Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Luns, 09 de xuño de 1997 Páx. 5.461

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 27 de maio de 1997 pola que se modifica o prazo establecido na disposición transitoria da Orde do 27 de febreiro de 1995, sobre condicións técnicas e procedemento para a execución e posta en servicio de instalacións individuais que utilizan gasóleo C como combustible e das que a potencia de calefacción estea comprendida entre 6 e 60 kW e a capacidade máxima de almacenamento do dito combustible sexa de 5.000 litros.

A orde desta consellería, do 27 de febreiro de 1995, sobre condicións técnicas e procedemento para a execución e posta en servicio de instalacións individuais que utilizan gasóleo C como combustible e das que a potencia de calefacción estea comprendida entre 6 e 60 kW e/ou a capacidade máxima de almacenamento do dito combustible sexa de 5.000 litros (DOG nº 59, do 24 de marzo, e nº 120, do 23 de xuño de 1995), ten como un dos seus obxectivos permitir regularizar, mediante un procedemento áxil e simple, a situación das instalacións construídas con anterioridade á súa entrada en vigor, das que os seus titulares non cumpriron os requisitos esixidos para a súa execución e posta en funcionamento de acordo coa normativa vixente.

Co dito fin, a disposición transitoria determina que os titulares das devanditas instalacións poden optar durante o prazo de dous anos, por substituí-la documentación esixida nos artigos 6º e 7º polo certificado que establece o anexo III, subscrito por técnico ou instalador autorizado competente.

Durante o prazo de dous anos establecido para a legalización das instalacións en cuestión, púxose de manifesto que, a pesar do interese amosado polos titulares ou usuarios por regulariza-las súas instalacións e do elevado número de certificados tramitados nos últimos meses, aínda resta un número significativo deles que non se acolleron ó procedemento de legalización disposto na devandita orde.

Por todo o exposto, esta consellería, facéndose eco da preocupación manifestada polos titulares e usuarios ante o próximo vencemento do prazo de dous anos para a legalización das referidas instalacións, considera oportuno modifica-la devandita disposición transitoria no sentido de amplia-lo prazo sinalado nela por un ano máis, daquela ata o día 24 de xuño de 1998.

Na súa virtude, en uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase a disposición transitoria da Orde do 27 de febreiro de 1995, que queda redactada nos seguintes termos:

«Os titulares das instalacións construídas con anterioridade á entrada en vigor da presente orde

que non cumprisen os requisitos necesarios para a súa posta en funcionamento poden optar, durante o prazo de tres anos, por substituí-la documentación esixida nos artigos 6º e 7º polo certificado que se establece no anexo III, subscrito por técnico ou instalador autorizado competente. Este certificado emitirase unha vez realizadas as modificacións que sexan precisas para adapta-la instalación á normativa vixente».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de maio de 1997.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

4370