Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Luns, 01 de setembro de 1997 Páx. 8.404

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 25 de agosto de 1997 pola que se convoca un seminario sobre a xestión da función pública nos países da Unión Europea e Hispanoamérica.

A Escola Galega de Administración Pública organiza, en colaboración co Instituto Internacional de Ciencias Administrativas, un seminario sobre a xestión da función pública nos países da Unión Europea e Hispanoamérica, que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

-Debater sobre o status dos funcionarios e/ou o persoal de servicios públicos nos países fortemente descentralizados e a aplicación de principios xerais aplicables a todos eles.

-Determina-las novas direccións aplicable ós recursos humanos, tendo presentes as actuais tarefas da Administración pública.

-As consecuencias dos novos métodos de dirección sobre o emprego, a mobilidade, o desenvolvemento dos sistemas de avaliación e as relacións entre formación, avaliación e promoción.

-Os novos sistemas de dirección orientados cara a un mellor funcionamento dos servicios.

-As consecuencias do Tratado de Maastricht en canto ós funcionarios dos países europeos.

2. Destinatarios.

Estudiosos, profesionais e interesados en xeral que desexen afondar na materia obxecto do curso.

3. Datas e horarios.

O seminario terá lugar os días 22 e 23 de setembro, en sesións de mañá e tarde.

4. Lugar e prazas.

Terá lugar no salón de actos da EGAP en Santiago de Compostela. O número de admitidos estará en función da capacidade do local.

5. Contido.

5.1. Relatorios.

Sesión I: A nova xestión e a función pública.

Sesión II: A nova Europa e a función pública.

Sesión III: Programas de reforma da función pública nalgúns países hispanoamericanos.

5.2. Mesa redonda.

Análise dos modelos de distribución territorial nos estados compostos.

6. Inscrición.

-Prazo: remata o mércores, día 17 de setembro de 1997.

-Lugar de presentación: no rexistro xeral da EGAP (polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela). Tfno. 54 60 40. Telefax 54 63 37.

-Forma: as solicitudes de inscrición faranse por escrito, no modelo oficial que figura ó final destas bases. Serán rexeitadas todas aquelas peticións que non reúnan o dito requisito.

As peticións de admisión poderanse enviar por correo ordinario ou por telefax ó número consignado.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión chamando, a partir do día 19 de setembro, por teléfono de 10.30 a 14.45 horas, ó seguinte número: (981) 54 63 39, ou ben consultando a lista de seleccionados que se expoñerá no taboleiro de anuncios da EGAP.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles ó remate deste seminario a aqueles asistentes que concorresen asiduamente a el, e expresarase neste documento a natureza da actividade e as datas da súa realización.

8. Modificacións.

A EGAP poderá modifica-lo desenvolvemento e mailos contidos do seminario para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

Santiago de Compostela, 25 de agosto de 1997.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública

6693