Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Martes, 15 de xullo de 1997 Páx. 6.980

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 20 de xuño de 1997, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación do convenio colectivo de ámbito provincial para a empresa concesionaria do Servicio Municipal de Regulación de Aparcamentos para os anos 1997 e 1998.

Visto o texto do convenio colectivo para a empresa concesionaria do Servicio Municipal de Aparcamentos Setex-Aparli, S.A. (código 3200582) de Ourense para os anos 1997 e 1998, con entrada nesta delegación provincial o día 16-6-1997, subscrito en representación da parte económica pola empresa e, da parte social, polos delegados de persoal, en reunión celebrada o día 9-6-1997, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado polo R.D. 1/1995, do 24 de marzo, R.D. 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e R.D. 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no rexistro de convenios colectivos desta delegación provincial, con notificación nas representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 20 de xuño de 1997.

Manuel López Casas

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo 1997

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

O presente convenio regula as relacións laborais entre as empresas concesionarias de servicios municipais de regulación de aparcamentos e o seu persoal.

Artigo 2º.-Ámbito xeográfico.

O ámbito xeográfico do presente convenio circunscríbese á provincia de Ourense.

Artigo 3º.-Duración.

O convenio entrará en vigor o día da súa publicación no BOP e a súa vixencia estenderase ata o 31 de decembro de 1998.

Os seus efectos retraeranse o 1 de xaneiro de 1997.

Artigo 4º.-Denuneia.

Calquera das partes asinantes poderá denuncia-la expiración da vixencia do citado convenio; deberán facelo cun mínimo de 3 meses antes do respectivo vencemento.

A denuncia efectuarase mediante notificación fidedigna á outra parte e á Dirección Xeral de Traballo.

De non ser denunciado en tempo e forma por ningunha das partes, prorrogarase automaticamente por anualidades naturais, elevando os conceptos económicos na mesma proporción na que o faga o IPC previsto para ese ano máis un punto.

Denunciado o convenio, se as negociacións se estendesen por un período superior á vixencia deste, entenderase prorrogado este ata a entrada en vigor do novo convenio.

Artigo 5º.-Vinculación á totalidade.

No suposto de que a xurisdicción laboral declare contrario ás disposicións vixentes no momento do asinamento do contrato algún dos seus pactos, o convenio quedará nulo na súa totalidade, e ámbalas partes comprometeranse a renegocialo.

Artigo 6º.-Comisión paritaria.

Co obxecto de velar pola correcta aplicación e cumprimento do contido do presente convenio, créase unha comisión mixta paritaria que entenderá de tódalas cuestións relacionadas coa interpretación das normas contidas nel.

A comisión mixta paritaria estará formada por 2 traballadores e 2 representantes da empresa. Cada parte poderá nomear un asesor que terá voz pero non voto.

Para que exista acordo requirirase o voto acorde da metade máis un dos membros da comisión.

Das reunións celebradas pola comisión levantarase acta, na que figurarán as decisións tomadas, e as actas deberán ser asinadas pola totalidade dos membros asistentes a elas.

A comisión reunirase cando o solicite unha das partes.

De non existir acordo entre as partes, o conflicto remitirase ó AGA (acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos individuais de traballo).

Capítulo II

A xornada laboral.

Artigo 7º.-Xornada.

A xornada, en cómputo anual, será de 1.800 horas.

Artigo 8º.-Horarios.

As quendas de traballo poderán ser continuadas ou partidas. Naquelas que se realicen de xeito continuado, haberá un período de descanso de 30 minutos.

Entre quenda e quenda de traballo terán que transcorrer, como mínimo,12 horas.

Os días de descanso, en cómputo anual, serán os mesmos para todo o persoal.

A organización do traballo é competencia da empresa, aínda que os cuadrantes de traballo serán negociados entre os representantes dos traballadores e da empresa e exporanse nos taboleiros de anuncios de cada centro de traballo con 15 días de antelación.

Artigo 9º.-Vacacións.

Todo o persoal desfrutará de vacacións retribuídas de 30 días naturais. Aqueles traballadores cunha antigüidade inferior a un ano desfrutarán dos días correspondentes por vacacións de forma proporcional á súa antigüidade.

O calendario laboral de vacacións será pactado entre a empresa e a representación dos traballadores. Para tal efecto, os representantes presentarán unha proposta de cadro de vacacións antes do 30 de outubro de cada ano.

Artigo 10º.-Permisos e licencias.

Os traballadores poderán gozar de permiso retribuído nos seguintes casos:

-Por nacemento de fillo/a:

* Ano 1997: 3 días.

* Ano 1998: 4 días.

-Por matrimonio do traballador: 16 días.

-Por enfermidade grave ou falecemento do cónxuxe ou parella estable, ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade: 4 días.

-Por falecemento de parente de terceiro grao de consanguinidade ou afinidade: 1 día.

-Por matrimonio de fillos ou pais: 1 día.

-Cando se teña que realizar un desprazamento de máis de 100 km, corresponderalle un día máis en cada caso.

-En caso de visita médica nos servicios da Seguridade Social e mediante xustificación de consulta, concederase o tempo necesario para ela.

-O traballador terá dereito a desfrutar de xornada retribuída de 6 días por asuntos propios no ano 1997, e de 7 días no ano 1998.

Como único requisito para a súa adxudicación, esixirase a súa petición por escrito cunha anticipación de 48 horas, como mínimo, e que non coincidan nos días anterior e posterior do período vacacional.

Cando a petición dalgúns destes días a realice máis dun 10% do cadro de persoal activo da empresa nesa data, a representación dos traballadores e da empresa abordarán as condicións precisas para o seu desfrute.

Capítulo III

Ascensos

Artigo 11º.-Ascensos e promoción.

Cando na empresa se produzan vacantes, se creen e aumenten certos postos de traballo (tanto mandos intermedios coma de categorías medias), antes de contratar persoas alleas a ela, tratarán de cubrirse estas prazas con traballadores do cadro de persoal, e pasarase a cubri-las vacantes que estas orixinen polas novas contratacións.

Cando un traballador realice traballos de categoría superior durante máis de 90 días ininterrompidos ou de máis de 120 días alternos dentro do mesmo ano, concederáselle a categoría superior e figurará con ela na correspondente escala.

Tódolos traballadores terán dereito á formación profesional e á promoción no traballo, segundo establece o ET no seu artigo 22.

Tódolos traballadores que realicen estudios ou formación profesional en centros oficiais poderán solicitar quenda de traballo axeitada a eles, e a súa concesión, logo de estudio e aprobación, realizarase por acordo entre os representantes dos traballadores e da empresa. Os permisos necesarios non excederán de 8 días naturais retribuídos ó ano, para concorrer a exames, sen alteración nin diminución dos seus dereitos laborais.

Capítulo IV

Axudas sociais

Artigo 12º.-Incapacidade laboral transitoria (ILT).

Para os supostos de incapacidade laboral transitoria derivada de accidente de traballo ou hospitalización, a empresa aboará ó seu cargo, durante o tempo que dure a dita situación, un complemento das prestacións da Seguridade Social, de tal xeito que entre ambas cubra o 100% da retribución bruta.

Igualmente, os traballadores que se atopen en situación de incapacidade laboral transitoria derivada de enfermidade común ou accidente non laboral, percibirán a partir do décimo primeiro día de ILT o 100% da retribución bruta.

Os supostos de enfermidade común ou accidente non laboral, sempre que non existan indicios razoables para presumir algunha irregularidade e logo de recoñecemento do facultativo que a empresa designe, terán o mesmo tratamento cós accidentes de traballo ou hospitalización.

Por outra banda, a empresa comprométese a aboarlle o plus de transporte desde o primeiro día da baixa por ILT derivada de calquera concepto.

Artigo 13º.-Xubilación.

Será recomendada ós 64 anos, sempre que o traballador teña cuberto o período de carencia na Seguridade Social. Para tal efecto e segundo o estipulado no R.D. 1194/1995, a empresa comprométese a subs

tituí-lo traballador xubilado por outro contrato nas mesmas condicións.

Establécese, para o persoal que se xubile anticipadamente, unha gratificación na contía seguinte:

-Ós 63 anos: 346.000 ptas.

-Ós 62 anos: 403.000 ptas.

-Ós 61 anos: 432.500 ptas.

-Ós 60 anos: 461.000 ptas.

Capítulo V

Dereitos sindicáis

Artigo 14º.-Información sobre contratación.

A dirección da empresa estará abrigada a facilitarlles ós representantes sindicáis información periódica sobre contratación, que incluirá:

a) Previsións en materia de emprego e contratación:

-Modalidades de contratación.

-Grao de cumprimento das previsións anteriores.

Esta información entregarase trimestralmente.

b) Os sindicatos asinantes do presente convenio serán consultados previamente á adopción de decisións empresariais en materia de:

-Nº de traballadores que se deben contratar.

-Modalidade dos contratos e número deles.

-Data de celebración de contratos.

-Modo de selección do persoal.

En caso de que as decisións empresariais non se realicen, logo de consulta cos representantes sindicais, entenderanse inexistentes as circunstancias que xustifican a contratación temporal e, polo tanto, as relacións laborais serán consideradas como indefinidas.

Artigo 15º.-Dereitos sindicais.

Calquera decisión referente a cambios de cuadrante, variacións, modificacións de horarios ou calquera outra que leve consigo unha modificación nas condicións de traballo, será consultada coa representación sindical.

Capítulo VI

Seguridade e hixiene

Artigo 16º.-Vestiario.

-Un anorak impermeable con carapucha.

-Un xersei.

-Dous pantalóns.

-Dúas saias.

-Dúas camisas manga longa para o inverno.

-Dúas camisas manga curta para o verán.

-Unha chaqueta a xogo coa saia ou pantalón.

-Un par de zapatos para o verán.

-Un par de botas para o inverno.

-Unha gravata.

-Dous pares de calcotíns de verán.

-Dous pares de calcetíns de inverno.

-Medias para o persoal feminino.

-Unha pucha.

-Un par de luvas.

A roupa de traballo e calzado serán renovables de ano en ano, agás o anorak impermeable con carapucha e a chaqueta a xogo coa sala ou pantalón, que serán renovables cada tres e dous anos respectivamente.

Os traballadores que, por necesidades físicas e prescrición facultativa, precisasen modificacións na súa roupa de traballo, estas serán efectuadas por conta da empresa.

Artigo 17º.-Asistencia xurídica.

Tódolos traballadores terán dereito a que a empresa lles proporcione a asistencia de avogado e procurador desde o inicio á fin do proceso xurídico nos casos en que pola prestación e durante o desenvolvemento do seu cometido, se producise algún tipo de incidente que requira de tal asistencia xurídica, sempre que o traballador non incorrese en neglixencia ou comportamento doloso ou culpable.

Artigo 18º.-Seguro de vida.

Establecerase unha póliza en caso de morte ou invalidez por accidente para tódolos traballadores da empresa, durante a súa permanencia en activo nesta, consistente nunha indemnización de 3.500.000 pesetas.

Póliza por morte natural de 3.000.000 de pesetas.

As novas indemnizacións aquí reflectidas producirán efecto desde o día 1 de xullo de 1997 e no prazo dun mes a partir da contratación dalgún traballador.

Ata esa data rexerán as indemnizacións reflectidas no anterior convenio.

No suposto de que a compañía aseguradora non incluíse na póliza a algún traballador, a empresa comunicarallo ó interesado e ó delegado de persoal e aboaralle o importe da prima anual ó traballador afectado.

As primas do seguro son por conta da empresa, a cal deberá dar conta ós representantes legais dos traballadores.

Indemnizacións por falecemento:

A empresa aboaralles ós seus herdeiros legais tres mensualidades compostas por salario base, antigüidade e plus convenio do mes completo no que faleza, sen ter en conta o día no que tal feito aconteza.

A cantidade que se aboará por loito será de 50.000 pesetas.

Artigo 19º.-Protección ó embarazo.

A traballadora xestante terá dereito a ocupar durante o seu embarazo un posto de traballo e unha quenda distintos ós seus, se existe prescrición do facultativo que atenda o embarazo, sen modificación de categoría, nin mingua dos seus dereitos económicos.

Durante a baixa de ILT por embarazo, a traballadora terá dereito a percibi-lo 100% de tódolos seus conceptos salariais.

A traballadora embarazada terá dereito a permisos retribuídos por preparación ó parto, así como a elixi-la data das súas vacacións regulamentarias.

Artigo 20º.-Pagas extraordinarias.

Establécense dúas pagas extraordinarias que se denominarán de verán e de Nadal, en contía de salario base máis antigüidade. As ditas pagas percibiranse nas primeiras quincenas de xullo e decembro, respectivamente; xunto con estas pagas aboaranse 20.000 pesetas a tódalas categorías en concepto de bolsa de vacacións.

Artigo 21º.-Antigüidade.

O persoal afectado polo presente convenio devengará as antigüidades de acorde coas seguintes táboas:

-De 3 a 6 anos: 5%.

-De 6 a 9 anos: 10%.

-De 9 a 12 anos: 15%.

-De l2 a l5 anos: 20%.

-De 15 a 18 anos: 25%.

-De 18 a 21 anos: 34%.

-De 21 a 24 anos: 48%.

-De 24 ou máis anos: 58%.

Artigo 22º.-Quebranto de moeda.

Aboaráselle a cada traballador un 2% sobre cada tarxeta que sexa vendida por el mesmo. O seu devengo realizarase antes de remata-lo primeiro e segundo semestre de cada ano.

Capítulo VII

Retribucións

Artigo 23º.-Retribucións.

Xúntanse táboas.

Artigo 24º.-Paga compensación social.

-Ano 1997.

Establecerase unha paga de compensación social consistente nunha cantidade determinada segundo

sexa a recadación bruta anual obtida no servicio ORA; esta táboa relaciónase a seguir.

Esta recadación demostrarase mediante as liquidacións presentadas ó concello, correspondentes ó ano anterior.

Esta paga tarase efectiva antes do día 31 de marzo de 1998.

RecadaciónCantidade

70 millóns13.000

75 millóns17.000

80 millóns21.000

85 millóns25.000

90 millóns30.000

95 millóns35.000

100 millóns41.000

-Ano 1998.

Esta paga efectuarase antes do 31 de marzo de 1999.

RecadaciónCantidade

70 millóns21.000

75 millóns25.000

80 millóns29.000

85 millóns33.000

90 millóns38.000

95 millóns43.000

100 millóns49.000

Artigo 25º.-Revisión salarial ano 1997.

No caso de que o IPC establecido polo INE o 31 de decembro de 1997 superase o IPC do 31 de decembro de 1996, a diferencia aplicaráselle á táboa salarial con efectos retroactivos do 1 de xaneiro de 1997.

Artigo 26º.-Revisión salarial ano 1998.

No caso de que o IPC establecido polo INE o 31 de decembro de 1998 superase o IPC do 31 de decembro de 1997, a diferencia aplicaráselle á táboa salarial con efectos retroactivos do 1 de xaneiro de 1998.

Artigo 27º.-Subrogaci6n.

Este artigo ten como finalidade garanti-la estabilidade no emprego dos traballadores deste sector. Cando unha empresa cese na adxudicación dos servicios contratados dun cliente, público ou privado, por rescisión, por calquera causa, de contrato de arrendamento de servicios, a nova empresa adxudicataria está, en todo caso, abrigada a subrogar a tódolos traballadores do cadro de persoal nas mesmas condicións laborais, calquera que sexa a modalidade de contratación destes, e/ou categoría laboral.

A relación dos traballadores do cadro de persoal constatarase mediante a presentación dos seguros sociais (Mod. TC-2).

Relación de categorías laborais.

-Delegado.

-Subdelegado.

-Técnico de mantemento.

-Vixilante auxiliar técnico de mantemento.

-Vixilante ORA. Auxiliar administrativo.