Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Venres, 23 de maio de 1997 Páx. 4.824

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E COMUNICACIÓN SOCIAL

ORDE do 6 de maio de 1997 pola que se convocan subvencións a empresas e persoas físicas vinculadas ó sector audiovisual para apoia-lo desenvolvemento de proxectos de producción audiovisual en lingua galega, a producción audiovisual en lingua galega e as iniciativas de promoción do audiovisual galego.

A Consellería de Cultura e Comunicación Social establece as liñas de apoio ás diversas fases da producción audiovisual, co fin de potencia-la existencia en Galicia dunha auténtica industria da imaxe.

A través das axudas ó desenvolvemento dos proxecto audiovisuais en lingua galega preténdese fomentar unha das fases máis esenciais da producción audiovisual, como é a da previa posta a punto dos aspectos guionísticos e orzamentarios.

Coas axudas á producción en lingua galega téntase apoia-la realización de proxectos competitivos nos mercados nacionais e internacionais.

Así mesmo, unha das fases máis esenciais da producción audiovisual é a da promoción. O obxecto de establecer esta terceira liña de axudas é a de apoiar aquelas iniciativas que faciliten unha maior presencia dos productos audiovisuais galegos no mercado interno e sobre todo no exterior, de xeito que acaden unha maior difusión e rendibilidade.

Por todo isto,

DISPOÑO:

I. Bases xenéricas para a concesión das subvencións.

Artigo 1º

Convócanse subvencións, mediante réxime de concorrencia competitiva, para apoia-lo desenvolvemento de proxectos de producción audiovisual en lingua galega, a producción audiovisual en lingua galega e as iniciativas de promoción do audiovisual galego.

As subvencións financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 10.04.353C.770 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para

1997, nos que existe un crédito para este efecto polo importe de 90.000.000 de ptas.

Naquelas bases específicas en que se indique expresamente, a Consellería de Cultura e Comunicación Social poderá comprometer outras fases de realización dos proxectos, ó abeiro do disposto no artigo 58 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Artigo 2º

Poderán optar a estas subvencións as productoras e distribuidoras legalmente constituídas como tales, con domicilio social en Galicia. No caso de axudas ó desenvolvemento, cabe tamén a solicitude por persoas físicas residentes en Galicia.

Tódalas solicitudes deben cumpri-los requisitos establecidos nesta orde.

Quedan excluídos os solicitantes que anteriormente recibisen algunha outra subvención da Consellería de Cultura e Comunicación Social e non xustificasen o seu investimento, así como proxectos encargados por terceiras persoas e as produccións didácticas e publicitarias.

Artigo 3º

As solicitudes faranse mediante instancia dirixida ó conselleiro de Cultura e Comunicación Social, segundo os modelos que figuran como anexos desta orde, e presentarana no rexistro xeral da Consellería de Cultura e Comunicación Social ou nos rexistros das delegacións provinciais, sen prexuízo dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Achegarase a documentación seguinte:

a) Fotocopia do DNI do representante ou solicitante e acreditación suficiente da representación que exerza.

b) Fotocopia compulsada da documentación acreditativa da constitución legal da empresa. Así mesmo, a do seu domicilio social en Galicia.

c) Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal.

d) Documentación acreditativa, se é o caso, da inscrición no correspondente rexistro de empresas do Instituto de Cinematografía e Artes Audiovisuais.

e) Fotocopia compulsada, no caso das empresas, do documento acreditativo de estar ó día no pagamento do imposto de actividades económicas.

f) No caso de que o solicitante sexa unha sociedade, fotocopia compulsada da inscrición no Rexistro Mercantil.

A esta documentación de carácter xeral engadiráselle a sinalada nas correspondentes bases específicas da presente orde.

Artigo 4º

As solicitudes deberán presentarse, segundo o modelo que figura no anexo I, anexo II ou anexo III (segundo o caso), no prazo de trinta días contados

a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º

Correspóndelles ós servicios competentes da Dirección Xeral de Medios de Comunicación Social e Audiovisual a instrucción dos procedementos para a concesión das subvencións. Para a avaliación dos proxectos presentados constituirase unha comisión nomeada polo conselleiro de Cultura e Comunicación Social que estará presidida polo director xeral de Medios de Comunicación Social e Audiovisual ou persoa en quen delegue. O conselleiro de Cultura e Comunicación Social, por proposta do director xeral de Medios de Comunicación Social e Audiovisual, nomeará tamén seis vocais entre persoas de recoñecido prestixio no sector audiovisual, unha vez consultada a Televisión de Galicia, as asociacións profesionais do audiovisual galego e o Centro Galego das Artes da Imaxe. Actuará como secretario, con voz e sen voto, un funcionario da Dirección Xeral de Medios de Comunicación Social e Audiovisual. A comisión poderá reunirse cantas veces o considere necesario o seu presidente. O director xeral de Medios

de Comunicación Social e Audiovisual, á vista da acta, elevará proposta, dentro das dispoñibilidades económicas, ó conselleiro de Cultura e Comunicación Social, que resolverá, poñendo fin a esta a vía administrativa.

Artigo 6º

A comisión avaliadora poderá requirir dos solicitantes canta documentación complementaria considere precisa e atenderá para a súa valoración os criterios que figuran nas bases específicas correspondentes.

Artigo 7º

Notificada a resolución de subvención, os beneficiarios deberán manifestar por escrito a súa aceptación. De non recibirse a aceptación no prazo de dez días naturais, entenderase que o beneficiario renuncia á subvención concedida.

Artigo 8º

Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destina-los fondos percibidos para o obxecto concreto para o que foron concedidos. A Consellería de Cultura e Comunicación Social poderá realiza-las oportunas comprobacións para o mellor coñecemento da efectiva realización do proxecto obxecto de axuda.

Artigo 9º

O pagamento das subvencións realizarase de acordo coas disposicións orzamentarias que lle sexan de aplicación.

Para proceder a calquera pagamento os beneficiarios deberán presentar certificacións acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o disposto no artigo 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Artigo 10º

O incumprimento por parte do beneficiario de calquera requisito desta orde facultará a Consellería de Cultura e Comunicación Social para instruír expediente sancionador, conforme o previsto na vixente Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; se procede, anulará os beneficios concedidos e solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houber, segundo o procedemento que establece o Regulamento xeral de recadación.

Artigo 11º

De non notificarse resolución favorable no prazo de tres meses a partir do remate do prazo de presentación de solicitudes, entenderase desestimada a petición correspondente; o solicitante poderá, a partir desta data, retira-la documentación presentada nos trinta días seguintes. Transcorrido este prazo arquivarase sen máis trámite.

II. Bases específicas para a concesión das subvencións.

A) Subvencións para o desenvolvemento de proxectos de producción audiovisual.

Artigo 12º

Enténdese por desenvolvemento de proxectos o conxunto de operacións que preceden á fase de producción propiamente dita, a rodaxe dunha obra audiovisual. O dito concepto inclúe, en particular, a redacción do guión, a procura de socios, a preparación do plan financeiro da producción, a elaboración do plan de mercadotecnia e de distribución.

Para certos tipos de producción, considéranse como parte integrante do desenvolvemento da obra a investigación gráfica e a realización dun film piloto (para as películas de animación), a busca de arquivos (para as produccións que valoren o patrimonio audiovisual europeo) e o desenvolvemento de software específico (para produccións multimedia).

Artigo 13º

Será obxecto de subvención o desenvolvemento de tres tipos de proxectos:

a) Longametraxes cinematográficas.

b) Series de televisión.

c) Produccións multimedia.

Os proxectos subvencionados deberán ser en lingua galega.

Artigo 14º

Poderán optar a estas subvencións:

a) Persoas físicas domiciliadas en Galicia que teñan prevista a escritura dun guión para proxecto como os sinalados no artigo 12º da presente orde.

b) Productoras audiovisuais e empresas de producción multimedia legalmente constituídas como tales, con domicilio social en Galicia e que teñan acordo ou contrato con, como mínimo, un guionista para desenvolver algún proxecto dos tipos sinalados no artigo anterior.

Artigo 15º

Achegarase a documentación seguinte:

a) No caso que o solicitante sexa unha persoa física xuntarase, por sextuplicado:

-Alta no IAE.

-Fotocopia do DNI.

-Historial do solicitante.

-Memoria explicativa do proxecto.

-Sinopse, tratamento e/ou borrador de guión, con especificación da situación dos dereitos de autor correspondentes.

-Orzamento da actividade de desenvolvemento.

-Canta outra documentación que o solicitante considere pertinente para a mellor valoración do proxecto.

b) No caso de que o solicitante sexa unha productora, ademais da documentación sinalada no artigo 3º da presente orde, xuntarase a seguinte documentación por sextuplicado:

-Historial da empresa e dos integrantes do equipo que vai desenvolve-lo proxecto.

-Memoria explicativa do proxecto.

-Sinopse, tratamento e/ou borrador do guión, con especificación da situación dos dereitos de autor correspondentes.

-Borrador do orzamento dirixido á obtención do guión e plano de producción definitivos do proxecto.

-Plano financeiro do desenvolvemento con declaración das contribucións doutras entidades, organismos ou institucións, se os houber.

-Contratos ou acordos establecidos entre a productora e os que vaian participar na actividade de desenvolvemento.

-Canta outra documentación o solicitante coide pertinente para a mellor defensa do proxecto.

Artigo 16º

A comisión avaliadora atenderá, para a valoración das solicitudes, os seguintes aspectos:

-Interese do proxecto.

-Viabilidade da execución do proxecto unha vez desenvolvido no marco da industria audiovisual galega.

-Axuste entre o proxecto e o orzamento de desenvolvemento, así como a viabilidade do seu financiamento.

Artigo 17º

A contía das subvencións, tanto para proxectos de longametraxe e multimedia como para proxectos de series de televisión non poderá exceder do 50% do custo total.

Artigo 18º

O proceso de desenvolvemento deberá rematar antes do 15 de novembro do presente exercicio orzamentario.

Na futura documentación do proxecto e nos títulos de crédito da producción resultante farase constar que recibiu unha subvención ó seu desenvolvemento por parte da Consellería de Cultura e Comunicación Social, Dirección Xeral de Medios de Comunicación Social e Audiovisual, da Xunta de Galicia coa súa imaxe corporativa.

Artigo 19º

A documentación que integrará a xustificación do efectivo desenvolvemento do proxecto constará de:

a) Xustificantes materiais da realización dos investimentos.

b) Un exemplar do guión definitivo.

c) Un exemplar do plan de producción definitivo.

B) Subvencións á producción audiovisual en lingua galega.

Artigo 20º

As subvencións á producción audiovisual en lingua galega destínanse á realización de proxectos cinematográficos, videográficos ou multimedia.

Poderán optar a estas subvencións as productoras audiovisuais e empresas de producción multimedia legalmente constituídas como tales, con domicilio social en Galicia. No caso de productoras cinematográficas, deberán estar inscritas no rexistro oficial do Instituto de Cinematografía e Artes Audiovisuais.

Artigo 21º

Para aqueles proxectos que a empresa solicitante considere que teñen carácter plurianual, a Consellería de Cultura e Comunicación Social poderá comprometer outras fases de realización do proxecto, conforme o disposto no artigo 58 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Artigo 22º

Para efectos de clasificación dos proxectos, terán a consideración de curtametraxes as produccións cinematográficas de duración inferior a sesenta minutos; longametraxes, as produccións cinematográficas de duración igual ou superior a sesenta minutos; vídeo-creación, os proxectos que expresen unha clara vontade de experimentación formal; documentais, as produccións informativas dalgún aspecto da realidade sen empregar como principal instrumento a ficción; programas pilotos de series de televisión, os que tendan a amosar mediante un capítulo a virtualidade dun proxecto de serie televisiva; produccións multimedia, as que conxuguen o emprego de medios informáticos e audiovisuais tanto na súa elaboración como no seu consumo.

Artigo 23º

Ademais da documentación sinalada no artigo 3º da presente orde, achegarase a documentación seguinte, por sextuplicado:

-Historial da empresa e do equipo.

-Memoria explicativa e sinopse do proxecto.

-Acreditación de que o proxecto é obra orixinal e/ou de posuí-los dereitos suficientes do guión, obra

literaria ou calquera outro medio que requira a obtención de dereitos ou opción de compra sobre eles.

-Guión definitivo da producción en lingua galega.

-Equipo técnico e artístico que realizará o proxecto, con presentación de contratos ou acordos.

-Plan de producción con orzamento total dela, desagregado por conceptos, e declaración sobre as previsións de inicio e remate.

-Plan de financiamento, con expresión das contribucións doutras entidades, organismos ou institucións, se os houber, e documentalmente acreditado.

-Calendario de investimentos para a execución do traballo, indicando a parte correspondente que se vai executar cada ano no caso de proxectos plurianuais.

-Canta outra documentación que o solicitante coide pertinente para a mellor defensa do proxecto.

Artigo 24º

A comisión avaliadora terá en conta os seguintes criterios para a valoración dos proxectos:

-Calidade do proxecto.

-Emprego de persoal artístico, técnico e servicios radicados en Galicia, así como a rodaxe na Comunidade Autónoma.

-Axuste entre o proxecto e o orzamento da producción, así como a viabilidade do seu financiamento.

-A participación, en réxime de prácticas, de alumnos dos centros de formación audiovisual instalados en Galicia e que estean legalmente recoñecidos.

Artigo 25º

A contía das subvencións quedará determinada da seguinte forma:

1. Proxectos de curtametraxe: ata o 60% do custo total.

2. Proxectos de longametraxe: ata o 40% do custo total.

3. Proxectos de vídeo-creación: ata o 60% do custo total.

4. Proxectos de documentais: ata o 60% do custo total.

5. Proxectos de programas pilotos de series de televisión: ata o 50% do custo total.

6. Proxectos de producción multimedia: ata o 60% do custo total.

Artigo 26º

26.1. As produccións subvencionadas terán que axustarse fielmente ó proxecto presentado. Calquera modificación no proxecto ou no equipo técnico e artístico deberá serlle notificada á Consellería de Cultura e Comunicación Social, que decidirá o que proceda e adoptará as medidas que considere procedentes.

26.2. As productoras subvencionadas deberán comunicarlle á Consellería de Cultura e Comunicación Social a data de iniciación e finalización da rodaxe ou gravación da producción subvencionada, no caso de que estas varíen respecto das previsións do proxecto.

Artigo 27º

As productoras subvencionadas quedarán obrigadas a presenta-la xustificación dos investimentos realizados antes do 15 de novembro de cada exercicio económico do que se trate, entregándolle á Consellería de Cultura e Comunicación Social xustificación do investimento efectuado pola cantidade que corresponda, e, no último ano, ademais da xustificación correspondente, a entrega de dúas copias da producción resultante á Consellería de Cultura e Comunicación Social, Dirección Xeral de Medios de Comunicación Social e Audiovisual, así como un resumo do investimento realizado.

Nos títulos de crédito da producción, así como en toda a publicidade que dela se faga, farase constar que a producción foi subvencionada pola Consellería de Cultura e Comunicación Social, Dirección Xeral de Medios de Comunicación Social e Audiovisual, segundo a normativa da imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

Artigo 28º

As copias entregadas á Consellería de Cultura e Comunicación Social, que sempre deberán ser en lingua galega, quedarán depositadas no Centro Galego de Artes da Imaxe da Dirección Xeral de Medios de Comunicación Social e Audiovisual, para a súa conservación e uso con fins culturais e de promoción do audiovisual galego. Para tal fin, a Consellería de Cultura e Comunicación Social poderá realizar cantas copias considere precisas.

C) Subvencións a iniciativas de promoción do audiovisual.

Artigo 29º

Serán obxecto de subvención aquelas iniciativas tendentes á promoción de produccións audiovisuais galegas, como as que se citan a seguir:

a) Elaboración de materiais promocionais.

b) Presencia en mercados e festivais.

c) Dobraxe ou subtitulado.

d) Plans de promoción.

Artigo 30º

Poderán optar a estas subvencións empresas de producción, distribución ou exhibición legalmente constituídas como tales, con domicilio social en Galicia.

Artigo 31º

Ademais da documentación sinalada no artigo 3º da presente orde, achegarase a documentación seguinte, por sextuplicado:

-Historial da empresa.

-Memoria explicativa.

-Orzamento.

-Plan de financiamento, con expresión das contribucións doutras entidades, organismos ou institucións, se os houber, e documentalmente acreditado.

-Canta outra documentación que o solicitante coide pertinente para a mellor defensa do proxecto.

Artigo 32º

A comisión avaliadora atenderá, para a valoración das solicitudes, os seguintes criterios:

-Interese do proxecto atendendo á súa capacidade de promoción.

-Acceso a novos ámbitos e mercados ou potenciación do audiovisual galego no seu propio territorio.

-Axuste entre o proxecto e o seu orzamento, así como a viabilidade do seu financiamento.

Artigo 33º

A contía das subvencións non poderá exceder do 50% do custo total da actividade.

Artigo 34º

O proxecto subvencionado deberá limitarse ó presente exercicio orzamentario; o beneficiario deberá presenta-la xustificación da súa efectiva realización antes do 15 de novembro.

Artigo 35º

A documentación que integrará a xustificación dos investimentos realizados constará de xustificantes materiais da realización dos investimentos.

E, segundo a tipoloxía dos proxectos, deberá engadir:

a) Copia dos materiais promocionais elaborados.

b) Certificación da presencia no festival ou mercado correspondente.

c) Copia en vídeo da producción na súa versión dobrada ou subtitulada.

d) Calquera outra documentación que acredite a efectiva realización do proxecto.

Na realización destas actividades deberá constar que foron subvencionadas pola Consellería de Cultura e Comunicación Social, Dirección Xeral de Medios de Comunicación Social e Audiovisual, segundo a normativa da imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Medios de Comunicación Social e Audiovisual para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 1997.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura e Comunicación Social

3855