Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Venres, 02 de maio de 1997 Páx. 4.096

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 99/1997, do 10 de abril, polo que se desafecta unha parcela de terreo de 5.750 m, que forma parte do soar ocupado polo instituto de bacharelato de Santa Marta de Ortigueira (A Coruña).

O artigo 10.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia sinala que cando os bens e dereitos non fosen necesarios para o cumprimento dos fins determinantes da súa afectación, cesará a súa natureza demanial e adquirirán a condición de patrimoniais, sen prexuízo, se é o caso, do dereito de reversión nos termos da lexislación de expropiación forzosa respecto daqueles bens adquiridos por este título.

O apartado segundo do antedito artigo establece que a desafectación dos bens de dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia deberá facerse mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, logo de instrucción do expediente pola Consellería de Economía e Facenda, por instancia da consellería interesada, e sempre que se acredite a desaparición das causas xustificativas da afectación.

No presente caso consta o informe favorable á desafectación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, para que o uso da parcela desafectada poida ser cedido á asociación pro-minusválidos do Ortegal ASPROMOR, para os efectos de construír un centro ocupacional para discapacitados; o dito informe establece que na cesión deberá ser recollido o dereito de utilización, por parte do instituto de bacharelato de Santa Marta de Ortigueira, do taller de tecnoloxía do futuro centro ocupacional.

Por todo isto, de conformidade coa proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de abril de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Desaféctase do dominio público unha parcela de terreo de 5.750 m, que forma parte do soar ocupado polo instituto de bacharelato de Ortigueira (A Coruña).

Artigo 2º

A parcela de terreo anteriormente descrita adquire natureza patrimonial.

Santiago de Compostela, dez de abril de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

3135