Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Martes, 01 de xullo de 1997 Páx. 6.369

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

DECRETO 158/1997, do 18 de xuño, polo que se modifica a estructura orgánica da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

A estructura orgánica da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes foi aprobada polo Decreto 205/1990, do 15 de marzo e logo complementada polo Decreto 311/1991, do 19 de setembro; Decreto 251/1994 do 29 de xullo; Decreto 391/1994, do 14 de outubro; Decreto 214/1995, do 20 de xullo e Decreto 388/1996, do 31 de outubro.

A Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural ten entre outras as competencias relativas a protección e conservación do medio ambiente natural, espacios naturais, a ordenación do uso sociorrecreativo da natureza e a avaliación dos impactos ambientais. A crecente importancia que ten para a sociedade a conservación da natureza e a educación ambiental, así como o impulso que para os espacios naturais protexidos pode supoñe-la posta en marcha, pola Unión Europea, da rede Natura 2000, conformando un conxunto harmónico e coherente de zonas de especial conservación (ZEC) fai necesaria a creación dentro da Subdirección Xeral de Medio Ambiente Natural, Caza e Pesca Fluvial, dunha nova unidade administrativa, que se encargue da xestión dos espacios naturais protexidos.

No referente ás competencias de Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, no ámbito do asociacionismo agrario, desenvolvidas polo actualmente denominado Servicio de Fomento Cooperativo, debe terse en conta que este servicio desenvolve actuacións máis amplas que as que a súa denominación dá a entender, tales como as realizadas en relación coas sociedades agrarias de transformación ou as organizacións profesionais agrarias, todo o cal fai aconsellable establecer unha nova denominación que se acomode mellor ós cometidos reais desta unidade dependente da secretaría xeral, sendo máis adecuada a de Servicio de Fomento Asociativo Agrario.

A constante preocupación, por parte da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, en mellora-la formación dos agricultores e gandeiros da Comunidade Autónoma, reflectida na formación impartida, por medio dos seus centros de formación propios e polas Axencias de Extensión Agraria, fan necesario que o Servicio de Extensión Agraria dependente da Subdirección Xeral de Extensión e Capacitación Agraria da Dirección Xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural pase a denominarse Servicio de Extensión e Capacitación Agraria reflectindo desta maneira a importancia que a acción formativa ten para a consellería.

A existencia nas delegacións provinciais, baixo a dependencia dos respectivos delegados, dun servicio denominado de Supervisión de Proxectos e tendo en conta que a dita supervisión se estende ó control de execución das obras a que os proxectos se refiren, fai necesario dunha parte establece-las funcións que realizarán os ditos servicios e doutra establecer unha nova denominación que reflicta as funcións de inspección pasando en consecuencia a denominarse Servicio de Inspección e Supervisión de Proxectos.

Na súa virtude, e a proposta do conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes, co informe previo da Consellería da Presidencia e Administración Pública e de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de xuño de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Créase dentro da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural e dependendo da Subdirección Xeral de Medio Ambiente Natural, Caza e Pesca Fluvial, o Servicio de Xestión de Espacios Naturais Protexidos, que terá como competencias a coordenación e a xestión do funcionamento da rede galega de Espacios Naturais Protexidos, a súa conservación, o fomento do axeitado desenvolvemento socieconómico e a promoción da súa utilización sociorrecreativa.

Artigo 2º

Modifícase o nome do Servicio de Fomento Cooperativo, dependente orgánica e funcionalmente da Secretaría Xeral, que pasa a denominarse Servicio de Fomento Asociativo Agrario.

Artigo 3º

Modifícase o nome do Servicio de Extensión Agraria, dependente da Subdirección Xeral de Extensión e Capacitación Agraria da Dirección Xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural, que pasa a denominarse Servicio de Extensión e Capacitación Agraria.

Artigo 4º

Modifícase o nome dos servicios de Supervisión de Proxectos, dependentes dos delegados provinciais

da consellería, que pasan a denominarse Servicio de Inspección e Supervisión de Proxectos, desenvolverán as seguintes funcións:

-Supervisar e controla-los proxectos de obras que executará a consellería na provincia.

-Vixia-lo cumprimento das disposicións legais e ordenar, regular e coordina-los criterios técnicos de cada proxecto.

-Inspeccionar, xestionar e vixia-las obras que realizará a consellería na provincia.

-Calquera outra que lles sexa encomendada, en relación con estas competencias, polo delegado provincial.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A modificación da estructura orgánica contida no presente decreto non supón incremento do gasto.

Segunda.-Facúltase o conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes para que dicte as normas complementarias que sexan precisas para o desenvolvemento do establecido no presente decreto.

Terceira.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de xuño de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Ganderia e Montes

5094