Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Luns, 26 de maio de 1997 Páx. 4.880

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E COMUNICACIÓN SOCIAL

RESOLUCIÓN do 28 de abril de 1997, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa expediente para a declaración da delimitación do contorno de protección da igrexa de Santa María, no concello de Cambre, provincia da Coruña.

Por Decreto do 3 de xuño de 1931, (Gaceta de Madrid do 4 de xuño), foi declarado ben de interese cultural con categoría de monumento histórico artístico, a igrexa de Santa María, no concello de Cambre, provincia da Coruña.

Sendo a devandita declaración anterior á entrada en vigor da Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español (BOE do 29 de xuño), e da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia (Diario Oficial de Galicia do 8 de novembro), cómpre na actualidade concreta-la delimitación do seu contorno de protección.

En consecuencia, e vistos os informes dos servicios técnicos desta dirección xeral e órganos consultivos da Consellería de Cultura e Comunicación Social en materia de bens culturais, sendo uns e outros favorables á incoación do expediente para a declaración da delimitación do contorno de protección da igrexa de Santa María, no concello de Cambre, provincia da Coruña.

Ó abeiro do disposto no capítulo I, título I da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, esta dirección xeral,

RESOLVE:

Primeiro.-Incoar expediente para a declaración da delimitación do contorno de protección da igrexa de Santa María, no concello de Cambre, provincia da Coruña.

Segundo.-Delimita-la zona afectada pola mentada incoación do xeito que se especifica literal e graficamente no anexo I e no anexo II de presente resolución.

Terceiro.-Continua-la tramitación do expediente segundo as disposicións vixentes.

Cuarto.-Dar traslado da resolución ó alcalde do Concello de Cambre, provincia da Coruña, e notificarlle que, de acordo co artigo 35 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia. «1º. A incoación dun expediente de declaración de ben de interese cultural respecto dun inmoble determinará a suspensión das correspondentes licencias municipais de parcelación, edificación ou demolición nas zonas afectadas, así como dos efectos das xa outorgadas. A suspensión dependerá da resolución ou caducidade do expediente incoado.

2º. As obras que, por causa de forza maior, interese xeral ou urxencia, tivesen que realizarse con carácter inaprazable precisarán, en todo caso, autorización dos organismos competentes da Consellería de Cultura e Comunicación Social».

Quinto.-Notifica-la presente resolución ós interesados, ó Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural do Estado, e ó Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia.

Sexto.-A presente resolución será publicada no Diario Oficial de Galicia e no BOE, abríndose un período de información pública de 1 mes, contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 1997.

Ángel Sicart Giménez

Director xeral de Patrimonio Cultural

ANEXO I

O punto A, inicio da delimitación, sitúase na estrada Cambre-A Coruña á altura do inmoble nº 3 da dita estrada. Discorre polo linde deste inmoble en dirección á casa do concello, englobando a praciña dos Plátanos e continúa pola rúa Wenceslao Fernández Flórez ata o punto B situado no vértice do peche do Grupo Escolar. Avanza en dirección SE, coincidindo co dito peche e baixa en liña recta ata a estrada que conduce á antiga estación, onde se sitúa o punto C. Por esta estrada, en dirección á igrexa, percorre uns 60 m ata situarse fronte á casa nº 8 chamada Casa do Atrio (punto D). Desde aquí, en dirección leste, avanza 140 m ata o punto E, quedando dentro da delimitación a Casa do Atrio. No punto E xira á esquerda e, en dirección norte pola rúa de recente apertura, chega á estrada da Coruña, onde se atopa o punto F. Péchase a delimitación unindo os puntos F e A polo eixe da estrada.

3922