Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Xoves, 05 de xuño de 1997 Páx. 5.381

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 22 de maio de 1997 pola que se modifica a clasificación dos postos de traballo reservados a funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional do Concello do Grove (Pontevedra).

O Concello do Grove, en sesión ordinaria do Pleno celebrada o día 29 de abril de 1997 adoptou o acordo relativo á reclasificación dos postos de Secretaría e de Intervención do concello en clase primeira.

Na actualidade, os devanditos postos de traballo do Concello do Grove están clasificados en clase 2ª, de conformidade co previsto no artigo 2 do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, sobre provisión de postos de traballo reservados a funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional.

O artigo 7 do antedito Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, establece que os concellos nos que concorran unha serie de características, con acusados incrementos de poboación en determinadas épocas do ano, caso que se dá naqueles nos que existe unha importante actividade turística, poderán ser clasificados en clase superior á que lles corresponda segundo o artigo 2 do mesmo real decreto, por instancia da corporación interesada.

Así mesmo, nas corporacións locais con secretaría de clase primeira, de conformidade co previsto no artigo 2 do Real decreto 1732/1994, existirá un posto de traballo denominado tesourería, reservado a funcionarios/as pertencentes á subescala de intervención-tesourería.

Por todo isto, e tendo en conta as circunstancias que concorren no Concello do Grove, de acordo coa información e documentación que obra no expediente, en aplicación do establecido nos artigos 7 e 9 do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, e no uso da atribución do artigo 13.2.17 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, esta consellería,

DISPÓN:

Primeiro.-Os postos de traballo de Secretaría, Intervención e de Tesourería do Concello do Grove, provincia de Pontevedra, reservados a funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional, clasifícanse conforme se determina no anexo que se xunta a esta orde.

Segundo.-De conformidade coa disposición adicional primeira do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, a modificación da clasificación á que se refire a presente orde non afectará ó destino dos/as funcionarios/as que viñesen desempeñando o posto con carácter definitivo.

Contra esta orde, que é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, conforme o disposto no artigo 58 da Lei reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, do 27 de decembro de 1956, logo de comunicarllo a esta consellería segundo o previsto no artigo 110.3º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 1997.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

ANEXO

Postos de traballo de funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional do Concello do Grove (Pontevedra):

-Posto: Secretaría.

Clase: primeira.

Subescala: secretaría.

Categoría: superior.

-Posto: Intervención.

Clase: primeira.

Subescala: intervención-tesourería.

Categoría: superior.

-Posto: Tesorería.

Subescala: intervención-tesourería.

4212