Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Mércores, 28 de maio de 1997 Páx. 5.005

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 125/1997, do 14 de maio, polo que se modifica o Decreto 155/1994, do 2 de xuño, de asunción e asignación de funcións e servicios transferidos en materia de estiba e desestiba en portos non clasificados como de interese xeral.

Polo Real decreto 145/1993, do 29 de xaneiro, transferíronse da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia funcións e servicios en materia de estiba e desestiba en portos non clasificados como de interese xeral.

Polo Decreto 69/1993, do 10 de marzo, asumíronse aquelas funcións e servicios e asignáronse á Consellería de Traballo e Servicios Sociais.

Como consecuencia da modificación da estructura orgánica da Xunta de Galicia, derivada do establecido no Decreto 287/1993, do 10 de decembro, as funcións e servicios referidos reasignáronse, polo Decreto 155/1994, do 2 de xuño, á Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

Pola Lei 5/1994, do 29 de novembro, créase o Ente Público Portos de Galicia, que ten atribuídas, entre outras, as funcións de xestión dos servicios e actividades portuarias, e que comezou o exercicio das súas funcións o día 1 de xaneiro de 1996.

A Administración autonómica ten competencia para a autoorganización dos seus entes e órganos de goberno, e, en consecuencia para distribuí-lo exercicio das competencias estatutariamente asumidas entre aqueles.

A creación do Ente Público Portos de Galicia fai necesario asignar, dentro do novo organigrama, as funcións e servicios en materia de estiba e desestiba en portos non clasificados como de interese xeral, a aquela consellería con funcións máis acordes coa actuación nesta materia.

Na súa virtude, por iniciativa dos conselleiros de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, e Familia, Muller e Xuventude, e por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catorce de maio de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-As funcións e servicios asumidos en materia de estiba e desestiba en portos non clasificados como de interese xeral, transferidos polo Real decreto 145/1993, do 29 de xaneiro, asígnanse ó Ente Público Portos de Galicia, agás, se é o caso, as que segundo a normativa estatal reguladora da materia estivesen atribuídas ó Consello de Ministros, as cales quedan asignadas ó Consello da Xunta de Galicia.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 155/1994, do 2 de xuño, polo que se modificou o Decreto 69/1993, do 10 de maio.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do presente decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de maio de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

3954