Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Xoves, 24 de xullo de 1997 Páx. 7.267

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

FUNDACIÓN GALICIA-EUROPA

ANUNCIO do 2 de xullo de 1997 polo que se convoca unha bolsa para a realización dunha tese de doutoramento que, ó mesmo tempo, opte á mención honorífica de doutoramento europeo.

A Fundación Galicia-Europa, de acordo co previsto nos seus estatutos fundacionais e fiel ó seu compromiso coa sociedade galega, co fin de fomentar todo tipo de actividades que faciliten a aproximación entre as realidades galega e europea, e co ánimo de estimular entre os mozos e investigadores galegos o interese polos temas relacionados co proceso de construcción e integración europea e a súa incidencia na Comunidade Autónoma de Galicia, convoca unha bolsa para financia-la realización dunha tese de doutoramento nunha universidade galega, orientada ó mesmo tempo á obtención da mención honorifica de doutoramento europeo.

Requisitos para a obtención da bolsa:

Para a solicitude da bolsa precísase:

1. Cumpri-los requisitos esixidos pola universidade correspondente no que se refire á realización dunha tese de doutoramento.

2. Así mesmo, cumpri-los requisitos que, se é o caso, esixa a devandita universidade para a obtención da mención honorífica de doutoramento europeo.

3. En calquera caso, para obte-la devandita mención será necesario reunir, ademais, os seguintes requisitos:

3.1. Ter realizados os correspondentes cursos de doutoramento nalgunha das tres universidades galegas no momento da solicitude da bolsa.

3.2. Presentar informe favorable de, cando menos, dous profesores de centros de ensino superior ou institutos de investigación de dous estados da Unión Europea, distintos daquel no que ten lugar a defensa da tese de doutoramento, e nos que debe consta-la súa ideonidade para acceder ó grao de doutor.

3.3. Polo menos un membro do tribunal que no seu día xulgue a tese deberá pertencer a un centro de ensino superior ou instituto de investigación doutro Estado membro da Unión Europea, distinto daquel onde se vai realiza-la defensa da tese de doutoramento.

3.4. Unha parte da exposición da tese de doutoramento deberá efectuarse nunha lingua oficial dos estados da Unión Europea, distinta das que son oficiais no país onde se presenta a tese.

3.5. Parte da tese deberá ter sido feita durante a estadía, de polos menos tres meses, noutro Estado da Unión Europea.

4. En canto as áreas de estudio e investigación, terán que estar centradas en temas que versen sobre a construcción e a integración europea e os seus efectos no desenvolvemento de Galicia.

Condicións do solicitante:

1. Ter nacido despois do 31-12-1966.

2. Ter residencia en Galicia no momento da solicitude da bolsa.

3. Te-la nacionalidade dun dos estados membros da Unión Europea.

Características da bolsa:

1. Contía: 105.000 F.B.

2. Duración da bolsa: un ano lectivo, prorrogable, ata un máximo de tres.

3. Entrega da bolsa: a entrega realizarase anualmente en tres tramos. Cada entrega terá lugar logo da presentación dos correspondentes informes do curso dos traballos para a realización da tese.

Comisión de avaliación:

Unha comisión constituída para o efecto ocuparase da análise e avaliación das candidaturas presentadas para a obtención desta bolsa.

A devandita comisión estará integrada por un representante da Fundación Galicia-Europa, un

representante da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e un representante dun centro de ensino superior ou centro investigador, que será nomeado en relación coa especialidade de cada unha das candidaturas presentadas.

Presentación de solicitudes:

1. Lugar para a remisión de candidaturas: Fundación Galicia-Europa, rúa dos Feáns, 5-baixo, 15706 Santiago de Compostela.

2. Data límite para a presentación: 30 días naturais a partir da publicación desta convocatoria no DOG.

3. Documentación:

a) Fotocopia do DNI e dúas fotografías.

b) Certificación académica de estar en posesión do título de licenciado, enxeñeiro ou arquitecto.

c) Certificación académica de estudios expedida pola universidade ou institución académica equivalente onde se teñan cursado.

d) Certificación académica de ter realizados os correspondentes cursos de doutoramento no momento da solicitude.

e) Currículum vitae do solicitante.

f) Documento acreditativo de estar aceptada a tese de doutoramento nunha facultade ou escola técnica superior dunha universidade galega.

g) Memoria explicativa do proxecto de tese de doutoramento na que o propio doutorando indique o seu obxectivo, os medios para realizala e o tempo previsto de elaboración. Esta memoria levará o visto e prace do director da tese.

h) Informe do director da tese de doutoramento que acredite o seu compromiso para dirixi-la tese de doutoramento do bolseiro. Este informe deberá leva-lo visto e prace do director do departamento, instituto ou centro no que se vai desenvolve-la investigación.

i) Informe favorable de, cando menos, dous profesores de centros de ensino superior ou institutos de investigación de dous Estados da Unión Europea, distintos daquel no que ten lugar a defensa da tese de doutoramento e nos que debe consta-la súa idoneidade para acceder ó grao de doutor.

k) Compromiso formal do interesado para efectuar unha parte da tese nunha lingua oficial dos estados da Unión Europea, distinta das que son oficiais no país onde se presenta a tese.

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 1997.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Secretario xeral da Fundación Galicia-Europa