concellos, por si ou asociados, de acordo co sinalado nos artigos 25 e 26 da Lei de bases do réxime local, terán ó seu cargo o proceso de xestión dos residuos sólidos urbanos, posuíndo polo tanto a condición de xestor e realizando as operacións de recollida, transporte e valorización dos residuos.

2. Cada concello establecerá de acordo co Plan de residuos sólidos urbanos de Galicia un Plan municipal de recollida de residuos sólidos urbanos, no que, tras analiza-lo volume e a natureza dos residuos producidos, se fixarán os circuítos de recollida, os lugares de localización dos contedores, os equipos e instalacións necesarios e o resto dos datos relativos á axeitada organización do servicio.

3. Igualmente o Plan municipal implantará a recollida selectiva como fase imprescindible para a valorización dos residuos, actuando en función das características destes e das súas posibilidades de reemprego ou reciclaxe.

4. Corresponderalles así mesmo ós concellos o transporte dos residuos ata as estacións de transferencia ou plantas de tratamento, a partir do que a titularidade destes pasará a tela Sogama, como empresa pública encargada de continuar coas operacións do proceso de xestión.

5. Os servicios de recollida, transporte e valorización poderanse efectuar a través de calquera das formas de prestación previstas na lexislación de réxime local, se ben, no caso de se optar pola xestión indirecta, a persoa física ou xurídica encargada da dita función deberá cumpri-las condicións establecidas no artigo 13 desta lei.

Artigo 27º.-Función das deputacións provinciais.

1. As deputacións provinciais contribuirán á creación do Consorcio para a máis axeitada realización das funcións que os concellos teñen encomendadas no Plan de xestión de residuos sólidos urbanos e incluirán estes servicios como de carácter preferente nos plans provinciais de cooperación, co fin de que

poidan serlles aplicadas as correspondentes subvencións, axudas e asistencia técnica previstas na lexislación estatal, ó igual cós créditos que outorgan as institucións oficiais de préstamos para estes fins.

2. Así mesmo, as deputacións provinciais apoiarán os concellos no establecemento e na axeitada prestación dos servicios de recollida e transporte dos residuos nos termos establecidos nesta lei e na demais normativa aplicable. Para estes efectos fomentarán a constitución de mancomunidades de concellos orientadas a estes fins naquelas zonas nas que resulte necesario para o desenvolvemento do Plan de xestión.

Artigo 28º.-Función do Consorcio para a xestión dos residuos sólidos urbanos.

1. O Consorcio para a xestión dos residuos sólidos urbanos será un ente de dereito público con personalidade xurídica propia e os seus acordos obrigarán a tódolos integrantes del.

2. O ámbito territorial dos consorcios que poidan constituírse será fixado en función do establecido no Plan de xestión dos residuos sólidos urbanos.

3. Será función primordial do Consorcio a realización das funcións de xestión dos residuos sólidos urbanos que esta lei lles encomenda ós concellos.

4. A iniciativa para a creación do Consorcio corresponderalles ós respectivos concellos ou á Consellería competente en materia de residuos, os cales deberán redacta-lo correspondente proxecto de estatutos.

O dito proxecto será sometido a audiencia das deputacións provinciais, da Xunta de Galicia e dos concellos interesados, e unha vez estudiadas as alegacións presentadas o conselleiro competente en materia de residuos elevaralle o proxecto de estatutos do Consorcio ó Consello da Xunta para a súa aprobación.

Para a modificación dos estatutos, no caso de resultar necesaria, seguirase o mesmo proceso.

5. Cada Consorcio contará cun Consello de Dirección no que se integrarán, na proporción que se fixe nos estatutos, representantes da Xunta, da Sociedade Galega do Medio Ambiente e dos concellos integrados nel.

Artigo 29º.-Función da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama).

1. Corresponderalle á Sociedade Galega do Medio Ambiente a xestión dos residuos sólidos urbanos a partir do momento no que son depositados nas estacións de transferencia ou plantas de tratamento previstas no Plan de xestión, coas conseguintes operacións de transporte, almacenamento, valorización, tratamento, comercialización e depósito controlado dos residuos.

2. Toda a xestión de Sogama realizarase de forma que se garanta o cumprimento de tódolos obxectivos recollidos no artigo 2 desta lei, para o que deberá concerta-las súas accións coas dos xestores que interveñan nas fases iniciais do proceso.

Artigo 30º.-Función da Xunta de Galicia.

Corresponderalle á Comunidade Autónoma:

a) A coordinación das accións necesarias para o logro dos obxectivos desta lei, establecendo se é o caso as directrices necesarias para iso.

b) A planificación das actuacións mediante a elaboración, tramitación e aprobación dos instrumentos previstos no Plan de xestión e na propia lei.

c) A colaboración coas administracións locais en todos aqueles aspectos nos que estea prevista unha acción conxunta deles.

d) A incentivación de tódalas medidas que tendan a minimiza-la producción de residuos, a realizar unha axeitada valorización e depósito controlado deles e a conciencia-la poboación da transcendencia do Plan de xestión, de acordo co sinalado no capítulo II.

e) Cantas outras funcións se recollan nesta lei.

Capítulo VI

Réxime económico do Plan de xestión

de residuos sólidos urbanos

Artigo 31º.-Imposición de taxas.

1. A prestación dos servicios comprendidos no proceso de xestión dos residuos recollido no plan e reservado ó sector público devengará as correspondentes taxas, que deben garanti-lo seu autofinanciamento.

2. Constituirá o feito impoñible das taxas a realización de cada unha das fases do proceso de xestión levada a cabo por un xestor institucional de acordo coas precisións do plan.

3. Serán suxeitos pasivos das taxas as persoas físicas ou xurídicas que, tendo a condición de productores ou posuidores de residuos, estean obrigados a entregarllos a un xestor de acordo co preceptuado nesta lei.

4. As taxas devengaranse pola realización do feito impoñible, aínda que poida avanzarse a súa esixibilidade ó momento no que o interesado formule a solicitude do servicio.

Artigo 32º.-Tarifas.

1. As taxas e tarifas dos servicios prestados, se é o caso, polas administracións locais fixaranse nas respectivas ordenanzas fiscais.

2. As tarifas dos servicios prestados polos xestores entre si fixaranse no correspondente contrato de xestión.

3. Tanto os custos da recollida e do transporte coma os sobrevidos a partir do depósito dos residuos nas estacións de transferencia aboaranse de forma proporcional á cantidade de residuos manexada.

4. Anualmente determinaranse os custos medios unitarios do proceso de xestión, dividindo os custos totais de cada contrato pola cantidade de residuos xestionados de acordo con el.

5. Corresponderalle ó Consorcio o reparto entre os seus membros dos custos xerados de acordo cos criterios sinalados no seu estatuto.

Capítulo VII

Programa de rexeneración de espacios degradados

Artigo 33º.-Obxecto do programa.

1. Dentro do Plan de residuos sólidos urbanos de Galicia establécese un Programa de rexeneración de espacios degradados co obxecto de culmina-la protección medioambiental derivada do Plan de xestión de residuos sólidos urbanos, xa que a acción deste quedaría incompleta se, unha vez suprimidas as causas da contaminación, non se corrixisen os efectos causados por un longo período de deficiente xestión dos residuos.

2. Con tal fin acometeranse as obras e instalacións necesarias para restituí-los terreos que foron obxecto de vertidos incontrolados ou dun inaxeitado depósito dos residuos por parte dos seus xestores actuais ás condicións ambientais que posuían antes da iniciación destas actividades.

Artigo 34º.-Actuacións do programa.

1. Consideraranse responsables da degradación do terreo, e estarán polo tanto obrigados en primeiro lugar a restauralo:

a) A persoa física ou xurídica que efectuou a descarga inaxeitada dos residuos e, solidariamente, o productor ou o posuidor deles.

b) Subsidiariamente, o propietario do predio onde se produciu a descarga ou, se é o caso, o titular do dominio público afectado.

2. Todo depósito ou vertedoiro de residuos sólidos urbanos, incluídos os municipais, que non fose debidamente autorizado, de acordo coas normas vixentes no momento da entrada en vigor desta lei, poderá ser declarado clandestino e inmediatamente clausurado, impedíndose a súa utilización e podéndose obriga-lo responsable á eliminación do depositado, todo isto sen prexuízo das sancións previstas nela.

3. As actuacións de rexeneración serán promovidas polo Concello no territorio do cal se atope o espacio degradado, actuando a Xunta a través da asistencia e cooperación coas administracións locais afectadas, con excepción das accións tendentes a declara-la clausura dos vertedoiros ilegais ou incontrolados, que serán da súa competencia exclusiva.

4. As posibles plusvalías producidas como consecuencia do Programa de rexeneración serán destinadas en primeiro lugar ó resarcimento dos fondos públicos investidos no dito proceso.

5. Realizarase por parte da Xunta de Galicia un inventario dos espacios impactados en toda a Comunidade Autónoma galega, que levará incluída unha estimación dos gastos necesarios para a súa rexeneración.

Artigo 35º.-Fondo de Restauración de Espacios Degradados.

1. Créase o Fondo de Restauración de Espacios Degradados, que se inserirá no marco da lexislación reguladora da cooperación económica da Xunta en investimentos de obras e servicios de competencia das administracións locais e que se rexerá polas determinacións desta lei e das disposicións que a desenvolvan.

2. Os recursos do Fondo de Restauración de Espacios Degradados destinaranse a financia-las operacións necesarias para rexenera-lo terreo afectado por vertidos incontrolados ou por depósito inaxeitado dos residuos sólidos urbanos, e estarán formados por:

a) As achegas procedentes do presuposto da Comunidade Autónoma galega.

b) As participacións que lle correspondan á Comunidade Autónoma nos gravames impostos polo Estado na lexislación sobre residuos e embalaxes.

c) As subvencións e axudas outorgadas por outros organismos da Administración do Estado ou da Unión Europea.

d) As doazóns ou achegas que, con destino específico ó fondo, dispoñan os particulares ou as empresas.

e) O importe recadado das sancións impostas pola Administración da Xunta como consecuencia de infraccións da normativa sobre residuos sólidos urbanos, unha vez deducidos os gastos de xestión.

f) A porcentaxe do canon de xestión dos residuos sólidos urbanos que para este fin específico se acorde no momento do seu establecemento.

Capítulo VIII

Responsabilidades, infraccións e sancións

en materia de residuos sólidos urbanos

Artigo 36º.-Responsabilidades.

1. As infraccións contra o disposto nesta lei serán sancionadas de acordo cos artigos seguintes, sen prexuízo da esixencia, se é o caso, das correspondentes responsabilidades civís e penais.

Cando, a xuízo da Administración, a infracción puidese ser constitutiva de delicto ou falta, o órgano administrativo daralle traslado ó Ministerio Fiscal, e aquel absterase de prosegui-lo procedemento sancionador mentres a autoridade xudicial non se pronunciase. A sanción penal excluirá a imposición de sanción administrativa.

2. Cando non sexa posible determina-lo grao de participación das persoas, físicas ou xurídicas, que interviñesen na realización da infracción, a responsabilidade será solidaria, sen prexuízo das accións contra os demais participantes por aqueles que fixesen fronte á responsabilidade común.

Artigo 37º.-Infraccións.

Constitúen infraccións administrativas de conformidade con esta lei as seguintes:

1. Leves:

1.1. O depósito dos residuos por parte dos productores ou posuidores para a súa recollida sen os envases

ou a preparación requiridos polas ordenanzas ou normas correspondentes.

1.2. O depósito dos residuos fóra dos recipientes ou lugares dispostos para a súa recollida.

1.3. Calquera infracción do establecido nesta lei cando non estea tipificada como falta grave ou moi grave.

2. Graves:

2.1. O depósito de residuos de máis de 100 quilogramos de peso fóra dos recipientes ou lugares dispostos para a súa recollida.

2.2. Os vertidos que ocasionen contaminación no subsolo ou nos acuíferos.

2.3. Os vertidos en lugares naturais ou de especial interese clasificados como tales pola normativa urbanística, así como os que se efectúen nas costas, nos leitos dos ríos, nas praias ou nas rías.

2.4. A utilización de vertedoiros non previstos no Plan de xestión de residuos sólidos urbanos.

2.5. O exercicio dunha actividade descrita nesta lei sen a preceptiva autorización ou con ela caducada ou suspendida, ou sen proceder á correspondente inscrición rexistral, sen que se producise un dano ou prexuízo para o medio ambiente ou a saúde das persoas.

2.6. A reincidencia no cometemento de infraccións leves, sempre que estas non prescribisen de acordo co disposto no artigo 132 da Lei 30/1992.

3. Moi graves:

3.1. A non rexeneración no prazo marcado polo programa correspondente dos vertedoiros clausurados en virtude da aplicación desta lei.

3.2. A construcción ou o mantemento de vertedoiros clandestinos.

3.3. O vertido incontrolado de residuos de máis dunha tonelada de peso, ou de media tonelada no caso de que se efectúe nos lugares sinalados no punto 2.3 deste artigo.

3.4. Os vertidos que ocasionen contaminación de acuíferos ou canles que sirvan para o abastecemento de poboacións.

3.5. Os vertidos que, de acordo cos informes das autoridades sanitarias, entrañen perigo para a saúde pública, sen prexuízo das accións penais a que desen lugar.

3.6. O abandono, o vertido ou a eliminación incontrolada de residuos cando supoñan unha alteración irreversible das condicións orixinais do medio.

3.7. O exercicio dunha actividade descrita nesta lei sen a preceptiva autorización ou con ela caducada ou suspendida, ou sen proceder á correspondente inscrición rexistral, cando se producise un dano ou prexuízo para o medio ambiente ou a saúde das persoas.

3.8. A reincidencia no cometemento de faltas graves, sempre que estas non prescribisen de acordo co artigo 132 da Lei 30/1992.

Artigo 38º.-Graduación das infraccións.

Unha vez cualificadas as infraccións, estas graduaranse tendo en conta a neglixencia e intencionalidade do suxeito infractor, o incumprimento das advertencias previas da Administración, o prexuízo causado ó medio natural que se trata de preservar e o beneficio obtido coa actividade infractora, consideradas todas elas como circunstancias agravantes ou atenuantes da infracción cometida.

Artigo 39º.-Procedemento sancionador.

O procedemento sancionador será o regulado pola vixente Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e polo Regulamento do procedemento para a execución da potestade sancionadora.

Artigo 40º.-Contía das sancións.

As infraccións previstas nesta lei serán sancionadas de acordo coa súa gravidade:

a) Infraccións leves: multa de ata 250.000 pesetas.

b) Infraccións graves: multa de entre 250.001 e 10.000.000 de pesetas.

c) Infraccións moi graves: multa de entre 10.000.001 e 50.000.000 de pesetas.

Artigo 41º.-Execución forzosa das sancións.

1. Tanto o importe das multas coma o das responsabilidades administrativas poderán ser esixidos pola vía administrativa de constrinximento.

2. No caso de que se acorde a suspensión da execución da multa ou da reparación, o interesado estará obrigado a garanti-lo seu importe para que a suspensión sexa efectiva.

3. Os órganos sancionadores poderán impoñer multas coercitivas cando transcorran os prazos sinalados no requirimento correspondente e conforme o previsto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. A contía de cada unha delas non superará o 20 por 100 da multa fixada para a infracción cometida.

Artigo 42º.-Reparación de danos.

1. Sen prexuízo da sanción penal ou administrativa que se impoña, o infractor estará obrigado á restitución das cousas e á reposición ó seu estado anterior, coa indemnización de danos irreparables e perdas causadas no prazo que en cada caso se fixe na resolución correspondente.

2. En todo caso a restitución comporta a obriga de lle devolver á Administración a totalidade do beneficio ilicitamente obtido.

3. Poderase proceder á execución subsidiaria por conta do infractor e á súa custa.

Artigo 43º.-Competencias sancionadoras.

1. A sanción das infraccións administrativas previstas nesta lei corresponderalles:

1) Á Administración autonómica:

a) Ó delegado provincial da Consellería competente en materia de residuos, a das infraccións leves.

b) Ó conselleiro competente en materia de residuos, a das infraccións graves.

c) Ó Consello da Xunta, a das infraccións moi graves.

2) Ós concellos:

a) A sanción das infraccións administrativas leves recollidas nos puntos 1.1 e 1.2 do artigo 37.

b) Cando os concellos consideren que as infraccións teñen cualificación superior poderanlle propoñe-la sanción ó órgano competente da Comunidade Autónoma. Neste caso o importe da sanción imposta será asignado ó Concello.

2. A iniciación do procedemento sancionador poñerase en coñecemento da Comisión Galega do Medio Ambiente, que poderá reclamar para si a súa tramitación se considera que a presunta infracción pon en perigo grave de degradación o medio ambiente galego.

Disposición adicional

A Xunta de Galicia, no prazo de tres meses desde a entrada en vigor desta lei e tendo como base o Catálogo europeo de residuos (CER), elaborará unha lista máis exhaustiva de cada un dos residuos pertencentes a ámbalas dúas categorías expresadas no artigo 4 desta lei.

Disposicións transitorias

Primeira.-As accións sinaladas no apartado 2 do artigo 34 serán aplicables a partir do momento no que os afectados por elas teñan á súa disposición as instalacións previstas no Plan de xestión de residuos sólidos urbanos de Galicia.

Segunda.-En tanto non se realice a aprobación definitiva do Plan de xestión de residuos sólidos urbanos de Galicia de acordo co procedemento sinalado no artigo 18, terá a consideración de Plan de xestión para tódolos efectos previstos nesta lei o Proxecto de xestión de residuos sólidos urbanos aprobado polo Consello da Xunta o día 16 de xaneiro de 1992.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango contraveñan o disposto nesta lei.

Disposición derradeira

Autorízase o Consello da Xunta para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta lei.

Santiago de Compostela, vintedous de agosto de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

6458